O fillo do emigrante

 

Fragmento: Capítulo I

 

Eliseo baixou correndo as escaleiras cando escoitou o teléfono


     Eliseo baixou correndo as escaleiras cando escoitou o teléfono. O corazón deulle un brinco no peito. Eran as catro e media da mañá. ¿Quén chamaría desas horas? Cando colgou quedou varios minutos plantado no medio do corredor, coas pernas abertas, ollando para os pés nus. Ó acender a luz da cociña unhas cascudas saíron correndo para agocharse na liñeira. O Tobi estaba, coma sempre, debaixo da mesa. Abriu un ollo cara ó seu amo, moveu o rabo e seguiu a durmir. "Así coidas ti da casa, lacazán", díxolle. Puxo a cafeteira ó lume na cociña de butano e subiu á metade da escaleira, onde estaba o cuarto de baño. Mexou longamente e empezou a afeitarse. Súa nai asomou a cabeza. "Que foi", preguntoulle. "A vaca do Amancio, que está parindo", mentiulle Eliseo: "Vaia para a cama, vostede non se preocupe de nada". Ela marchou, arrastrando as zapatillas. "Para iso non fai falta afeitarse", dixo cando se ía. El entrou a modiño no seu cuarto e vestiuse sen facer ruído. Puxo a roupa nova e colleu unha gravata de cor negra. A que gardaba do loito polo pai. Había agora catro anos. Elvira, a súa muller, roncaba no leito. Deben ser as pastillas dos nervios, porque antes non era así. Volveu para o cuarto de baño e intentou facer ben o nó da gravata diante do espello. Mollou a cabeza debaixo da billa antes de se peitear. Logo botou un abundante chorro de colonia. Non hai maneira de quitar o cheiro do silo. Impregna todo, métese polos poros da pel e pola roupa e non é posible evitalo, nin que te fregues con pedra pómez. O café xa fervía cando volveu para a cociña. Colleu unha cunca e encheuna pola metade. Púxolle un chorriño de caña. O can seguía debaixo da mesa. "A ver se coidas das mulleres, inútil. E non se che ocorra largarte por aí ás cadelas. Se non, cando volva, quéntoche o lombo". O Tobi non pestanexou diante da ameaza. O coche estaba no pallal, á beira das pacas da herba seca. Ía frío. Era noite pecha. Un foco do alumeado público, plantado diante da súa casa, non era abondo para espantar as tebras. Ó alentar vía o seu bafo reflectido na luz. As galiñas, ó sentir ruído, empezaron a rebulir no cortello. Tivo que darlle varias veces á chave do contacto ata que o coche arrincou. De non andar con el estase acabando a batería, pensou. Aínda non eran as cinco e xa Eliseo circulaba en dirección ó Hospital de Santiago. Os eucaliptos danzaban insomnes. O vento zoaba pola beira da estrada. Na radio había un tipo falando contra do narcotráfico. Eliseo circulaba a modiño. Ó pasar por Portomouro viu que o Tambre baixaba cheo e turbio, asolagando as cortiñas. Ía atento ó cono de luz que debuxaban os focos. Tardaría máis de media hora en chegar. En Suíza tamén se levantaba de noite. Alá madrugan moito. Ás seis da mañá xa están todos traballando. Estivo quince anos. Gañou para arranxar a casa, comprar o tractor e algunhas leiras. O fillo non quixo estudiar. A dicir verdade, nunca se lle deron ben os libros. Tampouco tiña moita afección polo traballo. Xa se sabe, os rapaces que se crían cos avós van moi consentidos. A pensión dos vellos era capaz de queimala nunha fin de semana. Agora Eliseo ten que ir ó depósito de cadáveres identificar o corpo. Morreron os dous que ían no coche. Deron varias voltas de campá. Non sabe cómo vai facer para darlle a noticia á muller. Á volta terá que pasar por Troitosende, avisar ó do órgano. Quere que haxa música no funeral.

                                                                                                   [...]

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega