O home grande de gran chaqueta

 

 

v2franciscocastroohomegrandedegranchaqueta.html

O Home Grande de Gran Chaqueta
díxome:
entrarás no psiquiátrico
debes entrar
o Poeta é o gran inimigo da Orde
entrarás
no psiquiátrico
debes entrar,
pénsao:
alí hai comida a esgalla
e ninguén morre
todos viven
eternamente
todos os Poetas están alí
¿non queres vivir cos teus amigos
eses porcos?
Todos están alí
no psiquiátrico feliz.
¡Entra!
Verás moitos anuncios. Serás feliz
con cartos infinitos
mercarás universos
infinitos
de coloríns reverberados.
Serás feliz.
Eu
despois de escoitar iso
ollei
os cadros con mil ollos do Home Grande de Gran Chaqueta
e despois ollei
as montañas
e as nubes feas e as nubes fermosas
movéndose
e as mulleres gordas e aos nenos deformes
xogando
e ás femias seductoras e de zume
e aos cativos incendiados de hormonas e
de
vida
e aos alacráns e as gaivotas e aos linces e aos gatos,
e despois díxenlle:/
Non.
Sei que
hai un albor para min onde dá volta o vento
onde os planetas bailan muiñeiras
onde
estralan
os estados e os países non saben
que o son,
sei que
hai un adolescente ferido e vingativo no meu interior
que non quere
morrer, e que ferve
e que ferve
ferve poemas ferve palabras ferve dozuras imaxinadas
aínda inconcibibles/
e hai un anxo, un demo, un reiseñor, un crocodilo
dentro de min
un santo, un vento, un volcán, un exército feliz e libertario
dentro de min
sei que
dentro de min está todo e eu
son A Célula
que contén todo o Universo
dentro de min.
O Home Grande de Gran Chaqueta
baixou a pistola.
Sabía que podía
matarme
e que
non pasaría nada.
El era A Lei.
Pero o meu riso de anaconda
e a miña felicidade de albornoz
foron
máis fortes que as súas balas
ansiolíticas.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega