Pondal e os Queixumes

 

(Texto íntegro)

 

v2manuelferreiropondaleosqueixumes.html

     Eduardo Pondal Abente (1835-1917), o poeta máis culto do XIX galego, publicou Queixumes dos Pinos en 1886, completando a tríade de obras poéticas fundamentais do renacemento galego, despois do buraco negro que supuxeron os Séculos Escuros.
     Nesta súa obra, o poeta bergantiñán reuniu a produción anterior e acrecentou novos poemas, dotando de unidade o conxunto —como nos Cantares Gallegos rosalianos— por medio da composición inicial e última (Polo baixo cantando vs. Polo alto cantando), ficando como derradeiro poema Da ruda pendente, cuxo verso central enuncia a chave do pensamento da lírica pondaliana: os "pasados, futuros destinos" do pobo galego.
     Pois é do pasado, reconstruído miticamente polo poeta, e, sobre todo, do futuro da nación galega que Pondal fala nos Queixumes, desenvolvendo unha liña fondamente patriótica na nosa literatura. O bardo da Ponteceso non é un poeta que se dedique a recrear arqueoloxicamente un pasado mítico dos celtas-galegos en loita cos romanos-casteláns; o propósito explícito de redención maniféstase fundamentalmente a través das composicións bárdicas, que van alén dunha manifestación narcisista do autor, identificado co bardo do pobo galego: a súa poesía é unha proposta de redención nacional, "rexional" na terminoloxía da época, pois, como el mesmo escribe nunha anotación inédita, os Queixumes "son un símbolo que revela un grande propósito latente: o rexurdimento e a redención de Galiza; son, ademais, unha queixa, unha protesta, unha rebelión contra a abrasión e o despotismo casteláns por teren intentado borrar a lingua, os costumes, a alma galega". Esta liña de poesía patriótica verase confirmada nas alusións, entre outras, ás loitas de liberación nacional irlandesa, grega, catalana ou polaca, que se manifestan aínda con máis forza en poemas que ficaron fóra dos Queixumes, obra que representa menos dun terzo da súa creación poética, mesmo sen ter en conta Os Eoas. O Pondal que se mostra na súa lírica "total", en grande parte manuscrita e inédita (que será axiña publicada), é un Pondal máis completo e complexo que abranxe e desenvolve todas as facetas da creación lírica que xa aparecían na obra de 1886: poesía costumista, amorosa, bucólica, elexíaca, política, social, etc., para alén da permanente angustia polo futuro da súa obra, tan maltratada textualmente nas edicións convencionais.
     A través de esquemas simples e adxectivación sobria, mais con complexas elaboracións poéticas, compón unha obra en que o rigor formal e a coherencia ideolóxica se converten nos principios rectores. Noutra anotación inédita, Pondal afirma —e parafraseamos de novo— que "á parte dos nobres pensamentos, o estilo é o éxito: o éxito de todos os grandes poetas (Camões, Tasso, Ariosto, Milton, Byron) radica na elocución e na constante arte e artificio elegante?; todo é un combate, todo é parto laborioso e esforzo obstinado". Así se creou unha obra paradigmática na defensa da nosa lingua: "Antes de que caiás en tanta mingua, / pois que de servos as palabras tedes, / arrancade da boca a propia lingua / para que a vosa lingua non manchedes".
     Esplendentes cultismos e creativos neoloxismos, xunto cun coñecemento profundo do idioma, permitiron que Pondal alicerzase a lingua literaria moderna nunha obra clásica no seu máis profundo sentido: unha obra que fala para nós, para todos os galegos e galegas aínda tendo pasado máis de un século desde que Eduardo Pondal nos legou súa mensaxe, que nada poderá destruír, nin "o decreto de tirano urxente", nin "o fogo nin o ferro", "nin aparente / envidia, nin prisón, nin duro encerro, / nin odio escuro, nin soberbia adusta, / nin a morte, nin longa edá vetusta". Que así sexa.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega