O galego, unha lingua extensa e útil

 

(Texto íntegro)

 

v1freixeiromatoextensaeutil.html

     Un informe da Unesco alertaba non hai moito tempo sobre a situación do galego e a posibilidade da súa desaparición futura, xuntamente con outras moitas linguas do mundo. Fica claro que a evolución das sociedades modernas está a pór en perigo a diversidade cultural e lingüística que enriquece a humanidade no seu conxunto e que, con efeito, moitas linguas corren un perigo real de desaparición nun prazo máis ou menos longo de tempo. Cada lingua que morre é unha perda irreparábel para o patrimonio universal e perante esa posibilidade todas as sociedades afectadas e todos os organismos internacionais de defensa dese patrimonio deberían reaxir de forma adecuada. Mais o galego, polas súas especiais características, non debería estar entre esas linguas en perigo. A nós, como galegos e galegas, correspóndenos a responsabilidade e a obriga moral de que tal cousa non ocorra. Porén, tamén temos de ser nós os primeiros convencidos do valor e da utilidade da nosa lingua, pois, se tal convencimento faltar, dificilmente se poderá loitar contra as actuais inercias uniformadoras.

O sistema lingüístico galego-portugués

     O galego é unha lingua romance orixinariamente falada na área noroccidental da Península Ibérica. Pódese considerar conformada arredor do século IX d. C. como consecuencia da evolución do latín vulgar traído a ese territorio polos soldados romanos entre os séculos II e I a. C.; recebe esa denominación por ter aparecido na Gallaecia, nome da provincia romana que designaba un territorio moito máis amplo do que a Galiza de hoxe, pois estendíase polo dominio das actuais provincias españolas de Asturias, León e Zamora, para alén de comprender todo o norte de Portugal. Esta é a razón por que o galego aínda se fala agora fóra dos límites administrativos das catro provincias galegas (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).
     O Condado Portucalense, núcleo sobre que se formou arredor da cidade de Porto o Portugal actual e orixinariamente galego, vai conseguir primeiro a autonomía e posteriormente, durante o século XII, a independencia da Gallaecia, a ampliar así os seus dominios cara ao sul como consecuencia da Reconquista. Desta forma a lingua galega, con influencia das falas mozárabes, foise estendendo tamén por toda a franxa atlántica como lingua do novo reino independente de Portugal, que acabará por fixar a súa capital en Lisboa. Ao se transformar Portugal a fins da Idade Media e comezos da Idade Moderna en grande potencia colonizadora, esa lingua vai ser levada polos descobridores, conquistadores e colonizadores lusos a diferentes continentes, a se converter desa forma nunha das máis faladas no mundo.
     Tres son os grandes períodos en que se divide a historia da lingua galega na Galiza: o galego antigo, o galego medio e o galego moderno. O galego antigo ou galego-portugués medieval comprende desde a súa aparición na época medieval até fins da Idade Media (século XV); o galego medio abranxe os séculos XVI, XVII e XVIII, chamados séculos escuros pola práctica desaparición do galego como lingua escrita; e o galego moderno, que abranxe desde o século XIX, o século do Rexurdimento literario, até á actualidade.
     Encanto Portugal amplía os seus límites cara ao sul e consolida a súa plena soberanía na Baixa Idade Media, o reino da Galiza vai ficar cada vez máis submetido a Castela. Este feito provocará que paulatinamente se vaian consagrando dúas modalidades do primitivo galego, a que conserva o nome orixinario de 'galego' como fala da Galiza (e dos territorios españois limítrofes), cada vez máis dependente de Castela e que se vai ver posteriormente subordinada e interferida polo castelán, e a que toma a denominación política de 'portugués' por ser a lingua oficial de Portugal e dos seus territorios de ultramar.
     Aínda que a división política da primitiva Galiza en dúas metades, iniciada a fins do século XI, non rompe a unidade lingüística, pois a lingua continúa a ser substancialmente a mesma a ambos os lados do Miño (portanto tamén cando Portugal leva a cabo a súa empresa colonizadora), porén os condicionamentos políticos e xeográficos configuraron tres subsistemas, dentro do complexo lingüístico ou sistema común galego-portugués, con tres variedades ou normas cultas fundamentais -galego, portugués e brasileiro-, para alén doutros subestándares que en cada unha se puideren estabelecer.
     O sistema lingüístico galego-portugués constitúe, pois, unha unidade dentro da diversidade, pois esta non impede a intercomunicación nen rompe a súa unidade estrutural básica e historicamente foi interpretado como conformador dunha mesma comunidade lingüística coas naturais variantes internas. A partir da evidente constatación de que as comunidades lingüísticas non coinciden necesariamente coas comunidades políticas, a comunidade lingüística galego-portuguesa comprende dentro da Península Ibérica o galego e o portugués, a se incluíren tamén dentro dela as illas Açores e Madeira. Á parte de ser unha das comunidades lingüísticas de Europa, tamén o galego-portugués está presente noutros tres continentes: América (Brasil), África (Guiné, Cabo Verde, Angola, Moçambique, S. Tomé e Príncipe) e Asia (Diu e Damao na India, Goa e Macau na China). Debido principalmente á grande extensión territorial e poboacional do subsistema brasileiro, con que o galego garda unha especial proximidade, hoxe a comunidade de expresión galego-portuguesa ten perto de 200 millóns de falantes, sendo en consecuencia unha das máis numerosas do mundo.

A singularidade do galego entre as linguas peninsulares e europeas

     Á parte da súa proxección europea e universal, o galego é hoxe, xunto co castelán, a lingua oficial de Galiza, comunidade autónoma inserida dentro do estado español que comprende as provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, con aproximadamente 2.800.000 habitantes, dos que o 97% entende o galego e o 86% sabe falalo. Fóra dos límites administrativos de Galiza, o galego tamén se fala na franxa occidental de Asturias, en 18 concellos da Terra Navia-Eo que suman case 45.000 habitantes; en 19 concellos na zona dos Ancares e do Bierzo na provincia de León, con 31.000 habitantes aproximadamente; e en 4 concellos das Portelas e no lugar de Calabor, na provincia de Zamora, con arredor de 1.500 habitantes. Por outra parte, no recanto norocccidental da provincia de Cáceres, en Estremadura, fálanse maioritariamente tres variedades do antigo galego-portugués nos concellos de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martiño de Trebello, con aproximadamente 5.000 habitantes, sen nos esquecermos do portugués de Alamedilla, de Cedillo e da franxa de Alcántara e de Olivenza, localidades fronteirizas situadas en territorio español.
     Como acontece co galego, nengunha das linguas peninsulares se circunscrebe territorialmente á comunidade sociopolítica que lle dá nome. O basco constitúe un caso singular pola súa orixe prelatina e fálase nas comunidades autónomas do País Basco e Navarra, así como na parte norte do País Basco francés. As outras linguas peninsulares son todas romances e xeráronse no norte, estendéndose cara ao sul por efeitos da Reconquista. Así, o catalán está dividido en sete territorios distribuídos en catro estados diferentes: Andorra, L'Alguer (Italia), Cataluña, Valencia, a Franxa de Poente e as Illas Baleares (España) e a Cataluña Norte (Franza). O castelán naceu en Cantabria e foi estendéndose en forma de cuña invertida pola ampla franxa central e sul da península, sendo tamén levado a territorios de ultramar polos conquistadores e colonizadores para hoxe ser lingua falada en moitos países do centro e do sul de América. O asturiano tamén se estende polo norte e oeste da provincia de León e mesmo posúe unha variante (o mirandés) no norte de Portugal.
     O galego, xerado na Gallaecia histórica, fálase en Galiza e en partes das comunidades autónomas españolas limítrofes, prolongándose tamén cara ao sul por toda a franxa atlántica peninsular, de modo que como o mallorquino é unha variante do catalán e o andaluz do castelán, así tamén o portugués é unha modalidade de galego. A singularidade deste consiste en que, ao ficar subordinado ao castelán no seu proprio territorio de orixe, foi a modalidade portuguesa a que alcanzou relevancia e proxección internacional.
     A respeito do basco e do catalán, o galego ten a avantaxe de ser unha das linguas máis estendidas polo mundo e falada en catro continentes, mais apresenta o inconveniente de aparecer solapada polo portugués, variante de que inclusive moitos dos galegofalantes non se senten próximos por evidentes prexuízos históricos e por circunstancias de natureza política. O centro irradiador dese 'galego' internacional deixou de ser a Galiza para se situar en Portugal ou no Brasil. Perdeu tamén o galego, frente ao catalán e ao basco, a estima de boa parte da clases sociais acomodadas, mais, por contra, conserva unha maior masa relativa de falantes (86% da poboación, frente ao 68% do catalán e o 27% do basco). A peculiaridade, pois, do galego, frente ás outras linguas peninsulares cooficiais no estado español, consiste en ser unha das once linguas oficiais da Unión Europea e tamén lingua oficial noutros estados de varios continentes, mais co nome de portugués con que socialmente o galego non é polo común identificado internamente, e en posuír unha superior porcentaxe de falantes rexidos por uns poderes socioeconómicos e políticos que historicamente non apoiaron a causa do idioma proprio.
     Segundo o anteriormente dito, o galego constitúe un caso particular dentro das linguas europeas non oficiais dos estados. Non encaixa propriamente sob os rótulos de 'lingua minoritaria', 'lingua menos estendida' ou 'lingua menos usada' por dúas razóns: pertence a un dos sistemas lingüísticos, o galego-portugués, máis utilizados en todo o mundo; e como variedade específica dentro dese sistema, o galego aínda é a lingua maioritariamente falada polos habitantes de Galiza: o 68.6% da poboación ten como lingua habitual o galego, frente ao 31.4% que ten o castelán como tal. Porén, aínda a nos situarmos neses parámetros europeus, dentro das chamadas 36 linguas rexionais ou minoritarias faladas por 20.000.000 de persoas dos actuais quince estados membros da Unión Europea, segundo o informe do Euromosaic, só seis superan o millón de falantes, ocupando o galego a segunda posición, con 2.420.000 falantes, despois do catalán (7.200.000) e seguido do alemán falado en Franza, Italia e Bélxica (2.220.000), o occitano (2.100.000), o sardo (1.300.000) e o gaélico irlandés (1.240.000).
     Alén disto, o galego reúne outra serie de características que lle conferen unha posición especial dentro desa Europa multilingüe. Por un lado, é unha lingua cunha rica tradición escrita desde o momento mesmo da incorporación dos romances á literatura, convertida na época medieval en lingua lírica peninsular, mesmo utilizada ocasionalmente por algún poeta europeu extrapeninsular e moi vinculada, através do Camiño de Santiago, ao florecimento cultural da Europa medieval. Goza así mesmo de estatuto legal de lingua oficial en Galiza, xuntamente co español, e tamén ten protección oficial na comunidade de Castela-León, superando en número de falantes as linguas oficiais dalgúns estados europeus (esloveno ou estonio, por exemplo). Na época medieval foi, durante 700 anos, a lingua exclusiva de Galiza e nos 500 anos posteriores continuou a ser a lingua da inmensa maioría da poboación, apesar de o castelán ser imposto como lingua do poder. Na actualidade posúe unha importante nómina de escritores e textos literarios de grande cualidade. Por outra parte, apesar de certas discrepancias sobretodo ortográficas, nos últimos tempos déronse pasos moi importantes na conformación dun modelo común de lingua maioritariamente aceitado. Así mesmo, produciuse un avanzo considerábel dos estudos filolóxicos sobre o galego, que actualmente posúe uns recursos técnicos comparábeis coas demais linguas romances (dicionarios, gramáticas, atlas lingüístico e estudos dialectolóxicos, historias da lingua, terminoloxía, etc.).
     En conclusión, o galego dentro do conxunto das linguas da Europa comunitaria debe ser definido como unha das súas linguas oficiais que no territorio onde se formou -Galiza- perdeu a condición de lingua normal por un proceso histórico de colonización castelá e hoxe está inmersa nunha difícil procura da normalización dos seus usos sociais. O galego é, pois, unha lingua maioritaria non normalizada socialmente no seu proprio territorio.

Algunhas reflexións sobre o presente e o porvir do galego

     A lingua galega na actualidade áchase nun ponto crítico, nunha encrucillada de cuxa saída vai depender o seu porvir. Por unha parte, dispón dunhas condicións de partida envexábeis por calquer lingua en situación de inferioridade a respeito doutra lingua oficial do estado, pois pertence a un sistema lingüístico de proxección internacional, é entendida pola práctica totalidade da poboación (97%), fálaa a inmensa maioría (86%), non apresenta graves problemas para a fácil incorporación de novos falantes pola proximidade ao castelán, non existe en Galiza unha poboación de procedencia foránea significativa, goza cada vez de máis prestixio social sobretodo en ámbitos vinculados á cultura e suscita a adhesión afectiva da maioría social.
     Mais, por outra parte, apresenta tamén síntomas preocupantes a respeito do seu futuro, principalmente porque é cada vez menos falado pola xente nova, que se adhere sentimentalmente a el mais non o utiliza habitualmente. Alén disto, o galego aínda non acaba de penetrar en ámbitos sociais de especial relevancia (mundo da empresa, igrexa, etc.), non se cumpre a lexislación existente en materia de lingua tanto no ámbito do ensino como no da administración, non existe un verdadeiro programa de normalización lingüística por parte do poder político con vontade decidida de o levar a cabo, faltan meios de comunicación que aposten polo uso do galego, Galiza vive de costas a Portugal e ao mundo de expresión galego-portuguesa, as autoridades competentes aínda non se decidiron a aprobar unha norma de consenso que poña fin ás disputas normativas, etc.
     Estes son, entre outros, algúns dos obstáculos que ao galego se lle apresentan na actualidade. De se superaren, a nosa lingua poderá situarse nunha posición de privilexio tanto dentro da península como en Europa e, desde esa situación, poderá ver reforzada tamén a súa condición de lingua natural e propria de Galiza. Mais, volvendo ao inicio, deberemos ser nós mesmos os primeiros convencidos da súa capacidade e da súa rendibilidade, mesmo económica, pois unha lingua é o maior patrimonio dun pobo. O pobo galego, segundo moi ben dixeron algúns dos nosos ilustres devanceiros como Murguía ou Castelao, é posuidor dunha lingua extensa e útil que, para alén de nos identificar e singularizar frente ás tendencias uniformadoras, tamén nos vincula espiritual e afectivamente con outros pobos do mundo e nos permite comunicarnos con moitos millóns de persoas que viven alén das nosas fronteiras espalladas por diferentes continentes.


    

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega