Memoria de agosto

 

[Escolma]

 

v9lopezvalcarcelmemoriadeagosto
Outro poema dos dons

Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.

Gracias quero dar polos nenos
que non coñecen nin a culpa nin a morte,
e pola música,
alma en epifanía trascendida.
Gracias pola luz
que nos devolve o mar nos ollos da amada
e polo aire, vivificante e saudábel.
Gracias pola beleza,
que nos enche e acovarda,
e polo mencer
que nos ofrece a ilusión
da primeira vez.

Gracias
pola xuventude e polos sentidos.
Polo loureiro e o trigo,
polo viño que nos sume
nun transo sen dolor,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive.

Gracias quero dar
polos días que compartes comigo,
pola caricia e polo beixo.

Gracias polo mar, absoluto e poderoso.

Gracias polo silencio e polo verso.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega