Obra completa

 

Escolma.

 

m2rcabanillasobracompletaescolma.html


¿DE QUE MORTE MORREU A NOSA PRENDA?



¡Irmán Daniel!
Na praia de Rianxo
caían como bágoas as estrelas,
espallaban teus aies derradeiros
bruantes ventos das andinas serras,
e ondas galgantes, en cramor, chegadas
da pratense ribeira,
contaban no areeiro que te foras
da sereidade pola plan vereda...
o camiño que nunca se desanda,
o vieiro sin fin...
Na noite pecha
entrei pinal adiante, medoñento,
a alma dun feitizo prisioneira.
Fungaban os ramallos un responso,
brilaba a frouma verdecente acesa,
en velorio de honra ó teu relembro.
Ergueitas cara ó ceo as ponlas, era
cada pino un cruceiro,
labra xenial da túa man maiestra,
e aquel forte e lanzal, que tempos idos
escoitou a túa prácida conversa
co sabidor e xurdio,
profundador de voces milagreiras,
inquireu delorido, en desespero:
¿De que morte morreu a nosa prenda?
Atravesoume o peito
un dor punxente e esguío de saieta
e díxenlle a verdade cru, tinguindo
cunha pinga de sangue cada verba:
¡Morreu do mal dos bos e xenerosos!
¡Morreu de amor á Terra!






CAVILACIÓNS

Á boa memoria do mártir Darío Álvarez Limeses


   ¡Ou Terra mergullada na barreira
do infindo dor, en tráxico desmaio,
cando escoito o teu laio
sinto o degaro ardego
da vida cega e xorda da toupeira
e o silandeiro furo do sartego!
   
   Dimpois do impío devanceiro estrago
ficou sangrando o corazón da Terra
sóbor dos ósos do Señor Sant Iago.
   Nas abertas, regueiros e cunetas
carnes apodrecidas froreceron
en moradas e tristes violetas.
   O tesouro froral de uces e toxos
debullou as chorimas amarelas
e os gromos saien polo sangue roxos.
   O forno familiar ten pan acedo,
nas fiestras salaian voces mortas
e atranca as portas do fogar o medo.
   O can ouvea espantos na palleira,
nas ruínas das chouzas prangue o moucho
e hai pantasmas no fume da lareira.

Non baten as campanas
máis que a cabo de ano
e a misas gregorianas.
   Si a grea torna da romaxe á ermida,
onde foi a pregar a paz perdida,
os foguetes que estalan,
abrindo un novo daño na ferida
de outros estrondos falan,
e as nais, chorando, o corazón desfeito,
os filliños apertan contra o peito,
e os pais, trementes de carraxe, calan.
   O sangue seco, durecido, mouro,
tingue os valos dos probes camposantos;
un estricado, barborante estouro
urro na escuridade dos recantos
de carballeira, matos e pinales;
a fratricida furia
enche de espantos, de tremos, de anguria,
o acocho dos piedosos milleirales.

   ¡Ou sagra Terra miña, encravuxada
da pouta da croeldade,
da inxusticia e da forza asoballada!
¡Quen te vira lonxada
deste mundo de lobos carniceiros,
camiño da lumiosa sereidade,
bogando entre luceiros
no saturnal anelo da saudade!

Madrí, 26-10-1952


(De Obra completa, 1979)

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega