Ritual

 

(Texto íntegro)

 

RITUAL     Un cuarto con fiestra Unhas tesoiras Efectos de maquillaxe Un espello Unha cadeira Unha perruca Unha boneca Unha mesa O día


Un cuarto con fiestra
Unhas tesoiras
Efectos de maquillaxe
Un espello
Unha cadeira
Unha perruca
Unha boneca
Unha mesa
O día
A noite
El


          El, recén saído da ducha, en coiros e cunha toalla na man. Senta na cadeira.

¡Uf. Estou canso. Si, moi canso. Que canso estou!

          Suspiro.

Esta fogaxe no corpo...

          A abanarse coa toalla.

¿Por que terá que vir esta calor?

          Pausa.

¡Vaia! Agora sinto frío.

          Cobre as costas coa toalla.

Non hai deus que o entenda.

          Silencio, suspiro, pausa. Diante do espello.

Teño medo. Medo de min. Este macho que arrastro comigo.

          De pé, mirando o espello, a pintar os ollos.

¿Por que me miras dese xeito ti, eh? ¡Asústasme!

          A maquillarse.

E logo o teu silencio acusador.

          Mentres pinta os labios.

¿Que? ¿Que che pasa agora? ¿Decátaste, eh? ¿Vasme recoñecendo, meu amor? Tal como son, ¿lembras?

          Pondo unhas pestanas postizas.

Si; agora todo está mellor.

          A remirarse no espello.

Xa nin medo che teño.

          Senta na cadeira.

Ao final, home ou muller, ¿que máis ten? ¿A ti que máis che ten?

          Coloca vagarosamente unhas unllas postizas.
          De súbito vólvelle a excitación.

¡Uf! ¡Esta calor! ¡Este tremerme o corpo todo! ¡Esta estraña sensación tan repetida! ¡Este desacougo! ¡Aaag!

          Pasa unha man pola testa, que está húmida.

Teño febre.

          Mira fixamente o espello.

¡Oh! ¡Anoitece!

          Pon a perruca.

¡Como gosto da noite!

          Animándose. Mexe os pequenísimos peitos con ambas as dúas mans, nun xesto de exuberancia.

¡Sen dúbida, esta é a miña noite!

          Ergue. Colle as tesoiras e fai o aquel de seccionar o pene.

¡Sinto como algo novo agroma dentro de min!

          Dá en rir. Toma a boneca no colo, acaríñaa, mexéndoa. A rir. Senta na cadeira.

¡Que gran pracer! ¡Agora véxoo todo distinto! ¡Tan meu!
¡Sempre soñei con ser muller!
¡Sempre soñei con ser nai!
¡Sempre soñei con ser solteira!

          A noite irrompe definitivamente na fiestra e chama a modiño por el ou por ela. Fóra, cadaquén segue a levar a súa carauta.


A Coruña 1988.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega