O inesperado atraco dos siameses

 

(Texto íntegro)

 

v1jaureguizarsiameses.html

O subcomisario Alberte Sanxil tardou uns vinte minutos en chegar desde a comisaría situada na rúa Chantada á Rinconada do Miño. Alguén chamara á Policía para denunciar un atraco no Playboy, o club no que se gozaron galegas e algunha conquense ata mediados dos oitenta, cando as relevaron a colombianas e filipinas e agora atendían mulleres-xirafa importadas vía aérea desde Tailandia. A excitación sexual escribe con liñas tortas: o que llela poñía ríxida agora ós clientes, cansos de exotismo celulítico salseiro, eran aquelas rapazas altas de corpo e máis altas de pescozo, quecíanse con soamente mirar para unhas orientais que colocaran aros e aros de bronce no colo ata convertelo nun xunco esvelto. Da etnia kaian, a súa orixe achábase nas montañas meridionais de Birmania. A guerra entre o exército regular birmano e a Fronte Nacional Progresista Karenni, a súa xente, puxéraas na estrada que se dirixe á fronteira tailandesa, onde as mercara o dono do Playboy, Pantaléon.
     Todas aquelas mulleres, vestidas con teas de cores vivas; nomeadamente vermellas e salferidas con notas de cores amarelos e verdes, falaban a un tempo e facíano nunha xerga que o subcomisario daba por certo que procedía dalgún arrabalde mísero do Inferno.
     -¡Un momento, un momento! -berrou Alberte Sanxil empurrando ás mulleres-xirafa para se abrir un espacio de cordura e poder enlear aqueladamente o seu cigarro de picadura-. ¿Hai acó alguén co que poida entenderme?
     Unha das rapazas, Yaung Wei Yai, que non paraba de bagullar, sinalou nun curruncho a Ismael. Sanxil coñecíao de vello, sabía que ía ó encontro dun ex baleeiro que rexentaba A Casa Onde Van Todos Os Paraugas Que Se Perden, un negocio de recolleita dos paraugas que a xente vai esquecendo nos bares, nas tendas e nas oficinas públicas. Ismael asegurou que motivos laborais o obrigaran a acudir ó puticlub, "viñen por mercadoría, pero non lle comentes nada a Encarna; de informarse, mataríame". Un policía experimentado recoñece de contado a situación de xirar as porcas dun cliente: "¿Quen disparou contra o anano Pantaleón?". Pantaleón, un búlgaro que se erguía uns cincuenta centímetros do chan, chuchaba de seguido chupa-chups. "Foron os siameses; ben os coñeces, os fillos de Ramira". "¿Os que van polas casas recollendo os envases de iogur que todos adoitamos deixar sobre a mesa da sala despois de cear e a lavármonos as culleriñas?" , preguntou Sanxil, máis incrédulo a cada palabra que dicía. "Si", sentenciou Ismael, antes de explicar que os negocios dos irmáns xemelgos andaban mal -"xa sabes que se desconfía de que che entren na casa, aínda que sexa para algo tan inocente. Pero non hai dúbida de que se trataba deles, malia que os inocentes puxeran uns pasamontañas para despistar"-. "Pois paréceme raro que se dediquen a dar paos por aí, porque deben ter unha conta rufa no banco. Sonche ben ruíns, que non tiran nin un papel por aforrar. De todos xeitos, se non me informaron mal, estaban enleados con unha ou dúas destas rapazas...". Ismael fitouno estrañado, como se escusara de aclarar que esa relación convertíase nunha xustificación axeitada para coñecer o local e o diñeiro que se movía nel. "¿Onde está Pantaleón?". "Na Residencia, creo que non foi máis cun raspuño". "¿E os siameses?", interesouse Sanxil aspirando no cigarro. "Foron buscalos á casa de Ramira uns compañeiros teus". Sanxil quitou da gabardina un dos cadernos nas que os policías nunca apuntan nada, pero imitan a Colombo. "A rapaza pola que preguntabas é esa coa que falaches, a que choromica, leva un par de meses cos siameses", indicou a maiores Ismael. "¿Cos dous?". "Ben sabes que sempre se fan pasar por un para aforrar. ¡O puterío anda abondo caro!".
     Marchando da Rinconada, Sanxil guindou a cabicha nun contedor antes de seguir o seu camiño. Ós cinco minutos formouse un lumísimo e as laparadas empezaron a gabear pola parede do Playboy. Cando as prostitutas de barbadela ergueita saíron apagalo, Yaung Wei Yai atopou dous abrigos negros cosidos. Guindouno na rúa para apagalo. De seguido, quitaron os dous pasamontañas. Ela sabía que os seus siameses nunca terían deitada tanta roupa no lixo, pero uns impostores poderían telo feito por correren ceibes.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega