O Castelo de Irás e non Volverás

 

[Texto íntegro]

 

v3xoanbabarrosonsonetinho.html

 

     Conto para animación á lectura d'Os feitizos de Medea1

 

 

 

     Aló nos tempos en que os animais falaban...
había un rapaz que lle chamaban Bernaldo. Vivía nunha aldea pequeniña rodeada de fragas e montañas. Gustáballe moito andar dacabalo e correr polas fragas cos amigos.
O Bernaldo vivía nun castelo co pai, coa nai e cunha irmá. O pai era moi rico e gustáballe moito xogar ás cartas nos bares apostando diñeiro. Pero sempre perdía. E, un día, tanto xogou, que o perdeu todo. Entón entroulle unha pena moi grande.
- Que vai ser de min! -queixouse-. Non poderei seguir xogando, e o peor é que non me quedan cartos para comprar nin un bocado de pan.
Nestas, abriuse de súpeto a porta e entrou un home que levaba unha capa negra que lle chegaba aos pés e un sombreiro que lle tapaba a cara. O home faloulle así:
- Se me prometes unha cousa, volverás ser rico.
- E que queres que che prometa? -contestoulle el.
- Que o teu fillo veña ao meu castelo.
- E cal é o teu castelo?
- É o Castelo de Irás e non Volverás.
- Pois prométocho... Ti faime rico e o meu Bernaldo irá ao teu castelo.
E desde aquel momento, empezou a gañar tantos cartos, que en poucos días volveuse millonario.
     Cando o pai chegou á casa non sabía como dicirlle o recado ao fillo. Pero este, ao velo tan preocupado, preguntoulle:
- Papá, que che pasa?
- É que me encontrei cun home que me dixo que nos volvería millonarios se ti o ías visitar ao Castelo de Irás e non Volverás.
- Por iso non te preocupes. Agora mesmo preparo as cousas e emprendo a viaxe.
O Bernaldo encheu unha bolsa de comida e deulle unha aperta aos pais e á irmá para despedirse.
- Vas ir a pé?
- Non, vou ir no cabalo que corre máis.
E, catacroc!, catacroc!, catacroc!, foise afastando da casa a galope. Pero os pais, por moi ricos que se convertesen, quedaron moi tristes, xa que pensaban que o seu fillo endexamais voltaría.
     Ao cabo de sete días de camiño, o Bernaldo viu unha casiña no cume dunha montaña. A porta era azul e a cheminea rozaba as nubes. Cando chegou onda ela, o rapaz baixou do cabalo e petou cos cotobelos.
- Quen chama? -contestaron desde dentro.
- Son Bernaldo!
Entón abriu a porta un vello velliño, cunha barba longa que lle chegaba á cintura. Este, que era o rei dos animais da terra, díxolle:
- Que queres?
- Pois é que ando á busca do Castelo de Irás e non Volverás. Poderíame vostede dicir por onde se vai?
- Nunca oín falar dese castelo. Pero, se cho parece, preguntarémosllelo aos animais da terra, que eles poden sabelo.
Pero antes de chamar polos animais, o vello convidouno a almorzar leite con pan, e o Bernaldo aceptou, porque levaba fame.
A continuación, o rei dos animais subiuse a unha pedra e empezou a tocar un tamboril:
- Rataplán! Rataplán! Rataplán!
Un agora e outro despois, decontado se xuntaron os animais.
- Xa estades todos? -preguntou.
- Falta o sapoconcho! -dixo o león.
- Non tal! Estou aquí -berrou a tartaruga botando a cabeza por debaixo dos pés do rei.
Todos se riron ao darse conta de que o rei non se subira a unha pedra; subírase a un sapoconcho.
- Calade! -berrou o vello-. Alguén de vós sabe onde está o Castelo de Irás e non Volverás?
Pero os animais, sen diciren nada, miráronse e engruñaron os ombreiros.
- Pois, se non sabedes, xa vos podedes ir.
O Bernaldo, un nadiña triste, deulle as grazas ao rei, montou no cabalo e, catacroc!, catacroc!, catacroc!, arredouse da casiña da porta azul.
     Ao cabo de sete días de camiño, o Bernaldo viu outra casiña no cume doutra montaña. Tiña as ventás amarelas e unha cheminea que parecía tocar as estrelas. Cando chegou onda ela, baixou do cabalo e petou de novo cos cotobelos.
- Quen chama? -berraron desde dentro.
- Son Bernaldo.
Moi pronto abriu a porta outro vello velliño. Este tiña a barba que lle chegaba aos xeonllos. Era o rei dos peixes do mar.
- Que queres? -díxolle.
- Pois é que ando á busca do Castelo de Irás e non Volverás. Poderíame vostede dicir por onde se vai?
- Nunca oín falar dese castelo. Pero, se cho parece, preguntarémosllelo aos peixes do mar, que eles poden sabelo.
E, como xa era mediodía e o Bernaldo aínda non probara bocado desde a mañá, o rei dos peixes convidouno a xantar e o rapaz aceptou e comeu todo axiña, porque tiña moita fame.
     Unha vez que o Bernaldo xantou, foron á beira do mar. O rei dos peixes subiuse ao alto dunha pedra e empezou a tocar a trompeta.
- Tururú!! Tururú! Tururú!
Un agora e outro despois, foron chegando os peixes e os outros animais do mar.
- Xa estades todos? -preguntou.
- Falta a balea! -dixeron as sardiñas.
- Non tal! Estou aquí! -contestou a balea ao tempo que lanzaba un cicho de auga cerca dos pés do vello.
Todos se botaron a rir, porque o rei estaba subido a unha balea e non a unha pedra, como antes pensaban.
- Calade a boca e dicídeme se sabedes onde está o Castelo de Irás e non Volverás?
Eles miráronse uns aos outros abrindo os ollos e poñendo cara de non ter nin idea.
- Pois logo, xa vos podedes ir -ordenoulles o rei.
O Bernaldo volveuse poñer triste, porque ninguén sabía onde estaba o castelo. Pero, como tiña que continuar buscando, deulle as grazas ao rei dos peixes do mar, montou no cabalo e, catacroc!, catacroc!, catacroc!, arredouse da casiña das ventás amarelas.
     Ao cabo de sete días de camiño, o Bernaldo viu de novo outra casiña no cume doutra montaña. Tiña o tellado vermello e a cheminea chegaba ata o ceo. Ao chegar onda ela, o mociño baixou do cabalo e petou na porta.
- Quen chama? -berraron desde dentro.
- Son Bernaldo.
Moi pronto abriu a porta un terceiro vello velliño. Este tiña a barba que lle chegaba aos pés. Era o rei das aves do ceo.
- Que queres? -díxolle.
- Pois é que ando á busca do Castelo de Irás e non Volverás. Poderíame vostede dicir por onde se vai?
- Nunca oín falar dese castelo. Pero, se cho parece, preguntarémosllelo ás aves do ceo, que elas poden sabelo.
Pero xa estaba sendo de noite e o Bernaldo aínda non ceara. Así que o rei das aves do ceo deulle caldo e pan para que se fartase. E como xa se fixera de noite, en lugar de ir preguntarlles ás aves, fóronse deitar.
     O día seguinte, á mañá cedo, o rei das aves do ceo espertou a Bernaldo. Este lavou a cara, almorzou e saíu da casa. O rei, igual ca os anteriores, subiuse a unha pedra e empezou a tocar a frauta:
-Tiroliro! Tiroliro! Tiroliro!
Un agora e outro despois, comezaron a chegar as aves grandes e os paxariños máis pequenos.
- Xa estades todos? -preguntou.
- Falta a aguia! -dixo o loro.
- Onde estará a aguia -preguntáronse.
- Anda a cazar, porque sempre ten fame -respondeu o loro.
- Pois vaina buscar e dille que veña decontado.
- Alá vou! -berrou o loro ao tempo que empezaba a voar.
Todos permaneceron no sitio. E cando pasou unha boa miga e a aguia e o loro non aparecían, empezaron a cansarse de tanta espera. E mesmo estaban decididos a marchar, se non é porque ven alá ao lonxe dous puntiños polo aire. Os dous puntiños foron medrando ata que neles descubriron a aguia e o loro que se aproximaban.
     Ao chegaren, a aguia pousouse no alto dun penedo e o loro pousouse no ombreiro do rei das aves.
- Xa chegamos -díxolle o loro.
- Moi ben! -contestou o rei, antes de se dirixir a todos-. Pois agora o Bernaldo vaivos preguntar unha cousa. Escoitádeo ben!
O rapaz subiuse a unha pedra e os paxaros estricaron o pescozo para sentilo mellor.
- Ando á busca do Castelo de Irás e non Volverás. Saberedes por onde queda ese castelo?
Miráronse uns aos outros e, ao que pasou un cachiño, dixo a aguia.
- Eu teño andado a cazar moitas veces por onda ese castelo.
- Ai si? E onde está?
- Está da outra banda do mar.
- E como poderei chegar onda el? -seguiu preguntando o Bernaldo.
- Teríate que levar eu -aclaroulle a aguia.
O rapaz púxose moi contento, porque, por fin, había alguén que sabía onde estaba o castelo que buscaba.
     A aguia, para ter máis forzas, fartouse de comida e díxolle ao mociño:
- Monta!
O Bernaldo, dun salto, montouse sobre a aguia e esta botou a voar con el ao lombo.
Comezaron a atravesar o mar. Por debaixo deles todo era auga e mais auga. Non se vía ningunha outra cousa. Despois de voaren un día enteiro, preguntou o mozo:
- Aínda non chegamos?
- Aínda non -contestou a aguia, e continuou voando.
Auga... e mais auga... e mais auga... Non se albiscaba ningunha outra cousa. Ao levaren voando xa dous días, volveu a preguntar o mozo:
- Aínda non chegamos?
- Aínda non -repuxo de novo a aguia.
Auga... e mais auga... e mais auga... Non se dexergaba máis nada. Nestas, xa levaban tres días de voo e como ao Bernaldo lle rendía o tempo, volveu coa mesma:
- Aínda non chegamos?
- Ai, agora si -confirmou a aguia moi contenta-. Ves aquela casiña?
- Vexo -contestou el.
- Pois agora tes que ir alí e preguntar onde está o Castelo de Irás e non Volverás.
A aguia pousouse para que o Bernaldo se apease e enseguida engalou de novo deixándoo alí só.
     Cando o rapaz perdeu a aguia de vista botou a andar cara a aquela nova casa. Era unha casiña moi bonita. Tiña flores no xardín, nas fiestras, na terraza, na galería... El achegouse á porta e tocou unha campaíña.
- Quen chama? -dixeron desde dentro.
- Son Bernaldo! -respondeu.
Pouco despois saíu unha vella velliña que xa non tiña ningún dente. Enxugou as mans nun pano e preguntoulle:
- Que queres?
- Quérolle preguntar unha cousa.
- A ver logo. Pregúntama -contestoulle moi interesada.
- Que terei que facer para chegar ao Castelo de Irás e non Volverás?
- Éche moi fácil -aclaroulle-. Tes que ir á beira do mar ao lugar onde se bañan a diario as tres fillas do rei. A máis pequena hate acompañar.
- Ai, grazas! Canto llo agradezo! -repuxo o Bernaldo.
     Entón, foi cara á beira do mar e escondeuse detras dunha matorreira para que non o vise ninguén.
De alí a unha miga, chegaron as tres fillas do rei. A máis grande deixou a roupa debaixo dunha árbore moi alta e meteuse na auga. A mediana deixou a roupa debaixo dunha árbore pequena e meteuse tamén na auga. E a filla pequena deixou a roupa debaixo dunha matorreira e meteuse na auga en terceiro lugar. Pero ningunha das tres se decatou de que Bernaldo estaba acochado moi cerquiña.
Mentres se bañaban, o rapaz agarrou un zapato da filla pequena e volveuse acochar detrás da súa matorreira. De alí a unha miga, a filla grande saíu da auga, vestiuse, calzouse e marchou. Despois saíu a filla mediana, vestiuse, calzouse e tamén marchou. E, en terceiro lugar, saíu a filla máis pequena, que se chamaba Rosa. Esta vestiuse coma as dúas irmás maiores, pero, cando se ía calzar, viu que lle faltaba un zapato.
- Ai, perdín un zapatiño! -lamentouse.
Cando o Bernaldo sentiu isto, saíu do escondedoiro e deulle o zapato. Ela púxose entón moi contenta; en cambio, el seguía moi preocupado.
- Que che pasa, que estás tan preocupado? -preguntoulle Rosa.
- É que ando á busca do Castelo de Irás e non Volverás e non o dou encontrado.
- Pois eu sei onde está.
- Ai si! -dixo el moi contento-. E por onde se vai?
- Ti ven canda min.
E os dous comezaron a camiñar xuntos cara ao Castelo.
     De alí a unha boa miga de camiño, o Bernaldo e a Rosa chegaron ao Castelo de Irás e non Volverás. Era un castelo enorme, cunhas torres altísimas. Unha vez onda a porta, a Rosa petou.
- Quen peta? -preguntaron desde dentro.
- Son Rosa.
A porta era tan grande, que cumprían sete homes para abrila. Ao abrírena, entraron os dous. E, despois de pasaren por un corredor longo e escuro, chegaron á sala onde estaba o rei. Este estaba sentado nunha cadeira e tiña posta unha capa que lle chegaba ata os pés e un sombreiro que lle tapaba a cara. Cando viu o mociño perante el, díxolle:
- Xa hai días que estou esperando por ti. Por que tardaches tanto?
- É que tiven que andar preguntando por onde quedaba o seu castelo.
- E como puideches chegar?
- Grazas a que encontrei a Rosa e ela tróuxome.
- Esta ben -asentiu o rei-. Agora vaite deitar, que mañá xa falaremos.
O Bernaldo foise deitar; en cambio, o rei do Castelo de Irás e non Volverás empezou a pasear pola sala dun lado para outro con cara de preocupación. Que quería facer? Pois quería matar a Bernaldo, pero non sabía como facelo.
     O rapaz durmiu toda a noite, porque estaba moi cansiño. Pero, en canto o sol entrou pola ventá, xa espertou. Entón, saltou da cama e foi ver o máis pronto posible o rei. Este estaba almorzando.
- Ves aquela montaña? -díxolle a Bernaldo ao tempo que sinalaba os arredores do castelo.
- Vexo, si señor -respondeu educadamente el.
- Pois tesma que quitar de aí, porque non me deixa ver o sol.
- Non sei se serei capaz! -lamentouse o Bernaldo.
- Ti fai o que che pareza -continou o rei con cara de malas pulgas-. Pero se para a hora do xantar continúa aí a montaña, matareite.
O rei botou unha gargallada e continuou almorzando. O Bernaldo saíu do castelo e sentouse nun valado de terra e, como tiña tanto medo, botouse a chorar.
     Nestas, a Rosa pasou polo xardín e viu que o Bernaldo estaba chorando. Entón sentou onda el e díxolle:
- Que che pasa, ho? Por que choras?
- Porque o teu pai quere que lle quite dediante esa montaña e non sei como facelo.
- E choras por tan pouca cousa? -díxolle ela-. Iso é ben bo de facer. Queres que che axude?
- Quero -contestou el.
- Pero mira que non lle vaias dicir ao meu pai que che axudei... Eh?
- Prométoche que non lle direi nada.
     Entón, a Rosa sacou unha caixiña do peto e destapouna. De dentro empezaron a saír unha chea de homiños, pequenos coma mosquitos. Había tantos, que non se poderían contar. Todos ían vestidos igual, cunha camisa chea de petos e unhas botas de dúas biqueiras. Estes homiños non paraban quedos un segundo: corrían..., saltaban..., bailaban... E todos andaban berrando:
- Queremos traballo! Queremos traballo!
Rosa, dirixíndose a eles berroulles:
- Atentos todos! Tedes que quitar de aí esa montaña!
Os homiños, enseguida botaron a correr cara á montaña. Uns empezaron a arrancar árbores, outros a arrancar pedras e outros a apañar terra. Traballaban tan á présa, que aos cinco minutos xa desaparecera a montaña.
Tan pronto como acabaron, díxolles Rosa:
- Todos para dentro!
E metéronse correndo dentro da caixiña.
     O Bernaldo regresou ao castelo e entrou na sala onde estaba o rei. Este, desta vez, estaba xantando. Cando viu o rapaz, díxolle:
- E ti que fas aquí? Xa fixeches o traballo que che ordenei?
- Fixen, si, señor.
Entón o rei ergueuse, dirixiuse cara á ventá, abriuna e, ao ver que non estaba a montaña, quedou apampado. Deu a volta e díxolle:
- Seguro que che axudou a Rosa.
- A Rosa nin tan sequera tocou unha pedra -respondeu o Bernaldo.
E era verdade, porque todo o fixeran aqueles homiños pequenos. O rei moito se enfadou, porque o que quería era matar o rapaz e non sabía como facelo.
Empezou de novo a pasear pola sala dun lado para outro, pensando no novo traballo que lle podería mandar. Ao cabo dunha miga, díxolle:
- Xa está! Como es tan traballador, faime agora mesmo un pazo de cristal. Se non, matareite.
O rei botou unha gargallada e seguiu xantando. En cambio, o Bernaldo saíu do Castelo, sentou no chan e, como tiña tanto medo, botouse a chorar.
     A Rosa viña de observar bolboretas cando viu o Bernaldo que estaba chorando.
- Que che pasa? -preguntoulle.
- É que o teu pai quere agora que lle faga un pazo de cristal e non sei como facelo.
- E choras por tan pouca cousa? -díxolle ela-. Iso é ben bo de facer. Queres que che axude?
- Quero -contestou el.
- Pero mira que non lle vaias dicir ao meu pai que che axudei... Eh?
- Prométoche que non lle direi nada.
     Entón, a Rosa sacou unha caixiña do peto e destapouna. De dentro empezaron a saír unha chea de homiños, pequenos coma formigas. Había tantos, que non se poderían contar. Todos tiñan as orellas en punta e un nariz pequeniño coma una garavanzo minúsculo. Estes novos homiños non paraban quedos un segundo: corrían..., saltaban..., bailaban... E todos andaban berrando:
- Queremos traballo! Queremos traballo!
Rosa, dirixíndose a eles berroulles:
- Atentos todos! Tedes que construír un pazo de vidro!
Nese momento, todos se botaron a correr. Uns traían terra..., outros debuxaban o pazo, outras facían vidro. Traballaban tan á présa, que aos cinco minutos xa estaba o pazo feito. O cristal relucía nas paredes, nas portas, nas fiestras, no tellado... Ata a cheminea era de vidro!
Tan pronto como acabaron, díxolles Rosa:
- Todos para dentro!
E metéronse correndo dentro da caixiña.
     O Bernaldo regresou ao castelo e entrou de novo na sala do rei, que, nesta ocasión, estaba merendando. Cando viu o rapaz, díxolle un tantiño enfadado:
- E ti que fas aquí? Xa fixeches o traballo que che ordenei?
- Fixen, si, señor.
Entón o rei ergueuse, dirixiuse cara á ventá, abriuna e, ao ver o pazo de cristal no medio do xardín, quedou apampado. Deu a volta e díxolle:
- Seguro que che axudou a Rosa.
- A Rosa nin tan sequera tocou un vidro -respondeu o Bernaldo.
E era certo, porque todo o fixeran aqueles homiños pequenos. O rei sentouse nun cantón da sala pensando que outro traballo lle podería mandar e, ao cabo dunha miga, díxolle bruscamente:
-Mañá quero ir de pesca, pero o mar quédame moi lonxe. Sabes que? Terás que me traer o mar ata a beiriña do meu castelo. Así poderei pescar sen saír da casa. Xa te podes ir preparando...
O rei botou outra gargallada das súas, porque pensaba que lle resultaría imposible esta nova encomenda.
O Bernaldo saíu do castelo, sentou nun banco do xardín e, como se vía na imperdible, botouse a chorar.
     A Rosa viña de dar un baño cando viu outra vez ao seu amigo chorando.
- Que che pasa agora? Por que choras? -preguntoulle.
- É que o teu pai quere que lle traia o mar mesmo á beira do castelo e iso é imposible.
- Iso si que é difícil -dixo Rosa ao tempo que botaba as mans á cabeza-. Pero, se queres, probamos a ver se o conseguimos. Non lle vaias dicir ao meu pai que che axudei.
- Como llo vou dicir! Prométoche que non lle direi nada.
     Entón a Rosa sacou dúas caixiñas, unha redonda e outra cadrada, e destapounas. De dentro empezaron a saír unha chea de homiños, pequenos coma unha pinguiña de auga. Saíron tantos, que non se poderían contar. Os da caixa redonda gastaban unha barba longa e os da caixa cadrada tiñan o pelo rizo. Non paraban quedos o que se di un segundo: corrían..., saltaban..., bailaban... E todos andaban berrando:
- Queremos traballo! Queremos traballo!
Rosa, dirixíndose a eles berroulles:
- Quero que o mar chegue ata o castelo.
E empezaron a traballar sen descanso. Se os da caixa cadrada arrancaban unha árbore, os da caixa redonda arrancaban dúas. Se os primeiros facían desaparecer dúas montañas, os segundos facían desaparacer catro montañas. Tan de présa traballaron, que en cinco minutos xa as ondas do mar batían contras as murallas do castelo.
Ao acabaren, como facía sempre, a Rosa abriu as caixiñas e berrou:
- Todos para dentro!
E os miniananiños regresaron ás súas casas misteriosas.
     Coma nas veces anteriores, o Bernaldo entrou na sala onde, nesta ocasión, o rei estaba ceando e este protestou enfadado:
- Pódese saber que fas aquí? Non me dirás que xa me trouxeches o mar?
- Pois claron que o trouxen -contestoulle.
- Non pode ser! Non serías capaz nin en toda a túa vida.
O rei, por se acaso, foise asomar á ventá e, no momento de abrila, unha onda bañouno da cabeza aos pés. Entón ganou media volta e díxolles:
-Ti só é imposible que o fixeras. Seguro que che axudou a miña Rosa.
-Non tal! A Rosa non tocou nin pisca de auga.
E mais non dicía mentira, porque todo era obra daqueles homes pequerrechiños.
     Nestas que o rei cada vez se enfadaba máis. Quería buscar unha escusa para matar aquel rapaz e non a daba encontrado. E, coma tantas outras veces, volveu pensar e pensar ata que descubriu unha nova trampa. Entón díxolle:
- Vexo que es moi traballador e que podes facer todo canto che pida. En premio, mañá casarás cunha das miñas fillas.
Deste xeito, se o Bernaldo elixía a Rosa, o rei sabía que fora esta quen lle axudara e aproveitaría o engano para matalos aos dous.
O mozo foise cara ao seu cuarto e, como coñecía as intencións do rei, non durmiu en toda a noite.
     Ao día seguinte á mañá, á saída do sol, o Bernaldo saltou da cama e foi cara á sala onde estaba o rei. Este xa o esperaba e díxolle nada máis velo:
- Con cal das miñas fillas queres casar?
- Con calquera das tres. Tanto me dá unha coma outra.
O rei quedou desconcertado, porque pensaba que o mozo querería casar coa Rosa. Entón volveu preguntar:
- E como farás para escollela?
- Pódense esconder as tres detrás dunha cortina. Eu elixirei unha delas para casar.
Daquela o rei mandou que entrasen as tres fillas e o Bernaldo púxose de costas para elas, para non ver quen se escondía primeiro e quen se escondía despois.
- Xa podes mirar e escoller -ordenoulle o rei.
Por debaixo da cortina sobresaían os seis pés e o Bernaldo decontado descubriu os zapatos de Rosa.
- Quero casar con esta! -dixo moi contento.
Ao ver o rei que escollía a Rosa mordeu os puños de rabia. Pero non tivo máis remedio que aceptar o prometido. Foi así como aquel mesmo día convidaron a unha chea de xente e celebraron as vodas. Pero o rei estaba tan enfadado, que non facía máis que pensar e rosmar polo baixo:
- Esta noite, ao dormiren, mátoos aos dous.
     O Bernaldo e a Rosa foron cara ao seu cuarto. E cando el se ía meter na cama, díxolle Rosa:
- Non te metas na cama!
-E por que non? -respondeu.
- Porque o meu pai quérenos matar esta mesma noite.
- Oh...! -respondeu desolado-. E que podemos facer?
- Pois temos que escapar do castelo sexa como sexa...
Entre os dous encheron unha bolsa de comida e dentro da cama meteron dous pelellos cheos de viño e tapáronos coas mantas. Tal parecían dúas persoas que durmían sosegados!
Despois Rosa buscou tres pedriñas e meteu unha debaixo da cama. Baixaron a escaleira moi amodiño para non faceren ruído e no medio da escaleira deixaron unha segunda pedra. Por onda o cuarto do rei pasaron na punta dos pés e diante da súa porta colocaron a terceira pedra.
Ao chegaren abaixo díxolle Rosa ao compañeiro:
- Mentres eu vou abrindo a porta do castelo, ti vai á corte. Alí encontrarás tres cabalos: un forte e gordo que corre coma o vento, un de aspecto normal que corre coma a vista, e un moi fraco que corre coma o pensamento. Tes que coller este último.
O Bernaldo foi á corte e viu os tres cabalos. Pero, cando viu o que estaba tan delgadiño, pensou que nin tería forzas para levalos. Entón, elixiu o do medio.
Cando se presentou perante Rosa co animal que non era, esta enfadouse, pero xa non tiñan tempo para regresar á corte. Puxéronse os dous dacabalo e fuxiron a galope do castelo.
     De alí a unha boa miga de se deitar o rei, pensou que o Bernaldo e a Rosa xa estarían durmindo e ergueuse da cama.
- Que fas? -preguntoulle a raíña.
- Vou ao cuarto da Rosa e do Bernaldo para matalos.
- Agarda, que aínda poden estar espertos -recomendou a raíña.
- Iso sabémolo ben pronto... Bernaldoooo! Rosaaaa! Durmides?
Cando sentiu isto, a pedra que estaba diante da porta do cuarto do rei empezou a moverse e facer ruído para que sentise o rei.
- Teño que esperar, porque aínda están pasando por aí polo corredor.
O rei esperou outro cacho e berrou de novo:
- Bernaldoooo! Rosaaaa! Durmides?
Ao oílo a segunda pedra, empezou a moverse para que a sentise o rei.
- Pois aínda van subindo a escaleira -comentou e volveuse deitar outro pouco.
Por terceira vez volveu berrar:
- Bernaldoooo! Rosaaaa! Durmides?
Agora tocáballe de facer ruído á pedriña que quedara debaixo da cama.
- Menos mal! Xa se deitaron. Agora pronto adormecerán e eu poderei matalos.
Volveu o rei esperar outro cacho e...
- Bernaldoooo! Rosaaaa! Durmides?
Agora xa non había ningunha pedra que contestase e o rei pensou que xa durmían de vez. Ergueuse, foi á cociña, agarrou un coitelo enorme e dirixiuse caladiño ao cuarto do Bernaldo e da Rosa.
     Cando chegou o rei diante do cuarto deles, abriu a porta moi amodiño. A porta renxeu un pouquiño, "garrañiiic!", e pensou que ían espertar co ruído. Entrou ás escuras e achegouse á cama. Pasou unha man por riba da roupa e, como os pelellos non se movían, o rei pensou que estaban durmidos profundamente. Despois ergueu o coitelo e..., plif!, plaf!, deu unha coitelada en cada pelello.
Os pelellos empezaron a cichar viño pola ferida e molláronlle a cara. O rei aproveitou para probar coa lingua e comentou:
- Que sangue tan raro teñen estes dous! Sabe a viño!
Entón acendeu a luz e comprobou que eran dous pelellos e non o Bernaldo e a Rosa. Ao sentirse enganado, enfadouse tremendamente. Saíu do cuarto, baixou os chanzos da escaleira de tres en tres. E cando entrou no seu cuarto, preguntoulle a raíña:
- Que...? Xa os mataches?
- Non estaban... Escaparon -respondeu o rei.
Pois vai á corte -díxolle a raíña-. Mira se levaron algún cabalo.
O rei foi mirar á corte e, cando viu que non fuxiran no cabalo fraco, o que corría coma o pensamento. púxose moi contento. E, sen esperar outra cousa, montou no cabalo que corría máis e comezou a perseguilos.
     O Bernaldo e a Rosa xa ían moi lonxe, porque o seu cabalo corría coma a vista. Pero, como o fraco do rei corría coma o pensamento, pillounos nun segundo.
- Ai, que nos pilla o meu pai! -laiou Rosa.
- Que imos facer agora? -dixo Bernaldo.
- Non te preocupes -volveu dicir ela, ao tempo que collía unha folla dunha árbore e formulaba un ensalmo:


                                                                                              Pola negrura da noite,
                                                                                              polo claror da mañá,
                                                                                              cabalo, Rosa e Bernaldo
                                                                                              transformados quedarán!

     E, nun abrir e cerrar de ollos, a Rosa converteuse en labrador, o Bernaldo nunha cesta e o cabalo nunha cerdeira ateigada de cereixas.
Cando chegou o rei a aquel lugar e non os encontrou quedou moi sorprendido e preguntoulle a aquel labrego da cesta:
- Non vería pasar por aquí un mozo e unha moza dacabalo?
- Non lle podo vender estas cereixas -respondeu o labrego.
- Eu non quero comprar cereixas -repuxo o rei moi enfadado-. Quero que me digas se viches pasar a un mozo e unha moza dacabalo...
- Non lle podo vender estas cereixas -continuaba respondendo o labrego, que facía que non entendía o que lle preguntaban.
E así estiveron un bo pedazo, un preguntando polo mozo e a moza e o outro que non vendía cereixas. O rei pensou que aquel labrego estaba xordo e, como non sabía por onde continuar, regresou cara ao castelo.
De volta, preguntoulle a raíña:
- Non os deches pillado?
- Pois non. Xa os tiña á vista cando de pronto me encontrei cun labrego que estaba enchendo unha cesta de cereixas onda unha cerdeira. Pero, estaba tan xordo, que non me entendeu o que lle preguntaba.
- Como non te deches conta -dixo de pronto a raíña-. Eses eran eles!!! A Rosa era o labrego, o Bernaldo a cesta e o cabalo a cerdeira. Vólveo intentar, que co cabalo que corre tanto coma o pensamento píllalos nun intre.
     Cando a Rosa viu que o seu pai volvía tras deles, volveu laiar:
- Ai, que nos pilla o meu pai!
- Que imos facer agora? -dixo de novo Bernaldo.
- Non te preocupes. Xa verás como agora non nos vai perseguir nunca máis -neste momento sacou un frasquiño do peto e baleiroulle a auga que tiña dentro ao tempo que dicía:

 

                                                                                              Pola negrura da noite,
                                                                                              polo claror da mañá,
                                                                                              este chisquichiño de auga
                                                                                              enorme río será!

     E, tan pronto como a auga bateu contra o chan, transformouse nun río anchísimo. Era tan ancho, que nin se lle vía a outra beira. Pero o cabalo do rei, que corría coma o pensamento, traspasou o río dun chouto coma se nada.
A Rosa, véndose na imperdible, rompeu o frasco contra o chan ao tempo que dicía:

 

                                                                                              Pola negrura da noite,
                                                                                              polo claror da mañá,
                                                                                              este frasquiño pequeno
                                                                                              río de vidros será!


     Ao bater o frasco contra o chan, escachouse en mil anaquiños, que se transformaron de súpeto nun enorme río de vidros en punta ao que non se lle vía a outra beira. Pero o cabalo que corría coma o pensamento salvouno dun chouto coma se nada.
Entón a Rosa sacou unha fita vermella que levaba no peto e soltouna ao tempo que dicía:


                                                                                              Pola negrura da noite,
                                                                                              polo claror da mañá,
                                                                                              esta fitiña vermella
                                                                                              río de lume será!

     E, tan pronto como tocou no chan, a fita converteuse nun río de lume enorme. As lapas eran tan altas, que parecían unha cortina que chegaba ata o ceo. Ao cabalo do rei meteulle tanto medo, que non se atreveu a choutar, e ao rei deulle moita rabia por non poder continuar perseguíndoos.
O Bernaldo e a Rosa, ao veren que o cabalo do rei non cruzara o lume, puxéronse moi contentos. Continuaron a viaxe e, ao cabo dunha chea de días e noites e de atravesar ríos e montañas, chegaron ao castelo onde vivían os pais e a irmá de Bernaldo.
Todos os veciños acudiron a velos e quedaron engaiolados coas historias que contaban o Bernaldo e a Rosa.
     E..., xa sabes...,

                                                                                                                     

 

                                                                                              Conto contado

                                                                                              agárratelle ao rabo

 

 

 

 

 

 

1 Actualizamos o texto que usamos no seu día na guía didáctica d'O Castelo de Irás e non Tornarás (Editorial Casals, Barcelona, 1977), versión galega de El Castell d'Irás i no Tornaràs de Josep Tió e Josep M. Cormand (Casals, Barcelona, 1976). Pódense ter en conta tamén, para contrastar estruturas e personaxes, outras versións tradicionais da nosa área lingüística, como "O castillo do loro", recollido por Martine Roux en Fala o fistor e faise o día. Algúns aspectos da tradición oral galega na parroquia do Cebreiro (Ediciós do Castro, O Castro. Sada. A Coruña, 1982) ou "Aidelsol", escolmado por Aquilino Poncelas Abella en Estorias e contos dos Ancares / Historias y cuentos de los Ancares (Grupo Cultural "Carocos", Ponferrada, 1987).

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega