Liñas de urxencia na morte de Lois Tobío

 

(Texto íntegro)

 

v2einsualinhasdeurxencia.html

     Escrebo con bágoas nos ollos porque polo teléfono meu pai acaba de me comunicar a nova da morte en Madrid, aos 97 anos de idade, de Lois Tobío.
     Veño de perder a un amigo verdadeiramente especial, dos que fan que anchee o corazón e a mente teime en descubrir máis e máis verdades que compartir co resto da humanidade. Veño de perder ao máis insustituíbel dos meus mestres. Todos vimos de perder a un viveirés, a un galego irrepetíbel e universal.
     As persoas somos, en boa medida, aquilo que os que nos rodean e os que nos educan buscan de nós. As vocacións e as ideas que temos son, en grande parte, sementes porfin xermoladas que alguén pousou algún día no noso corazón ou, co tempo xa andado, que alguén regou e coidou para que florisen en todo o seu esplendor e desen os mellores froitos posíbeis. Tobío era un deses xardineiros do espírito que conmovían e transformaban, coa súa delicada intelixencia sempre disposta a iluminar, ás persoas que o trataban.
    
Entregado por unha vida enteira á causa do galeguismo e a democracia, Tobío foi un traballador incansábel no estudo e na divulgación do valioso da nosa historia e cultura, desde a Igrexa de Santa María ao Conde de Gondomar, desde as moedas antigas do Valadouro ás reviravoltas familiares e biográficas de Rosalía.
    
Verteu para o idioma galego as xoias das letras alemás (Rainer Mª Rilke, Bertold Brecht, Goethe...), honrou as páxinas de numerosas revistas e xornais e foi especialista de contrastada pericia na articulación política, legal e institucional da Galiza soñada (primeiro co Anteproxecto de Estatuto autonómico elaborado en 1931 polo Seminario de Estudos Galegos, que el fundou; despois, dando base legal ao Consello de Galiza presidido no exilio bonaerense polo seu grande amigo Castelao).
    
Nas súas estadías de verao en Viveiro, hospedado no "Orfeo", dedicaba a algúns dos que con el compartíamos esas inesquecíbeis xornadas, longas tertulias pragadas de revelacións, de descubertas, de curiosidades, de lembranzas e de opinións sobre o divino e o humano. Perante o tribunal que xulgou o pasado verao a miña tese de doutoramento sobre Antón Villar Ponte non tiven outro remedio que recoñecer a inmensa débeda en suxestións e testemuñas que alguns parágrafos do meu traballo tiñan con aquelas tertulias con que Tobío nos agasallaba e polas que lle estarei sempre agradecido.
    
Consólame saber que Viveiro tivo con el nos últimos anos algún dos recoñecimentos e atencións que sen dúbida merecía ese seu fillo ilustre e predilecto. Satisfaime constatar tamén que a teimuda reivindicación que da súa obra, da súa traxectoria e do seu exemplo fixemos ao principio só uns poucos acabou sendo asumida como cousa propia, rectificando incomprensións e desinformacións pré-existentes, por practicamente todos os viveireses. Iso mesmo deberá traducirse nos días que veñen en iniciativas de todo o tipo para que a súa obra se coñeza e difunda, para que a súa figura, agora que morreu a persoa, siga viva e actuante entre nós, como o máis valioso dos exemplos.
    
Desde aquí, con emoción e dor, quixera enviar á súa filla Constanza a máis fonda das apertas. E loitando con este vacío no corazón e esta orfandade que me abura, quixera berrar, para que me escoite o seu espírito onde queira que vaia: "Irmán e mestre Tobío, Saúde e Terra por sempre!!".
    

EMÍLIO XOSÉ ÍNSUA
Do S. de E. "Terra de Viveiro"

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega