Verbas á mocedade galega

 

(Texto íntegro)

 

m2emiliopitaverbasamocedadegalega.html




     Estamos en prena liquidación das teorías. O paso da teoría á acción, de que falou Carlos Radek, é unha realidade viva, un síntoma social, un fenómeno de hoxe. Isa realidade sintomática, ise trasplante teórico, estase producindo nas novas concencias galegas. Temos chegado ao punto onde non valen retrocesos, onde, pola contra, é mester erguerse dunha vegada. No ano 1842 escribía Feuerbach, que o pensamento está condicionado polo ser, non o ser polo pensamento —conceición básica da interpretación materialista da historia, que atopa precisión matemática, no problema secular do home galego. 
     Chegou agora, pra a nosa mocedade o momento áIxido da acción: condicionar o ser galego co pensamento galego. Tócanos probar que os mozos de Galicia somos auténticos homes de Galicia. Está en xogo a nosa capacidade comprensiva, i está en xogo a nosa terra. O plebiscito, que vén representar o conquerimento da nosa diñidade de pobo autóctono, é un feito. Fagamos que o sexa tamén a nosa libertade. Temos sobre nós, mocedade de Galicia, a responsabilidade meirande dista época a capacidade xuvenil; e temos adiante dos ollos o momento máis tráxico porque pasou a Terra. Fagamos disa responsabilidade e dise momento —problema dual— un solo problema.
     Si tivemos forzas pra botar lonxe de nós, as lendas míticas e os sofismas ancestrales de xeneraciós que nos afogaban co criterio cerril dunha ética pobre, dunha tradición recendendo a alcanfor, dunha noxenta mentalidade conservadora, témolas tamén pra desfaguer aos que se opoñen, con inconscencia rutinaria e poberiña, ao noso rexurdimento, aos que se deitan na mitade do vieiro; aos que se manteñen na posizón obliterada do home-masa; aos burócratas deracinés; aos señoritos de chamelo; aos humoristas do galeguismo, aos que, dirémolo con verbas de Clarín, profetizan o pasado.
     Temos que traer a nova mecánica política; temos que vir cun novo senso revolucionario. Erguer aos que pagan as contribuciós máis outas ao Estado; aos que sosteñen as rendas meirandes; aos donos paradóxicos dunha terra que non é súa; aos productores de artigos que o poder afoga; aos que bulen a súa fame por rúas e vilas, aos que esmorecen pola pouta abafante de tódolos gobernos. Erguelos nunha soia arela, nun soio esforzo, nun derradeiro sagrefizo.
     O problema capital de Galicia, non é xa problema de gabiñete. O problema capital de Galicia, deixou de ser combate puxilístico e verbal, entre a escola histórica e a escola filosófica. O galeguismo deixou de ser teoría, auto misterioso, cuchicheo de café. O Problema de Galicia, nestos momentos, é un problema de diñidade, un problema de fame. O galeguismo é a arma táctica i estratéxica. A mocedade galega temos a obriga de botar, neste armesto antigalego, a nosa voz limpa e nova, abrindo as fenestras cara ao mundo e tirar fóra iste pechado recender á alcoba de vello caserón vilego.
     Galicia sofreu e agardou. Xa é hora de non sofrir máis nin agardar máis. Pasamos moito tempo pedindo e agardando. Pedindo o que é noso a un Estado Centralista coa monarquía, absorbente coa Repúbrica. Temos prena concencia do que pedimos. O noso pobo que ten prena concencia do que pide é un pobo vital, e un pobo que sinte a súa íntima vitalidade, non pode deixar morrela. As reivindicaciós que arelamos e vislumbramos, témolas que conquerir nós.
     Galicia é a xeneración que soupo darlle a súa tónica, o seu matiz de espresión; que soupo erguela á categoría social de pobo autóctono de contido universal. Galicia é ise fato heroico de homes que recolleron o herdo dos devanceiros oitocentistas, patriotas románticos, espallando por un camiño escintilante de posibilidades, modelando o sentimento galego con mans manseliñas.
     Pro a nova Galicia, é a nova mocedade; son os rapaces de hoxe, os que terán, co tempo, os destiños da Terra. A nosa acción, diáfana e dinámica, perfilada ao futuro, é o percuro de forzas pra engrosar a lexión xuvenil, deica trocar, como dixo Curros "nunha gran xuventude de estrelas, esta gran xuventude de sapos".
     Traigamos unha nova mecánica política, deixemos a nosa impronta primixenia, veñamos cun novo senso revolucionario. Botemos a andar por tódolos camiños da terra, levando a nosa voz limpa a tódalas concencias. Espertemos o seu rencor mudo, o seu odio reconcentrado. Veredes que o rencor e o odio, mudo e secular, se trocarán en vida palpitante, en ecos de loita. Matemos as teorías do sentimentalismo. ¡As masas avanzan!, decía Hégel xa fai moitos anos. Os galegos inda non escomenzaron o seu avance. 
     Chegou pra a mocedade galega o momento álxido da acción. Temos sobre nós a responsabilidade meirande dista época. Os cruceiros de tódolos camiños arelan darnos a súa aperta de pedra. 
     Conquiramos pra os galegos o poder de Galicia.


Galicia, 1-10-1933

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega