O Estado de Guerra

 

(Texto íntegro)

 

v4franciscodominguezromeroestadodeguerra.html

"Vivín no monstro e coñézolle as entrañas"
José Martí

< É unha guerra manifestamente inxusta a que propoñedes, porque é ir matar
ao voso veciño por medo de que iste chegue a estar en situación de atacaros
>
Voltaire, Cartas Filosóficas, 1731

¿Actuar preventivamente contra unha virtual ameaza?

Ao contrario do que queren facernos crer, o obxetivo de Washington non é o desarme de Iraq. Segundo un documento oficial baseado no estudio "Retos estratéxicos para a política enerxética do século XXI", un dos verdadeiros motivos desta nova agresión é a consolidación definitiva do dominio estadounidense en Oriente Medio; a súa pretensión expresa de exerce-lo control da producción petrolífera a escala mundial, e facer de Iraq un novo protectorado, outra factoría da grande potencia imperial.

Ademais, é claro que o obxetivo tampouco é o de combate-lo terrorismo, xa que unha invasión de Iraq excitará a ira das víctimas e o sentimento antioccidental en todo o mundo árabe. O maniqueo discurso da chamada guerra contra o terrorismo internacional, non é máis que un instrumento necesario para a continuidade do sistema de poder que goberna os EEUU. (Baste lembrar que nun pasado recente apoiaron e armaron a Bin Laden, a Sadam Hussein e ao réxime talibán).

Contra toda evidencia, os EEUU, —"berce da democracia"— veñen sendo presentados como un modelo de civilización. Mais é patente que, sendo formalmente democráticas as súas institucións, o falseamento e a perversión do sistema político e económico que as sostén vén de lonxe, desde as mesmas orixes dos EEUU como nación. A xénese deste proceso de desnaturalización ideolóxica e cultural é froito da gradual falsificación da representación popular, -da corrupción política baixo a coerción do partido único do capital- fronte aos verdadeiros intereses da sociedade civil.

Xa en abril de 1888, José Martí, analizando a evolución histórica dos EEUU, escribe: "Un sistema no que a maxistratura, a representación nacional, a Igrexa e a mesma prensa, corrompidas pola cobiza, chegaran, en vintecinco anos de consorcio, a crear na democracia máis ceibe do mundo a máis inxusta e desvergonzada das oligarquías."

Dos efectos perversos desa política hai reiterada constancia, segundo o testemuña o pouco humanitario pasado dos EEUU cos seus veciños do sul.

Mais escoitemos "á outra América", a dos ferventes sustentadores do pensamento universalista estadounidense: a da clase traballadora e as forzas progresistas; a dos grandes escritores, poetas e pensadores da democracia:

"Durante perto de 200 anos, nós, os EEUU, exterminamos á poboación indíxena, é dicir, a moitos millóns de persoas, conquistamos a metade de México, realizamos depredacións en toda a rexión, no Caribe e América Central... conquistamos Hawai e Filipinas... Dende a segunda guerra mundial, EEUU espallou o seu alcance a todo o mundo empregando métodos que non precisan descripción. Foi sempre matando a outros, noutros lugares, os masacrados foron sempre outros... O caso de Europa, sen embargo, e aínda máis dramático, porque a súa historia aínda é máis horrenda que a nosa." (1)

Cómpre agora tamén rematar o proxecto sionista: a anexión definitiva de tódolos territorios palestinos, e "restablecer o reino de David e Salomón". (Ben Gurion).

Pese a os agora chamados "esforzos de diplomacia pública", (campaña de propaganda tendente a disfrazar as atrocidades) calquera sabe da implacable política de exterminio e desaloxo masivo da poboación autóctona levada a cabo dende 1948 —ano da "creación" do Estado teocrático de Israel— en terras palestinas.

Calquera sabe que un só país do Medio Oriente ten poder nuclear: Israel; e que Ariel Sharon é o responsable das matanzas de Sabra e Chatila; que Israel é simplemente un Estado terrorista e colonial en terras palestinas; e que é quen máis resolucións do Consello de Seguridade da ONU viola.... Xa que o dobre raseiro é a regra...

Escoitemos agora a voz humanista do escritor israelí —crítico do sionismo— Israel Shahak, quen, —coincidindo con Gore Vidal ou Edward Said— entende que tanto "o antisemitismo coma o chovinismo xudeu só se poden combater de xeito conxunto" ou simultáneo. E que en calquera causa "non hai nada máis despreciable que o uso deshonesto dos principios universais", en alusión ao desigual valor que o totalitarismo e o racismo sionista confere á vida e aos dereitos humanos de xudeus e xentís.

Nestes días cruciais, causa estupor a indixencia moral, a falta de rigor e solvencia intelectual dos funcionarios da "industria de manipulación de conciencias" (2) tentando estigmatizar calquera forma de xuicio adverso sobre o imperialismo. Frases táis como:

"Hoxe hai demasiada xente que xa non acepta a forza dos EEUU como algo bo. E iso e malo".

"Agora, o bruído antiamericano ameaza con obstaculizar todo debate racional sobre a situación".

"Os que amosan distintivos contra a guerra son aliados obxetivos de Bin Laden, de Al Qaida e de Sadam Hussein".

"O antiamericanismo primario de moitos europeos os leva a preferir a satrapía iraquí aos Estados Unidos".

Ou a pouco digna admonición do vicepresidente do Goberno de España, quen, "en nome da paz", e tentando —unha vez máis— acalar o clamor contra a guerra, ademais de dicir que "a ONU é suprimible" por irrelevante, quere "que non se repita o do Prestige nun asunto destas características".

A falta de argumentos convincentes da máquina de propaganda oficial, descalificacións, ameazas, falsidades, escusas.

Como xa amosara outro ilustre estadounidense, —Herbert Marcuse— "hoxe no próspero Estado de guerra e benestar, as cualidades humanas dunha existencia pacífica semellan asociais e antipatrióticas".

Para mellor ilustrar a fealdade do presente, e como proba do absurdo das desaxeitadas teses da élite xenocida, dou aquí os resultados da xa famosa enquisa da revista británica Time*. Á pregunta de "¿Que país constitue o maior perigo para a paz mundial en 2003?" As respostas son: Corea do Norte, 6´4%; Iraq, 7'5%; Estados Unidos, 86'1%.

Aquí chegados, é manifesto que, hoxe, a verdadeira política antiamericana é a daqueles que apoian os delirios neonazis de Bush.

Para el a conclusión é a seguinte:

"A ONU non vai dicir se haberá guerra ou non. Esa decisión é nosa e xa a adoptamos".

E advirte:

"Nós, non precisamos dunha nova resolución; quen a necesita, para manter a súa función dentro da política internacional, é o Consello de Seguridade".

Con todo, convén lembrar que a Carta da ONU, e así tamén os tratados e convencións de Dereito Internacional, prohiben aos Estados membros a ameaza e o uso da forza contra a soberanía, a integridade territorial ou a independecia política de outros Estados. E reserva a licitude da lexítima defensa só como resposta a un ataque armado no propio territorio.

Baixo a máscara da lexitimidade democrática e validando a vella máxima de Clausewitz, de que "a guerra é unha mera continuación da política por outros medios", os EEUU e Europa construen a súa riqueza sobre a ruina e o espolio dos outros.

E agora, o fabuloso negocio da guerra sen fin contra o Terceiro Mundo; o control militar do planeta; a imposición do arrepiante American Way of Life como sistema unipolar de dominación global.

É así que, no trasfondo da "nosa riqueza", están os humildes, os pobres da terra: a masa sofridora do Terceiro Mundo.

Entretanto, "o único que queda é a terra carbonizada das víctimas e a radiante boa conciencia dos necios.(3)




Notas

1. Noam Chomsky, A nova guerra contra o terror.
2. H. M. Enzensberger, Detalles, 1962
3. W. Claude Eatherly (piloto que guiou ao Enola Gay sobre Hiroshima)
*  Revista Time, Enquisa, 16-02-2003

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega