O Velorio

 

Fragmento: Cadro primeiro

 

m5ftaxesvelorio.html
 

Á miña compañeira Teresa
e aos nosos fillos Amaranta, Xurxo e Pocho






Personaxes



OS FILLOS:



DON XURXO
DONA MARÍA


O GREGO:


DON XOSÉ


O SANCRISTÁN:


ROQUE


OS CRIADOS:


XUSTO
VITIÑA


OS OBRIGADOS:


MANOEL
CHONE
MINGUIÑO


AS CHORONAS:


LECHA
CHORONA PRIMEIRA
CHORONA SEGUNDA






ESCENARIO

     Dous planos —cociña e sala— e acción paralela. Simultaneidade que terá que apoiarse nun continuo xogo de luz e sombra.





CADRO PRIMEIRO

     Enriba, pregando axeonlladas, dona María, Lecha, Chorona primeira e Chorona segunda. Á cabeceira do cadaleito, un home aínda novo —Don Xurxo— comodamente acadeirado nun sofá, fita a face do seu pai morto, e os brazos pendúranlle entre as pernas. Non reza.
     Embaixo, unha muller —Vitiña— criada do casal, quenta café na lareira. Ó seu carón, un home de indefinida idade —Xusto—, tamén criado da facenda, estrica as mans á calorciña da tizoeira.
     Balbor de choiva.
     Ouvean os cans.
     A campá toca a morto.




Voz fóra: Iles agardaban que fixesemos,
e nós diciámoslle que si,
que iamos facer...
E iles ollábannos
coma quen olla ó ceo...
E nós diciámoslle que si...
E iles agardaban
cheos de anceios e esperanza.
E nós diciámoslle que si,
que iamos facer...
E iles sorrían
coa ialma chea de ledicia,
E nós diciámoslle que si...

Xusto: 

(quentando as mans) Ista cabrona choiva vai facer que non veña ninguén...

Vitiña:

(ateando o lume) Menos traballo...

Xusto:

Muller... Sempre fan compaña... E a noite hai que botala en pé...

Vitiña:

¡Ti tes a caña...!

Xusto:

¿E ti non...?

Vitiña: 

(alfurcada) ¡Eu teño! ¡Boeno!

Xusto:

(ríndose) ¡Non será a primeira ves que che vexo caer de cu...!

Vitiña:

Por aí vas ti a...

     Aconchégase á mesa, enche unhas cunquiñas de café que xa estaban dispostas sobor dunha bandexa. Tamén hai unha botella de caña.

Xusto:

(ríndose ó tempo que ela fai o mandado) ¡Non te me embafes, que tes moi mala uva...!

     Achégase e tíralle un pelisco.

Vitiña: 

(escudíndoo) ¡Deixa, deixa... que non tamos nunha festa... (afastándose e achegándose á lareira)

Xusto:

¡Non a será pra ti...!

Vitiña:

(sen deixar de ollalo, colle a bandexa e disponse a rubir as escaleiras) ¡Se serás castrón...!

     Tras rematar o rosario, séntense fortes tusidos e aloucos.

Xusto: 

¡Rube súpeto, que xa remataron o sesto...! 

Vitiña:

(rubindo) ¡Xa vou!

     Enriba, Vitiña serve café. Enbaixo, Xusto prende un pito na tizoada cando chaman a porta e disponse a abrir. Abre e bótase a unha banda pra darlle paso a Manoeliño, labrego homildoso e non moi vello, que entra sacudindo a pucha.

Xusto: 

Pasa, pasa, Manoel... Chove, ¿e...?

Manoel:

¡Chove carallo! (olla ó seu redor) ¿Seica son o primeiro?

Xusto: 

Senta un anaco... Dos homes si... As meigas chegaron co corvo... Xa levan seis rosarios e catro cafés con caña...

Manoel:

(senta e ri) ¡Logo van ben!

     Xusto achega unha botella e dúas copas, serve e senta. Enriba están a rematar o café.

Lecha: 

(deixando a cunca) ¡Que sexa pola súa ialma!

Dona María:

(acadeirada ó fronte do seu irmán) Amén.

Choronas:

Amén.

Don Xurxo:

Aínda non veu ninguén, ¿verdade Vitiña...?

Vitiña:

Cando eu rubín, non señor... É que lle chove moito...

Don Xurxo:

¡Xa, xa! Se fose para pregar calquera cousa xa percurarían abeiro...

Lecha:

(ferretuda) Así lle é a vida, don Xurxo... Así lle é a vida...

Chorona Primeira:

E il que tanto fixo...

Lecha:

(ferretuda) Deus llo terá en conta...

Dona María:

Deus si que llo terá en conta...

Xusto:

Conta, conta, Manoel... ¿Que se di pola aldea?

Manoel:

(encollendo os ombreiros) Home... Que che vou dicir? Uns fan festa e outros...

Xusto:

Tamén (ri).

Lecha:

Vitiña, muller... ¿Podíasme botar unha miaxiña de caña? ¡Collín tanto frío...!

     Vitiña érguese e serve.

Vitiña:

¿E vostede quere unha pouquiña, dona María?

Dona María:

Non, Vitiña, non... Non teño solás... (chamándoa a unha beira, dille) Cando che pida outro café, bótaslle a caña embaixo... (Vitiña asente). Xurxo, ti deberías baixar por se chega algún home...

Don Xurxo: 

Cando cheguen xa me chamarán... (aloucado, afondando a face entre as mans) ¡Eu quero estar co meu papai! ¡Meu papaíño!

     Dona María tamén chora cubrindo a faciana cun pano. As outras mulleres fanlle compaña amodiño, ó tempo que Manoel pergunta embaixo:

Manoel:

¿Sabes se denantes de morrer queimou as obrigas?

Xusto:

Home, a min non mo dixo...(ri) Pro penso que se tal cousa fixera, xa tiña estoupado...

Manoel:

¿E o fillo?

Xusto:

¡Coma o pai...! ¡Outro fillo dunha lumia! Boeno... Iste é o neto...

Manoel:

E ti, ¿como os aturas?

Xusto:

(ferretudo) ¡Uuuu! Eu xa tou afeito, compañeiro... Eiquí xanto... Eiquí durmo... Eiquí ñapo o que poido... (ri) ¡Vou vivindo!

     Serve outras copiñas.

Manoel:

(ríndose tamén) ¡Ti es un castrón...!

Xusto:

(retranqueiro) ¿E que outra cousa podo ser...?

Dona María:

Baixa, Vitiña... Pode ser que chegase xente e ise paspán de Xusto... E súbenos máis café...

Vitiña:

(erguéndose) Moi ben, dona María, como vostede mande... (baixa).

Chorona Segunda:

¿Botamos outro rosario pola ialma do difuntiño?

Dona María:

Botámolo.

     Axeónllanse e escomenzan os rezos.

Vitiña:

(xa embaixo) ¡Ai, Manoel, xa chegaches! ¿Levas moito tempo eiquí?

Manoel:

Un anaco...

Vitiña:

¿E como non rubiches?

Manoel:

¡Teño tempo!

Vitiña:

(severa) ¿Cando te enchas con ise castrón? (a Xusto) ¿E ti como non avisaches ó amo?

Xusto:

(contrariado) ¡Non che digo o que penso...!

     Vitiña, achegándose ó lume pon o café a quentar.

Vitiña:

¿Non qués un cafeíño, Manoel?

Manoel:

Aínda non...

     Chamam á porta.

Vitiña:

Vai ti, Xusto...

Xusto:

(erguéndose) Outro mollado ¡Se eu vivise lonxe...! (abre) ¡Don Xosé! ¿E vostede por eiquí outra ves...? ¡Xa está confesado...!

     Entra Don Xosé, crego da parroquia. É un home groso, de faciana bondadeira. Ignorando as palabras de Xusto, sacode a choiva do sombreiro e o abrigo e vai cara a Manoel.

Don Xosé:

¡Home, Manoel, ollos que che ven...!

     Manoel, sen chegar a erguerse.

Manoel:

¿Como vai, don Xosé...?

Don Xosé:

Senta, senta... Eu ben... (pendura o abrigo e o sombreiro) Pro... ¿e tí? Dende que bautizáchedes a última nena non che voltei ollar...

Manoel:

Hai moito que facer, don Xosé.

Don Xosé:

Xa, xa... As cousas de Deus rouban moito tempo... (senta) Sinto rezar enriba e eu tamén veño facelo, pro denantes vou tomar un cafeíño ben quente... ¿e, Vitiña?

Vitiña:

Non fallaría máis, don Xosé... Agora mesmo llo dou...

Don Xosé:

Non corre présa... ¡Boeno, home, boeno!

Xusto:

(a don Xosé, ó tempo que senta) Co seu permiso...

Don Xosé:

É teu, Xustiño, é teu... ¿E logo que contas, Manoel...?

Manoel:

¿Que quer que lle conte? Moito traballo e moita fame... (con sonsa) Pra algúns.

Don Xosé:

(retranqueiro) Pra todos, compañeiro, pra todos... Se non hai pan prós probes, tampouco o hai prós santos...

Xusto:


(rindo) Os santos con pouco se amañan. ¡O pau non xanta!


Vitiña:

(servindo café) ¡Non sexas besta, Xusto! Non lle faga caso, don Xosé...

Don Xosé:

¡Uuuuuiii, miña filliña...! ¡Como se un pastor non coñecese ós seus carneiros...!

Xusto:

Ovellas, don Xosé, ovellas...

Don Xosé:


De todo hai no rabaño...E ti, precisamente ti, es un carneiro...


     Enriba rematan os rezos e escomenzan os tusidos.

Parez que remataron o rosario. (apura o café i érguese) Vou pra ala ¿Ti vés, Manoel?

Manoel:

Vou, si señor...

     Ruben os dous. Entra primeiro Don Xosé e as mulleres érguense. Dona María cae de xeonllos e, chorando, dorosa, bica as mans do crego. As outras mulleres fanlle compaña máis baixiño. Don Xurxo, sen erguerse da cadeira estira os brazos berrando. Manuel faise a unha banda e mira ó cadro coma quen ve chover.
     Embaixo, xusto vai cara a Vitiña e a pelisca agarimosamente. Ela faise a unha beira, como non querendo, pro, namentres se vai desenrolando a escena de enriba, ela vaise deixando hastra rematar fundidos nunha forte aperta.

Don Xurxo:

¡Meu pai, don Xosé! ¡Meu pai estricado e sieiro!

Dona María:

¡Don Xosé, don Xosé! ¡Eiquí nos ten orfos! ¡Orfos, don Xosé! ¡Ai, Deus! ¿Que será de nós, don Xosé...?

Lecha:

(sonsa) ¿Que será deles, don Xosé, que será deles...? (escacha a chorar).

Don Xosé:

Acougádevos... Acougádevos... Chamouno Deus a canda Il... Foi o seu anceio... É a vida.

     Medran os laios.

Xusto:

¡Berrade, carallo, berrade!

Vitiña:

(flebe) Tate quedo Xusto... Tate quedo...

Xusto:

Ai, mina Vitiña, que mágoa teño... Vén, faite consoladeira, vén...

Don Xurxo:

¡Meu pai...! ¡Meu pai! ¡Fálame, meu papaíño!

Don Xosé:

Acougádevos...

Don Xurxo:

¡Non me fala, don Xosé!

Dona María:

¡Orfos, don Xosé, orfos pra sempre!

Don Xosé:

Así imos rematando todos... ¡Lei de vida!

Dona María:

(zoroña) ¿Por que nós, don Xosé, por que nós...?

Don Xurxo:

¡Meu pai! ¡Meu papaíño!

Dona María:

(zoroña) ¡Somos boa xente! Imos á misa... Facemos caridade... ¿Por que nós...?

Lecha:

(ferretuda) ¡É boa xente...!

Don Xosé:

Lei de vida... Hoxe uns, mañán outros... ¡Lei de vida!

Dona María:

(na súa: zoroña e rexa) ¡Non, non! ¡Deus non é xusto! ¿Por que nós...? ¡Non é xusto! ¡Non é xusto!

Don Xosé:

Non desbarres, María, non desbarres...

Dona María:

¡Non é xusto! ¡Non é xusto!

     Don Xosé, ignorando o que acontece ó seu redor, abre un libro ó pé do cadaleito e escomenza unha lectura ó xeito despois de persignarse.

Don Xosé:

"En el nombre del Padre, del Hijo y del Espíritu...".

Xusto:

(bicándoa e acareixándoa) Non es xusta, Vitiña... Non es xusta... Déixame que che queira... Déixame... Déixame...

Vitiña:

(con verbas longas e estremecidas) Xusto... Xusto... Xusto...

Dona María:

(tirándose sobor do cadaleito) ¡Volve, papai, volve...! ¡Vén connosco, papai...!

Don Xurxo:

Non vén, María, non vén...! ¡Xa non nos escoita...!

Vitiña:

(tremente) ¡Xusto, que nos escoitan...! ¡Xusto, que van vir...!

Xusto:

(tirándoa sobor da mesa, sen escoitala) ¡Aténdeme, Vitiña, aténdeme...! Son o teu Xusto... ¡O rei dos xustos...! ¡O rei dos xustos...!

     A voz do crego faise monótona entre os sospiros de namoro de Vitiña e as verbas afervoadas de Xusto. Os fillos berran:

Os Fillos:

¡Papai! ¡Papai!

     Xusto, satisfeita xa a súa cobiza, di con voce aínda tremente.

Xusto:

¡Que boa estás, Vitiña...! ¡Que preta...!

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega