Sen título

 

(Texto íntegro)

 

n2albertemomansentitulo.html

e na aparente ociosidade daqueles días

morrín

e verdade
debo dicir
morrín por morrer
porque naqueles tempos parecía o único permitido

morrín sen escuras pretensións
como quen bebe a última cervexa
sabendo que é a mortal
a da úlcera

morrín por non levar a estantería na mudanza
e escoitar

     —por que non colles a baca?
     —Oes, non teño como levar a estantería e onde carallo queres que meta a puta vaca!

morrín porque as palabras
liberdade
igualdade
dereito
empezaban a cheirar a morto
e porque non me sentía con ganas de resucitar todo un mundo
polo que ninguén daba xa un peso

morrín
en parte tamén
por que non dicilo
por covardía
porque a costa facíase moi dura
e era moito máis sinxelo pararse a descansar
aínda que fose eterno o repouso

e morrín
porque naquel momento era tan boa idea como calquera outra
e porque quería sentir por un instante
sobre unhas sabas limpas e perfumadas
como o futuro pedía desculpas
por non descubrirse a tempo
ante a inesperada chegada da
vida



sobre o ciclo biolóxico do rei mono
                                   decadencia e morte dun ser natural


consideracións aparte                               á marxe de todo
dime para quen traballas e direiche de que careces

para a fame non existe selección natural
                                            mórrese e basta



segundo milenio do mellor dos mundos posibles

comeza o camiño sen rumbo dos sen fronteiras salvando todas as impertinencias que dende as beiras das diferentes rutas asubían os fabricantes de balados

cantos quedan por cruzar?
desta banda temos fame para uns vinte máis

nestas páxinas caben todos
            así como no meu bandullo

a man que nos guía enfróntanos á luz
ao lonxe
           no horizonte a prosperidade céganos
                     e amiaza con non ser máis que un foco

mamá di que os nenos bos non morren nunca
pero quere dicir que realmente non chegan a nacer
porque bon e malo son termos demasiado ambiguos como para que os deuses podan explicalos sen revelarse
quen son eses deuses que nos falan entre ondas electromagnéticas?
as almas dos nenos bos que morreron inxustamente
a man que nos guía axúdanos na marcha
apurándonos o paso
           a guerra está xa perto
o rei mono camiña por unha autoestrada baleira
a luz ao fondo sinala o sendeiro






Os paseos, as noites, a choiva, o olor da humidade facéndose meu, como a suor, víndome de dentro. A linguaxe das entrañas que me di, afírmame que cada día é diferente, pese á monotonía.

Hai unha combinación de catro palabras que hoxe pode ser inventada, se cadra, poda cambiarlle a vida a un ser que me ignorará por sempre.

Unha forza que me impulsa a buscar o momento, a oportunidade; é a hora de deixar de facer versos e pasar á acción. O vento é a cada intre máis forte, os saloucos das fiestras pretenden intimidarme.

As pombas abandonaron as rúas, é o momento de camiñar tranquilo.

Mentres outros se cobren son vulnerables, podería precipitarme contra as masas coa forza de mil furacáns e facerlles abrir os ollos. As pedras poden deixar de selo, o vidro facerse opaco aos sentimentos e as nais indiferentes ante os sufrimentos das súas criaturas. Todo por ver máis aló dos nomes dos obxectos, como se o abstracto fose tanxible; o té, aínda quente, a sabedoría dos ausentes.






sempre demasiado novo
para atopar un apartamento no centro,
para comer a pasta coas mans
ou rir coa boca moi aberta.

como se di...
saber ou non saber
que cousa comer esta noite
que importante vida salvar do mundo
ou que mundo importante salvar da vida.

estou borracho da cervexa que chove,
hoxe regreso mollado a casa
mañá será a mesma resaca,
na TV aseguran que chove.






o fin vai chegando
os cans asubían como canarios
ao amencer

disputa gañada
dá comezo a inseminación
un pene xigante dirixido cara o cerebro
unha masa visguenta xa preparada
mañá a estas horas
serán outras horas
outro día

o diccionario de verborreas está incompleto
mañá segue sendo outro día
o caso é non levar gholpes

só se permite a autolesión
flaxelación como paso previo
-inmólame cariño, un pouco por este lado,
que empezo a sentir gans de vivir


onde hai terroristas que morren como heroes
e heroes que usurpan a verdade
alí atópase a vellez
e a xuventude camiña a grandes pasos

tira o pano da cabeza
deixa que o sol te queime a fronte
estigma do operario
sen máis vólvete cego á expresión corporal
ás risas
a toda mímica

a guerra comeza no cada día
pero
tan só na consciencia de cada novo día






nas horas entre miseria e miseria


unha chave cravada con forza
nas costas


un oprobio que non recordo


a inconsciente figura paternal que quixen ver
inocente
e que se veu a min con todo o peso
dos electrodomésticos


veña ese corpo
lixado das cinzas do tempo
do traballo
veña esas formas suorosas
esas carnes febles que someter coa forza da
conciencia


recordoo como se estivese acontecendo
lémbrote debaixo de min
aínda durmida
tentando en soños
saber quen presionaba o teu corpo tendido
e eu acomodando as miñas formas ás túas curvas
procuraba confundirme entre os teus muslos
ate que espertaches
e entre xemidos dixeches
non!
pero era tarde
e o meu rostro gravouse
eterno
na túa memoria

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega