Solidariedade occidental

 

(Texto íntegro)

 

v2singalasolidariedadeoccidental.html

     Cando o pequeno George Jr., fillo de George e Ruth Lambert, consumidores e cidadáns de Davenport, Iowa, Estados Unidos de Norteamérica, cumpriu os dous anos, os seus pais consideraron seriamente a posibilidade de procrearen un novo membro para a súa unidade familiar. O feito ofrecía, entre outros atractivos, importantes vantaxes fiscais.
     Tras poucos meses de infructuosas tentativas, e logo da consulta en alarma crecente a tres xinecólogos distintos, descubriron que no hospital onde atenderan á señora Lambert no parto do seu fillo George, ademais de extraérenlle o bebé mediante cesárea, tamén lle extirparan a matriz, e con ela, por suposto, toda posibilidade de nova concepción.
     Segundo o doutor responsable da área de obstetricia do Davenport Medical & Surgery Hospital, resultaba incomprensible tal feito, e imperdoable desde calquera punto de vista que os servicios administrativos do hospital omitiran o detalle de informaren ó matrimonio de tan sensible perda.
     Os Lambert, aconsellados por un avogado de podrecida reputación (e perdóesenos a acumulación de redundancias) concibiron unha querela criminal que a penas chegou ó estado embrionario de preito, e que nunca xerou o xuízo pertinente dado que foi eficazmente abortada polo equipo xurídico do hospital. O dito aborto concretouse para os Lambert nunha indemnización dun montante próximo ó medio millón de dólares, unha vez descontados os impostos e maila obesa minuta do avogado.
     O mesmo letrado, uliscando o novo poder adquisitivo dos seus clientes, suxeriulles a idea de adoptaren a nova criatura que tanto desexaban e que nunca poderían concibir por eles mesmos. E dado que os trámites de adopción son longos, tediosos e complicados nas democracias occidentais, o avogado deixou entrever a posibilidade de axilizalos de forma notable se os Lambert se mostraban xenerosos cos cartos e pouco escrupulosos en canto ás orixes do neno: todo se simplificaba enormemente de se conformaren cun americano de segunda categoría, isto é, cun sudamericano.
     Tras un intenso conciliábulo familiar, que se estendeu incluso máis aló dos dez minutos de intermedio do seu concurso favorito da televisión, George, Ruth e George Jr. Lambert acordaron democrática e esmagadoramente (dous votos a favor e o voto nulo por inintelixible de George Jr.) adoptaren un neno do sur do Río Grande.
     En a penas dous meses o avogado xestionou o necesario, tramitou o pertinente, falsificou o esencial e subornou o imprescindible para conseguir a plena satisfacción dos seus clientes. Durante a entrevista que Ruth e George mantiveron con el, ecoou nas súas mentes por uns segundos a palabra "secuestro", que de feito foi pronunciada como de pasada polo letrado. Sen embargo o resón apagouse axiña afogado polo discurso grandilocuente sobre a solidariedade cos desfavorecidos e as indubidables vantaxes de educar un neno no seu grande país, berce das liberdades, crisol dos dereitos, faro do mundo...
     O traballo do avogado fora eficaz e feito a conciencia, de xeito que con civilizada asepsia puideron escoller incluso os trazos físicos da nova criatura. Optaron pola pel clara e o pelo loiro. Se ben iso incrementaba sensiblemente o desembolso, non rechamaría tanto á beira do seu pequeno, branco e loiro George Jr. Como contrapartida escolleron unha nena, que resultaban máis baratas. O letrado quedou de avisalos en canto fose posible localizar unha criatura con esas características, e a penas tardou un mes en facelo.
     A empresa, se ben non comportaba riscos aparentes, era incómoda. Debían trasladarse todos ata un deses atrasados países centroamericanos cos cartos en metálico e os papeis da futura descendente xa falsificados. O regreso da familia ó completo non espertaría sospeitas nos funcionarios da alfándega, mentres que a introducción da nena de modo independente implicaba maiores dificultades.
     Cando o avión despegou, os Lambert non puideron deixar de sentir un breve calafrío: por un lado iniciaban unha aventura incerta, azarosa, mesmo temeraria para eles, que nunca se expuxeran a maiores riscos cós derivados da visita a algún parque temático; polo outro, o aire acondicionado era en verdade efectivo na clase preferente daquela compañía. O voo desenvolveuse sen sobresaltos dignos de mención, agás as series concatenadas de espirros do pequeno George Jr. Sen embargo, trala aterraxe, o contacto inicial co terceiro mundo foi brutal: no aeroporto carecían de fingers e os Lambert deberon salvar a pé, baixo o sol abrasador do anoitecer, os vinte metros que separaban o aparello da terminal.
     O avogado non se reuniría con eles ata dous días despois. A súa intención inicial de dedicaren eses primeiros días ó turismo viuse frustrada xa a primeira mañá en que saíron do hotel: a cidade ulía a ñame, a papaia, a mandioca e ananás, carecía por completo de centros comerciais e estaba habitada por persoas morenas, de ollos e cabelo escuros, todas elas de aspecto delicuescente. A señora Lambert, dando media volta, dictaminou que o hotel, pertencente a unha cadea norteamericana, sería o único que pisarían os seus pés. George, nun alarde de valentía que case lle custou un enfado coa súa muller, decidiu aventurarse ata unha distancia aproximada de cen metros do hotel. Regresou suado e escandalizado polo caos incomprensible que gobernaba aquela aglomeración humana. Cumpríronlle varias horas ininterrompidas de visionado da CNN para recuperar a súa saxona estabilidade emocional.
     O letrado presentouse puntual á cita e atopounos no vestíbulo do hotel, preparados para saíren á aventura. Dado que debían trasladarse primeiro nunha avioneta e logo varios quilómetros a pé por unha zona selvática e pantanosa, acordaran que a equipaxe quedaría reducida a un único vulto. E así era, o señor Lambert, calzón curto e disfrace de explorador, sostiña con dificultade na man unha desproporcionada e ríxida Samsonite de cor malva, e no colo ó fillo de ambos, vestido coma el pero en talla infantil. Ruth, pola súa parte, escollera para a ocasión un modelo fresco, informal, de Karl Lagerfield, confeccionado en seda salvaxe e de corte recto, cun escote palabra de honra que segundo ela evitaría que o sol lle imprimise na pel as marcas dos tirantes. Como únicos complementos un minúsculo bolso de estilo casual e uns zapatos de discreto tacón a xogo coa maleta que portaba o seu marido. A única concesión ós rigores do sol tropical era a viseira dos Chicago Bulls, de rechamante cor vermella. Por fortuna para todos a avioneta non estaría lista para voar ata o mediodía, e aínda así ó avogado cumpriulle o tempo para dalos convencido do inadecuado da súa vestimenta así como da pertinencia de substituíren a perfecta Samsonite por un simple macuto de lona. El mesmo tivo que achegarse ata un mercado de rúa e adquirir unhas camisetas e uns vaqueiros de tallas aproximadas para os tres membros da familia.
     A viaxe no vetusto aeroplano transcorreu cun pacífico aire de excursión opcional de paquete turístico. De súpeto, pouco antes de iniciaren o descenso e cando aínda sobrevoaban unha zona palustre, o aparello tusiu un par de veces e tras un alarmante espirro convulso precipitouse ó chan entre os afogados estertores do motor e o estarrecedor alarido da señora Lambert. O piloto tentou aproveitar o planeo do aparello para dirixilo a unha zona pantanosa, co obxectivo de amortecer a colisión. Cando impactaron contra a auga lodosa o piloto asía con firmeza os mandos do aparello, o avogado agarraba nun gromo de pánico o seu propio maletín, George suxeitaba protector ó seu fillo e a señora Lambert aferrábase á idea de que resultaba inverosímil morrer así, vestida de mercadillo.
     Ela foi a primeira en recobrar a consciencia, alarmada polos choros do neno. Axiña comprobou con satisfacción que o seu pequeno non só seguía vivo, senón que resultara milagreiramente ileso. A situación na cabina era, polo demais, desoladora. Aliviada verificou que o seu marido, inconsciente e coa auga ó nivel do peito, aínda respiraba. O piloto e o avogado, que ocupaban os asentos dianteiros, ou morreran a causa do impacto ou afogaran despois, xa que a auga cubría por completo os seus corpos. Ela mesma estaba mergullada ata as axilas, e o cinto de seguridade a penas lle permitía moverse. Non foi quen de quitalo, malia as tentativas. O señor Lambert acordou ó pouco rato, queixándose de fortes dores nunha perna que permanecía presa entre o seu asento e a fuselaxe do avión. Por fortuna a mochila cos seus efectos persoais, que aboiaba ó seu carón, contiña algo de comida e con ela calmaron ó pequeno. Eles mesmos intentaron infundirse ánimos dicíndose que axiña aparecerían os equipos de rescate. De todos modos alarmábaos a evidencia de que o nivel da auga ascendía de vagar: os restos do aparello parecían ir afundíndose ós poucos no fondo lamacento daquela lagoa beirada de mangleiros.
     De repente Ruth lanzou un berro, acababa de ver ó lonxe como se aproximaba a eles unha canoa con dúas figuras a bordo. Estaban salvados e probablemente a indemnización que poderían esixirlle á compañía aérea sería cuantiosa.
     Cando a embarcación se lles achegou e aqueles homes abriron o portelo da avioneta, George e Ruth estaban tan contentos e agradecidos que mesmo ela sería quen de bicar ós seus rescatadores. Primeiro ca nada, o neno, que o puxeran a salvo na canoa, xa despois se vería o modo de sacalos a eles de alí. Quizás esa euforia polo que crían un salvamento inminente foi a que lles impediu comprender a tempo a verdade, algo que só alcanzaron a entender cando xa os dous homes se afastaban levando consigo ó pequeno George Jr. e oíron que un lle dicía ó outro: "Branco, loiro, e varón, é perfecto, estes son os que mellor se pagan"

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega