Sete veos (Teatro breve visual)

 

(Texto íntegro)

 

v2xavierlamaseteveos.html

     (A caligrafía da danza e a selección musical son fundamentais para a posta en escena deste ensaio teatral, que debería rematar invariablemente nos dous últimos banzos co "Mesías" de Haendel.)

     1.- Entran en escena sete mulleres vestidas cun bikini de coiro negro e cubertas con longos veos escuros. Fan a súa aparición con movementos sinuosos, dunha enigmática elegancia, que evidencian a súa condición de bailarinas de ballet. Os seus pasos traen os ecos dunha danza heterodoxa dos sete veos de inspiración minimalista, que nada ten que ver cun baile de luxuriosos engados. Cada unha leva na súa man dereita unha bandexa e en cada un deses recipientes vernizados co brillo da prata pódese ver unha candea que chora cera manchada de sangue, ou dun simulacro de sangue, e un olIo xigantesco escrutador e absorto.

     2.- Aparece un arlequín de mirada ensoñadora cunha serpe enrodelada no pescozo. Vai acendendo as sete candeas cun aceno melancólico, mentres as mulleres seguen tecendo o seu baile demorado.

     3.- Retírase o arlequín e entra en escena un home sinistro vestido de negro con longo abrigo ou gabán. Leva nas mans unha gaiola cun paxaro disecado de ás estendidas nun voo interrompido. Xírase e no dorso do gabán pode lerse a palabra TAXIDERMISTA con grandes caracteres. Despois vai apagando con solemnidade as candeas das mulleres e estas irán caendo nun movemento cinético de ballet coidadosamente acompasado e espiritualizado.

     4.- 0 home sinistro retírase e chegan catro monxas, cada unha delas cunha banqueta na man que remata en forma de labios vermellos tallados na madeira. O efecto inicial é que as catro relixiosas fan a súa aparición cos catro grandes beizos nas mans. Sitúan as súas banquetas diante das mulleres esbarrancadas no chan e quedan mirando cara ás alturas nunha posición da abraio que parece transportalas a unha éxtase mística un chisco paródica.

     5.- Do teito, ou tal vez do ceo, despréndense catro sogas co nó dos suicidas perfectamente disposto e van quedar xusto diante das freiras. Simultaneamente unha chuvia de pétalos vermellos cae sobre elas, que seguen en éxtase, como se do ceo chovesen bágoas de sangue.

     6.- Dous trompetistas fan a súa aparición, un a cada beira do escenario. Son quizais trompetistas bíblicos e o seu instrumento ha desprender fume mediante un truco eficaz. Tocan a trompeta durante uns segundos e, acto seguido, as monxas soben ás banquetas, ou o que é o mesmo, ós labios de vermello lascivo. Quedan alí empoleiradas gardando unha simetría perfecta fronte ás sogas.
     Por uns intres, a música faise máis intensa.
     O home sinistro entra con ar atlético e entrégalle a cada unha delas unha navalla de barbear aberta e coa folla relucente. Parece que vai deixando nas mans de cada unha un obxecto sagrado con ritual unción. Despois colócalles a soga no pecozo con impecable ademán.
     No escenario faise un ambiente de tebra misteriosa e magnética. De seguido proxéctase nunha pantalla situada ó fondo a secuencia xa case tópica de "O can andaluz" de Luis Buñuel, na que unha navalla secciona o olIo dunha muller.
     Escuro.

     7.- Cando volve a luz, as catro monxas teñen un parche de bucaneiras celestiais cubríndolles o olIo esquerdo e uns fíos de sangue esvaran nesa parte do rostro como as delicadas pegadas dun sacrificio poético.
     De alí a un pouco, as catro empurran as banquetas e os efectos ópticos propios do teatro negro hannos permitir ver que consuman o ritual do sacrificio cun berro afogado que soa a voluptusoso desafogo.

     8.-Vaise iluminando a escena e as sete mulleres do bikini negro regresan do soño ou da morte. Incorpóranse cun movemento coreográfico que ten o efecto dun rexurdimento auroral. Descolgan das súas cordas ás monxas suicidas, que parecen revivir con acenos escordados ata gañar a posición de erguidas. Logo todas elas, mulleres de hábitos e mulleres voluptuosas, executan un baile ritual que comeza sendo sincopado e acaba por converterse en danza frenética e liberadora, mentres caen do ceo chapeos negros en forma de fungos. Fai a súa aparición o arlequín e compón unha estampa de melancólica soidade en medio da esmorgada danzante.

     9.- Unha raxada ou descarga de metralleta creba a música e deixa a escena a escuras. Non se escoitan berros, tan só os disparos que tradean a noite durante uns segundos. Uns intres de silencio sepulcral e o roído do agallopar dun cabalo ferido polas présas.

     10.- Cando volve a luz, as mulleres despareceron e asoma a figura do home sinistro co seu gabán negro, o chapeu-fungo negro e unha máscara negra cubríndolle o rostro. Unha lúa bicuda e leitosa perfílase no fondo.
     Escóitase o rumor dos embates do mar contra da costa e máis tarde o eco dun trono distante. De seguido óese o rincho cada vez máis próximo de varios cabalos que proceden do fondal da noite como se viñesen chamados polo cabalo ferido.
     En escena aparecen dous jockeys con ás brancas de anxo e déixanlle unha mensaxe nas mans ó home sinistro. Trátase dun fragmento dun poema de Jean Arp, que unha voz monótona recita en off mentres a negra figura segue atentamente a lectura do texto. Despois el mesmo volve recitalo nun encadeado de voces:

A fin do aire
e a fin do mundo
son redondos coma globos,
pero mentres a fin do mundo
está sentada no seu asento pregable
a fin do aire salta
desde unha árbore de torneos
ata unha gaiola baleira
que revoa no branco
.

     Logo o tipo de negro cínguese ó pescozo a única soga dos suicidas que segue pendendo do teito. Apértaa e berra a xeito de invocación dúas ou tres veces:

¡Sálvanos, Magritte!

     As mulleres do bikini e dos veos corren ó seu carón e quédano mirando cunha curiosidade irónica.

     11.- El arrinca a máscara negra e debaixo aparece unha caveira con dous ollos brillantes. Queda inmobilizado e convertido en títere xigante, preso da corda que continúa frouxa, como se o suicidio fose unha tentativa de liberación imposible. As mulleres compoñen un xesto lascivo e faise a escuridade.

     12.- Escóitase o son dos cabalos retornado cara á noite e despois un lóstrego escordado atravesa o escenario.
     Na pantalla do fondo proxéctase a seguinte escena:
     Vese unha gaiola grande e no seu interior hai unha bandexa prateada que contén a caveira cos ollos desorbitados e un globo branco que revoa. Alguén abre a porta da gaiola e cunha navalla de barbear faille unha incisión ó globo, que estoupa.
     Cae o pano.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega