O ano das mimosas

 

(Texto íntegro)

 

v3xoselunaoanodasmimosas.html


A Nicolás, por suposto.






... Din que as campás de Liripio fan escorrentar os tronos.
Ogallá que resoen en Bos Aires as campás de Liripio e fagan posible
a unión de todos os estradenses!...
(Revista da Unión Estradense na Arxentina,
 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Maio. 1941)


Ogallá que resoen tamén, en todo o mundo, as campás de Liripio e escorrenten, para sempre, os lóstregos do racismo.
(Unha arela, O autor. Abril. 2000)


Acacia Dealbata Link ... As flores son hermafroditas, espidas,
en cabezolas, globosas, de color marela viva, moi arrecendentes.
Florea en xaneiro ou febreiro...
(Guía das árbores de Galicia,
Ed. Xerais. 1989)








I

ACACIA DEALBATA LINK

 

     A VERDADE É que teñen un nome rarísimo. O meu avó Aarón díxome que se lle chamaban, cultamente, Acacia Dealbata Link. Tamén me contou que veñen de Nova Gales do Sur que queda, podédelo mirar no atlas, alá polo continente dos canguros.
     O meu avó Aarón é, entre outras moitas cousas, un auténtico especialista en mimosas. Distingue entre seis ou sete tipos delas e tenme contado que as mimosas que hai nunha leira no lugar de Mámoas, na súa aldea, ao outro lado do río, preto de onde temos a casa vella, son as que máis e mellor arrecenden de toda Galicia.

     O meu avó Aarón tenme contado infinidade de cousas, historias e contos dos máis incribles que vos podedes imaxinar: ensinoume como conseguir miñocas de aneis, que seica son as preferidas das troitas; explicoume a linguaxe das plantas, que seica resulta tremendamente difícil para os humanos; descubriume a receita dos pirulís de amorodo e chocolate, que seica facía a miña bisavoa Rocío.
     O meu avó Aarón contoume moitos contos de tesouros agochados, de troitas xigantes que ninguén era quen de pescar, de mouros que xogaban á estornela, de cruceiros que protexían igrexas, de piratas que loitaban pola paz nos mares, de animais que posuían nome de persoa e de persoas que tiñan nome de animais.
     Mais o que nunca, xamais me contou, a pesar da miña insistencia, é por qué non quere vivir comigo e cos meus pais na vila e prefire vivir, el só, nesa aldea perdida de nome tan gracioso.
     En fin, non me digades como o sei pero creo que esta súa decisión ten moito que ver con esa súa paixón pola Acacia Dealbata Link.
     Era o seu grande segredo. E para min era un grande misterio. Ante a miña curiosidade sempre dicía o mesmo:
     Cando fagas once anos, André. Contareicho aos once
anos.
     —Aos once anos, ¿por que aos once anos, avó Aarón?
     —Porque foi aos once anos cando regalei o meu primeiro ramo de mimosas —respondeu coa mirada perdida nun retrato en branco e negro que penduraba da parede.
     É curioso, ata este momento, nunca reparara nesa vella fotografía. Tratábase dun grupo de persoas que posaban diante dun carromato. Semellaba unha familia. Vianse moi felices. Quixen preguntarlle ao meu avó por esa xente, pero vino tan exhorto que despedinme, sen dicir ren, dándolle un bico na meixela.
     Dun tempo a esta parte o meu avó amosábase distraído e moitas veces quedaba ensimesmado como se estivese mirando o retrato.
     Meu pai dicíame que non cansara ao avó, que o deixase tranquilo, que tiña moitos anos e que lle podía facer mal recordar; pero eu quería saber todo, absolutamente todo: ¿quen era a xente da fotografía?, ¿por que o avó prefería vivir, el só, na aldea? E, sobre todo, sobre todo: ¿que tiñan que ver as mimosas con todo isto?...

 




II

SANTA BÁRBARA BARBARIA

 

     O DÍA QUE cumprín os once anos, nada máis chegar da escola, díxenlle ao meu pai que me levase á casa do avó Aarón.
     Estaba sentado, nunha cadeira, baixo unha enorme árbore, á beira do Liri. Tiña a mirada perdida en azul e branco. Os beizos amosaban o seu estado de felicidade. Era o sorriso dun home de noventa e sete anos. Era a súa forma de darlle as gracias ao ceo.
     —¡Avó!, ¡avó!, —berrei mentres corria cara a el— ¡Xa teño once anos! ¡Xa teño once anos! ¡Quero que me contes...!
     Sen deixarme rematar a frase deume un bico e unha aperta e con bágoas nos ollos, díxome:
     —Senta aquí André, ao meu carón. Vouche contar unha historia que fala de mimosas e de dous rapaces, da túa idade, que eran moi amigos e tiveron que separarse por mor dun sino. E a continuación, vendo a miña cara de circunstancia, apresurouse a explicarme, con todo luxo de detalles, que un sino era unha campá, o axóuxere da igrexa. E principiou co seu relato...
     A historia que che vou contar aconteceu hai moito, moito tempo, nunha parroquia galega na que todos os seus veciños vivían, nunca mellor dito, atormentados. A aldea da que che estou a falar coñézoa moi ben. Chámase Liripio. Está situada nun outeiro, nas abas dunha montaña, dende onde se divisa o ceo máis azul de todos os ceos.
     Eu nacín baixo ese ceo e alí pasei os mellores anos da miña vida. Vivía nunha casiña de pedra ao carón da igrexa. Dende a bufarda da miña casa divisábase o mellor río troiteiro de toda a bisbarra, o Liri. E dende a ventá da miña habitación víase o cruceiro máis alegre de todo o concello.
     —¡¿Un cruceiro alegre, avó Aarón?! —interrumpín cun ton entre incrédulo e choqueiro.
     —Si. Verás, André. O cruceiro estaba dedicado ao noso patrón, o San Brais. Fixérao —segundo me contou don Genaro, o cura, moi posto nestes temas— un canteiro de Laxe que viñera traballar á catedral de Santiago. Cando remataron a obra da sé Compostelá ofrecéronlle traballo nas moitas igrexas que por aquel entón se estaban a construír na nosa comarca.
     Contan que cando estaba traballando nos capiteis do presbiterio da igrexa de San Lourenzo de Ouzande, no seu tempo de lecer, como era moi devoto do San Brais, subía á parroquia de Liripio e traballaba no cruceiro do adro da igrexa.
     Un día, mentres esculpía os beizos do santo, escoitou repenicar o sino con tanta dozura que Manuel, que así se chamaba o canteiro, quedou a vivir para sempre en Liripio, e o santo quedou para sempre sorrindo.
     Ben. Pero continuemos coa historia, André. Os veciños de Liripio vivían con medo. Vivían atormentados pola grande cantidade de tronadas que, dende había un ano, sacudían á parroquia. As treboadas duraban horas. Ás veces días enteiros.
     Todos pensaban que o roubo do sino da igrexa era a causa dos trebóns; mais eu, meu netiño, estaba seguro de que as tormentas eran un castigo pola inxustiza cometida.
     —¡¿Tormentas?¡!, ¡¿Roubo?!, ¡¿Inxustiza?! —saltei coma un resorte— Non comprendo nada, avó Aarón.
     —Non sexas impaciente André; e escoita, presta moita atención. As tormentas comezaban decote da mesma maneira. Levantábase algo de vento e os papeis e as follas do adro da igrexa debuxaban con moita precisión tenues remuíños. Este era o sinal. Os liripienses corrían atemorizados cara ás suas casas. As treboadas producían, dende había un ano, moitas desgracias en Liripio.
     —
Aarón —dicía Ramón, o meu pai— a tormenta vai empezar. Corre filliño. Métete na casa. De repente o ceo tornaba de color. A escuridade abrazaba á claridade, coma se a noite vencera nunha rápida loita ao día, e viamos, escondidos trala ventá do meu cuarto, unha forte luz branca, coma cando botaban os morteiros ao finalizar os festexos do San Brais.
     —¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!
     A tormenta xurdía coma por arte de birle birloque. Mesmo asemellaba un castigo divino. Quizais como lle escoitara dicir nunha ocasión a don Genaro estaba próximo o día do Xuízo Final.
     —¡Que Deus a mande maina! —dicía miña nai facendo o sinal da cruz. E logo recitaba aquela pregaria que todos os liripiáns repetiamos de memoria, unha e outra vez, dende había un ano:

Santa Bárbara, Barbariña
vai xuntar a treboada
que no monte anda espallada...

     Alá arriba ocorría todo moi de présa. As nubes atropelábanse; pelexaban unhas con outras. Era coma se no ceo dúas forzas antitéticas loitasen sen tregua por levar a verdade á Terra, a Liripio.
     —¡Aí está! Ese, ese é o Señor Lóstrego. Escoita ben Aarón —sentenciaba meu pai cun aceno de preocupación— ese é o perigoso. Nunca, xamais, te interpoñas no seu camiño. É moi forte, ataca ata que queda sen folgos; e é moi falso, primeiro cégate e depois vai por ti, sen piedade.
     O Señor Lóstrego, coma se do gume dunha navalla se tratase, foi quen de facer clarexar por un instante o ceo.

... Xúntaa ben xuntiña
pásaa a Montevideo
onde galo non cantaba
nin paxaro chiaba
nin boi bruaba...

     Mentres tanto, todos xuntiños, ficabamos enmudecidos. Despois de vermos ao Señor Lóstrego, saiamos correndo de detrás da ventá e poñiamos as mans nas orellas. Agora viria o que realmente me daba medo de verdade.
     —¡¡Bruuumrnm!!, ¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!.
     O seu resoar fora verdadeiramente estrondoso, mesmo fixera tremer o sorriso do San Brais.

...Pola gracia de Deus
e da Virxe María
un Pai Noso
e unha Ave Maria

     —E, ese, Aarón —seguía a explicarme meu pai— ese é Don Trono. O irmán bo do Señor Lóstrego, que nunca o dá pillado e que lle berra para que non faga mal, para que se deteria.
     —¡¡Bruuummm!!, ¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!

Santa Bárbara, Barbariña
Vai xuntar a treboada
que no monte anda espallada ...

     —¡Caeu preto do río! —sentenciou meu pai. Máis raios, máis tronos, máis vento, máis chuvia... A tronada estaba a atacar de novo.
     —¡Bruuummm!, ¡Bruummm!

Xúntaa ben xuntiña
Pásaa a Montevideo
Onde galo non cantaba
Nin paxaro chiaba
Nin boi bruaba...

     —¡Bruumm!
     Cando o intervalo entre o lóstrego e o tanxer do trono aumentaba quería dicir que a treboada se alonxaba, pouquiño a pouco, ata desaparecer.

... Pola gracia de Deus
e da Virxe María
un Pai Noso
e unha Ave María.

     O ceo quedaba entón con ese azul que só ten o noso ceo. A tranquilidade voltaba a Liripio.

 




III

AMORODO E CHOCOLATE

 

     —¿CANDO COMEZARON AS tronadas, avó Aarón? —preguntei intrigado.
     —Todo comezou cando don Daniel, o pedáneo, ordenou expulsar aos Montoya da nosa aldea...
     Pedro Montoya e a súa muller Rocío tiñan once fillos, dez rapaces e unha rapaza. Vivían, todos xuntiños, nunha pequena casa, no lugar de Mámoas, ao outro lado do Liri, lindando coa leira de don Daniel.
     O cabeza de familiar Pedro Montoya, ía de festa en festa, co seu carromato cheo de cousas incribles e fabulosas: papaventos, contos de piratas, zancos, filharmónicas, veletas, balóns de regulamento, miñocas de aneis, foguetes de
colores. Tiña tamén uns saborosos pirulís; as larpeiradas facíaas a súa muller, dona Rocío. O pirulí ia sempre de regalo. Así é que todos, rapazas e rapaces de Liripio, devecían por subiren ao seu carromato, comprar algunha chilindrada e saborear, cos ollos pechados, os sabedeiros pirulís.
     Dona Rocío quedaba mirando fixamente cos seus grandes ollos de moucho e dicía:
      —A ti, Luis, vaiche gustar moito o de amorodo; e ti, Sonia, ti vas probar este de Pexego...
     Coñecín á única filla de Pedro o día que chegaron a Liripio. Tiña dez anos. Eu vira de cumprir os once, igual ca ti André. Era case tan alta coma min. Tiña unha fermosa cabeleira morena e a cara colorada, chea de pencas; os seus beizos debuxaban, decote, un permanente sorriso coma o do San Brais.
     Xuntos pasámolo moi ben. Á noitiña fomos ao carromato dos seus pais; e dona Rocío, despois de observarnos cos seus ollos de moucho, díxonos:
     —Pensade un desexo e pechade os ollos que as larpeiradas hai que saborealas cos ollos pechados.
     Cando levabamos un ratiño saboreando o pirulí, dona Rocío contou ata tres e o desexo debía cumprirse, sempre e cando déramos co sabor.
     —Un, dous, tres.
     Abrimos os ollos e berramos, ambos os dous á vez, con todos as nosas forzas:
     —¡AMORODO! —berrou ela. CHOCOLATE —dixen eu. 
     E, mirando o un para o outro, botamonos a rir a cachóns. 
     Amorodo e chocolate.
     AMORODO E CHOCOLATE. Que marabillosa, mestura, o desexo cumpriríase.
     Entre tantas emocións esquecemos de dicir cales eran os nosos nomes. Cando lle preguntei como se chamaba, miroume fixamente cos seus grandes ollos negros e sen parar de sorrir un só momento, contestoume:
     —Do dereito e do revés, ¿o meu nome é ...?
     E cando xa marchaba, de volta, para a miña casa berroume dende o outro lado da ponte:
     —E ti, ¿como te chamas, ti?
     Non era moi bo coas adiviñas pero lembreime do que contara don Genaro o outro día na catequese, referente ao meu nome. Así que non tiven problemas en espetarlle:
      —Chámome igual có irmán pequeno de Moisés...
     Quizais llo puxera moi difícil. ¿Difícil? En absoluto, ela resultou ser moi intelixente e non tivo problemas para descubrir o meu nome. Seguramente o mirou nalgún deses
libros que o seu pai tiña no carromato.
     Eu, pola contra, estivera toda a noite matinando. Dándolle voltas e reviravoltas. Pensei en todos os nomes de rapaza que coñecía e nos que non coñecía. Era inútil. Tiña que ser igual do dereito e do revés. ¿Do dereito e do revés? Nada. Nin idea; nin remota idea.
     Á mañá seguinte fun correndo ata o outro lado do río e alí agardaba ela co sorriso nos beizos.
     —Ola, mago Aarón; porque, ¿chámaste Aarón, verdade?
     Mireina aos ollos. Estaba abraiado. E non sei como pero contestei:
     —Si. Chámome Aarón. E ti es Ana. Ana, a xitana. Queres ser a miña moza? —preguntei mentres pensaba que, quizais, Ana cos seus poderes de xitana, me convertese nun mago, o Mago das Palabras.
     Ese mesmo día viremos aquí, André. E neste mesmo carballo gravamos, cunha navalla, os nosos nomes: Ana a Xitana e Aarón o Mago das Palabras...
     O noso amor estaba escrito na alma da árbore; xa nunca ninguén, ninguén, nos podería separar. O desexo do pirulí cumprírase, igual que a fresa e o chocolate, estariamos por sempre xuntos.
     O meu avó víñame de contar, xusto o día do meu cumpreanos, como coñecera á miña avoa. ¿Non vos parece marabilloso? Era realmente fantástico.
     Contoume todo: a que xogaban, por onde paseaban, as trasnadas que facían, mesmo cando se bicaron por primeira vez. Foi no mes de febreiro, polo San Brais, namentres a banda tocaba á saída da misa.
     El, axeonllado na grada do cruceiro, regaloulle un ramo de mimosas e pediulle que fose a súa moza. Ela, sentada na base co seu corpo apoiado no varal liso, contestoulle cun bico debaixo do nariz que sabía a amorodo e chocolate e que arrecendía a mimosas baixo a atenta mirada do San Brais que sorría máis ca nunca.

 




IV

O CORPO DO DELICTO

 

     PEDRO —SEGUÍA A contarme o meu avó Aarón— gustaba de contarmos moitos contos. Eran unhas historias coma as cousas que levaba no seu carromato. Eran unhas historias incribles. Contábanos como pescar as troitas máis grandes. Falábanos da linguaxe das plantas. Mesmo lembro un día que nos contou como no pobo onde nacera, no sur de Portugal, todas as persoas tiñan nome de animais e aos animais púñanlle nome de persoa.
     Nunca souben ben o por qué, supoño que Ile terían envexa, pero o caso é que algunha xente de Liripio non
podía ver diante a Pedro e á súa familia. Estaban enrabexados, falaban mal dos Montoya, sobre todo o pedáneo, o señor Daniel. Dicía que eran pobres e era certo, mais eran ricos en felicidade. Comentaba que os seus fillos non ían á escola e era certo, mais eran intelixentes e educados. Murmuraba que non ían á misa e tamén era certo, mais sempre estaban dispostos a axudaren a todo aquel que o necesitaba. Acusábaos de ser xitanos e tamén era certo, mais estaban moi ledos e orgullosos de selo.
     Mira Danielito díxolle un día meu pai ao pedáneo, Pedro gáñase a vida honradamente e saca adiante á súa familia facendo felices a todos os rapaces de Liripio. E éme igual que sexa ou non xitano, ¿vale?
     Ao mencer seguinte ao festexo do San Brais, cando o sancristán foi tocar as campás, fíxose o descubrimento...
     —¿Descubrimento? ¿De que descubrimento falas, avó Aarón?
     O do roubo do sino, André. O sino, a campá, estaba considerada por todos os liripiáns coma unha auténtica reliquia, unha auténtica xoia; era a testemuña da antiga igrexa románica.
     O primeiro en chegar á igrexa foi don Daniel que, sen dubidalo un só instante, acusou do roubo sen ter ningunha proba a Pedro Montoya.
     A verdade é que os feitos sucedéronse moi de presa. Un grupo de homes encabezados polo pedáneo ordenaron de ir ata o outro lado do Liri e de rexistrar a casa dos Montoya, mais co único que se atoparon foi cos pirulís de amorodo e chocolate que estaba a facer dona Rocío. Ordenaron logo rexistrar o carromato, mais co único que se atoparon foi con todas as cousas incribles de Pedro.
     O Daniel dixo entón que seguramente tirara o corpo do delicto ao rio.
     —¡¿O corpo do delicto?! remedouno con sorna o meu pai ¡déixate de parvadas, Danielito...! Non tes ningunha proba contra el. ¡Déixao en paz!
     Pedro Montoya permanecía calado. Moi triste. Estaba desilusionado. Agora estaban ben naquela parte do río. Levaban vivindo en Liripio dous anos. El e toda a súa familia foron obrigados a abandonar a aldea. Terían que marchar. Comezar de novo unha nova vida noutro lugar con outra xente. Ninguén os quería alí. Estaban acusados de roubar
como dixo o pedáneo o patrimonio artístico da nosa parroquia.
     Pedro Montoya marchou coa súa familia ao seu pobo natal, no sur de Portugal, Caldas de Monchique. Nin tan
sequera lle deron tempo a meter dentro do carromato todas as súas pertenzas. Tivo sorte de non ir parar cos seus ósos ao cárcere berraban alporizados os veciños.
     —E ti, avó Aarón: ¿ti crías na inocencia de Pedro?
     —Por suposto, André. Eu estaba seguro da inocencia de Pedro. El non faría nunca nada así. Ramón, o meu pai, e outras familias de Liripio tamén o crían e intercederon por el diante da autoridade, pero era demasiado tarde; don Daniel tiña a decisión tomada.
     —A decisión está tomada Ramón. Non hai volta de folla, o mellor para Liripio é que marchen e punto.
     Ao atravesar a ponte cruzamos as miradas. Ía sentada ao carón da súa nai e dos seus irmáns. Ao xirar a cabeza, a súa longa cabeleira morena ondeou ao vento, os seu beizos seguían a debuxar un lixeiro sorriso coma se foran esculpidos por Manuel, o canteiro de Laxe, que quedara a vivir en Liripio; mais, os seus grandes ollos negros, herdados da súa nai, denotaban unha profunda tristura. Era terrible. Quizais non nos volveriamos a ver xamais.
     Entón, berroume dende o carromato:
     —Do dereito e do revés, ¿o meu nome é ...?
     —Escribireiche todos os días dixen en baixa voz. Verémonos axiña. Confia en min. ¿Lembras? Son Aarón, o irmán pequeno de Moisés, o Mago das Palabras. ¡Confia en min! ¡verémonos axiña! ¡Quérote! berreille, agora, con todos os meus folgos, mentres dúas bágoas que corrían pola miña faciana deron lugar a unha nubarrada, que provocou que todos os liripienses corresen resgardarse.
     Dende aquela, día si e día tamén, padeciamos continuas treboadas. Os liripienses tiñan moito medo. Vivían atormentados. Preguntábanse se fixeran ben condenando ao ostracismo aos Montoya. O único que estaba seguro de obrar correctamente era Danielito, o pedáneo, que andaba moi ledo e fachendoso.
     —Non se fale máis do asunto, fixemos o correcto e punto. Sentenciaba cada vez que un veciño lle amosaba dúbidas ao respecto.





V

NEVE AMARELA

 

     ENTRE TORMENTA E TORMENTA, entre carta e carta cara a Caldas de Monchique, foron parando as estacións, ata que chegamos de novo ao San Brais.
     Ía xustamente un ano que non vía a Ana e ía tamén, xustamente, un ano dende que Don Lóstrego —como dicía o meu pai— atacaba sen piedade Liripio.
     Tiña lista unha nova carta para Ana. Lembreime das mimosas. Polo San Brais locían un fermoso vestido amarelo. Seguro que en Caldas de Monchique non as habería. Gustaríalle moito. Meteríalle unha ramiña no medio da carta.
     Fun collelas ao lugar de Mámoas, á leira doutro lado do Liri, a que lindaba coa casa dos Montoya. Dun salto boteime enriba do valado. Tiña que darme présa. Estaba escurecendo e o vento principiaba a debuxar remuíños. Don lóstrego ía atacar de novo.
     Naquel sitio as mimosas eran as máis fermosas e as que mellor arrecendían. Si. Cortaría esa. A que se erguía por riba das silvas e das carqueixas.
     —¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!
     A tormenta atacaba de novo. Unha negra sombra cobre o día. Tiña que controlar o medo. Non me acordaba nin a pregaria. Voltaría rapidamente para a miña casa, meus pais estarían moi preocupados.
     —¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!
     —¡¡¡Son Aarón, o Mago das Palabras, o irmán maior de Moisés e ordeno que cese a ....!!!
     Unha lufada pechoume de contado a boca e arrancou pola raíz a árbore das mimosas. Lévaas ao ceo, máis ala de onde se están a pelexar as nubes. Incrible.
     —¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!!, ¡¡Bruuumm!! 
     Estou aterrado. Non son mago nin teño ningún irmán que se chame Moisés. Teño que fuxir...
     Foi entón cando apareceu, alí, no chan, xusto diante de min, un obxecto cheo de lama. Axeonlleime e limpieino, axudado pola forte chaparrada que estaba a caer e polo flamexar do vento. Tiña nas miñas mans a campá, o sino, o axóuxere da nosa igrexa. Quizais Ana, a Xitana, tiña razón e era mago de verdade.
     —E, ¿que fixeches avó Aarón? —preguntei entusiasmado polo novo achádego.
     —Corrín. Corrín como non correra na miña vida. Corrín empuxado polo vento ata o campanario. Subín as escaleiras de dúas en dúas, de tres e tres, de catro en catro. Don lóstrego continuaba ameazando Liripio.
     —¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!
     Alcei a campá coas dúas mans e implorei ao ceo. Como acontecera cando descubrín o nome de Ana, as palabras xurdían da miña boca coma por arte de maxia:


Tente trono tente en ti,
que Deus pode máis ca ti.
Santa Bárbara, san Simón
pecha as portas ao trebón.

     Unha forte luz brillante cegoume un intre.
     —Nunca, xamais, te interpoñas no seu camiño, Aarón —dixérame nunha ocasión o meu pai—; é moi forte, ataca ata que queda sen folgos; e é moi falso, primeiro cégate e despois vai por ti, sen piedade.
     De seguido escotei un ruído enxordecedor.
     —¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!, ¡¡Bruumm!!
     Tiña unha sensación rara como se flotase. Mesmo semellaba que pasaba voando á altura do cruceiro. Escotei outro ruído, sería o Señor Trono, ese non ten perigo. Doíame todo o corpo. Queria pechar os ollos. Pareceume ver unhas folerpas de neve. Neve amarela no San Brais. A campá estaba a tanxer. As folerpas de neve amarela seguían a caer. Ana tiña razón, eu son Arón, o Mago das Palabras. Estaba moi canso. Escoitaba unha voz, é unha voz amiga. Era Ana que estaba a chamarme, con moito agarimo, quería ir pasear comigo. Seguía nevando amarelo e a campá, o axóuxere da igrexa, seguía repenicando, docemente, alá arriba, no campanario.
     —¡¡Bruumm
!!, ¡¡Bruumm!!
     Pensei en Manuel, o canteiro de Laxe que quedara a vivir en Liripio. Pensei no carromato de cousas incribles dos Montoya. Pensei nas mimosas. Pensei no sino. Pensei en Ana. Pensei no bico de amorodo e chocolate. Pensei.
Pensei. Pensei. Pensei nas palabras de dona Rocío: as larpeiradas hai que saborealas cos ollos pechados; e pechei, pechei, pechei os ollos para poder saborear os pensamentos; e soñei, soñei, soñei coas primeiras mimosas do ano; e ...





VI

O ANO DAS MIMOSAS

 

     —E... ¿QUE PASOU despois, avó Aarón? —Preguntei preocupado.
     —Pois pasou o que tiña que pasar querido André. Verás, espertei no meu cuarto. O primeiro que fixen ao abrir os ollos foi dicirlle á miña nai que era o Mago Aarón e seica preguntei polo meu irmán Moisés. A miña nai, claro está, comezou a chorar e a dicir que o lóstrego me trastornara os miolos.
     Despois, máis tranquilos, contáronme todo: que levaba cinco días durmindo, que me alcanzara un raio e que, por moi difícil de crer que fose, caera dende o campanario. Era un milagre que estivese con vida. Ramón, meu pai, non paraba de dicir que estas cousas non eran reais, só pasaban nos contos ou nos soños.
     Contáronme que estiveran caendo do ceo, durante estes días, boliñas amarelas dos acios das mimosas; todo Liripio arrecendía a mimosas. Dixéronme, asemade, que toda a parroquia estaba moi orgullosa de min. Contáronme como don Daniel, o pedáneo, confesara ser o autor do roubo da campá, como a agachara na leira da sua propiedade e como dende que o sino estaba no campanario non houbera máis tronadas.
     Foi, precisamente, naquel tempo cando os liripiáns comezaron a cantar dende o adro da igrexa:

Campaiñas de Liripio
Cando empezas a tocar,
Nin que fosedes un feitizo;
Vaise a tronada pro mar

     E, foi así, deste xeito, como se fraguou a lenda do sino. O sino do trono. A nova esparexeuse por toda a comarca e chegou a todos os recunchos de Galicia e de alén mar. A xente colleu unha grande fe nesta campá e facíana repenicar cando ventaban algún perigo.
     Solucionado o tema das treboadas, só quedaba arranxar a outra cuestión pendente. O novo pedáneo e todo Liripio pediríanlle desculpas públicas aos Montoya.
     Todos desexabamos que Pedro e a súa família voltasen de novo á súa casa, á beira do Liri. Querían que fose eu o que lle escribise a carta. Por suposto, fíxeno contando todos os pormenores do acontecido. Ao rematar deille un bico ao sobre e metinlle dentro unha ramiña de mimosas e asinei como Aarón, o irmán pequeno de Moisés, o Mago das Palabras.
     Fíxosenos de noite. O facho da lúa chea pousábase engordiño sobre o Liri e acendía as nosas caras baixo o enorme carballo que tiña gravado os nomes dos meus avós. Agora entendía porque meu avó Aarón non quería abandonar aquel lugar. O amorodo sempre ía co chocolate e, xa que logo, o seu sitio estaba alí, con Ana a xitana.
     O avó Aarón fixérame o mellor regalo de todos os regalos. Contoume a historia máis fermosa de todas as historias. Era a historia dos meus avós. Era a miña propia historia.
     —Avó Aarón: ¿En que ano ocorreu isto?
     —Pois déixame pensar, André. Foi... Foi, no ano.... agora mesmo non me lembro ben. Foi... Eu caseime coa túa avoa, Ana, no ano trinta e nove... pois, entón tivo que ser no....
     —¡Non te preocupes avó Aarón! —díxenlle, sen pensalo dúas veces, coma se eu tivese tamén no meu poder a maxia das palabras—, eu recordareino sempre como O ANO DAS MIMOSAS.

 




NOTA DO AUTOR:

 

     Nos primeiros días do mes de abril do ano 2000 tiven un fermoso soño. Era un soño deses redondos cun final feliz. O meu avó contábame un conto para que eu llo contase ao meu fillo.
     O caso é que, como adoita ocorrer con isto dos soños, ao espertar non me lembraba moi ben del; e quizais, por iso, comecei a escribir este libriño.
     Esta pequena historia, O ano das mimosas, está inspirada na lenda do sino do trono; lenda da parroquia estradense de Liripio. Os feitos aquí narrados, os lugares descritos, e as personaxes protagonistas son, totalmente, froito da imaxinación; e, seguramente, tamén, da necesidade que todos temos de facer realidade os nosos soños.
     Cando meu bo amigo Paco Lareo leu O ano das mimosas, veume a visitar e entregándome un sobre cheo de papeis díxome:
     —Xosé, este feixe de debuxos son para o teu soño.
     Ao introduciren no texto as colores, as paisaxes, as caras, o sabor a amorodo e chocolate e o arrecendo a mimosas, comprendín que Paco me fixera un magnífico regalo... Así era o conto que o meu avó me contou no soño para que eu llo contase ao meu fillo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega