O cristal da sede

 

Escolma

 

 v9rabunhalocristaldasede.html

Carta de amor

                          Para Deli

MEU AMOR:

Na carne fláccida dos labios que te escalan,
nos miolos que acenden candeas
para te debuxar na distancia,
no mapa de mazás que é a túa pel
-miña-, no recuncho das cerdeiras
que me nacen inocentes.

En min habitas como memoria que grita,
en min estalas oculta no tímpano
da paixón que escoa, en min vives
como sombra miña que amo sen desmaio,
nos días que non te abrazo,
nas noites eternas
que te soño cálida e gozosa.

Cando recibas a miña palabra,
con dardos de seiva sincera,
cando te apuñale o meu verbo coitado,
pensa que son apenas
o indicio do meu ser todo
que te ama e implora,
que te desexa sen máis ornamento
que a tua presenza única,
afincado no firmamento da miña saudade,
elucubrada na arxila do meu desexo,
vencida de amor, vencida de amor
como o trigo limpo que che envío,
adubado dun corazón enfermo de ti.

Benditamente doente da sede de amarte,
da fame de amarte sen máis armas
que a carne fláccida dos labios que te agardan,
da luz das candeas dos miolos
e do mapa de mazás que devoro en soños
na túa pel -miña-, zume do que máis amo:
ti, meu amor.

 

 

 

 

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega