BVG Atrás |
"Son a selvática serpe lamacenta, recuberta..." |
||
|
(Texto íntegro) |
|
v4lucianovasgarrido.html
SON a selvática serpe lamacenta, recuberta
de obsidiana, de lava candente;
son a malísima feiticeira que agocha
a súa beleza entre sabugueiro e fento,
a que traballa de sol a sol para gañar
millo
e especias,
a das mans con calos e terra
de laboura intensa;
son a que goza do amor en montes bravurentos,
a que axuda ás poldras
a parir;
son a que devorou a mazá, a que encarnada
de desexo
inxuriou
o poder establecido;
son a que se inunda de arroz, de fariña
e plenilunio;
son a que cría, a que alimenta, a que agarima,
a que ergue
espadanas neste mundo;
son o monstro de tentacións e pecado, son a
letra
escarlata
de pavo e calacús (terror enfeitado
de lenda):
son a que camiña soa entre os areeiros
herbosos;
son a do aquelarre, o mito
que carga coas maldades; a gata voluptuosa,
sensual e indecente, a danzarina núa
que enche os corazóns
e é desprezada;
son Salomé, Lilith, Eva, Dalila (a mala,
a alimaria);
son a aldraxada, a violada, a vexada, a
pura, a infeliz, a apreixada entre gadoupas
brancas.
Son
unha muller.
|
|
|
© 2006 Biblioteca Virtual Galega |