O Ensino Público e o legado da Ilustración

 

(Texto íntegro)

 

v2mxosequeizanensinopublico.html

     O Ensino é o principal axente de transformación dunha sociedade. Os grandes logros da sociedade actual, os que condicionan en primeiro lugar a modernización e a democracia do país, son a Sanidade pública e o Ensino público. A maioría de nós lembra épocas nas que só aqueles privilexiados accedían aos colexios e universidades. Tamén comprobamos como nas horlas da Universidade as mulleres eran moi raras. As mulleres, mesmo fillas das clases privilexiadas, non recibían instrucción cultural. A discriminación, tanto social como de xénero, foi superada na actualidade. Toda a infancia e xuventude, nenas e nenos, asisten ás aulas gracias ao Ensio Público e Obrigatorio, garantía de xustiza social.
     No relativo ás mulleres supuxo un cambio espectacular. Nunha xeración pasaron dunha presencia escasa nas Universidades a seren a maioría e obteren as mellores cualificacións. Son o exemplo máis evidente de que o Ensino público pode facer evolucionar unha sociedade e tamén de que temos que defendelo e empeñarnos en melloralo.
     Neste empeño debemos estar non só o profesorado, senón tamén por un lado as autoridades educativas para pór os medios necesarios que nos permitan realizar o labor, e por outro as familias, valorando o traballo do profesorado e inculcando no alumnado o respeto pola súa función e ofrecendo a súa necesaria colaboración. Cómpre facerlle comprender ao alumnado que as aulas son os lugares onde se transmite o saber acumulado pola especie humana ao longo dos séculos e onde se aprende, con esforzo, a continuar mellorando como persoas para transmitirlle ás vindeiras xeracións un mundo máis avanzado, habitable e feliz. A sociedade mercantilista na que vivimos confunde e desvirtúa os papeis en moitas ocasións, pero as nais e pais deben comprender que o profesorado non somos mercaderes, non somos meros expedidores de títulos. Equivócanse os proxenitores que fan de avogados da súa prole para presionar ao profesorado sobre as notas. A nosa función é moito máis importante do que iso. O ensino, a adquisición da cultura acumulada ao longo dos séculos é o que nos eleva como especie, o que posibilita a comunicación e a igualdade entre as persoas e consegue a dignificación e a liberdade humana. O escritor e humanista mexicano Carlos Fuentes afirma que o analfabetismo é o meirande atentado contra a humanidade. Cento cincuenta millóns de criaturas do mundo non van á escola, non reciben instrucción. Neste mundo global do que tanto se fala, non son tanto as etnias, as razas ou outras diferencias as que separan á humanidade; o abismo fundamental na globalización é o que separa as culturas científicas das precientíficas. Sen o saber acumulado pola ciencia, a humanidade está atrapada na caverna platónica, nunha sima profunda e escura onde só poden imaxinar o exterior a través de especulacións ou mitos. A sociedade e as familias deben comprender que os coñecementos e a cultura que se adquiran nas aulas han ser determinantes, non só para o benestar económico, senón tamén para a liberdade e felicidade persoal. E o profesorado debe renovar día a día os seus coñecementos e a ilusión para transmitilos.

******


     Os principios da Ilustración, a igualdade e a liberdade, sentaron as bases e fixaron os códigos de comportamento para lograr o ensino público, producto dun contrato social e dunhas reglas para o ben común.
     A igualdade é un concepto histórico. A igualdade non ven dada, senón que é construída e é aplicada mediante normativas que cómpre situar no plano do deber ser e dentro dunha ética. Porque certas desigualdades impóñensenos con tanta normalidade que só unha conciencia crítica pode desvelalas como tales.
     A igualdade e a liberdade, os dous grandes principios ilustrados, representan o maior ben e a finalidade de todo sistema lexislativo. No marco democrático actual, o ensino público é a base desa igualdade. Sen ela non pode existir liberdade, por moito que o pretenda a forte vaga de liberalismo actual que autoriza un capitalismo salvaxe. A liberdade, antes que un fenómeno individual, é colectivo. Soamente se é libre se todas/os somos libres. Para iso é necesaria a igualdade.
     Aínda hai que mellorar moito a sociedade para conseguir unha equiparación socio-económica e un xusto reparto de bens, pero o ensino público é o punto de partida. Un ensino que propoña un concepto material de igualdade vencellado co campo político e económico; un ensino cunha óptica ilustrada, universalista; un ensino interesado na defensa do ben común e cun concepto da igualdade moral; un ensino lexitimado na racionalidade. Porque a razón é un proxecto de intelixencia que sobrepasa as evidencias persoais na busca de verdades universais.
     Coa mesma racionalidade debemos esixir un ensino laico, dacordo coa Constitución. A autoridade da relixión é propia de gobernos fundamentalistas e representa o oposto ao raciocinio moral que queremos para a nosa sociedade e para as futuras xeracións. O ensino científico e racional supón a garantía de romper co transcendentalismo e a consideración do mesmo como única maneira de validar a ética. A ética pode, e debe, ser interpretada, no contexto empirista, como unha conducta para un consenso máis sabio e duradeiro, confirmando que as conductas humanas non se deben a mensaxes etéreos fóra da humanidade.

******


     Cada sociedade crea cultura e é, a súa vez, creada por ela. Toda cultura procede da cultura. A cultura xorde da acción humana e a acción humana xorde da cultura. Hai unha conciliación entre ambas as dúas. Cómpre romper coa dicotomía que atribúe a cultura á socioloxía ou, no lado oposto, á bioloxía.
A quimera sociolóxica afirma: as mentes humanas non crean cultura senón que son elas mesmas un producto cultural. Este razoamento baséase na negación dunha natureza humana de base biolóxica.
     O argumento contrario é o determinismo xenético. Trátase da crenza de que o comportamento humano está fixado nos xens e depende unicamente deles. Con esta idea, os aspectos humanos máis destructivos, como o racismo, a misoxinia, a guerra, a división de clases, etc., serían inevitables.
     Considero que cómpre conciliar ambos aspectos humanos e incidir nun ensino ilustrado, racionalista e científico. As ciencias sociais son compatibles coas ciencias naturais. A ciencia é a que nos permite coñecer o mundo real mediante operacións mentais. A maior empresa da mente deberá consistir en combinar as ciencias coas humanidades porque non só son perfectamente compatibles, senón inseparables. A filosofía e a física están intimamente unidas como xa o estiveran nos inicios, no S. VI anterior á nosa Era, cos filósofos presocráticos, os filósofos empíricos que fundamentaron o pensamento materialista. E así continúa sendo ata os nosos días. O físico e historiador da ciencia español, Sánchez Ron, ven de publicar o libro O século da ciencia onde afirma que o S. XX non se pode entender sen recorrer ao coñecemento científico e á tecnoloxía e que estes modificaron a maneira na que vivimos e as nosas crenzas xa que afecta aos dereitos humanos, a liberdade e a xustiza.
     Calquera proceso mental ten un fundamento físico e é consistente coas ciencias naturais. Todo o que coñecemos ou o que poderemos chegar a coñecer acerca da existencia créase na mente. Pero os mitos e autoenganos alonxáranos do coñecemento da mente. Por isto, mesmo na actualidade, as persoas saben máis do funcionamento dos seus automóbiles ca da súa propia mente. Porque a este coñecemento cómpre chegar a través dunha busca empírica. Se cerebro e mente son, na base, fenómenos biolóxicos, deducimos que as ciencias biolóxicas son esenciais para conseguir a coherencia entre todas as ramas do saber, desde as letras ás ciencias físicas.
     O profesorado de ciencias non se reduce ao ámbito abstracto dos números nin ao estricto campo do laboratorio. Debe intentar relacionalo todo cos amplos contornos do mundo e, asimesmo, fomentar as ansias de investigación polos grandes beneficios que se conseguen para a humanidade. O mesmo Sánchez Ron, declara que "a ciencia xeral en España, no que vai de século, non influíu para cambiar o mundo. O mundo sería igual sen os nosos científicos". Enorme carencia. Neste país é, pois, moi importante que o profesorado fomente as ansias de investigación. Pero estas ansias de pouco serven se as autoridades non facilitan os medios para que se poidan desenvolver. Isto conduce as ciencias ao diálogo coas ciencias sociais, a historia, a filosofía, a literatura, e cun pensamento que impulse o afán de transformación.
     Outro tanto corresponde ás humanidades. É errónea a idea de que as letras non necesitan rigor, verdade e confrontación. Unha das razóns de que a ciencia e a técnica avanzaran a maior ritmo que as humanidades débese a iso, á ausencia de confrontación e de crítica no campo das chamadas letras. A idea dun universo ordenado e intelixible fíxose máis forte nas disciplinas das matemáticas, física, bioloxía..., do que nas humanidades. Algunha literatura e filosofía perdéronse en brétemas metafísicas e estiveron remisas, e algunha aínda o está, a abordar a base física da mente.
     Trátase, pois, de limitar as diferencias entre as culturas científicas e literarias. A bioloxía e a cultura interactúan para crear os trazos comúns da natureza humana. Xunto á evolución xenética da liñaxe humana cómpre engadir a ruta paralela da evolución cultural. É necesario conxugalas e aplicar o modelo científico a outras actividades humanas e submeterse permanentemente á crítica, aplicar unha sá desconfianza intelectual ao mundo da cultura e rexeitar o que non poida ser demostrado. Así sería eliminado moito fanatismo, moitas actitudes dogmáticas e a presunción da posesión de verdades absolutas. Tamén a intolerancia e a negación da diversidade cultural. Todas estas eivas son contrarias á actividades científica. Sería desexable que os sistemas que gobernan a vida política, económica e social aplicaran algúns procedementos da ciencia e a capacidade que esta ten de autocorrección. Resultarán moi necesarios para asumir os cambios sorprendentes que se aviciñan no coñecemento científico e para afuxentar o medo que a ciencia provoca. Ante todo avance científico, cunha visión máis prometeica, dan en aparecer certas mentalidades apocalípticas que prognostican terribles excesos e consecuencias monstruosas. Se ao longo da historia social certos achádegos tiveron un uso espurio ou perverso, unicamente foi debido á ambición e ao desmedido afán de poder humano, foi causado polo dogmatismo e o fanatismo. Non se trata, pois de coutar o coñecemento, senón de controlar que non se faga un uso malvado ou discriminatorio do mesmo. Non é correcto culpar á ciencia e á tecnoloxía dos defectos morais da sociedade. Para asumir os actuais e fantásticos avances da xenética e o maior dominio da especie humana sobre a natureza, é necesaria unha formación básica da cidadanía e unha conciencia ética superior para asegurar o respeto mútuo así como conseguir unhas normativas cada vez máis perfectas que o garantan.
     Esta gran empresa da mente que consiste en combinar as ciencias coas humanidades foi xa iniciada co racionalismo ilustrado que marca o inicio da modernidade e dunha nova concepción do mundo e das relacións entre as persoas. Os ilustrados xa propuñan a unidade intrínseca do coñecemento e do potencial do progreso humano. Nesta liña estaban os ilustrados galegos do S. XVIII. Na Galiza naceron moitos e importantes ilustrados como Feixóo, Sarmiento, Cornide, ou Cernadas e Castro, o cura de Fruime... Eles foron os primeiros defensores da lingua galega e da dignidade de Galiza. Sarmiento, precursor da filoloxía románica, ademas de estudiar a orixe do galego, afirmar a procedencia latina da lingua e corroboralo con estudios etimolóxicos, defendía a necesidade do ensino en galego. "Y es bárbara crueldad y necesidad excusada que unos forasteros enseñen a los niños gallegos mediante la lengua castellana que no saben..." afirmaba o ilustrado. Feixóo, a máxima figura da cultura ilustrada en España, escribiu tamén un importante traballo en Defensa das Mugeres, no que aporta argumentos que aínda non asimilan moitos homes actuais. Co seu carácter racionalista, criticaban todo tipo de crenzas irracionais e de supersticións. Preocupábanse por liberar ao pobo desa alienación. Xusto o contrario do que sucede hoxe en día.
     No seu século, cando a miseria de Galiza obrigaba á xente á emigrar e a realizar os peores traballos -como sucede cos inmigrantes africanos hoxe en día- ao pobo galego se lle atribuían calificativos que o infravaloraban e menosprezaban, como pailán, porco, avaro, cobarde... e outros insultos. Os ilustrados, nos seus escritos negábanos e defendían a dignidade deste pobo, coma faría no S. XIX Rosalía de Castro e outros autores do Rexurdifmento literario.
     Pois ben, agora xa non se nos califica como antes, xa non somos padexada miserable; agora somos un país de bruxas e meigas. Toda España sabe dicir esa parvada de "habelas, hainas" e considéranos un pobo de nigromantes. Para demostrallo facémoslle queimadas con esconxuros aos turistas. ¡Que diría Sarmiento se vise bruxas pola TV, e toda a cultura populacheira que está a promocionar e difundir o goberno galego! Por iso, actualizar o pensamento daqueles ilustrados e a súa proposta dun ensino racional e científico é urxente no momento actual.
     Nesta fin de século, podemos citar, entre outros, dous atrancos decisivos que impediron o desenvolvemento cultural e científico da cultura galega nos últimos anos: un político e outro filosófico. Refírome, por un lado, a que Galiza leva anos rexida por un goberno conservador que non só tratra de frear a normalización lingüística e cultural do país, senón que instala o populismo e a actualización das máis atrasadas tradicións, ritos e crenzas.
     No plano filosófico, a corrente postmodernista desfai os alicerces da ciencia. Segundo a súa teoría, a realidade é un estado construído pola mente en lugar de ser percibida por ela. Non existe, din os postmodernos, verdades obxectivas, non existe unha realidade verdadeira. Galiza tamén sería, segundos eses criterios, unha creación subxectiva coa identidade no fol da gaita. Canto aos artistas e escritores, segundo esa conxectura, deberían ignorar a ciencia, abandonar as formas e disciplinas das artes, afastarse da idea dunha natureza humana universal e preferir a mezquindande antes que a esperanza edificante. O Postmodernismo é a antítese ideolóxica da Ilustración. Do afán de sabelo todo que tiñan as mentes ilustradas pasamos, na actualidade, a dicir que non podemos saber nada. A todas luces, exemplo nefasto no campo do ensino. Cómpre romper esta tendencia e procurar a renovación cultural deste país co rigor, a orde e a crítica do pensamento racional.

******


     Unha actividade fundamental que contribúe ao coñecemento e fundamenta a liberdade humana é a lectura. O profesorado esfórzase en impulsala pero non chega se non existe un apoio das institucións culturais e educativas. As bibliotecas dos centros de ensino, ademais de estar ben dotadas, precisan persoas dedicadas, especializadas en bibliotecas e profesionais que saiban animar á lectura e crear o ambiente propicio para iso. Naturalmente, isto cómpre financialo, pero os froitos que se poden recoller dese pequeno gasto son inmensos. Hai que ter en conta que a xuventude recibe a través da publicidade o impulso para satisfacerse con productos de moda, para comprar certas marcas, para consumir alcool e outras drogas, para seren fans de determinados artistas ou deportistas. Pero nin na TV, nin nas carteleiras publicitarias, nin nos video-xogos, etc., se lle recomendan e ponderan libros. A lectura convértese así nunha obriga escolar, imposta polo profesorado, en lugar dun pracer ou unha afección. As autoridades competentes no ensino non se deben limitar a recoñecer a importancia da lectura na formación do alumnado, senón que deben estudiar o modo de financiar a súa promoción.

******


     Ademais de establecer os principios básicos da liberdade e a igualdade racional, a Ilustración deixounos tamén como legado a crenza de que baseándonos no propio esforzo podemos coñecer, e ao coñecer, comprender, e ao comprender, escoller. O esforzo, nos últimos anos, tanto na aprendizaxe familiar coma nos centros de ensino, está desprestixiado. Ao intentar sufperar actitudes dictatoriais, propias doutros sistemas e épocas, cometemos certos erros, entre eles non valorar o esforzo. Pero sen el non hai avance posible. Gracias ao esforzo, a nosa especie, non só logrou saír da animalidade, alimentarse e vivir mellor, senón que conseguiu aprender moito sobre a propia humanidade. Remato animando ao profesorado e ao alumnado, pero tamén as autoridades e as familias, a realizar un esforzo, dacordo cos principios ilustrados, para elevar o nivel cultural das novas xeracións e para aprender a ser libres e habitar un mundo mellor.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega