O afundimento do buque Prestige e as suas consecuéncias para Galicia

 

[Texto íntegro]

 

v2adelafigueroaafundimento.html

     No dia 13 de Novembro de 2002 o buque Prestige lanzou unha chamada de socorro ao salvamento de costas en Galicia.
     Un accidente abrira unha via de auga nun dos seus costados, e o capitan do barco, temendo pola seguranza deste e dos seus tripulantes, pediu abrigo nalgún porto galego.
     Esta petición de socorro foi desoida polas autoridades, que ordearon separar o barco o mais posible da costa galega, pensando que así evitarian o grave problema de contaminación que poderia acontecer se a sua carga era deitada nalgún dos portos de abrigo que o capitan suxeria, como era o do Porto da Coruña, ou a ria de Corcubión-Cee.
     O barco, finalmente, afundiuse a 130 millas da costa de Fisterra, transformado nunha xigantesca regadeira que acabou por contaminar toda a costa galega, a cantábrica, e a costa francesa.
     A problemática deste verquido é complexa e variada.
    

Que é o fuel?

     É o que fica despois de terse feito a separación de todos os compoñentes do petróleo. É como un residuo no que se concentran os materiais mais pesados que forman parte deste despois que del se separan, os gases (butano, propano..) os líquidos (gasolinas, etc.) e outros productos de interés químico e industrial.
     O fuel que transportaba o Prestige é un material que contamina os ecosistemas de variadas maneiras:
     Polas características do producto, sabemos que pode flotar, permanecer entre as augas nun nivel intermedio, e tamén pode embadurnar os fondos. É, polo tanto un "monstruo" que ataca desde diferentes frentes. A sua densidade é mui parecida á densidade das augas, (aproximadamente 0,9gr./cc, dependendo da sua temperatura, entre outras cousas), e a sua fluidez sitúase nos 6ºC, aproximadamente, o que o fai non solidificable (como se dixo frivolamente nos primeiros momentos do seu afundimento).
     A tres meses despois do accidente temos un barco afundido a 3500 mts de profundidade que non deixa de deitar fuel (2 toneladas diarias segundo os informes oficiais) constantemente, que vai chegando as costas sen parar.

    
Os efectos no ecosistema son graves
    
     Flotando sobre as augas dificulta a entrada de luz provocando mortandade no fitoplancton e algas en xeral, que dependen desta para realizar a fotosíntese. Tamén, por contacto directo. O fitoplancton e as algas representan o primeiro elo da cadea trófica que sustenta os outros niveis do ecosistema mariño. O zooplanctón é afectado directamente polo fuel flotante, e porque non ten de que alimentarse.
     O bentos, ou seres que viven nos fondos mariños, como son as ameixas, berberechos, bibalbos en xeral, que se alimentan de filtrar as augas, son intoxicados pola inxestión de fuel e derivados del nas augas e por comeren plancton afectado polo verquido (foi espectacular a mortandade de ourizos, que comezaban a ser comercializados nunha industria emerxente en Galiza que agora ve interrompido o seu andamento).
     O nectón ou seres que nadan libremente nas augas son afectados directamente por inxestión de fuel, por inxestión de plancton ou pequenos animais que xa o tivesen comido, e tamén porque o seu corpo pode ficar untado (así apareceron muitas merluzas ou outros peixes. Outros fuxiron desde os primeiros dias).
     Os mamíferos mariños son tamén gravemente afectados. Por contacto directo, o fuel mancha a sua pele e impregna o seu pelo, facéndoos menos impremeables á auga co que perden calor e sufren hipotermia. A inhalación dos vapores dana o seu aparato respiratorio e acaban por pasar ao sangue e repartidas por todo o seu organismo.
     As aves mariñas son tremendamente afectadas. Teñen que comer, así que están obrigadas a atravesar a superficie das augas para atrapar as suas presas. O fuel impregna as suas plumas perdendo impermebilidade, empápanse de auga, co seu peso non poden voar e, sen isolamento térmico, sofren de hipotérmia. Estímase que entre 65.000 e 130.000 aves cairon xa víctimas do fuel, a datas de 16 de xaneiro. Entre as mais afectadas está o arao (Uria aalge) con 5.691 exemplares, o que poderia representar o golpe de gracia para a extinción desta ave nas nosas costas.
     Nós, que nos alimetamos de tantos seres mariños, acabamos por inxerir as toxinas do chapapote que todos eles comeran.


Este verquido ten unhas características químicas que o converten nun tóxico de variados efectos

     É particularmente rico en hidrocarburos de alto peso molecular, o que aumenta o risco de presistencia nos sedimentos, cun alto contido en Xofre, 2,6%. Tamén contén metais pesados. Por iso presenta bioacumulación. Quere dicer, que ao ser inxerido polos seres vivos, non é totalmente metabolizado e eliminado por estes, pasando a través das cadeas tróficas e acumulándose nos elos mais altos destas.
     En contacto coa auga do mar,  e favorecido polo bater das augas, o fuel mistúrase formando emulsións, que incrementan o seu volume. Estas emulsións poden ficar en suspensión no ar, dando lugar a aerosois que contaminan gravemente a atmosfera nas zonas costeiras, como pasou en Malpica e, en xeral, na costa da morte, sobre todo nos primeiros momentos en que se atinxiron valores de contaminantes en suspensión aérea que, segundo técnicos, poderian xustificar a evacuación da población.
     Este foi o peor desastre ecolóxico que ten sufrido Galicia en toda a sua historia, e tamén é considerado como o mais grave que ten sufrido Europa.
     A plataforma cidadá Nunca Mais, que se constituiu para loitar contra os graves efectos deste desasatre, reclama da administarción a declaración de Galicia como zona catastrófica, pois o problema xerado precisa dun tratamento global integrado que contemple non só a retirada urxente do fuel das costas, como se ven reclamando até o cansanzo, mais tamen dun estudo serio, no que interveña a comunidade científica (que reclama incesantemente intervir no tema, sen que a administración preste ouvidos á suas demandas, desprezando todo o capital humano e científico que o país posee), e o sentido común das xentes de boa vontade que, preocupadas polo benestar dos cidadans, están alarmadas por todos os riscos que este desgrazado "accidente" trouxo a esta Terra. Non é só cuestión de cartos e de indemnizacións. O noso patrimonio, a herdanza dos nosos descendentes está posta en causa. É a nosa obriga preservarlla e transmitirlla nas mellores condicións, para que poidan aproveitar os seus recursos e disfrutar das maravillosas paisaxes que se dan en calquera curruncho de Galiza.

Galiza, Marzo 2003

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega