Pan (Libro de ler e de desler)

 

(Escolma)

 

v2estibalizespinosapoemasdeundous.html

 

O PANDEXEIRO SECRETO

Primeiro faime masa.


Como sabe que son liquefacta
aprovéitase do meu peito quente
e engade fariña.


Fariña moi branca espolvorexada e candeal,
varios quilos.


Auga dos regos internos emplumada coma o xéiser,
varios litros.


Amásame
mentres eu a dar voltas e máis voltas
e río a treu de verme así
abrazada por estas ganas de darme forma e quentura
penetrándome
a me remexer
na artesa dun devezo artesán polo que me estendo
coma pandemia e almo
que fora nutrir un reino de mil fames.


E canto me prace
a coberta
da súa
temperatura animal


o seu fermento
a me inflar ionosferas
a me espoldrexar coma ave nun paraíso estremo
baixo as súas mans
o lévedo medra poderoso coma un lobo nas escuras
ao seu requento
polarizo luz.

Un milagre de codia dourada sóbeme polo corpo arriba
a chamarme "pandora, aínda estás ardendo"
i eu fumego de riso e farangullas
cando el tén a ben retirar cada man
dos farallóns dos meus peitos
convertidos xa para sempre en pan
EN PAN


pois alimentalo da totalidade
pandemeu
é para o que estou feita
imperfeita pandora de pan dourado
dona da caixa dos ventos
que xiran e xiran nos brazos
do seu muíño de pan


(para todo iso
e para me devorar no almorzo
cun pouco leite)
 

 

 


A L B A

olleiras.
non durmín nada
i el tampouco.
xa pode saír o sol
se quere.



alba.
isto do alba
era tan triste.
nas cantigas
era tan triste.
un vaise sempre
sen o outro e baixo o sol.



claro.
o alba pón en claro
todos os vosos
experimentos xenéticos.



sae o sol
e o camiño é unha tubería.
quedan tan lonxe xa os brazos
de onde veño.



e inda por riba é mediodía.

 





*****


Reclamo a fantasía pró meu pobo.
Ese beizo descomunal a parir imaxinaturas
un reino onde adoita a dar luz
o azar
preñado de soños
o azar.



Poderán vir os grandes incendios o que nada perdura
poderán rebater definitivamente que eu porte no
ADN
o inaudito xen do alicorno
negar as mandarinas que prometes
que vivamos a lombos
dunha esfera ilimitada.
Dicir que non existe.
É fácil.
Pois non se ve.



Seica eu reclame a fantasía pró meu pobo
e que habitemos o incendio
reclame
todo o visible e o invisible
o que trenza cordais
a pendurar dende os altos paradisos,
a fantasía pró meu pobo.



Entre as patacas e a seitura.
No país do vento.
Vivir cós ollos da vaca sacrificada
metidos na inocencia.
Sen cotas para as nosas lácteas imaxinacións.



Reclamo a fantasía pró meu pobo.



Enrugada por dentro coma unha alfombra
que quixer voar.
Reclamo a fantasía pró meu pobo.



Afeitos en todo a ser
coma animais de costumes submariños
fosforescentes
por non ter máis remedio
pobo salgado e recaído unha e mil veces no mar



¿como non callado
en fantasías verdes
en argazos fantásticos
en osamentas de besta
transoceánica,



como non inchado en beizos
reclamando a fantasía coma unha turba
que pide pan?

 

 



O U R O


na túa boca
a quimera do ouro
o resplandor
o tesouro de sierra madre



na túa boca
a idade de ouro
as minas do rei salomón
a illa do tesouro



na túa boca
almorzo con diamantes
e vivo en gaiola dourada
da túa boca nasce
o ouro do rin



i eu debo de ser outro
lope de aguirre
 

 



***

Deste carbón sairá o meu diamante.



Das cousas pequenas comporáse o cosmos.
Nas areas finas vivirá un beizo.
Na palma dunha man a liberdade.



Destas grutas fondas sairá un home armado
de peles e pinceis
cara un xacando nun xalundes.
No seu ollo un brillar de átomos.
No seu labre palabras por crear.



Porque desta semente sairá un bosco infatigable
e dun pequeno dedo
un gran bisonte.



I eu levo xa en min todas as estirpes
coma quen levase unha álxebra enteira
broslada trálo embigo.



Mesmo con carbóns nos ollos
mesmo cunha alma ferrada ao chumbo
mesmo de verbas minerais
empantanadas
sairá o meu diamante
radial aínda que pouco feito
embrutecido de tanto ser
perante os días.

E das cousas pequenas
faránse as torres
para que da torre
saia un grande puño
e nese puño
aniñará un pardal
sendo cativo
acadará o horizonte
e no horizonte
abismaráse o mundo
cara un elo fantástico
que todo o xunte
e dese xunto faremos unto
e dese unto un todo lene
un ovo novo
que deite leite
porque no branco bota raíz o escuro
o carbón negro do que sairá o meu diamante


i sexa esta a espiral
do noso azar policromado
e tamén do mineral destino
que só
este verso
raiar pode.

 




- O

Comería a túa alma
coma quen come un ovo
dóce
novo
perfecto microcosmos no seu óvalo de nacre.



Pinga d´ ouro
mandorla
comería a túa alma sen casca
a túa alma sen culleres
sen caducidade.



Eterno almorzo da nenez de aldea.



Sen saber e sen querer saber
as nigromancias da tersura
que escuro demo agocha
nin milagreiro sabor
sen chegar a adiviñar sequera
que foi antes:
a túa alma
ou a galiña.

 




I I


EU, que podo facer
que este verso dure sempre
que volvan as anduriñas
a resolver a felicidade dun alto príncipe
sempre
que volva a neve
que volva sempre
que empuñen as vastas xentes a xustiza
e ábrase o mar a unha orde dos meus ollos



EU, que podo facer que Ulises
navegue e navegue
pensando sempre en volver
e a Bela que Durme sexa cen veces espertada
e a pomba trabucada
e Lesbia miña sempre miña



¿Hai algo que non estea nas miñas mans
na corrente de río que leva por diante
figuras e batallas
pra deixarme entre os dedos, peneirada
a fina area prata e negra
dunha páxina?



Facelo todo
podo.
A poderosa man do incerto príncipe
termando dun bufón baleiro
é tan só a miña
meu o seu pensar
que flota nas augas coma unha dama florescendo.



EU, príncipe das tebras e da luz,
xiro
e xiro
coma un muíño que agardase nunha páxina
a inmortalidade literaria
a máis ferinte
porque é quen de confundir a memoria das xentes
de facer dun triste muíño
un ser xigante
ao son dun olifante
que nunca soou.



EU, que podo facer deste Aleph a miña casa,
que podo recrear un Amor que dura sempre
-porque trálas perdices, agochado, estaba o sempre,
trála páxina que volver non podo
trála palabra fin,
trálo pano caendo...



EU, fragmento desa area prata e negra
tran préto da marabilla
que me queimo
teño que baixar os ollos ante ti
que non es libro
nin podo abrirte
nin sei lerte
anque sexas máis fermoso que Ulises
e que Lesbia
e que Roland
e Dulcinea



hei de baixar os ollos
e non seguir lendo



hei de baixar os ollos
ante o único fragmento do meu tempo
que non sei como facer


que dure sempre

 

 

 



***

Púlsame o peito e
abráiate de presenciar o desconxelamento estelar máis grande
éntrame na espiral do corpo
víveme o útero.



Aliméntame de grandes espacios pois coido
que sen eles non mido ben a estatura do home
e preciso do cosmos para entender
un silencio que vénme xenéticamente imbuido.



Tócame as costas
e aparta
porque as asas de aceiro poden trabarte o
espírito.
E as gaiolas que lenemente pervirto
admiten o monstro animal
              e a dentamia de arames.



Non me parece mal o hibridismo.
Así que ás veces
                               ramifícome en feras.



Escoita o meu canto.
Agarda



á miña voz sobrevoar a torre.
Non hai mitos que suporten fortificacións tales.



Do meu embigo xurdiu o mundo.
Peitéome na atmósfera.
Climas arrastro nas xemas dixitais


e edifico altura

               potencia

               bestialidade



Días sen comer por verte.
Preparado o sobreagudo
na miña gorxa de prata.




 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega