O cartafol de Ruperto

 

(Texto íntegro)

 

v2agrelohermoruperto.html
PERSONAXES:

     O porquiño Ruperto

     Nena

     A bruxa Caramuxa

     O bandido Gumersindo

     A muller Pirata

     Alí Babá





Escea I

 

       (Canta o galo. A luz vai a máis no escenario baldeiro. É o mencer)
Voz en OFF.- ¡Todo o mundo arriba! ¡Erguédevos xa! ¡Hoxe é día de matanza! ¡A todo o porco lle chega o seu sanmartiño! ¡Afiade os coitelos!
          (No fondo branco do escenario que durará toda a representación aparece en sombra sinistra dun hombre armado dun grande coitelo na man. Algarabía de xente. No escenario varios xoguetes dispersos).
Porco.- (Entra correndo) ¡Asasinos! ¡Matachíns! (Acrequéñase nun curruncho, cheo de medo)
Voz en OFF.- ¿Onde se meteu ese condenado porco?
Nena.- (Entrando) ¡Ruperto! ¡Ruper! ¡Ruper!
Porco- ¡Chits...! Estou aquí. ¿Xa marchou o matachín? Teño que escapar...
Nena.- (Senta ao seu lado) Agarda un pouco. No cuarto dos xogos non te van atopar.
Voz en OFF.- (Lonxe) ¡Rupertiño! ¡Ven acó, meu rei, que che vou dar unha mazá! ¡Ru-per-ti-ño!
        (Pausa)
Porco.- Parece que se fartaron de buscarme. ¿E agora que fago?
Nena.- Estiven pensando e teño para min que a mellor solución é que marches polo mundo.
Porco.- ¿Polo mundo? ¿E a onde vou?
Nena.- Ti liches todos os libros da miña biblioteca, ¿non si? Non lerías o Corán...
Porco.- ¿O Corán? Non, oh... Dos libros relixiosos non pasei da Biblia, daquel capítulo no que conta que Cristo meteu os demos nos porcos... ¿non tería outro sitio mellor?
Nena.- Ben, deixa iso e escoita: Mahoma no Corán di que os mouros non poden comer carne de porco...
Porco.- Pois disque está moi boa...Deus me perdoe.
Nena.- E que, ¿non te das conta? ¡Teñen prohibida a carne de porco! ¿Entendes?
Porco.- Xa caio...
Nena.- Pois nada, vas para a terra dos mouros e a vivir tranquilo o resto da túa vida.
Porco.- ¿Queres saber que non é mala idea? Pero eses...son os das alfombras e os das pateras ¿non? Din que son moi malos...
Nena.- Din, din... Non fagas caso do que din. As cousas non son o que parecen.
Porco.- O caso é que non teño cartos para a viaxe.
Nena.- Non te preocupes. Levas este cartafol que está cheo de palabras bonitas e no camiño trócalas por comida. A min xa non me serven pois aquí ninguén as quer. E agora vaite a présa e que non te vexan saír.
Porco.- Gracias por todo, Nena.
Nena.- Vaite, vaite. E non esquezas que as cousas non son o que parecen.
       (Vaise o PORCO por un lado e a NENA por outro. Escuro)





Escea  II

 

       (O PORCO corre no meio do escenario sen moverse do sitio ao ritmo dunha música marchosa.No fondo brancona sombra dun castelo tétrico. No escenario, un portalón gótico).
Porco.- ¡Ai mamaíña! O castelo da Bruxa Caramuxa. Teño medo de raios, pero tamén teño unha fame negra.(Dándose ánimos) ¡Forza, Ruperto! (Chama ao portalón)
Bruxa.- (En Off) ¡Non estou na casa! (Con voz bronca)
Porco.- ¡Señora Bruxa, ábrame por favor! Teño que comer, se non, morro.
Bruxa.- Non lle abro a ningún morto de fame ¡Estou durmindo a sesta!
Porco.- Perdoe, dona Caramuxa, pero eu...
Bruxa.- ¡Non son dona, recoiro! Son a Bruxa Caramuxa, e son máis mala.. (Asoma a cabeza pola porta) ¿E ti quen es?
Porco.- Son o porco Ruperto da Augalevada e vou a terra de mouros.
Bruxa.- Vouche abrir porque xa me tiña que levantar, pois alguén chamou á porta pero lembra que eu son malísima... ben... (Con voz natural) ¿E que se che perdeu a ti na terra dos mouros? (Cambia o ton e volve ao forte) ¿Que se che perdeu a ti na terra dos mouros, eh?
Porco.- Nada, pero como alí non comen carne de porco pois... iso... que me zafo.
Bruxa.- (Rindo) Mira que listo é o porquiño. ¿E como me vas pagar a comida?
Porco.- Con palabras.
Bruxa.- ¿Con palabras?
Porco.- Si, señora Bruxa, téñoas moi bonitas e para todos os gustos, mire, mire... (Saca varios cartonciños do cartafol) Estas pódenlle ir ben: Conxuro... Pócima... Beberaxe... Feitizo... Borraxeira...
Bruxa.- ¡Bah! ¡Bah! (Suave) Esas son moi feas. ¿Non as tés máis bonitas?
Porco.- Pois claro, pero como vostede é bruxa e é tan mala...
Bruxa.- (Sentimental) Non fagas caso, Rupertiño. Fágome a mala pero a verdade é que nunca fixen mal a ninguén. Teño que aparentar porque se non os nenos perderíanme o respecto pero o que me gusta a min é axudar á xente, xogar cos animaliños da fraga, coller amoras... ¡ai! pero con esta sona...
Porco.- ¡Carai, señora! Ten vostede un desdoblamento de personalidade que lle pode traer secuelas moi negativas.
Bruxa.- ¡Pero que listo é este porquiño! A ver, meu homiño, ensíname palabras bonitas.
Porco.- Colla, colla vostede.
Bruxa.- (Elixindo do cartafol) Arume... Faísca... Chorima... Urce... ¡que bonitas! Por estas douche unha taza de caldo e un anaco de pan candeal. Esta noite durmes no castelo e... ¿sabes unha cousa? Mañá voume contigo polo mundo. Xa estou farta de ser a bruxa da comarca. Agora serei unha meiga boa.
Porco.- Pois eu regálolle outra palabra (Dalle un cartón).
Bruxa.- (Lendo) Agarimo... ¡Este porquiño é un poeta!
   (Escuro).





Escea  III

 

       ( O PORCO e a BRUXA andan sen moverse do sitio no meio do escenario ao ritmo da música. Na sombra do fondo, unha paisaxe de montaña. No escenario, unha árbore).
Porco.- ¡Que canso estou! ¿Canto levaremos andado?
Bruxa.- Polo que nos doen os cadrís, alomenos sete légoas.
   (Aparece o BANDIDO GUMERSINDO con antefaz, mochila e un pistolón anticuado).
Bandido.- ¡Alto aí! Ninguén pasa polo territorio do bandido Gumersindo sen padar peaxe. ¡Veña! ¡Arriade a xarda! ¡Axiña!
Porco.- Por favor, señor bandido, non nos faga mal.
Bandido.- E ¿que pintan xuntos un porco e mais unha bruxa?
Bruxa.- ¡Meiga, señor bandido, meiga... non bruxa!
Bandido- Meigas... bruxas... tanto tén. Soltade os cartos que vos fulmino.
Porco.- Non temos cartos, señor, somos moi pobres.
Bandido.- A ver que levas nese cartafol. Ábreo.
Bruxa.- Só son palabras.
Porco.- Si, si... palabras somentes.
Bandido.- ¿Teño cara de parvo ou que? Non vos riades de min que vos deixo tesos. Atraquei a moitos millonarios con grandes escoltas e non ides ser vós os primeiros que pasades impunemente polos meus dominios.
Bruxa.- E se joubou a tantos homes ricos ¿onde meteu o diñeiro? pois máis ben vai vostede de pobre de pedir.
Bandido.- (Tuse) Está ben... Eu dixen que os atraquei pero non dixen que os roubara. Son un bandido pero non son ningún ladrón ¿está claro?
Porco.- Non, eu non o vexo tan claro, porque bandido e ladrón, aínda sen ter o mesmo significado, dalgunha maneira son sinónimos e, desde logo non son antónimos.
Bandido.- ¡Mira que listo nos saiu o porquiño! (Berrando) ¡Eu son... o que son! (Cambia o ton.) En realidade eu non son nada, son un cheíñas. Quero meter medo e a xente rise de min. A pistora era de meu bisavó, un recordo da familia, e non funcionou nunca. Onte mesmo unha velliña con cara de santa perinoca rouboume un tarro de mel dun enxamio que teño no monte. Son un desastre como bandido... vivo só... non teño amigos... son un ninguén... (Choromica.)
Bruxa.- Vamos, señor Gumersindo, non se poña así. Hai que ser forte e tirar para diante. Vostede parece boa persoa e agora xa tén dous amigos.
Bandido.- ¡Gracias, moitas gracias! Sodes la mar de bos. Non sei como agradecervos este trato...
Porco.- Eu si que sei... dándonos algo de comer.
Bandido.- Non faltaría máis. Na mochila aínda me debe quedar algo de queixo e un pouco pan duro...
Porco- Pois a comer, que eu polo menos, teño unha fame... Pero antes voulle pagar.
Bandido.- Os pobres e os amigos non pagan a comida.
Porco.- Pois chámeo troco en vez de prezo. Vostede dame queixo e eu doulle palabras.
Bandido- ¿Palabras?
Porco.- Si, palabras. Xa lle dixen que as levaba no cartafol. Palabras bonitas e novas para vostede. Tome. (Vaille dando cartóns).
Bandido.- (Lendo) Amizade... Careixo... Irmandade... Ledicia... ¡Vaia, sonche ben bonitas!
    (Sentan no chan e comen).
Porco.- ¡Que ben se está cando se está ben!
Bruxa.- Xa case somos unha familia.
Bandido.- ¿Sabedes unha cousa? Voume ir convosco polo mundo. Isto de ser bandido é moi aburrido.
Porco.- E, por riba, moi perigoso porque se algún día se atopa cun bandido de verdade, deses que non o parecen, non lle arrendo a ganancia. ¿Vostede oiu falar de Pepa a Loba...?
Bandido.- Este porco é unha enciclopedia...
     (Escuro).





Escea  IV

 

    (Os tres camiñan no centro do escenario sen moverse do sitio ao ritmo da música. No pano branco a sombra dunha goleta. No escenario, un rezón e dous remos.)
Bruxa.- A min chéirame a salitre.
Porco.- Polo que levamos andado debemos estar chegando ao mar.
Bandido.- Alí ven alguén.
    (Entra a MULLER PIRATA. Pano na cabeza, parche nun ollo, camisa e pantalóns amplos, botas e espada no cinto.)
Pirata.- ¡Por Neptuno! ¡Aí ven a miña nova tripulación! ¡Benvidos ao "Terror dos mares" o bergantín máis mariñeiro e máis bonito que sulca os océanos!
Bruxa.- (Aparte) A min paréceme que esta muller non está ben da cachola...
Bandido.- (Id.) Fala baixo que leva unha espada.
Porco.- Señora pirata, agradecémoslle o amábel recebemento pero nós non somos mariñeiros. Esta señora é a meiga Caramuxa, este xentil doncel é o ex-bandido Gumersindo e eu son o porco Ruperto para servila. (Fai unha reverencia esaxerada.)
Pirata.- Entón, ¿en que vos podo servir?
Porco.- Queremos que nos leve á outra beira do mar, se non é moita molestia.
Pirata.- ¿Non queredes vir conmigo apresar galeóns cheos de ouro e prata para facérmonos ricos e famosos?
Bandido.- Moitas gracias pero xa somos ricos dabondo.
Bruxa.- Só queremos ir lonxe para vivir en paz.
Porco.- Se vostede quixese deixar de piratear unha tempada e nos levase a terra de mouros, nós pagaríamoslle ben.
Pirata.- ¿Tantos cartos tendes?
Porco.- Non, señora, cartos ningúns, pero temos palabras, palabras moi bonitas que valen máis có tesouro do capitán Flint.
Pirata.- (Enfadada) E querédesme pagar con palabras... ¡Por Neptuno que nunca me fixeran unha oferta tan ridícula...!
Bruxa.- Ben... vostede o perde. Agardaremos outro barqueiro que nos queira levar.
Bandido.- E por nós, non se prive. Vaia piratear o que lle apeteza e roube todos os tesouros que hai no mar.
Porco.- Piratee, señora, piratee, que a nós non nos vai ese rollo.
Pirata.- (En ton humilde.) O que ocorre é que... ultimamente non pirateo grande cousa, ou mellor dito, non pirateo nada. Non teño nin tripulación. Na primería si, os mariñeiros viñan atraídos polo aquel da muller pirata. ¿Vostedes non ouviran falar da muller pirata? Se ata fixeron un filme... Pero como eu non tiña calleiro para afundir barcos, nin deixar abandoados nunha illa deserta os amotinados, ou colgalos da verga do pao maior pois... velaí. (Pausa.) A verdade é que estou cansa de facer o canelo.
Porco.- Pois ánimo, señora. Lévanos ao outro lado e despois ven connosco buscar un lugar apacíbel onde vivir tranquilos.
Bruxa.- Anda, miña mociña. Pensa que, se cadra, atopaches a túa verdadeira familia.
Bandido.- Ademais, aos que non nacemos para roubar fáisenos costa arriba andar a quitarlle cartos á xente. Dígollo eu, que diso sei moito.
Pirata.- Está ben, acepto. Levareivos á banda dalá e despois acompañareivos na vosa viaxe. Está visto que o mar non é o meu. (Pausa.) ¿E que hai desas palabriñas?
Porco.- Non faltaría máis. Pode escoller...
Pirata.- Non, non, faino ti por min.
Porco.- Encantado. Por aquí teño... Cotovía... Catavento... Viravento... Infindo... Mencer... Solpor...
Pirata.- ¡Que marabilla! E eu, ata agora, nas berzas...
Bandido.- Iso pasounos a moitos.
Pirata.- Pois imos aló. ¡Todos a bordo!
Bruxa.- A min dame o corpo que me vou marear.
Bandido.- Fai unha pócima ou un xarope dos teus, muller.
Porco.- ¡Adiante! ¡Levade as áncoras! ¡Arriba a mesana! ¡Cinguide o trinquete! Aí vai a derradeira singradura do "Terror dos mares".
Bruxa.- Este Ruperto parece un capitán...
    (Escuro.)





Escea  V

 

      (Os catro andan no centro do escenario sen moverse do sitio ao ritmo da música. No fondo branco, dunas e un oasis no deserto. No escenario, unha palmeira.)
Bandido.- ¡Que calor vai!
Bruxa.- Pero alí vese unha lagoa de auga fresca.
Porco.- Este lugar éche ben bonito. Non sei se non chegariamos ao noso obxectivo final.
Pirata.- Aquí hai calor, auga limpa, terra fértil e, sobre todo, tranquilidade. Non é mal lugar para quedarnos.
Porco.- ¿Fin da viaxe?
Todos.- ¡Fin da viaxe!
Porco.- Agora cumpre que nos organicemos. Aquí faremos unha cabana. Buscaremos dátiles para comezar, cultivaremos...
Alí Babá.- (Interrumpindo) ¡Jamalajá! (Sae de detrás da palmeira, con chilaba, turbante e alfanxe). ¿Quen anda por acá?
Porco.- (Facendo reverencia) Ilustre emir destas cálidas terras, reciba os respectuosos saúdos dos seus vasalos Caramuxa, Gumersindo, Ruperto e a ex-muller pirata, todos humildes servos de Alá.
Bruxa.- (Aparte) ¡Que ben fala o condenado!
Alí Babá.- Deixade as verbas fermosas, bárbaros infieis, inimigos estranxeiros, e entregádeme os tesouros que gardades con avaricia. Eu non son emir de nada. Son o ladrón máis ladrón de todos os ladróns: ¡Alí Babá! ¡Jamalajá!
Bandido.- ¡Anda mi madre, un colega...!
Pirata.- Este si que é ladrón de verdade.
Bruxa.- E nós pensando en quedármonos a vivir aquí...
Porco.- ¿Alí Babá? Encantado, señor. Lin moito sobre vostede en "As mil e unha noites", pero ¿non había corenta máis?
Alí Babá.- (Olla cara atrás. Cambia o ton). ¿Corenta?
Porco.- Si, alomenos iso é o que di no libro: Alí Babá e os corenta ladróns. ¿Non era así o conto?
Alí Babá.- Boh... Nin corenta nin catro. Tés ti razón: todo era un conto. (Senta no chan). A alguén se lle ocorriu escribir sobre min e a miña cuadrilla porque ao principio si tiña unha banda, pero ¿a quen iamos roubar nun país tan pobre coma este? Gustei da fama e non o desmentín pero nunca pasei de roubar uns dátiles ou muxir algunha cabra allea... Todo un conto, por Alá.
Bandido.- E que nós queríamonos establecer neste lugar para sempre, co seu permiso naturalmente.
Alí Babá.- Por min non hai inconveniente. Así facédesme compañía e contaremos contos polas noites... Aquí as noites son moi estreladas e cando sae a lúa chea o deserto cóbrese dunha luz prateada tan fermosa que fai esquecer o paraíso das huríes.
Porco.- Pois, hala, quedamos.
Bruxa.- ¡Pero, ¿onde imos vivir? Aquí non se ven casas.
Alí Babá.- (Érguese) Eu tiña por alí unha cova que xa debe estar coberta polas silvas (Olla a bastidores) Pero hai tanto tempo que non entro nela que xa non me lembro das palabras que hai que dicir para que se abra. (Facendo esforzos por lembrar) Era algo así como... ¡Ábrete, Sísamo! Non... non... ¡Ábrete, Sásamo! Tampouco... Non lembro...
Porco.- Ai, que demo de Alí. Como se nota que non liches o conto. Xa verás como acerto eu: ¡Ábrete, Sésamo!
       (Forte estrondo)
Todos.- ¡Abreu, abreu! (Saltando) ¡Ben, ben!
Pirata.- ¡Que bonito é todo! ¡E a tranquilidade!
     (Forte ruido de berros, balas, canóns e cornetíns. Todos fican abraiados agás Alí Babá)
Alí Babá.- (Resignado) Xa están aquí outra vez. Son os soldados do país viciño que, de cando en vez, veñen arrasar todo e non nos deixan vivir en paz. 
Bandido.- ¡Todos para dentro da cova!
Porco.- (Berrando) ¡Quieto parado! Se nos agochamos o primeiro día, nunca deixaremos de ser escravos covardes. Prantémoslle cara e loitemos polo que vai ser o noso país.
Alí Babá.- Pero eles son máis ca nós e teñen armas.
Porco.- Pero nós temos a razón e polo tanto, somos máis listos. Cada un que faga o que sabe facer.
    (Todos brincan e berran)
Bandido.- ¡Alto aí! ¡A bulsa ou a vida, ou a tripa rompida! (coa pistola na man).
Bruxa.- ¡Esconxúrote, pai de todos os demos! ¡Vade retro, Sátana!
Porco.- ¡Asasinos!¡ Asasinos! ¡Vou facer morcillas co voso sangue e un balón coa vosa vexiga! ¡A todo porco lle chega o seu sanmartiño!
Pirata.- (Coa espada) ¡Á abordaxe, meus bucaneiros! ¡Fogo os canóns da amura de estribos!
Alí Babá.- (Co alfanxe.) ¡Jamalajá! ¡A min os corenta principais! 
    (Repíteno mesturado. Enorme algarabía con música de fondo. Ao pouco soa un cornetín).
Todos.- ¡Retíranse! ¡Xa se retiran! ¡Gañamos!
Bruxa.- Agora poderemos vivir en paz.
Bandido.- Vamos á cova.
Pirata.- Merecemos un descanso.
       (Vanse BRUXA, BANDIDO e PIRATA)
Alí Babá.- Gracias, amigos. Empezaremos de novo.
Porco.- Seremos unha familia, pero temos que pagarche o aluguer da cova.
Alí Babá.- Non, de ningunha maneira.
Porco.- Déixame a min. Eu non teño cartos pero podo pagarche con palabras.
Alí Babá.- ¿Palabras?
Porco.- Si, palabras moi bonitas. Mira: Fraternidade... Tolerancia... Solidariedade... Globalización; non, esta non ¿que diaño me metería esta palabra no cartafol?... Liberdade... Paz...
     (Cae o pano)

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega