O fotógrafo Helmut Newton ten unha visión da eternidade

 

(Texto íntegro)

 

v2xavierlamaofotografohelmut.html

   Agora que as hélices do inverno
               peitean a memoria
neste hotel de Mónaco para saurios inertes,
desde esta fiestra que abrolla sobre o mar
arden na miña mente de mareas carnívoras
os ollos de viño claro de tantas coñecidas
               consagradas coma sentinelas núas
a unha inmortalidade pálida e irónica.

   Véxoas coma a barcos ancorados
nun mar estupefacto con alustres de cinza.
   Son sacerdotisas evadidas dalgún estrangulamento,
pantasmas inesgotables con seos de arxila,
e ás veces descubro entre o aire das súas cadeiras
               unha curva estantía de suor
que atrae ós paxaros embridados pola morte.

   Neses corpos cegos de perfección
hai lagoas soterradas que saloucan
               o perfume aciago da súa finitude
e transparentan unha almea inacadable
               onde arde a soidade coma unha flor tóxica.

   O meu traballo consiste en aperta-lo gatillo,
perdón, o disparador que instaura
               unha caligrafía de xeo sobre a materia
e converte a mulleres amedoñadas polo mundo
en  estrañas deusas cerimoniais
que lumegan para sempre de misterio.

   Adoitan chegar ó meu estudio coma gacelas en ruínas
               vestidas de inercia e de abandono
e converterse logo, núas ante a morte,
en iconos sagrados borboriñantes de enerxía,
               ou de algo indefinido que só pode ser pureza.

   Eu son un voyeur, un mirón inútil,
unha mosca impasible que a penas axexa
               arredor da froita madurecida
e acode coma un anxo silandeiro e visionario
cando un sinal secreto anuncia esa gloria sepultada
disposta a emerxer nun segundo eterno,
ese lostregazo no que converxen a paixón
               e un síntoma case obsceno de poesía.

   Estrictamente profesional, como din os mercenarios,
así é a relación coas miñas modelos,
               con esas embaixadoras dunha elegancia cautiva,
con esa loxia de mulleres ancestrais e atordoantes,
porque todas son intrusas que se alimentan da neve,
tan falsas coma celestiais aparicións
               tradeadas pola vinganza do tedio.

   Se me preguntan se me namorei dalgunha
podo dicir que son un home sen escrúpulos,
un xeómetra ou un estratega de corazón invariable
que só coñece o idioma marcial,
               o pulso firme e abstraído
daqueles que libran unha loita escura coa nada
               para atrapar nas súas redes a beleza.

   Despois de todo, aprendín que o amor
é un rito vomitivo do sangue
para agocha-las bágoas máis acedas do tempo
e eu só podo contemplalas
               como a fulgurantes cadáveres
repetidas en tantas fotos que dormen nos meus ollos,
porque me lembran sempre que a eternidade
               é unha abismal quimera,
xa que eterno é o prodixio carnal dun intre detido
e nesa mesma carne aniñan tódolos rostros da morte.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega