Romaxe a Santo André de Teixido

 

(Texto íntegro)

 

narcisoluacesromaxeasanandres.html

 


     Foi polo verán. As nosas netas estaban a pasar uns días coa avoa e máis comigo. Xantamos fóra, á sombriña reconfortante da parra. Como na nosa aldea xa non queda xente con quen falar, acordamos ir dar unha volta pola Serra da Capelada e polo Cabo Ortegal.
     Collín o coche e marchamos. No porto de Cariño paramos para dar unha volta por aquela acolledora vila mariñeira. No peirao os pescadores arranxaban os aparellos antes de saír faenar. Nós continuamos camiño do cabo. En San Xiao do Trevo fomos ver a ermida. Estaba ben fermosa; notábase ben o arranxo que lle fixeran.
     Na mesma punta do cabo as nenas non paraban de mirar para o faro. Centos de turistas facíanlle fotos aos Aguillóns. Cada pouco pasaba un pesqueiro que saía faenar.
     A pista para a Garita de Herbeira era estreita e empinada. Atrevémonos. Eu quería que todos puidésemos disfrutar daquela paisaxe impresionante. Chegamos ao mirador e senteime nunha pedra xusto ao pé da Garita. Púxenme a cavilar.
—¿Que ocorre avó?, —preguntou Alba.
—Nada malo, neniña. Estou pensando en que se cumpren agora sesenta anos... hai sesenta anos eu estiven sentado nesta mesma pedra.
     Desde aquela atalaia o camiño de Teixido era un xigantesco mirador. Fomos baixando demoradamente, non era día de presas. Ali, naquel descanso da costa, estaba o vello San Andrés. Estivemos con el. Cando ía sendo noite, tomamos o camiño de volta.
     Axiña que ceamos, recollémonos no salón. Era o lugar perfecto para facer a radiografía da nosa viaxe daquela tarde. Nun momento, estando todos calados, chamounos a atención a palabra decidida de Lea:
—Avó, cóntanos agora a túa viaxe. Antes dixeche que había sesenta anos que foras a San Andrés.
—Sesenta anos, si, miña nena. Sonche moitos máis que sesenta días...
—¿En que íades? Daquela supoño que non habería pistas como as que hai hoxe... A camiñata era longa.


***




     A primeira vez que fun a San Andrés tiña trece anos. Convidárame a ir a tía Providencia, unha irmá de meu pai que casara cun home viúvo moito maior ca ela. Non tiña fillos. Á tía gustáballe moito saír, pero o tío era dos que non lles apetecía nada viaxar. Ela sempre había de buscar algún pretexto para non estar sempre metida na casa. Se ó tío lle atacaba o reuma ou o catarro, aproveitaba a ocasión.
     —Xermanciño, se che cura logo esa tose, o día da romaxe hei de ir a San Andrés e heille levar unha esmola ó santo.
     Deste xeito, cando a tía Providencia saía, o tío Xermán sempre quedaba contento. Setembro é un dos meses de grandes romaxes ó santuario de Teixido. A xente destas terras acostuma facer a romaría polo terceiro sábado.
     A tía quedara en me vir chamar aquel día pola mañá; a nosa casa xa lle cadraba de camiño. Pouco máis facía que amencer cando chegou. Viña na compaña dun grupo de veciños de San Sebastián de Devesos. Ela vivía alí.
     En vez de saír á estrada, seguimos polo camiño de Castela ata Ortigueira. Unha das mulleres do grupo fixera a promesa de visitar as igrexas de todas as parroquias que nos cadraban en camiño da romaxe. Fixera aquela promesa por ver se voltaba o seu home que había máis de vinte anos que marchara para as Américas e nunca máis se soubera del. Non tardamos en chegar a San Paio de Freires, a miña parroquia. Agardábannos os veciños, entre eles o meu amigo Daniel, un rapaz da mesma edade ca min e compañeiro da escola.
     Fomos visitar a igrexa, acompañando a muller que fixera a promesa. O templo é de pequenas dimensións e de construcción moi antiga. Destaca o altar maior, de estilo churrigueresco. Estivemos observando desde fóra a casa onde no pasado estivo o concello ata que esta xurisdición pasou a depender de Ortigueira. Como había que comprir as tradicións, fomos beber á fonte da santa, que queda a pouca distancia do camiño. Logo atopamos a igrexa de Santiago de Cuíña, un edificio de recente construcción, aínda por rematar.
     Na entrada de Santa Marta de Ortigueira, á beira da rúa, atopamos a ermida de Santa María Magdalena. Despois de visitala fomos ata a igrexa parroquial, un templo moi grande, da orde toscana.
     As rúas da vila ían cheas de xente que ía para a romaxe. Mentres os homes foron encher de viño as botas, atopamos un grupo que viña da Nosa Señora das Neves. Acompañábanos un gaiteiro e mais unha rapaza que tocaba o pandeiro. Desde alí xa non nos separamos máis ata que chegamos de volta á casa. Cando os homes chegaron de mercar o viño, collemos pola rúa que vai ó Porto, onde está o antigo Hospital de Peregrinos, e por ali baixamos cara ó peirao.
     A lancha facía a pasaxe ata Fornelos, un pequeno embarcadoiro situado na península de Leixa, da parroquia de San Adrián de Veiga. Collemos polo camiño que pasaba polo alto do monte, desde onde se ve toda a ría e máis o val das dez parróquias que a circundan. Despois de cruzarmos todo o istmo, chegamos á igrexa de San Adrián. Está situada nunha pequena elevación do terreo, é só unha nave e ten tres altares. Seguindo de novo o camino, atopamos a casa onde estivera o concello de Veiga, que coma o de Freires foi absorvido polo de Ortigueira na primeira metade do século XIX. Aínda se conservaba na parede o reloxo de sol. A poucos metros de alí atopamos o escolar: un edificio pintoresco construido cos cartos que mandaran os emigrantes que foron a Cuba. Un de tantos como hai espallados por toda Galicia.
     Deixamos o lugar do Calvario, onde están estes edificios; cruzamos a estrada que vai de Mera a Cariño e comezamos a subir a costa que vai ós lugares da Capelada, da parroquia de Santa María de Régoa. A media costa fixemos un descanso para coller folgos e ó mesmo tempo observar as ruínas do castelo do Casón, onde pacía un rebaño de cabras. Aló no fondo ruxía o río Casón ó caer a auga no pozo do inferno, da que fala algunha lenda que ten boca do Cancerbeiro. No lugar de Viduído, vimos a capela do Socorro Novo. Outro descanso para logo seguir ata a ermida do Socorro Vello. Os rapaces camiñabamos sempre diante da xente maior, a xente nova ten presa en chegar para coñecer cousas novas. Ao chegar a un regato, atopamos unha velliña; estaba rezando ó tempo que miraba para unha sacaveira que estaba na auga. Todos paramos a observar aquel anfibio. A velliña parou co rezo.
     —¡Non lle fagades dano! Que é unha ánima que ven facer a romaria porque está en pena.
     Nós seguimos, a muller quedou alí rezando outra vez. Na ermida do Socorro Vello somente paramos para visitala; o camiño por alí era chao e aínda que facía sol, corría brisa do mar.
     O campo da armada, a última parada antes de chegar a Teixido. Mentres os maiores descansaban, nós collemos polo camiño de Cariño para ir ver a Garita da Herbeira. Daba gusto ver como pacían rebaños de vacas e cabalos bravos naquelas verdes campeiras, rodeadas de penas gastadas pola erosión, a ambos lados do camiño.
     Segundo nos íamos acercando á Garita, eu sentía mais emoción no meu corpo mirando para os acantilados máis altos de Europa. Aló en baixo, o Atlántico; mirando á man dereita o Cabo Ortegal, o mar Cantábrico, a Estaca de Bares, a serra da Coriscada, a Faladora, o monte Caxado, a ría e vila de Ortigueira...
     De volta no Campo da Armada, baixamos pola costa de Ortigueira. Cada un foi collendo a súa pedriña para botar no milladoiro en Teixidelo. Segundo nós fomos baixando, demos en atopar mulleres camiñando axeonlladas apoiadas en dúas varas, cun mulido de trapo envolto nos xeonllos para non os mancar. Logo chegamos á encrucillada onde se xunta o nosa coa Grande de Cedeira, que tamén ía chea de romeiros.
     Chegamos a Teixido. Os rueiros, a ambas beiras, estaban cheos de tenderetes con obxectos relixiosos e de productos de campo. Non faltaban as famosas roscas de San Andrés. Fomos visitar o santo, as paredes de igrexa estaban cheas de amuletos feitos de cera. Había de todo: pernas, brazos, cabezas de toda clase de animais domésticos. Á beira do altar un home cun pequeno na man. Mentres facía o sinal da cruz, dicía:

     "O santo que che deu a enfermedá
     que che dé a sanidá
     polo poder que Dios ten,
     e San Andresiño. Amén"

     Despois achegábao ao devoto para que o bicara.
     Á saída da igrexa baixamos ata a fonte. A xente collía auga dos tres canos coa palma da man para beber. Xantamos nunha pradeira cerca da ribeira. Despois de comer, baixamos por un carreiro, polo medio dos acantilados para coller a herba de namorar e ver máis de cerca as illas Gabeiras e os barcos que pasaban preto da costa. Mentres tanto o mar bicaba sen parar aqueles impresionantes acantilados e agasallábaos con nubes de escuma branca.
     Estaba a esconderse o Sol aló no lonxano horizonte cando chegamos de volta a Teixido. Polo adro e polos rueiros todo era un bulido coa cantidade de xente que alí había. Fomos para a pousada que os maiores se encargaban de buscar mentres nosoutros baixaramos á ribeira. Naquela casa tamén se aloxaba outro grupo de xente de Viveiro e do Barqueiro. A ama mandounos subir a todos para o sobrado, unha sala grande que ocupaba a metade da casa. Alí collemos os sesenta e moitos que éramos, entre os catro grupos.
     Despois de que ceamos, os donos da pousada dixéronnos que arrimásemos os tallos a parede —mesas non había— para bailar. Daniel e máis eu, como eramos novos, dábanos vergonza que as mulleres nos visen bailar e arrimámonos a unha ventá. Nisto van dúas mozas do Barqueiro e sácannos a bailar con elas. ¡Aquelas rapazas tan fermosas! Ensináronnos ben; xa non nos ruborizamos máis e bailamos con cantas alí había.
     Pasaba das tres da madrugada cando rematou a festexada; o amo trouxo feixes de palla para que durmisemos máis agusto que acarón do sobrado. Pero, ¿Quen durmía? Cos contos que a xente deu en contar, deitada sobre aquela palla como o neno Xesús no pesebre cando naceu.
     Pola maná erguémonos e fomos lavar a cara á fonte. Volvemos almorzar, oímos a misa e saímos cara a casa. No Campo da Armada, onde acaba a costa, paramos a descansar. O tempo na Capelada é tan variable que nunca se pode confiar nel. Desde o mar deu en subir pola ribeira arriba unha néboa tan mesta que a poucos metros non se vía unha persona. A xente deu en coller medo a que se botase a chover que saímos todos xuntos camiño do Casón de Veiga.
     No lugar do Casón paramos a xantar. Alí xa desaparecera a néboa. Comemos á sombra dunhas maciñeiras, á beira dun campeiro onde se celebra aquel día a festa dos romeiros. Axiña que xantamos, seguimos ata a estrada de Mera-Cariño e alí despedímonos dos de Viveiro e do Barqueiro. Eles partían cara a Ortigueira e nós cara a Santiago de Mera. Ao pasar a ponte, collemos a estrada que pasa por diante do Pazo do Souto e metémonos polo rueiro da igrexa. Este templo ten forma de cruz latina.
     Volvemos á estrada ata chegar á parroquia de San Claudio. No lugar da Rocha deixamos a estrada e seguimos o camiño da igrexa, un edificio moderno en forma de cruz latina. Feita a visita, seguimos e pasamos por diante do Pazo dos Barreiros e deseguido chegamos ao campo da feira. Coincidía co terceiro domingo do mes. Era día dela.
     Demos unha volta para ver o que había. De novo, collemos ata a igrexa de San Xulián de Senra. Este templo é tamén de construcción moderna. De alí viñemos ata a ponte de Sáa, que cruza o río Maior. Alí hai unha acea.
     Unha vez que pasamos a ponte, xa nos atopamos de volta na miña parroquia. Sob Saído, é o primeiro lugar despois da ponte. Alí houbo un peto das ánimas, onde había unha imaxe do Santo Antonio, pero houbo problemas co cura da parroquia, por culpa das esmolas. O obispado ordenou retiralo e a dona recolleuno para a súa casa. Alí quedáronse Daniel e máis os nosos veciños. Os demais seguimos e collemos a estrada das Pontes ata cerca da nosa casa, onde me despedín deles.
     A tía deume un ramo de roscas para meus pais, o outro lavábao para o tío.


***




     Acabei de lles relatar as miñas impresións daquela viaxe. Lea pediume que llas escribise. Parece que poden completar algo que lle piden na universidade. Espero que lle sirvan de axuda.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega