Os golfiños intelixentes das latitudes boreais

 

(Texto íntegro)

 

Hai milleiros de anos
Hai milleiros de anos, o xeo avanzou do Polo Norte na dirección do Ecuador cubrindo chairas e montañas, xeando mares enteiros e lagoas, avanzando inexorable nunha vertixe de frío e desolación.

Hai noticias escritas de que no tempo das grandes descubertas, cando os holandeses estableceran a súa primeira factoría baleeira nas illas de Spitzbergen, os cadernos de bitácora de Cornelius Rijsp e de Barents contiñan referencias a unha especie de sireas dos mares árticos, de pelexo abundante e nadar fácil, de linguaxe de asobíos e hábitos anfibios. O Barón Carl Von Hagman, que so tivo noticias dela polas referencias apuntadas e nunca puido observar un exemplar, decidiu bautizalas xa ben entrado o século XIX como Sirenus cianeus, Von Hagman 1824, nome que conservou en tódalas referencias posteriores.

Non é sen embargo ata ben entrado o ano 2002 no que aparece a primeira referencia científica precisa que describe o holotipo dunha nova especie para o mundo o Delphinus charramangueirus (Queipirinha & Castinheiras, 2002). O exemplar descrito polo miúdo foi atopado nun depósitos de ámbar no Mar Báltico polo mariñeiro portugués embarcado nun mercante lituano que respondía ó nome de Egas Castinheiras de Figueiredo Torres, natural da vila algarvía de Cabanas de Tavira e residente na cidade de San Salvador da Bahía.

O traballo científico está asinado polo profesor de Paleoantropoloxía da Facultade de Ciencias de Bahía, Profesor Doutor Carlos Queipirinha de Todos os Santos Goraz, sabio heterodoxo que recibira o exemplar en ámbar que lle fornecera Egas Castinheiras.

A descripción que de o tal Delphinus charramangueirus, fa no seu traballo o Profesor Queipirinha é como segue:

"Corpo alongado e lanzal, con máis aspecto de fuso que de tonel. Cuberto de pel en toda a súa superficie agás nos cabos das estremidades que son lampas. O pelo varía de cor segundo a rexión do corpo, sendo azulado nunha crista que lle percorre dende a fronte ata onde o espiñazo se transforma nunha cauda poderosa, vermello con riscas escuras no ventre e branco nos costados e nos cabos da causa e das extremidades. Os ollos son laterais e simétricos a ambos lados dun fuciño alongado un octavo da lonxitude estándar. As femias presentan oito mamas distribuidas en dúas liñas mamelares que van dende o sobrazo ata as virillas. Os machos pola súa banda teñen so dous pezóns atrofiados e un membro viril que pode chegar en repouso a medir 1/6 da lonxitude total do corpo. Hai unha crista que percorre o dorso dende a fronte ata a cauda, sendo máis alta no seu inicio e descendendo logo ata se reducir a unha altura que corresponde a 1/36 da lonxitude estándar. No cabo das extremidades ten mans e pés prénsiles que fan pensar nun grado avanzado de intelixencia, superior á dos primates e próxima a dos homínidos, nos que coincide en capacidade craneal e, curiosamente para un golfiño, capacidade de bipedestación e mesmo de marcha como se pode colixir das durezas que presenta no que correspondería ás plantas dos pés. Ten dentes ben desenvolvidos nunha fileira única, recubertos de dentina e sen maiores especializacións o que falaría do seu carácter omnívoro confirmado na análise do contido estomacal que revelou a presencia dunha especie de algas laminarias, restos machucados de peixe fumador (tamén chamado lumpo), e unha papa amarela que ben podería corresponder a un tipo de anémona moi frecuente no Mar Báltico, e máis precisamente no Golfo de Botnia."

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega