O día en que se acatarrou a cheminea das Pontes

 

[Texto íntegro]

 

v3xoanbabarrosonsonetinho.html

 

     Era unha mañá fría de xaneiro. As xestas lucían de madrugada as floriñas brancas que lles prestara a xeada. Unha cortina de gris-nube impedía que nos mirasemos no espello azul do ceo.
"¡Ruummm! ¡Ruummm!" protestaban os coches cando os acendían. "¡Xa vou, mamá!" berrabamos nós desde o currunchiño quente das mantas.
     De pronto, un enorme estrondo fixo estremecer tódalas aldeas e tódolos montes das Pontes. Os coches caláronse... Os conductores abriron a porta e baixaron... E nós botámonos fóra da cama a correr...
—¿Que pasou...? ¿Que pasou...?
—Foi un terremoto...
—Foi unha bombona de butano...
—Foi un atentado terrorista...
—Foi unha explosión nuclear...
—Foi...
     Cadaquén dicía o que se lle viña á boca.
     Enmudeceron os coches...
     Enmudeceron os paxaros madrugadores...
     Enmudeceron os televisores por falta de luz...
     Enmudeceron os ruídos da fábrica...
     E cando xa todo o mundo falara e estaba pensando en dar unha nova opinión decisiva...
—¡¡¡aaa...chuuung...!!! —volveu atronar de novo aquel ruído infernal.
     Entón levantaron a vista para ver de que parte do ceo procedía aquel potentísimo estornudo e viron que proviña da xigantesca cheminea de ENDESA...
     ¿Que será? ¿Que non será? A centraliña telefónica da empresa bloqueouse con tanta chamada; pero ningún técnico sabía dar unha explicación clara a semellante fenómeno... Cada ¡¡aaa...chuuung...!! viña acompañado dunha mesta nube de carbón negro, que ía sumindo nunha noite pecha as casas e os montes. "Ten catarro a cheminea...", "ten catarro a cheminea...", "ten catarro a cheminea..." foise dicindo de boca en boca.
     E chegou a hora da escola. A profe Sabela, sin ver ningunha estrela, chegou coas luces do seu Ford a toda potencia e pensou que en Espiñaredo aínda era moi cedo. A profe Mercedes chegou a Goente e fixo un cafeciño quente. A profe Paz dixo ó chegar a Saa "cheguei moi de mañá". En Ribadeume, Loli, a profe do lindo boli... e Toñi, a que planta roseiras nas Campeiras... e Maribel, que nos dá ximnasia nun carrusel... e Juana, que nos fai debuxos cada semana...
Todas estaban co mesmo problema: pensaban que tiñan mal os reloxios; porque nunca se lles dera o caso de entrar á escola tan de noite pecha. Pero a cheminea seguía cos ¡¡¡aaa...chuuung...!!! e coas nubes escurecedoras... e tamén cuns laios que se sentían primeiramente ó lonxe e despois cada vez máis cerca:
—¡Ai, que catarreira te... chuuung...! ¡O sol é o que ten a cul... chuuung...! ¡Que me cure algue... chuuung...!
Dixo a profe Sabel:
—¡Curémola con mel!
A profe de Goente:
—Toma este meu pendente.
Dixo Paz, a de Saa:
—Que se sente nun sofá.
E dixo a profe Loli:
—Que escriba co meu boli.
E Toñi das Campeiras:
—¡Que me mancha as roseiras!
E vai a profe Juana levarlle unha tisana.
E a profe Maribel endózalla con mel.
Pero xa os nenos nos xuntaramos todos ó lado das escolas para cambia-los deberes de Matemáticas polos aaas e os chuuungs da pobre cheminea...
—Como colla... chuuung ese feo Sol... chuuung, heille dar unha tunda... chuuung.
     E ninguén sabe como, pero o caso é que a xigantesca columna armouse de pernas e botas de catro légoas e empezou a camiñar: ¡¡puum...burruuum...!!!, ¡¡puum...burruum!! estremecíase toda a terra co paso da cheminea dos aaa...chuuung, que miraba por tódolos sitios a ver se vía o Sol para lle dar unha tunda, pois coidaba que el fora o causante da súa ruidosa catarreira.
—Nenos de Espiñaredo, ¿por onde vai o Sol?
—Transformouse en farol —contestaron.
—¿Anda o Sol en Goente?
—Por aquí só hai xente —berráronlle os nenos e as nenas.
—¿En Saa saíu o Sol?
—Non levouno un rousinol —dixeron os pícaros de Saa.
—¿Hai sol en Ribadeume?
—Navega polo Eume —berraron os da escola de Loli.
—¿Tedes Sol nas Campeiras?
—Aquí só hai roseiras.
     Pero cando a xigantesca trompa con patas levantou a cabeza despois dun aaa...chuuung, viu un raíño de Sol que atravesaba por entre dúas nubes...
—¡Xa o te... chuuung...! ¡Como te enganch...chuuung...!
E empezou a correr detrás do Sol para darlle unha tunda cunha das súas nubes negras... O Sol non sabía onde se meter... Pasou correndo por Goente..., pasou por Saaa..., pasou por Rigadeume..., pasou polas Campeiras... E os nenos e as nenas das escolas cando viron que a cheminea o perseguía tan enfurecida, tamén botaron a correr detrás deles dous para evitar un mal maior.
     O Sol ía moi cansiño de correr..., a cheminea ía cansiña de correr e de estornudar... e os nenos ían que xa non podían respirar. Entón Sabela, a da escoliña amarela, cando viu que se viña tanta xente correndo pola estrada da mina dixo:
—Preparade un escondite para o Sol...
     Os nenos e as nenas de Espiñaredo, que se ergueran moi cedo, colleron as súas ceras máxicas e pintaron selvas..., pintaron casas e palacios..., pintaron máscaras de mil formas..., pintaron flores e xardíns... pintaron e pintaron... E cando pasaba o Sol por dediante da súa bonita escola abríronlle a porta e cada raíño buscou un escondite nas pinturas dos seus debuxos bonitos. Chegaron despois os de Goente, os de Saa, os de Ribadeume e os das Campeiras, que lle gañaran na carreira á xigantesca cheminea, e colleron as súas ceras e fixeron novos labirintos para que a trompa xigante non fose capaz de atopa-lo Sol.
     Cando chegou a das botas grandes á porta da escola, como era tan enorme non podía entrar. ¿E se se lle ocorría poñer un pé por riba do tellado e os aplastaba a todos?. ¿E se deses estornudos os disparaba deica  a fin do mundo?. ¿E se...?
—Temos que lle facer uns calcetíns que a abriguen ben —dixo o neno máis pequeno.
—E unha bufanda... —asegundou outra nena.
—E uns guantes...
—E un pasamontañas...
—E un abrigo...
     E cando chegou ó alto a cheminea de ENDESA, xa as ceras milagrosas das cinco escolas lle tiñan praparado vinte armarios enteiros de roupa de abrigo, para que nunca máis se volvese acatarrar... Estaba tan cansiña de estornudos, que lle pareceu unha idea fenomenal a dos nenos e non tivo gana de seguir buscando o Sol. Puxo todas aquelas roupas debuxadas con ceras e marchou de novo pola estrada da mina cara á súa casa.
     O Sol viuse libre de perigo e saíu do labirinto moi contento, deulle un bico a todos e dixo, antes de subir o ceo:
—Heivos vir ver tódolos días —e desprendeuse dun anaquiño do seu amarelo para que as ventás e as portas se acordasen del.
     A cheminea aínda non deu sanado moi ben do seu catarro, porque, non estornuda pero sigue bafexando silenciosa de vez en cando.
—Xa lle buscaremos un remedio para cura-la catarreira —dixo Toñi a das Campeiras.
     E agora estamos todos pensando nun remedio eficaz, para que non se nos volva enfadar co Sol.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega