Milhomes

 

(Texto íntegro)

 

I

A Susana e a Marcos

Aos meus pais e a todos aqueles 
que foron protagonistas desta historia

A Marta polas longas noites
de viño sardo e de Bauhaus

A Maurizio, Emanuel, Standardi, Alberto 
e a todo o personal do departamento de 
arboricultura da Facoltà di Agraria di Perugia





                    I

Sinceridade
Ate os amores máis sinceiros 
teñen as súas pequenas incoherencias.

Mi lasci perplessa
Ma è un modo elegante
Per dirti ti amo
(1)


Expresar o golpe dun sentimento nunha palabra 
paréceme tan imposible neste momento, 
como tirarme por terra e arrastrarme ate a cociña, 
esperando que non se me adhira ese cheiro a fogar, 
a pechado, a embiaguez de tedio, 
obsesivo e tenaz.
Como dicir que a vida camiña sempre en círculo, 
cecais nunha espiral infinda na que radios xiran 
mentres se dirixen ao que a distancia define como centro, o infinito. 
Radios que marcan os erros que tantas veces foron cometidos 
co desexo de non se repetir,
sempre coa esperanza de que fose a última vez, e a última, e a última...
E que papel xoga aquí o destino; 
saltar de radio a radio como nun xogo de mesa. 
Que é o tempo, para quen non existe o movimento.


Mi sto allontanando da te
Dai piccoli e incantevoli frammenti di dolcezza.


Que foi de todas aquelas cousas 
que o silencio me facía dicir todas as noites; 
as pequenas trivialidades que me espertaban do meu soño, 
que confesaba coa almofada mentres durmías.
Onde foron os pequenos cortes que proporcionaba a miña pel
para cubrir unha conciencia que non se parecía á miña, 
alomenos a daqueles anos de nova, de máis nova,
nos que pensaba que a vida 
non podería nunca ser máis rápida que os meus pensamentos, 
aqueles que compartimos en todos os cespedes, 
rematando a escena cos meus peitos descubertos como horizonte lonxano;
as montañas coas que soñei tantas veces, 
definición da liberdade que me axudaches a descubrir 
en seràns íntimos, fermosos, prohibidos.

Sei venuto a difendermi
A liberarmi imponendo oltremodo la tua ostinazione


A miña fe neste estado de necesidade; 
unha figura opresiva,
difusa entre a euforia hormonal e o castigo social 
xurdido da educación que xurei esquecer 
na esquina de calquera edificio, de calquera cidade; 
confiando nos novos tempos que todavía espero con profunda inxenuidade.


Dovrei rivalutare tutto dal principio
Trovare la forza e l'audacia per farlo
So già che per un momento sarà pieno inverno


E o cambio, que sexa moito máis que todas esas moedas 
que pesan sobre min como a lousa do meu pensamento. 
Darlle un novo sentido ao medo. 
Esquecín xa os días nos que o medo era unha palabra tan lonxana, 
como hoxe aqueles ventos que acariñaban o cespede onde durmiamos.
Os anos, as edades fanme recapacitar moito máis lentamente, 
como se esperasen a que me deteña na única lousa inestable da beirarúa. 
Nese mesmo punto, 
sentir a caída como un golpe continuo que se acentúa 
como a cor dos teus ollos na escuridade, 
gravada na memoria de anos, de días, de segundos,
de verte tan perto, 
o suspiro pesado dun corpo que morre, que se rinde pola forza,
polo peso inventado dunhas palabras sobrias, pseudorracionais.
E agora, que me queda,
unhas bágoas que mollan o meu queixo, 
que sei que sentirei sempre húmido, 
sempre como recordo de todo o que perdín no camiño, 
no escaso camiño de un par de pasos, cortos, 
como se esperaba que fosen no momento de ser concevida.


Certe volte l'importanti è vedersi più belli
Quanto basta per sentire che il mondo è vicino
E non è perfetto


O consolo dunha madurez que me fai imperturbable, 
dunha experiencia que sinto tan propia 
que pesa como o meu propio corpo.
Mirarse camiñar a un mesmo, 
como è agradable ver camiñar, 
sentirse ben con cada contacto co asfalto. 
Prepararse para un saúdo, un sorriso a aquel que pasa, 
unha palabra irònica nunha corversa trivial, 
reconsiderando o sentido da vida, 
que se sinte máis propia pero libián.


E il momento di svegliarmi
È tempo de rinascere.
          (...)
Ritorno alla vita...


Sentirse oufano dun mesmo 
despois da última páxina dun libro que se acaba. 
Esperando unha elección rápida, 
unha ollada tras dunha estanteria para atopar un segundo libro, que espera, 
xa con impaciencia, a miña chegada. 
Limpar o pó que o recubre e botarlle unha ollada ràpida 
antes de retornar ao asento que espera aínda quente, 
como a xuventude que renasce.






                    II

A Valentina

Ten a estrana facultade 
De semellar máis día cando anoitece
Pese a que as sombras se acentúan,
fanse noite sen estrelas.

O suspiro cálido
Que fai un breve vran
No xélido inverno
Que fai máis inverno 
o inverno
e queima
co húmido fento dos seus ollos.





                    III

Despois de ver as aves camiñar pola auga
O sol bañarse no ceo
E o ceo mesmo frotarse con fruición
Na terra enxoita...

Tamén eu froteime de vez en cando
Na terra enxoita,
na terra húmida
no sol dos teus ollos
que non son máis que o soño da embriaguez,
o ocaso daquelo que desexei sempre
como se puidese existir algún día.
Pese a todo, continuo esperando.





                    IV

As rastas demasiado baixas, 
afectadas pola ausencia de auga quente,
como sentido proprio da incivilización.
Os seus peitos caídos,
ombreiros nús por riba dun xersei demasiado amplo,
a vida pasando apresa polas súas veas
e unha face tranquila,
case sen animación.

Non sei como as ruínas dun antigo sentimento
Serven para ostentar un ser tan amplo,
cheo da fermosura que aporta a simpleza.

Dime se se segues unha corrente social
Como unha canle veneziana,
dime se hai algo máis que teña senso
ademáis daquel que ocupa o teu alento, 
cercano a ti
e absorto na túa lectura,
como se verdadeiramente importase 
a vida dos miserables.





                    V

A Raffaela

A sinceridade, tan elemental.

Quero levarte ao leito esta noite,
propio non me soportas
peo estou quente mentres che falo,
mañá terei tempo para saber verdadeiramente 
o que sinto por ti
hoxe as palabras pésanme demasiado
para explicarte todo o que penso,
se ben nada ten senso
o sentimento prpio non pode ser explicado con éxito,
tan so o feito en si mesmo
pode ser entendido por medio dun xesto, dunha caricia.

Esta noite,
no teu ou no meu leito,
para sentir todo o que está vedado,
o instinto máis elemental
recuberto docemente da nosa insaciable imaxinación.
Sígueme, por favor, 
con algo máis que a mirada
de non ser así morrerei a cada segundo
sobre os teus pés.





                    VI

Consciente sobremaneira
Dunha distancia infinita
Nun fondo desprezo de si mesmo,
ridiculizando se alonxa a cada instante
para dignificarse.
As sentencias sucédense
Seguras, apropiadas
Nun sentimento de dominación absoluta.





                    VII

Sonan no vento as bágoas da despedida,
cando a noite se abre para deixar paso á reflexión,
unha caricia no ventre e despois descendendo
ate o mar de fluxos salinos que apenas me din nada.
A sensualidade atópase no curruncho
Máis pechado da escuridade.
Hoxe te pido indignamente 
que me mires aos ollos antes de matarme.

Desexaría tanto fuxir agora
Mais os teus xestos paralízanme as pernas,
entre a desesperación e o arrepentimento
de saberte a última e a máis querida.

Déitome mentres me bicas, 
pensando nas veces que repetimos 
a mesma escena no pasado,
sempre irrepetibles,
cada unha delas como un ser individual, independente;
lonxanas de toda a sensibilidade sintética, 
casi dogmática, como compoñente dunha relixión.

Deixame desmitificar, unha vez máis, 
todo aquelo do que fuximos,
na ansiosa procura da liberdade,
estarei contigo nun momento.

Morde con forza no máis fondo do sentimento,
preciso sentirme mártir,
louvado pola mesma sociedade que me sentenciou.
Crucifícame no teu leito,
eu tamén resucitarei en cada gota de sangue
que caia nas túas sabas,
para crear un exército de malformacións
que me chamen pai, nai, fillo;
desexo sentilos como os meus bastardos
que loiten por min e a miña mentira.

Formarei un muro de resistencia contra os ollos estranos,
desexo durmir cada día baixo a túa ollada,
dentro do incolonizable pensamento de que existirás sempre,
nun mundo de extremidades que se plegan ao teu paso inconstante,
ignorante de todas elas, 
indeciso como no laberinto que te portará á saída,
nun soño, mais tan incerta como nunca vista,
imaxinada cos pobres materiais 
dos que está feita a túa experiencia,
sometida aos imprecisos coñecementos
que perciben os teus sentidos.
Pero sempre liberadora, 
ansiada como un suspiro no que se perde todo un sentimento,
unha agonía.

E agora véxote desnuda, diante de min, paralizada, 
como esperando que diga algunha cousa;
cos homes sobresaíndo das chagas que quebran a túa pel,
as mesmas que tentaches ocultar de min
por sentirte máis miña,
nun esforzo infructuoso 
por alienarte do teu corpo que te pesa, defectuoso, 
e sentirte así, máis atractiva 
para buscar nos meus ollos a fermosura que non cres posuir.

Pero a miña ollada está tan silenciosa 
Que te desconcerta, 
a agonía te asalta bañada pola obsesión
e te removes con eufóricos espasmos que miman o meu corpo,
morto xa de anos.

E hoxe é a nosa despedida,
máis ocupado en torcer a esquina da miña ignorancia
para buscar a liberdade no último suspiro,
soltarme das cadeas que me puxeron
todos aqueles que din chamarse coma min, 
as maquinas que me ensinaron a odiar
o fondo negro de todas as olladas, 
das que aprendín o que era a desconfianza
e que a liberdade atópase fora do meu corpo,
tan lonxe como as estrelas.

Hoxe despídome non de ti, nin de min, 
despídome da vida
que nunca cheguei a intuir, descoñecendoa por completo.





                    VIII

Querería tentalo todo
por non permanecer máis
sentado baixo as túas saias,
sentíndome o bastardo 
que non quererías ter nunca.
Mais, preciso tanto o teu sangue quente,
tan perto, para sentir que è el mesmo
o que me arrinca as veas de debaixo da pel
e me obliga a quedar atado a ti
polas miñas propias extremidades.

Pero, por canto tempo me podo alimentar
da túa carne mol,
cantos anos de vida me permitirá a túa subordinada imposición.

Non máis, a boca péchase fronte a culler
que se obstina en penetrar ate o cerebro.
Restitúemo, è aínda o que me permite
disfrutar de ti nos meus soños.

Quéreme aínda menos, se è que podes, sen odiarme.





                    IX

É tan difícil esperar unha resposta, 
as paredes fanse pequenas de tanto ollalas, 
as habitacións vóltanse inhabitables
e o silencio fai espeso ao aire que flue
con dificultade entre os pulmóns e o exterior,
que se reduce tanto como os soños
displicentemente monotemáticos.

É aínda este fluxo de adrenalina
que me rompe as extremidades contra as paredes
o que me mima despois na decepción absoluta, final.





                    X

Unha voz saía dos meus ollos gritando:

Fálame!!!

Pero as cordas bocais das miñas pupilas negábanse, 
outravolta, a abrirse e pecharse trémulas
como as mans que sostiñan os cubertos, 
cinguíndose fríos e distantes sobre o filete de vitela.

Fálame!!!

Mentres te vía chorar sen bágoas
Coa testa tendida sobre o piato, 
sentindote tan afortunada como a leituga da ensalada, 
pero aínda máis indigna.

Fálame!!!

Quixen dicir tantas veces, 
pero calei mentres remataba as patacas,
non puiden sequera, nin ofrecerte outro vaso de Mencía.





                    XI

Ben, adeus outra volta, 
desculpa se me demoro tanto en coller as escaleiras.
Perdoame tamén por non mirar atrás 
Para saudarte por última vez, 
pero hoxe os meus xestos son pesados e brutos,
non sabería como dirixir os ollos cara as túas mans
sen pasar polos peitos primeiro,
deles si me despedirei,
a súa fermosura embriagadora conmoóveme aínda agora.

Permíteme que me vaia así, 
intuíndote tras miña cos ollos fixos na miña maleta,
na miña caluga, nas miñas mans,
ate que as bágoas te repelen dos veciños
que te miran con compasión, 
vendo como agachas o pixama rosa dentro da bata,
nunha nova, e a partir de agora, continua obsesión 
de decente recollimento,
agora que deberías ser máis libre que a história
que ainda queda por escribir,
e da que tantos outros queren ser coautores.

Non me mires así,
o meu corpo non é o suficientemente grande para ambos.





                    XII

Fálame!!!
E nun xesto de compaixón perdéronse as palabras.





                    XIII

No silencio do azul
unha palabra
unha frase enteira
entre o branco e o celeste
un adeus coa tormenta
despois
calma.

O son da brisa
un suspiro
unha caída eterna no cansazo do tempo
preparándose para a despedida.





                    XIV

Hoxe teño na miña conta corrente
os mil homes que finxín ser para ti,
para conquistar a túa única figura, distante,
lonxana de todo.

Vivirei todos as sentencias que escoitei,
aínda presentes e lonxe de ser versos
danzan nas miñas palabras,
en fronte de ti que me miras escéptica
como esperando unha hora propicia 
para buscar outro consolo.

Espero a ser libre de todos os eu marcados polo tedio
Que advertín nos teus ollos.

Douche as costas na saída, 
en adeus perpétuo,
para fundirme coas pedras da estrada
confiando en que a choiva me leve
sen ser por ti advertido.





                    XV

"Na calidade dun pé, no tamaño, forma, cor, se está debaixo ou sobre o libro do coñecemento humano de Russel, aberto no capítulo adicado ao Solipsismo; sobre a cerámica importada, obviamente, do exterior. En todas ou algunha destas formas diversas pode atoparse a ofensa, agraviada polo tedio, a resignación, a vida que vemos pasar nun traballo caduco, que perece cada noite que outro chega a casa, sen apenas un sorriso, unha palabra."

E agora dime que só ti existes, 
que o resto è unha percepción absurda que che perturba o sono,
que todo canto dixen só forma parte dun pesadelo,
unha fronteira de soños que queima as caricias,
no tedio dun absurdo sentimento de inutilidade.

Mentres eu falo comigo mesmo,
por que só eu existo
nunha illa que quixen compartir
co canon virtual dunha idea fermosa.





                    XVI

Como sería saber todo de ti,
no canto melodioso da inocencia
que nos vía tan alonxados como presentes,
desexosos da intensa proximidade de dous corpos nús,
coa áurea virxinal da inconsciencia
iluminando os nosos sentimentos.

Como sería saber todo de ti,
como se non bastase terme abandonado a min mesma
nunha canción que supuxen sempre túa.

Como sería,
ate que a túa boca repetíu unha e outra vez as mesmas palabras,
que deixei de escoitar, de entender,
polo desexo dun novo estímulo
que me fixese saltar as bágoas por razóns case inexplicables.

Agora seino todo, 
máis do que desexaría ter aprendido nunca,
coñezo tamén ese estímulo novo,
ese desexo de esquecelo todo,
de romper co que me resultou importante ate o de agora,
para sair correndo sen destino.





                    XVII

Un traballo laborioso con fin nun éxito efímero,
descansando só ate un futuro próximo,
reflexionando sobre a creación, a destrucción e o retorno,
as sílabas que pronuncian o desexo de ver, por unha vez, 
o destino lonxe de todo falso recoñecemento.

Mírame,
fagamos algo que non pereza coa chegada do frío aire da indiferencia.





                    XVIII

"O amor è un trance"
Giordano Segneri

As palabras que retornan a min en cada instante,
non deixo de escoitarte a cada segundo
sentindo o teu alento moi perto de min
acariñando o meu pescozo.
Sabendo que co tempo, 
a distancia ensinoume a escoitarte,
a sentirte máis próxima
odiando cada momento que estás lonxe de min,
torturándome por odiarte,
por querer separarme de ti, 
por sentir que nada podía unirnos
mais que un estúpido sentimento
estimulado pola absurda necesidade de non ser un ente individual.
Pese a todos os pensamentos contradictoriaos
Esfórzome por asimilar as necesidades que considerei vanais,
que loitei por alonxar de min como pasado apenas desaparecido.

Non teño palabras para pedir a consideración
que non souben dar,
só un silencio pode eliminar o meu tormento,
por que agora sei que estou no camiño
que como as ondas me transporta no vento.





                    XIX

A conciencia me asalta como unha dor de cabeza.
Gustaríame contarche o que sinto,
pero teño demasiado medo a equivocarme,
a sentirme feble,
a derrubarme mentres me observas
sen comprender o dramatismo,
sen apreciar o que me disturba.

Teño medo a equivocarme contigo,
se penso que podes ver o que eu non entendo.

Mírame, desexo sentir que aínda nos queremos.





                    XX

Cantas veces apalpei a terra enxoita,
mirei para o ceo agardando unha choiva de palabras
que agudizase a relación entre os meus pés
e a superficie común coa túa vida; 
que aminorase a distancia que nos separa
formando as ondas do desexo.

Cantas veces busquei o teu sorriso entre os fentos, no musgo, 
para ver reflectida nos teus ollos
a idea fresca que nos levou a afondar no coñecemento.

Cantas veces..., cantas historias
que deberon ser recontadas antes de debatirse co esquecemento,
cantos soños, canta vida oculta nas carballeiras.





                    XXI

"sopporterei ciò che più mi offende
assisto a quei gesti guidati dalla tua stupidità
sopporterei ciò che più mi uccide
saprei restare comunque fedele a me stessa."

"fino all'ultimo" Carmen Consoli /
"Confusa e felice"

A estrada que sabe alonxar a mediocridade do mundo
nunha palabra sinceira sobre o sentido da distancia.

Puiden esquecer o meu sorriso hipócrita 
para dicirche todo o que penso dun xeito diferente, 
observando as túas mans xesticular
como pedindo unha forma absurda de xustiza, 
cunha estudiada e vanal maneira de chorar.

Atopei un froito maduro perto da estrada
que tentaba falar co tempo,
explicándolle que portaba o seme resultado da perda da adolescencia
no paso firme do cambio que se mostra só nos soños.

A miña estrada, libre de todo mal,
lonxe das duras palabras do tedio
e do absurdo sentimento de submisión que provoca
o eterno embarazo de sentirse nai, esposa e filla nunha mesma persoa,
a eterna trinidade dos miserables.

    Adicado a Pierpaolo, Luciano, Gianluca e Giordano, por servir de inspiración no  camiño que leva á perda definitiva da adolescencia. 






                    XXII

Son tantos sentimentos contradictorios,
e agora que...
basta só co amor que tentei desprender hai xa anos, 
sen atopar case resposta ou, en todo caso, 
sen recibir a esperada?

Basta!
As maletas non están lonxe
Deixoche o corazón para compensar as bágoas e o tempo
que perdín como nun pesadelo.





                    XXIII

A Marta e a Bruno

As confidencias que me fixen a min mesmo
son hoxe algo máis que pensamentos inútiles
pechados na fraxilidade da memoria.

Quero sentirme libre,
para expresar todo o que desexo.

Busco a seducción nas palabras
para terte moito máis perto,
cos teus peitos nús dando calor ao meu peito
e tremer co firme latido do teu corazón,
por que agora sei que o amor tamén existe.





                    XXIV

Volta canda min
cando as flores murchas
caian no rego da sinceridade.

Sombras
que insinúan formas douradas
nos rostros dos que durmen sobre a herba.

Fica deitada
e olla como escurece o sol, unha vez máis
tralo peito mol
dunha muller aterecida.





                    XXV

Entre os claroescuros da fiestra
Quérote.

O solpor escribe crónicas que deslumbran.

A sinceridade è moito máis
que un dictador no seu ocaso,
un controlador aéreo
que mira a dereita e a esquerda
medindo o tempo cun reloxo de area
e mirando os soños ao traveso dun cristal opaco.

Non hai victoria
A loita continúa
Seremos ese algo máis que sobra á virtude.





                    XXVI

Un silencio de violíns, 
cálmate e fálame.

Hai historias que nunca escoitei,
tantas outras que despreciei antes de escoitalas,
despois de anos sen apreciar a existencia
na simpleza do inmaterial e perfecto.
Só espero aprender a bicarte,
por que non te coñezo mais que en sombras
como se non tiveses existido nunca,
como se non tiveses nunca un espacio na miña mente.

E sen máis, fálame
Dos soños
Da tortura de verte lonxe do que máis queres,
sen sabelo, como traición oculta do subconsciente.

Bícame, a túa sombra me dá frío,
desexo sentir o calor dos teus beizos.





                    XXVII

Saber, pola conformación do rostro.
Comer, pola coloración do que se move no prato.

Sexamos hoxe ti, 
sexa eu tamén ti, faime un espacio
no teu corpo cheo de humidade
de vísceras moles que se moven comigo.

E agora, 
estou dentro sufucientemente abrigado,
como para permanecer dentro,
pero a humidade me contrae
ate desplazarme ate o chan
onde nos separamos mortos de frío,
nús como guerreiros doutro tempo
destrozados pola mentira e a fame.





                    XXVIII

Teño unha palabra e o seu sentido
na extremidade núa que se abraza ao sentimento,
bicando á imaxianción que me transtorna
e ao instinto que me submete.

A suavidade dos teus peitos aterecidos polo frío,
o calor da túa mirada queimándome a consciencia,
o olor, o rumor que me dilue na túa boca.

Estala o meu corazón diseminándose polos sentidos
que te perciben máis cerca a cada momento;
onde o olor, o sabor, a suavidade da túa pel
se fan máis intensos mentres perdo a vida en cada latido.

Son apenas nada cando me falas
por que me dilúo na voluptuosidade das sabas,
para sentir as vibracións do teu corpo
sen a intimidación da miña presencia,
para que sexas sempre libre.

E despois abrigarme, nesta palabra,
neste sentido, co calor do teu aroma
sobre a miña pel.





(1) Os fragmentos en cursiva pertencen a cancións do disco "Stato di necesità" de Carmen Consoli.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega