O galego e as linguas europeas

 

(Texto íntegro)

 

1
1. O futuro do galego na Europa da diversidade

     Vén de se celebrar en Palma de Mallorca o Fórum da Asociación pola Diversidade (Partnership for Diversity Forum) propiciado pola Axencia Europea para as Linguas Menos Estendidas (The European Bureau for Lesser Used Languages, EBLUL), organismo independente que conta co apoio da Unión Europea e que representa máis de 40 millóns de cidadáns dos seus estados membros que falan linguas diferentes ás oficiais dos estados. O galego está presente nese foro europeu formando parte, xunto co catalán e o basco, do comité do estado español. Por outra parte, estes días deuse a coñecer un informe da UNESCO en que se alertaba da posíbel desaparición do galego, entre outras linguas do mundo. Ambos os acontecimentos voltan a pór en primeiro plano o tema lingüístico no noso país e dannos pé para realizarmos algunhas reflexións.
     En primeiro lugar, os asistentes ao Fórum de Mallorca puidemos comprobar o real compromiso do goberno das Illas Baleares coa lingua catalá, lingua oficial do encontro, xunto co inglés e o francés, e lingua que está a avanzar de forma decidida na sociedade insular. Talvez alguén se poida surprender de que unha comunidade que recebe máis de 12 millóns de turistas ao ano faga manifesta ostentación e motivo de orgullo do feito de posuír unha lingua propria, mais ben nos explicou o responsábel gobernamental que a peculiaridade lingüística das Illas é máis un atractivo turístico que ese goberno procura dar a coñecer. Desde logo, a presenza e potenciación do catalán non impediron que esa sexa hoxe unha das comunidades máis ricas e visitadas do estado. Tamén alguén se podería surprender de que lle chamen oficialmente 'catalán', a faceren así evidente a clara unidade lingüística existente en toda a franxa mediterránea.
     Por contra, non son poucos entre nós os que pensan que o uso do galego é un atranco para o noso progreso económico ou para a industria turística e quizais aínda máis os que pretenden negar a tamén evidente unidade lingüística na franxa atlántica, que converte o galego, baixo a denominación de portugués, nunha das linguas oficiais europeas e nunha das linguas máis faladas no mundo, coa particularidade de a lingua que se fala en Portugal ou no Brasil se ter xerado no noso territorio, así como a lingua das Illas Baleares se xerou en Cataluña e a de Castela en Cantabria, pois foi desde o norte que os romances peninsulares se foron estendendo cara ao sul. Entanto o catalán e o castelán se engrandecen coa súa proxección alén de Cataluña ou Castela, debemos os galegos renunciar ao grande patrimonio, tamén económico, que supón o posuírmos a marca de orixe dunha das linguas máis estendidas polo mundo? Podemos permitirnos o luxo de deixarmos esmorecer no noso proprio territorio unha lingua que nós criamos e que nos identifica, encanto outros a conservan e protexen con orgullo?
     Como se puxo de manifesto nese foro mallorquino en que interviñeron os directores xerais de política lingüística de Galiza, Euscadi, Cataluña e Baleares, e como tamén pon en relevo ese informe da UNESCO, o catalán e o basco (excepto en territorio francés e talvez navarro) están a gañar espazo e falantes nas súas comunidades, de forma que se están asentando as bases que van garantir o seu futuro; mais para iso os gobernos respectivos están a realizar unha política decidida de apoio á lingua, con fortes investimentos en materia de normalización, pois é ben sabido que sen diñeiro pouco se pode facer. No caso de Galiza, pódese falar certamente de avanzos en determinados ámbitos, culturais ou académicos principalmente, mais a crúa realidade, como agora nos di a UNESCO, mais como tamén xa todos e todas sabíamos por inquéritos precedentes, é que o galego está a retroceder alarmantemente como lingua falada, sobretodo entre a xente nova. Certamente que non toda a culpa é do goberno, pois a sociedade no seu conxunto é responsábel do porvir da súa lingua, mais fica claro que en Galiza non se destinan a normalización lingüística os recursos económicos e humanos necesarios, nen se impulsan iniciativas firmes e eficaces dentro dun plano xeral de actuación política en materia de lingua hoxe por hoxe inexistente.
     Non son suficientes declaracións retóricas de amor ao noso idioma, nen proclamas baleiras dun suposto 'bilingüismo harmónico', eufemismo que oculta un verdadeiro proceso de substitución do galego polo castelán. Hoxe temos exemplos polo mundo adiante, moi ilustrativos, que nos indican o camiño a seguir se de verdade quixermos asegurar a vida do noso sinal de identidade máis importante. Non temos moito que inventar. Mais neste momento debemos constatar que as actuacións institucionais non van polo camiño adecuado. Nun folleto do goberno balear que se entregou en Mallorca aos asistentes ao foro afírmase que o catalán é a máis forte entre as linguas europeas sen estado por, entre outras razóns, estar completamente estandarizada con "un total consenso académico". Ben, pois cando aquí, por fin, conseguimos ese consenso histórico para a lingua galega, a institución que os nosos devanceiros criaron para a defender e potenciar rexeitouno co aplauso de destacados gobernantes. É só un exemplo. Hai moitos máis que proveñen de ámbitos políticos que teñen a obriga legal de potenciaren o galego.
     Estamos no proceso de construción da unidade europea, por certo xa defendida hai moito tempo por un dos grandes valedores do galego, Castelao en Sempre en Galiza, e esa nova Europa que se está a criar comeza a apostar pola multiculturalidade e a recoñecer en documentos oficiais que a diversidade lingüística non é un problema, senón unha riqueza que debemos preservar. Fálase moito agora tamén do caso de Irlanda, o "tigre celta" que tantas afinidades físicas e espirituais ten con Galiza, e mesmo se insinúa que o progreso económico que alí se produciu nos últimos anos ten moito a ver co triunfo do inglés sobre o gaélico. Mais esquécese que, nun contexto histórico-social moi diferente ao noso, o inglés xa se impuxo alí desde hai moitos anos como lingua maioritaria e durante ese longo período Irlanda figurou entre os países occidentais con máis baixo nivel de renda e benestar. Se nestes dez últimos anos se produciu o chamado milagre irlandés deberán ser outros os factores que o explicaren. Mais, de todas as formas, Irlanda mantén unha política firme de apoio ao gaélico, declarado formalmente a súa primeira lingua oficial, e está na vangarda da defensa da diversidade lingüística en Europa: foi en Dublín onde se estabeleceu a primeira sede do EBLUL, que agora vai celebrar tamén alí o seu vixésimo aniversario, e foi tamén en Dublín onde o ano pasado se celebrou o primeiro Fórum da Asociación pola Diversidade, todo iso co apoio claro do goberno irlandés, principal valedor deste organismo que mantén un status consultivo coa ONU, a UNESCO e o Consello de Europa, traballando en estreita colaboración co Parlamento europeu.
     Sería un novo sarcasmo histórico para nós que cando en Europa se dan pasos na xusta promoción de linguas mesmo con escasa tradición escrita e cando outras, como o galés, por exemplo, comezan a dar síntomas importantes de recuperación apesar de teren de competir co inglés, nós mesmos deixemos morrer no noso territorio unha das linguas pioneiras en daren brillantemente suporte escrito á rica tradición literaria europea na época medieval e unha das linguas hoxe máis estendidas polo mundo. Na tarefa de evitarmos tal perda irreparábel todas e todos nós temos responsabilidades, mais tamén o goberno galego, responsábel directo da política lingüística, e mesmo o goberno español, asinante da Carta Europea das Linguas Minoritarias, feito que o compromete na defensa de todas as linguas que se falan no estado. Así o expresou, no seu discurso inaugural do foro de Mallorca, por suposto en catalán, o Presidente do EBLUL Bojan Breziger, quen fixo unha chamada ao Presidente do goberno español, nestes momentos tamén a ocupar a Presidencia europea, para que abandone as reticencias á diversidade e aposte decididademente pola que ten de ser necesariamente a Europa do futuro: a Europa da unidade económico-política e da defensa das liberdades democráticas, mais tamén a Europa da diversidade cultural e lingüística como garantía desas mesmas liberdades, dos direitos individuais das persoas e dos direitos colectivos dos pobos que a integran, máis aínda agora que estamos á porta da ampliación da Unión Europea a novos estados membros que a veñen a enriquecer coa achega doutras linguas e culturas.
     Nesa Europa do multiculturalismo e do multilingüismo que xa está a ser unha realidade, Galiza pode voltar a desempeñar un papel importante como xa tivo na Idade Media cando Santiago de Compostela se converteu en capital espiritual de Europa através das peregrinaxes e cando o galego foi lingua lírica peninsular e lingua normal de toda a sociedade galega. Mais iso só poderá acontecer se nos reafirmamos nos nosos proprios valores e na nosa propria identidade, pois doutra forma pouco poderemos oferecer a esa nova Europa en que confiamos. A nosa aposta lingüística para este novo tempo debe pasar por conseguirmos a plena normalización do galego como lingua natural e propria de Galiza, tal como o define o Estatuto de Autonomía. Aseguradas esas "mil primaveras máis" para o galego, as posibilidades que se nos oferecen en materia de lingua son extraordinarias, de estabelecermos unha planificación académica adecuada. O noso sistema educativo debería e podería garantir, sen grandes problemas, que todas as alumnas e alumnos galegos acabasen o ensino medio dominando tres idiomas oficiais da Unión Europea e tres dos idiomas máis falados no mundo: o galego(portugués) como lingua que nos identifica e nos abre as portas a países e culturas de diferentes continentes, o castelán como lingua do estado tamén con proxección mundial e o inglés como lingua franca internacional; nas actuais circunstancias, das dúas primeiras só a segunda ten garantido plenamente entre nós o seu futuro nas capas sociais máis novas.
     A partir de aquí, cantos máis idiomas coñezamos mellores oportunidades teremos; mais a deixarmos sempre claro que garantirmos a normalización do galego debe ser o noso primordial obxectivo, pois preservarmos o idioma que os nosos antepasados nos transmitiron é o primeiro deber para coa propria historia, para con nós mesmos, para con Galiza e para con Europa e o mundo. Entre os temas que deberían entrar nun desexábel consenso político e social, o deseño do noso modelo lingüístico semella ser un dos fundamentais e imprescindíbeis. De o lograrmos con acerto, ben poderemos estar perante unha das pancas que nos impulsar a posicións privilexiadas dentro desa nova Europa.

[A Nosa Terra, nº 1023, do 28 de febreiro ao 6 de marzo de 2002, pp. 4-5]


2. Lingua con futuro

     Como agora nos di a UNESCO, mais como tamén xa todos e todas sabíamos por inquéritos precedentes, o galego está a retroceder alarmantemente como lingua falada, sobretodo entre a xente nova, entanto que o catalán e o basco, por exemplo, se consolidan neses segmentos da poboación. Certamente que non toda a culpa é do goberno, pois a sociedade no seu conxunto é responsábel do porvir da súa lingua, mais fica claro que en Galiza non se destinan a normalización lingüística os recursos económicos e humanos necesarios, nen se impulsan iniciativas firmes e eficaces dentro dun plano xeral de actuación política en materia de lingua hoxe por hoxe inexistente. Non son suficientes declaracións retóricas de amor ao noso idioma, nen proclamas baleiras dun suposto 'bilingüismo harmónico', eufemismo que oculta un verdadeiro proceso de substitución do galego polo castelán. Neste momento debemos constatar que as actuacións institucionais non van polo camiño adecuado. O catalán pode presumir de estar completamente estandarizado cun total consenso académico. Ben, pois cando aquí, por fin, conseguimos ese consenso histórico para a lingua galega, a institución que os nosos devanceiros criaron para a defender e potenciar rexeitouno co aplauso de destacados gobernantes. É só un exemplo. Hai moitos máis que proveñen de ámbitos políticos que teñen a obriga legal de potenciaren o galego.
     Non son poucos entre nós os que pensan que o uso do galego é un atranco para o noso progreso económico e quizais aínda máis os que pretenden negar a tamén evidente unidade lingüística na franxa atlántica, que converte o galego, baixo a denominación de portugués, nunha das linguas oficiais europeas e nunha das linguas máis faladas no mundo. Entanto o catalán e o castelán se engrandecen coa súa proxección alén de Cataluña ou Castela, debemos os galegos renunciar ao grande patrimonio, tamén económico, que supón o posuírmos a marca de orixe dunha das linguas máis estendidas polo mundo? Podemos permitirnos o luxo de deixarmos esmorecer no noso proprio territorio unha lingua que nós criamos e que nos identifica, encanto outros a conservan e protexen con orgullo?
     A nova Europa que se está a criar comeza a apostar pola multiculturalidade e a recoñecer en documentos oficiais que a diversidade lingüística non é un problema, senón unha riqueza que debemos preservar. Sería paradoxal que cando en Europa se dan pasos na xusta promoción de linguas mesmo con escasa tradición escrita, nós deixemos morrer no noso territorio unha das linguas pioneiras en daren brillantemente suporte escrito á rica tradición literaria europea na época medieval e unha das linguas hoxe máis estendidas polo mundo. Na tarefa de evitarmos tal perda irreparábel todas e todos nós temos responsabilidades, mais tamén o goberno galego, responsábel directo da política lingüística, e mesmo o goberno español, asinante da Carta Europea das Linguas Minoritarias, feito que o compromete na defensa de todas as linguas que se falan no estado.
     A nosa aposta lingüística para este novo tempo debe pasar por conseguirmos a plena normalización do galego como lingua natural e propria de Galiza, tal como o define o Estatuto de Autonomía. A partir de aí, as posibilidades que se nos oferecen en materia de lingua son extraordinarias, de estabelecermos unha planificación académica adecuada. O noso sistema educativo debería e podería garantir, sen grandes problemas, que todas as alumnas e alumnos galegos acabasen o ensino medio dominando tres idiomas oficiais da Unión Europea e tres dos idiomas máis falados no mundo: o galego(portugués) como lingua que nos identifica e nos abre as portas a países e culturas de diferentes continentes, o castelán como lingua do estado tamén con proxección mundial e o inglés como lingua franca internacional; nas actuais circunstancias, das dúas primeiras só a segunda ten garantido plenamente entre nós o seu futuro nas capas sociais máis novas. Non valería a pena un consenso político e social que permitise garantirmos o porvir do noso idioma como principal símbolo da nosa identidade?

[La Voz de Galicia, 3 de marzo de 2002, p. 16]


3. Algunhas reflexións sobre o galego a propósito da situación lingüística en Europa

     Acaba de se celebrar en Helsinquia unha conferencia sobre "A criación dunha estrutura común para a promoción das minorías lingüísticas históricas no marco da Unión Europea". Se temos en conta que o ponto de partida deste encontro era a situación do sueco en Finlandia, lingua que non chega a ser falada polo 6% da poboación, non deixa de nos resultar un tanto estraño para nós, desde a óptica en que nos movemos, que o presidente da conferencia fose o ex-presidente do país, e que entre os participantes estivesen o actual Primeiro Ministro finés, o vicepresidente da Convención Europea ou a Comisaria de Educación e Cultura, entre outras personalidades relevantes, cada unha delas co seu relatorio submetido posteriormente ás perguntas dos asistentes. Poderíamos imaxinarnos aquí un encontro similar sobre o galego, lingua que falan máis de 2.500.000 persoas? E queremos deixar de lado, nesta ocasión, o feito de que o galego(-portugués) é, ademais, unha das linguas máis estendidas polo mundo.
     O sueco en Finlandia, falado por tan exigua minoría, está declarado lingua oficial, xunto co finés, e todo o alumnado o ten como materia obrigatoria no ensino, existindo así mesmo modelos educativos que permiten desenvolver toda a aprendizaxe nesta lingua. Finlandia formou parte do territorio sueco durante uns 650 anos (até 1809, en que pasou a formar parte de Rusia, conseguindo a independencia en 1917). O sueco foi pasando de ser falado por case o 15% da poboación no século XIX ao 5.8% na actualidade, deixando de ser tamén a lingua de máis prestixio social. Mais, aínda así, conserva o carácter cooficial. Un caso especial constitúeo o arquipélago de Aland, situado entre Suecia e Finlandia, que forma parte do territorio finés: a única lingua oficial alí é o sueco e calquer persoa que quixer obter certificado de residente deberá demostrar que coñece ese idioma. Outro caso curioso nunha zona relativamente próxima é o das Illas Feroes que, sendo territorio oficialmente pertencente a Dinamarca desde o século XIV, teñen o feroés como lingua única de relación, encanto o danés só é coñecido de forma pasiva; por certo, Dinamarca forma parte da Unión Europea e as Illas Feroes non. Non se nos dicía que aquí temos as maiores cotas de autogoberno e de protección lingüística?
     Neste contexto europeu, na realidade o galego non debería ser considerado propriamente unha lingua minoritaria, pois é falado habitualmente pola maioría da poboación, con máis falantes do que algunhas linguas estatais de Europa. Son minoría, por exemplo, eses 300.000 falantes de sueco en Finlandia, ou os 30.000 que falan ruso nese mesmo estado, os 25.000 que falan grego no sul de Italia ou os 90.000 de fala albanesa na mesma zona. Si existen minorías lingüísticas de fala galega en Asturias, ou en León e Zamora; tamén hai minorías lingüísticas de fala galega en Madrid, Barcelona, Xenebra, Londres, Buenos Aires ou Caracas, por exemplo, en total sobre 500.000 galegofalantes espallados polo mundo. Tamén eles teñen direito a protección como minorías lingüísticas. Ora ben, o máis triste é que a lingua maioritaria dos galegos e galegas que viven e traballan na Galiza sexa unha lingua minorizada no seu proprio territorio e que os galegofalantes na práctica teñamos de reclamar os direitos das minorías, pois estes aínda non están plenamente garantidos. Ou é que hoxe en día os pais e nais galegofalantes teñen de facto direito a educaren os seus fillos integramente en galego como o teñen os falantes de sueco en Finlandia?
     Falouse nese encontro de protección para as minorías lingüísticas existentes en toda a Unión Europea e demandouse expresamente a incorporación dos direitos lingüísticos a esa posíbel Constitución Europea de que se está a tratar, insistíndose así mesmo na necesidade de que os estados membros da Unión que aínda non o fixeron, se adhiran formalmente á Carta Europea dos Direitos Lingüísticos, e aqueloutros que xa a asinaron, como é o caso do español, a cumpran realmente. Non deixa de resultar altamente surprendente que nun estado membro como é Grecia se poida aínda deter e xulgar unha persoa por distribuír un folleto divulgativo da diversidade lingüística europea que conta co apoio da propria Comisión Europea. Na loita pola defensa da diversidade cultural e lingüística de Europa os estados, uns máis do que outros, continúan a ser o principal obstáculo para o pleno exercicio dos direitos lingüísticos. Será moi difícil avanzarmos efectivamente neste campo de non variaren as estruturas de poder no seo da Unión. E a política seguida polo actual goberno español ao respeito está a ser a cada paso máis preocupante.
     Por outra parte, tamén se tratou de diferentes modelos de promoción das linguas minorizadas na educación, nos meios de comunicación e mediante medidas lexislativas. Submetéronse a consideración planos innovadores e programas específicos de inmersión lingüística, así como deseños estratéxicos de intervención social. Non son só filólogos os que interveñen na planificación da promoción lingüística en Europa, senón profesores e investigadores en socioloxía, psicólogos, pedagogos, animadores culturais, persoal de asistencia sanitaria, etc. Analisáronse programas de promoción integral do galés e modelos de inmersión lingüística en Finlandia. Os diferentes relatores acudían con frecuencia aos casos do euskera e do catalán como referentes importantes na promoción das linguas minorizadas de Europa. Mais o caso do galego non aparecía por nengures até que as proprias persoas galegas alí presentes interviñan nos coloquios. A razón é moi sinxela e lamentábel ao mesmo tempo: Galiza non ten un modelo oficial de defensa e promoción da súa lingua. Falouse de bilingüismo e inclusive de trilingüismo na procura de fórmulas eficaces que garantan a presenza e o porvir das linguas minorizadas. Os modelos son diversos e discutíbeis en relación coas diferentes realidades en que se deben aplicar.
     Mais o que debe ficar claro para nós é que na actual situación de carencia de modelo proprio non podemos seguir, que necesitamos un plano xeral de actuación en materia de lingua que se adecúe á nosa realidade e ás nosas necesidades, e que no deseño dese plano deben participar todos os sectores sociais e especialistas de moi deferentes ámbitos da ciencia e da planificación social. A promoción e normalización do galego non pode ser tarefa, cando menos exclusiva, do profesorado de galego en xeral nen dos Departamentos universitarios de Filoloxía Galega. Na planificación lingüística deben intervir os diferentes Departamentos de Ciencias da Educación, as Faculdades de Socioloxía, as de Xornalismo no seu ámbito, etc. A normalización do galego non debe restrinxirse a campos concretos, senón que debe chegar ao conxunto da sociedade, implicando todos os estamentos sociais.
     Benvindo sexa, pois, calquer intento de elaboración dun plano xeral de normalización lingüística, sempre que procurar o consenso e a participación de todas as persoas e institucións interesadas. En Europa e no mundo xa existen modelos en que inspirármonos e aquí temos especialistas que coñecen ben a nosa realidade. Cómpre un amplo consenso político e unha firme determinación para pór en funcionamento os recursos materiais e humanos necesarios. Mais xa non fican máis desculpas para non tentarmos elaborar, entre todos, un auténtico modelo de planificación lingüística que nos permita saír da actual situación de apatía, cando non de retroceso. Felizmente, o galego aínda ten hoxe todas as potencialidades e unhas condicións de partida moi boas para se converter en lingua maioritaria non minorizada, isto é, para conseguir de facto o título de lingua natural e propria de Galiza que en teoría a lei lle concede. Son moitos os problemas importantes que ten unha sociedade como a galega, mais, entre os temas que deberían formar parte dun desexábel clima de diálogo entre institucións, partidos políticos e organizacións sociais, o deseño dun modelo de planificación lingüística comunmente elaborado e aceitado semella tarefa urxente e imprescindíbel.

[A Nosa Terra, nº 1053, do 24 ao 30 de outubro de 2002, p. 14]


4. O galego e as linguas peninsulares

     No marco da "Expolíngua" de Lisboa (14º Salão Português de Línguas e Culturas), que anualmente se vén celebrando nesta capital, tiven a oportunidade de participar na mesa redonda "Linguas minoritárias em Portugal e Espanha". A dupla condición de moderador da mesa en representación da Axencia Europea para as Linguas Menos Estendidas e único membro galego nela permitiume dar a coñecer algúns aspectos relativos á situación lingüística no noso país e, asemade, debater con representantes das demais linguas peninsulares sobre algúns problemas específicos que as afectan. Esta mesa redonda estivo precedida doutra que levaba por título "A política das línguas numa Europa alargada", en que participaban representantes de institutos europeos de lingua e cultura, entre eles o do Instituto Cervantes. Das moitas ideas interesantes que foron xurdindo, tamén desde o público, que participou activamente nos debates, cunha destacada presenza de persoas galegas, cómpre facermos referencia a algunha delas, así como tirarmos certas reflexións que poden ser de utilidade.
     En primeiro lugar, conviría resaltar, desde unha óptica europea e ibérica, o plurilingüismo dos estados como feito natural e absolutamente dominante: todos os estados da Unión Europea son plurilingües, inclusive un tan pequeno como Luxemburgo. Portugal, como único estado monolingüe, era o exemplo en contrario que até hai pouco se viña utilizando, mais na actualidade tamén se incorporou á listaxe de estados non monolingües co recoñecemento oficial do mirandés, variante do antigo astur-leonés falada por unhas 15.000 persoas nas terras de Mirando do Douro. Máis de 40 millóns de cidadáns da Unión Europea falan linguas diferentes das oficiais dos estados. No estado español cerca do 40% da populación fala unha lingua diferente do castelán.
     En segundo lugar, para varias destas linguas non oficiais dos estados o termo de "minoritarias" é totalmente inadecuado. Un caso paradigmático é o do catalán, a sétima lingua de Europa por número de falantes, que non forma parte das once oficiais da Unión. Mais tamén o galego, a segunda lingua europea, despois do catalán, con máis falantes entre as (mal) chamadas "minoritarias": como se lle pode chamar así a unha lingua que é a habitual de case o 70% da populación do seu territorio e que máis do 86% é quen de a falar? Nestes días a imprensa acaba de dar conta dos datos do censo de poboación e vivenda correspondentes ao ano 2001, subministrados polo Instituto Galego de Estatística, onde case millón e medio de persoas sobre un total de dous millóns e medio censados, o 56.85%, declara utilizar sempre o galego, e 780.000 persoas, o 30.29%, aseguran utilizalo ás veces; inclusive un xornal titulaba que "O galego é o idioma maioritario", a pesar de perder presenza nas cidades. Fixémonos no feito de que o galego ten máis falantes do que o esloveno, o lituano ou o letón, que van ser proximamente linguas oficiais da Unión Europea. Como se pode ver, o que realmente conta en Europa para o recoñecemento pleno dunha lingua é o feito de esta posuír o status de lingua oficial dun estado. En último extremo, son os intereses políticos dos estados o máis grave obstáculo que impide garantir a igualdade de dereitos lingüísticos e o efectivo recoñecemento das diversas linguas existentes en Europa.
     No decurso dos debates, por outra parte, os representantes de Asturias e de Valencia, secretarios os dous das respectivas academias da lingua, atribuíron a negativa situación por que pasan o asturiano e o valenciano ao feito de nesas dúas comunidades non existiren partidos políticos fortes, de carácter nacionalista, que pulen pola normalización lingüística. O caso contrario é o de Cataluña e Euscadi, cuxos representantes das direccións xerais de política lingüística expuseron as eficaces medidas que se están a tomar e os ambiciosos proxectos de futuro, todos eles sostidos cun importante e imprescindíbel investimento económico. Fica claro que o PP e o PSOE non teñen entre as súas prioridades a de potenciaren o plurilingüismo do estado; máis ben diriamos que están para o contrario, deixando de lado casos concretos que sempre constituirán a excepción. No caso de Galiza, sen unha forza nacionalista forte con opcións de goberno, ou mellor aínda, sen un goberno galego de base nacionalista e galeguista, será moi difícil podermos avanzar no proceso de normalización do galego. A cousa é así de clara e non vale de nada ocultarmos a realidade. Oxalá que os partidos de carácter estatal tivesen outra actitude, mais as actuacións da Xunta en materia lingüística ou a do concello da Coruña (e agora tamén, tristemente, Vigo), por exemplo, non deixan lugar a dúbidas, para alén do que está a acontecer noutras partes do estado. Somos, pois, en último termo os cidadáns e cidadás galegos, co noso empeño e esforzo, mais tamén co noso voto, os que debemos decidir o futuro do galego.
     Outra cuestión recorrente que dificilmente adoita estar ausente en debates desta natureza é a propia conformación ou delimitación do marco lingüístico peninsular, nomeadamente no que afecta as relacións catalán / valenciano, por unha parte, e galego / portugués, por outra. Nesta ocasión foi, sobre todo, o público quen incidiu neste aspecto. E de novo se puxo en relevo o interese dos poderes estatais por aprofundaren na división dos sistemas romances occidental e oriental, en tanto que non poñen en cuestión a unidade do central; o "divide e vencerás" tamén se fixo ouvir na sala. Como se ouviron críticas ás triunfalistas palabras do representante do Instituto Cervantes e dun membro da embaixada española en Lisboa, que presumían, de acordo coa doutrina oficial, de España ser un estado modelo na garantía dos dereitos lingüísticos e na protección do plurilingüismo, cando na realidade isto non está a acontecer. Como mostra están os contrainformes elaborados por organizacións cívicas de Galiza, Euscadi, Cataluña ou Valencia, onde se pon en evidencia o incumprimento por parte do goberno español das súas obrigas en materia lingüística, contraídas como asinante da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias.
     Por último, e en relación co anterior, tamén non podía faltar algunha referencia á cuestión normativa do galego. En tanto que uns saudamos con esperanza a decisión académica de ratificar o acordo conseguido entre institucións do ámbito científico, após un longo proceso cheo de dificultades, alguén o xulgaba parcial. Mais a reflexión que agora cómpre facermos ao respecto é a seguinte: onde está a Xunta de Galiza neste tema? É que non vai con ela? Por que non se publicaron as novas normas no DOG? Pasaron xa varios meses desde a súa aprobación e para as autoridades todo continúa igual. Non é isto unha mostra palpábel do máis absoluto desleixo, desinterese ou despreocupación pola lingua propia? Víñasenos dicindo que a ausencia de acordo en materia normativa era un grave atranco para a normalización do galego; e nisto coincidiamos moitas persoas. Porén, agora que existe tal acordo, ignórase por completo por parte das autoridades políticas, no canto de o utilizaren para a reafirmación do prestixio e dignificación da lingua e para impulsaren o seu correcto uso. Por que non se aproveita a feliz circunstancia para lanzar unha campaña pública de promoción do idioma que reagrupe e ilusione novamente tantas vontades conxunturalmente adormecidas? Terán de ser entidades non oficiais as que difundan as normas oficiais? Interesa ou non interesa a normalización do galego? Se realmente houber vontade de a levar a cabo, deberá demostrarse con feitos e non con simples palabras.

[A Nosa Terra, nº1.105, 20-26 novembro de 2003]


5. De Barcelona a Flensburgo. O estado das linguas sen estado

     Uns poucos días en Barcelona permiten comprobar, a pesar de todos os problemas por que pasa unha lingua sen estado propio, que o catalán é real e visibelmente a lingua nacional de Cataluña. Así se pode percibir polas rúas, nos comercios, na universidade ou nos restaurantes, tanto no plano oral como no escrito, e tanto entre a xente maior como entre a mocidade ou a infancia. Tamén o español ten o seu espazo, mais como lingua complementar, utilizada fundamentalmente, entre outras, pola emigración. Aínda así, non resulta nada estraño achármonos con persoas procedentes doutros continentes e razas falando en catalán, cando menos nos seus postos de traballo. E inevitábel resulta tamén darmos cun camareiro galego que fala catalán perfectamente, mais que nos declara non saber falar galego.
     O que non aparece por ningures é o falso tópico da má educación dos cataláns por falaren na súa propia lingua a persoas de fóra. Desde logo non é perceptíbel calquera tipo de discriminación lingüística en contra dos que falan español, que son atendidos nesta lingua sen problemas. Mais, claro está, a primeira lingua de relación é o catalán, como debe ser. Sorpréndenos tamén gratamente que na universidade moito profesorado non catalán utilice habitualmente esta lingua, tanto na oralidade como nos seus traballos científicos, en tanto que algúns colegas galegos, e galegofalantes a tempo parcial, con que profesionalmente se relacionan, teñen a menos impartiren as súas aulas en galego ou publicaren nesta lingua os seus traballos. Será que o feito de ser unha lingua maioritariamente falada polas clases populares ou, en troca, pola burguesía se converte en criterio científico?
     Algunhas persoas galegas ficamos un tanto admiradas, e tamén envexosas, cando vemos polas rúas diferentes letreiros (de avogados, notarios, médicos etc.) cos seus nomes e rótulos en catalán; por exemplo, o alcalde da Coruña acaba de lle ir solicitar ao arquitecto Joan Busquets, director do estudio "B. Arquitectura i Urbanisme" (BAU), que deseñe o futuro urbanístico dos terreos portuarios da Coruña. Tamén ficamos admirados cando entramos nas librarías e nos achamos coas máis actuais obras da literatura universal traducidas para o catalán; un exemplo é a última entrega de Harry Potter, da que aínda non se vían exemplares en castelán. Ou cando vemos nos quiosques xornais en catalán, que a xente le con normalidade sentada nas mesas das cafetarías ou no metro, e cando achamos nos xornais escritos en español as esquelas e os anuncios publicitarios maioritariamente en catalán. Ou cando observamos varias canles de radio e televisión emitindo en catalán e contemplamos como a un ministro do goberno central lle colocan auriculares para a tradución das preguntas que lle formulan en catalán. E cando vemos tamén a unha coñecida xornalista galega dirixindo un programa de televisión de suceso nun catalán correctísimo. Non quere isto dicir que o catalán non teña problemas nin que os cataláns non estean preocupados polo futuro do seu idioma. Mais o que si quere dicir é que na Galiza temos aínda moito camiño que andar para chegarmos a unha situación similar. Fan ben os cataláns en non se conformaren coa situación en que se acha a súa lingua e faremos moi mal nós se non tivermos en conta o seu exemplo. Tamén no feito de sermos gobernados por forzas políticas propias que convertan o idioma nun tema central da acción de goberno.
     Vén de se celebrar, por outra parte, o Forum 2004 (Partnership for Diversity) en Flensburgo, centrado nesta ocasión na cooperación lingüística transfronteiriza, onde o galego contou cunha destacada presenza. Esta cidade está situada ao norte de Alemaña, na fronteira con Dinamarca, onde conflúen dous estados, catro comunidades autónomas e seis linguas diferentes, pondo máis unha vez en relevo que o que caracteriza Europa e o mundo é a diversidade cultural e lingüística, moi lonxe da simplista identificación entre lingua e estado. Mais tamén neste tipo de foros se poñen en confronto realidades lingüísticas ben diferenciadas. Na política oficial da Unión Europea de defensa da diversidade lingüística e das minorías mestúranse os casos de linguas con estado que tamén son faladas por algunha minoría noutro estado diferente, con aqueloutros casos de linguas sen estado que por iso mesmo ven seriamente ameazado o seu futuro; inclusive nalgún caso non se realiza a necesaria distinción entre linguas e variantes locais dunha mesma lingua.
     Por darmos algún exemplo, na mesma Alemaña hai unha minoría de fala danesa, como en Dinamarca hai outra minoría de fala alemá. O alemán considérase, así mesmo, unha lingua minoritaria no norte de Italia, como o é o sueco en Finlandia e o finés en Suecia. Tamén o ruso é lingua minoritaria en Finlandia e agora co 'enlargamento' ou ampliación europea vai pasar tamén a ser obxecto de reivindicación en estados como Polonia, Estonia ou Letonia, onde o fala un 80% da poboación que é de orixe rusa. Evidentemente, deben ser defendidos os dereitos lingüísticos individuais e tamén os dereitos lingüísticos colectivos dos pobos. Mais non semella o camiño máis axeitado o tratamento uniforme de casos tan diferentes en Europa, creando un totum revolutum que, ao final, só vai favorecer as linguas estatais. Por moitas minorías ou maiorías de falantes que teñan noutros estados, fica claro que o alemán, o danés, o sueco, o finés ou o ruso non corren ningún risco de desaparición por disporen dun aparato estatal que os protexe, en tanto que o galego, o eusquera, o bretón, o galés ou mesmo o catalán si ven gravemente ameazada a súa existencia por careceren desa protección estatal. Se a situación do catalán, por exemplo, é mellor que a doutras linguas minorizadas como o galego, será tamén porque Cataluña dispón dun aparato de poder propio, dun estado en certo modo, moi superior ao que ten Galiza. E será por iso así mesmo que en Euscadi se está a avanzar moito máis rapidamente no camiño da recuperación da súa lingua propia.
     Tamén entre nós se podería pensar que o galego vai pervivir en Portugal ou no Brasil, aínda que desapareza na Galiza, mais iso nunca nos debería servir de consolo, pois o galego-portugués naceu no noso territorio e é aquí onde se acha ameazado. Resultaría moi lamentábel que un dos idiomas máis estendido polo mundo deixase de se falar xustamente no territorio onde se xerou. Fica claro que o galego é lingua maioritaria na Galiza e debe continuar a selo con todas as garantías, o que implica preservar tanto os dereitos individuais dos galegofalantes como o dereito do pobo galego á súa propia identidade lingüística. Garantido isto, de acordo con parámetros europeos tamén habería que protexer especialmente as minorías de galegofalantes en Asturias, León e Zamora; ou en Xenebra, Londres, París ou Caracas, por exemplo. E, por suposto, segundo se tratou neste Forum 2004, fomentar a cooperación lingüística aos dous lados do río Miño, como fai o exemplar programa de radio escolar "Ponte... nas ondas", que despertou grande interese en Flensburgo e mereceu o recoñecemento unánime da asemblea xeral do EBLUL (European Bureau for Lesser Used Languages).
     Na Unión Europea da diversidade lingüística, onde todo o poder político recae sobre os estados membros, córrese o perigo de protexer por igual, ou máis aínda, aquelas linguas que son oficiais dos estados, e aqueloutras que, por careceren de estado, corren un real perigo de desaparición e precisan dunha máis efectiva protección. Un excesivo empeño por multiplicar de modo un tanto artificial as variantes lingüísticas europeas e as respectivas minorías lingüísticas, dando cabida a casuísticas moi discutíbeis, pode servir de desculpa para unha política real que paseniñamente vaia conducindo cara a unha progresiva minorización daquelas linguas que, como o galego, non posúen estado propio.
     En conclusión, e como a realidade europea nos demostra, a mellor maneira de defendermos a nosa identidade lingüística é dotándonos nós mesmos dos mecanismos político-institucionais necesarios que nos permiten defender o noso idioma con eficacia.

[A Nosa Terra, nº 1120, do 11 ao 17 de marzo de 2004, p. 16]

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega