O crime de Santa Cruz do Valadouro

 

Fragmento: "O asasinato"

 

O crime de Santa Cruz do Valadouro
     Todo comezou o 22 de novembro de 1888, xoves, festa de santos Columbiano e Pragmacio, bispos, de santa Cilla, virxe e mártir, e Trixida, abadesa. Di La Voz de Galicia que o sol sae ás 6 horas 56 minutos e ponse ás 4 horas 36 minutos.
     O mesmo xornal informa ese día, en primeira páxina, da morte de Jane Kelly, no londiniense barrio de Witechapel. Unha máis das víctimas de Jack o Destripador. Informase tamén da impotencia da reputada policía londiniense para resolver este caso e remata o artigo coa seguinte afirmación: "Sería curioso oír a muchos españoles si estas cosas ocurrieran en España".
     En España preparase a reunión de dous pesos pesados da política de entón, Alonso Martínez e o compostelán Eugenio Montero Ríos, para tratar sobre un dos temas políticos de máis actualidade naquel momento: a posibilidade de implantar no país o sufraxio universal.
     O rei Alfonso XIII é menor de idade, e súa mai, María Cristina, ocupase da rexencia do país.
     Este 22 de novembro xúntanse en Mondoñedo Ramón Seco García e Xosé García Braña, de alcume Roxo, tomando un par de cuartillos de viño en dúas tabernas da vila, unha delas a dunha tal Matilde Rocha, situada na Fonte Vella. Acompañábaos Antonio Braña Gasalla, tío de Xosé e irmau da criada do cura que será asasinada esa mesma noite.
     Este Antonio Braña pasara na rectoral de Santa Cruz a noite do 21 ó 22 de novembro, xa que fora ó Valadouro á casa de Manuel Canel, en Carballido, a descambiar as capas que, por equivocación, trocaran ambos na feira de Gontán. Anque estivo en Mondoñedo co seu sobriño e con Seco, este Antonio Braña non participou no crime nin soubo nada dos plans que tiñan os seus veciños e parentes.
     Xa dende o mes de agosto estaban matinando estes na idea de roubar ó cura, tal como declarou Luxilde, que atribúe a idea a Seivane. Braña tamén estaría implicado no planeamento da acción, mentres Fernández, Lindín e Seco deberon unirse ó grupo o mesmo 22 de novembro.
     Despois da súa estancia en Mondoñedo, Braña dacabalo e Seco a pé póñense camiño do Valadouro.
Arredor das tres e media da tarde crúzanse no camiño que vai dos Muíños cara San Lázaro cos guardias civiles Victoriano Alonso e Xenaro Álvarez. Con Braña e Seco vai xa Seivane.
     Camiño de Ferreira, pode que pasado xa Adelán (Alfoz), atópanse con Lindín e Fernández, que volvían cara a Mondoñedo, seguramente arrepentidos e dispostos a renunciar ós plans trazados polo grupo para ese día.
    Debeu haber discusión entre Braña, dunha parte, e Lindín e Fernández da outra. Finalmente, os dous últimos cambiaron outra vez de parecer e, todos xuntos, continuaron cara Ferreira.
     Alí está xa Manuel Luxilde. Todos son do concello de Pastoriza e hai tempo que planean roubar a outro natural do seu concello, Manuel Neira Murado, cura de Santa Cruz do Valadouro, con sona de adiñeirado. Esta sona venlle ó cura das rendas que cobra na Pastoriza e do feito de que empresta cartos ós veciños deste concello.
     De feito, Luxilde é debedor dunha determinada cantidade de diñeiro ó cura e o prazo para a devolución está a piques de rematar. Esto proporcionará a ocasión de entrar na casa do cura sen espertar sospeitas.
     Luxilde, de 39 anos, edil do concello de Pastoriza, casado e con fillos, labrador, de pequena estatura, coñece os costumes do cura. Sabe que non permite viaxar de regreso, pola noite, ós veciños de Pastoriza que o visitan con intención de pagar as súas débedas, convidándoos a durmir na súa casa. Pero sabe tamén que o cura non abre a porta a ninguén unha vez que é noite.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega