Prémeme o combate

 

(Texto íntegro)

 

n4albertemomanprememeocombate.html

tropézame
mil veces cos peitos no rostro
domíname coa túa confianza
prostitúeme de amizade
rompéndome con forza contra o entorno
a misericordia e a caridade son para os fracasados
e só quero vencerme lonxe da desidia

das túas ondas facerme escravo
para liberarme
sendo máis forte no meu terreo
onde deberei confundirme co Caos
para elixir un destino

onte e hoxe non son nada fóra de min mesmo
onte e hoxe espremo os folgos do meu berce
para continuar rompendo os brazos nas túas eiras
onde o peixe fala o idioma dos anos

faite min sen tregua
sóbranme os azos
porque non levo xa o esquecemento nos golpes
e fun quen de dominar a historia
no seu conxunto

os sen nome perténcenme
xa saín das súas tumbas limpando as bágoas
supéroos pese a que os levo adheridos ás miñas roupas
como un libro aberto

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega