"O cego de Fornelos" e outras comedias curtas, diálogos e monólogos

 

"Os casados de pouco"

 

Os casados de pouco


A escea desenrólase nun homilde cuarto no que non hai máis que unha cama, unha cadeira, unha huchiña a pé da cama con un candil enriba déla. É de noite. ROSA e GORIÑO aparecen na cama. Rosa ten corenta anos e Goriño pasa dos sasenta.


GORIÑO.- (Dimpois que o galo cantou, boquexa ruidosamente e, despriguizándose, bótase a falar diste xeito): Xa o galo da crista bermella anuncia o abrente dun novo día i eu sin pechar ollos, Rosa. (Acende o candil, alumando ténuemente a escea).
ROSA.- Se non dormes... reza. Eu non teño que che faguer.
GORIÑO.- Tes, tes, muller; se compriras coa túa obriga...
ROSA.- ¿Qué raios queres qué che faga?
GORIÑO.- Que remexas millor os follatos do xergón, centella, que xa fai tempo non tocas. ¡Non quero, Rosa, non quero istas mazarocas debaixo dos meus castigados cadrís!
ROSA.- (Salaiando) ¡Ai, meu Deus!... ¿Qué santo recibiría as miñas oraciós, pra darme semellante home? No, boeno; o día que me casei contigo... millor me fora cair no río.
GORIÑO.- Bah, bah, bah... Se te levara a raposa dos morrazos denantes de eu coñecerte, ¡cánto favor me faría!
ROSA.- ¡Cala, trangalleiro, cala!...
GORIÑO.- Cala ti, caldo acedado. O día que me casei contigo... Boeno, o fixen porque non estaba ben do caletre.
ROSA.- ¿E cándo millor vida papaches, galupín? ¿Qué aporveitadura tes, pra qué me vales, qué cras de home es ti?
GORIÑO.- Non aldraxes, Rosa, non aldraxes se non queres que che baixe unha centelluda pancada nisas costelas de sapo que Deus che deu.
ROSA.- ¿Dóenche as verdades? Pois ráñate: non serves, e non e non.
GORIÑO.- Decote me estás coas mesmas trégolas. I eu, por máis que revolvo nos miolos da cacheira, non atopo as causas do teu noxento descontento; non sei a que te refires cando me botas nos fuciños iso de que «non servo, que son un furricas»...
ROSA.- Refírome a todo, menos ó que comes: iso sí, comer comes coma calisquera peitudo home.
GORIÑO.- Escoita, Rosa: Tesme tan cheo, tan cheo, que aínda me vas faguer estourar. ¡E coida que iso non aconteza!, porque se iso acontece... os teus pelexos nin pra pandeiretas terán aporveitadura. (Ameazante). ¡Divírtete, divírtite comigo! (Queda rosmando por antredentes).
ROSA.- ¡Probiño!... Cecais lle dá vergoña que lle descubran os defeitos, malpocado...
GORIÑO.- ¿Defeitos eu? Ruín door de moas che colla, centelluda. Canto máis che miro pra isa cara enrugada que tes, canto menos aturo os desexos de deixarche prantada pra sempre.
ROSA.- Sendo eisí... ¿pra qué casache comigo?
GORIÑO.- Mira que pergunta me fai a trosma ista. ¿Coidas que che miraba moito prá túa faciana cando viña pra xunto de ti?
ROSA.- Mirabas máis prós chourizos que penduraban do canizo, xa se sabe.
GORIÑO.- Non che digo que non, porque os chouriciños decote me gorentaron moito. Pero mirei máis prós teus benciños, que foron os que me fixeron cair na lama do casamento, os que me engaiolaron.
ROSA.- Daquela, se eu non fora herdeira única, cecais non casaras comigo, craro.
GORIÑO.- ¿Cómo ía casar, Rosa, cómo ía casar? ¿Non ves que non hai comparación, muller. (Enfonchándose) Eu, ademáis da fermosura que Deus escagallou polo meu corpiño adiante, teño moita sabencia no caletre: sei rozar, sei faguer a sementeira i a recolleita, sei... En remate: son un home compreto pra rexir doadamente calisquera casa da bisbarra. Entroque ti, malpocada, non vales as uñas dun can cheas dauga: as pernas semellan abeacas, os ollos pódese decir que chos espetaron ó tum-tum no medio da cara, a boca semella o tragalús dunha corte dos porcos; a pel, máis que pel humán, semella ser a dun sapo... Boh, ¿pra qué seguir, pra qué seguir?...
ROSA.- (Compunxida) Pra me botar na cara tudas isas cousas..., tes ben pouca vergoña; coma se ti foras siquera a terceira parte do que coidas que es.
GORIÑO.- ¿E non é millor que chas bote nos fuciños denantes que pradicalas no adro da igrexa? Boeno, anque no adro as dixera, nada novo diría: que es máis fea que unha noite de lóstregos, ben o saben tudos.
ROSA.- Isas son as gracias que me das por haberme casado contigo. ¡Desagradecido! ¡Ruín home!... Tan probe eras que non tiñas nin pra mercar chatolas pra ferrar os zocos.
GORIÑO.- Ai, pero abondábame a bonitura pra engaiolar a calisquera das millores herdeiras da bisbarra, chachiña; non coides que... ¿Por qué me quixeches ti? Por bonito, xa se sabe. ¿Por qué che quixen eu? Por rica, craro. Véndome no teu canto, faría o que ti fixeches: casaríame cunha muller fermosa, anque ela non tivera cartos pra mercar chatolas pra ferrar os zocos. Pero como nascín probe, non tiven máis remedio que apandar contigo. I agora... ¡hai que roerte!
ROSA.- Cando me casei contigo... de por forza tiña que estar tola: que sexas probe, pase; pero es un vello que mesmamente podías ser meu pai.
GORIÑO.- (Ameazante) Non cuspas fora do cacho, Ro...sa. Isas cousas son as que menos veñen ó caso. (Pequena pausa). Por outra banda, se o feito de haberes casado comigo lle chamas «toleada», ben me podes estar agradecida por haberche dado a oportunidade de demostrares que estás tola. Porque..., se eu non fora..., ¡nunca cun home te deitarías! (Súpeto) Arreda, arreda isas pernas se non queres que chas crebe, centella. (Pausa). As túas queixas... ven se ve que son arrotos de fartura. ¿Qué percisas, de qué te podes queixar ti?
ROSA.- Perciso o que nunca me deches: aloumiños, apertas, beixos...
GORIÑO.- ¡Cala, bolerca, cala!... Apaguemos o candil i arremate eiquí a conversa. Quero dormir un chisco pra erguerme cedo e levar o gran ó muiño pra poder cocer e faguer pan.
ROSA.- Iso, iso: comer e dormir; pra iso hai home.
GORIÑO.- (Fungando por antredentes) Gu, gum... Estás faguéndolle as veiras a un guripaldo que che vai chimpar ó chan...
ROSA.- (Alporizada) ¡Máis ó xeito, raio, máis ó xeito! A cama é moi miña, ¿ou qué pensas?
GORIÑO.- ¡Cala, Rosi...ña! (A boca pechada). Gu, gum...
ROSA.- Non me dá a gana de calar, pra iso estou na miña casa; se non estás a gosto, vaite.
GORIÑO.- (Ameazante) Eisí Deus me salve como vas ir ó chan...
ROSA.- ¿Vai que non es home de o faguer?
GORIÑO.- ¿Qué non? (Dalle un golpón e tira con ela ó chan, con grande estrépito). Apáñate, chacha. Durme, durme no chanciño...
ROSA.- (Moi relaxada, vaise erguendo e falando). No chan vas durmir ti, montón de arrefecidos osos. Xa, verás... (Vai correndo a un ángulo do cuarto pra coIler unha xesta). Déixame coller a xesta...
GORIÑO.- (Colle un zoco de debaixo da cama pra lle arremeter a Rosa, que volta de cara a el coa xesta).Non te achegues coa xesta, Rosa; ¡abofé che ceibo un zoco!
ROSA.- (Deténdose e churimisfando) Chimpáchesme da cama, toleirán; non tes corazón de home.
GORIÑO.- Por ser a pirmeira vegada que che vexo churismisgar, coase me does, muller. (Afábel). ¿E mancácheste moito, Rosiña?
ROSA.- Lástima que non caeras ti, pra que millor o souperas.
GORIÑO.- (Amábelmente) Cala, muller, cala... (Finxíndose moi doorido). Aínda me vas faguer chorar a min coiro. (Rosa sigue quieta e chorimisgando nun cornello do cuarto). Ven, ven prá cama e non nifres máis. Até parez mentira que non sepas levar unha brincadeira...
ROSA.- Brincadeira, sí, brincadeira... (Vaise deitando novamente).
GORIÑO.- Boeno, boeno; xa pasou todo, ¿non sí?
ROSA.- Por min... que pase.
GORIÑO.- Pois o que é por min..., xa pasou, meu anxo, miña rula, meu corazón, meu pucheiriño de mel... (Transición) ¿Ves, ves cómo che quero?
ROSA.- Sí, sí... Dimpois de me chimpar da cama, faste o agarimoso.
GORIÑO.- Non caviles, non caviles mal de mín; borrón e conta nova, Rosa. Que che quero moito non o poñas en dúbida. Lémbrate de cando pra ti cantaba aquelo de: (Cántalle )

Ai, Rosiña, miña Rosa
¡canto eu a ti che quero!;
es a muller máis fermosa
anque che chamen pelexo...

ROSA.- Daquela... eras máis manteigoso, máis amábel...
GORIÑO.- Atemos, atemos os corazóns a traveso dun beixo, muller; apaguemos o candil, eisí; (sopra e apaga o candil) xuntemos as cariñas, deamos as boas noites i até mañán se Deus quer. Eisí, muller, eisí... (Coma aloumiñando unha vaca). Boeno, boeno... Vaia, vaia, va..., va... (Canta o galo).


FIN


Bs. Aires, San Xoán de 1940

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega