O labor lírico do ilustrado cura de Fruíme. Textos galegos de Zernadas y Castro

 

[Fragmento]

 

v2pardodeneyralaborlirico.html

     6.2. ELEMENTOS EXTRATEXTUAIS

     Centrarei os elementos extrínsecos e actuantes do texto en seis series nas que analizarei os elementos históricos, literarios, sociais, antropolóxicos e etnográficos, ideolóxicos e biográficos. Todos eles serán de utilidade para unha aproximación máis completa e detallada aos textos galegos de Diego Antonio de Zernadas y Castro.



     6.2.1. Históricos

     A través dos textos poéticos do cura de Fruíme atopamos referencias a diversos feitos históricos, ben referidos a España, ben pertencentes á propia realidade de Galiza. Dentro dos feitos históricos españois pódese citar o presentado por medio das "Coplas gallegas", a aclamación dun novo monarca da casa de Borbón-España, Carlos III, que pouco antes usara os títulos de rei de Nápoles e duque de Parma. Dentro dos especificamente galegos observamos como esa coroación cortesá pouco despois foi obxecto dunha festa de aclamación popular vivida en Compostela. Por outra parte, a inauguración da fonte de san Vicenzo da praza do Campo de Lugo (integrada no novo ordenamento da traída de augas ao Lugo de mediados do XVIII) apareceu referida a través de "Ronca do Rio Miño", "Desengano ao Pozo da Pinguéla" e "Befa do Rio da Chanca desairado da fonte nova" (o que mantén un interese polos feitos estrictamente lugueses). A sátira dirixida contra Riobóo y Seyxas e Fole de Navia podemos enmarcala no campo da historiografia galega, no da crónica compostelá, xa que, aínda pertencendo ao campo da literatura galega do século XVIII, reproducía un dos acontecementos máis senlleiros dese período.
     Tal realidade é confirmada mesmo polo interese de certo sector eclesiástico por denunciar ante a Inquisición a un cura aldeán. Mais á vez, o mesmo feito que Zernadas criticou en "As panadeiras da Porta Faxeira ...", polo que un cóengo do cabido de Compostela aparece relacionado cun acto de prevaricación no seo desa institución, pertence ao campo da historia galega e da historia local da Compostela barroca.



     6.2.2. Literarios

     Os xéneros aos que pertencen os textos de Zernadas son o da sátira (co que ridiculizaba individuos da alta esfera eclesiástica de Compostela, como Fole e Malvar, ou persoas consagradas dentro do sistema literario da Galiza do século XVIII, como Riobóo y Seyxas Villardefrancos), o da oda (pois glorificaba persoas como o bispo de Córdoba, tamén da alta esfera eclesiástica, a marquesa de Camarasa, da alta nobreza españoIa, a Garinverti, os Feyxóo-Gayoso, os Boáns, o chantre Gondar ou a mesma familia de Carlos III), o da elexía (se temos en conta que nos tres poemas das fontes de Lugo doíase do esquecemento das vellas canles de auga), o do epigrama (no caso do poema xurdido da traducción latina) e o da letrilla (nesas referidas "Coplas gallegas").
     Os motivos articulados a través dos textos do cura de Fruíme refírense en boa medida á poética española coetánea, sendo o da ridiculización individual un dos motivos máis recorrentes no facer español de figuras como Quevedo. Os tópicos ou clixés, estereotipados como fórmulas dentro do seu facer lírico, remiten tanto a fórmulas do momento (o debate literario mantido entre Zernadas e Riobóo, parello a outros debates literarios en España) como a fórmulas do pasado (o caso do laio por uns tempos pasados nos que a fonte Miñá fora obxecto de admiración en "Ronca do Rio Miño", que pode ser conectado co ubi sunt?, fórmula literaria de antiga presencia na poesía anterior).
     A intertextualidade establece un diálogo literario coas modas do momento e mesmo con aspectos retrotraídos de épocas pasadas. A influencia que recibiu como satírico, que el mesmo asegurou a través do personaxe Tacón en "Trinca tridente", mantén unha estreita relación coas sátiras de Quevedo.
     A época literaria do cura de Fruíme, situada entre 1750 e 1775, aínda que recollese parte dos motivos do Barroco español, en parte aparecía anunciando o neoclasicismo que incidirá na importancia da sinxeleza e da transmisión populista, programa no que se situou a defensa de Galiza e o seu idioma. Por iso, o movemento no que se encadra o facer literario de Zernadas y Castro inclúese nos canons da ilustración galega, sendo a escola á que pertence a deste grupo de intelectuais.
     A súa obra poética galega, despregada en diversos documentos manuscritos, así como copiada tras a súa morte por distintos amigos seus, atópase espallada pola edición desas obras en prosa e en verso, tanto castelás como galegas, que viu a luz no Madrid finisecular do século XVIII, así como tamén, mais conservando a súa feitura orixinaria, en documentos numerosos e mesmo nun manuscrito. E a figura do autor, tanto no caso dos textos publicados como no dos recollidos, desdóbrase nunha dimensión xa manifestada polo mesmo cura dende o seu interese en dirixirse ao acervo popular como xerme de parte da súa producción, o que ás veces era certo, xa que ao confesar reiteradamente esta procedencia se podía pensar o contrario. O que valeu para cualificar a Lope de Vega ("nunca supo crear un texto en estilo enteramente "tradicional", a pesar de haber ensayado los géneros populares y de haber manejado y reelaborado en sus obras teatrales decenas de versiones de romances"; cf. Stefano 1988: 42), quizais serva para catalogar a Zernadas.
     Tamén como froito do programa do Barroco, o cura acolleu a xácara (xénero característico do momento e de creación de Quevedo y Villegas, que xa "proporcionó a los escritores de comienzos del siglo XVIII formas y estructuras, así como ejemplos a seguir de técnicas retóricas y eficaces"; Glendinning 1973: 63), o que o conectaba coa 'ruptura do decoro' existente na mentalidade do momento. Na sátira, pois, é onde Zernadas máis se aproximou ao programa lírico español (Quevedo, Cárcer, Solís). Do comportamento de Quevedo, quizais tomase Zernadas a súa actitude cara a Riobóo y Seyxas. A polémica desenvolvida entre eles relaciónase coa que Quevedo iniciou con Góngora, despois de que este escribise uns versos dirixidos contra Valladolid, o Pisuerga e o Teixo. Tamén cando Zernadas recorreu á lírica latina podemos observar a pegada do escritor castelán, quen se valeu de epigramas de Marcial para dirixir a súa crítica contra Vélez de Guebara e Góngora. Aínda que no caso español, polo común, o resultado consistiu nunha paráfrase que nunha décima transcribía os dísticos buscados na lírica latina, no caso galego recorreuse aos versos latinos para a realización dunha décima. Tamén a crítica contra determinados elementos da sociedade do momento derivou das prácticas literarias de Quevedo. Como este, Zernadas ridiculizou o seu medio máis íntimo: o cabido de Compostela (ao que, sen embargo, lle debía obediencia e submisión) e os funcionarios do estado (ao que, por ser fillo dun deles, tamén lle debía respecto).
     Por outra parte, a forma empregada por Zernadas na súa sátira tamén se relaciona co conceptismo que atopamos na poética de Quevedo y Villegas. O uso do equívoco é o que mellor caracteriza este aserto e, neste sentido, o exemplo máis útil é o da verba "fole", que nas pezas dedicadas a Fole de Navia presentaba un mesmo significante con diferentes significados, que se debía á busca dun dobre sentido. Isto matízase coa ruptura da frase feita (v. 129 de "Ô Pandeiro de fol ...") a favor do recurso da ironía. Ademais, os casos do uso da esticomitia métrica para dotar de unidade rítmica aos contidos, que procuraba intensidade e que reforzaba a rotundidade dos aspectos lapidarios (por exemplo en "Ô Pandeiro de foi na man da Ama do Crego da Aldea ..."), o do encabalgamento como medio de expresar desacougos (vs. 23-24, 35-36 e 39-40 de "As panadeiras da Porta Faxeira ..."), o da aliteración (a presencia de vocais abertas 'e' e 'a' na primeira décima de "A Cabaza"), o da paronomasia (vs. 4-5 ou 104-105 de "Ô Pandeiro ..."), o da anáfora (todos os "si" e "non" que repetiu en "Ô Pandeiro de foi ... "), o da bimembración, por veces apoiada na antítese (vs. 30 ou 45 de "Ô Pandeiro ...") e o da eliminación do adxectivo ocioso e decorativo, apoiado na hipóstase (o caso de "fole, boiante", v. 12 de "Ô Baruto ...") e en aposicións metafóricas (v. 8 de "Ô Baruto ...": "ô mundo, que è gran fistol"), todo o que procuraba a busca dun verbo "preñado, no hinchado", como solicitaba Gracián en Agudeza y arte de ingenio. Neste sentido unha sintaxe concisa, o uso do polisíndeton (como se presenta en "As panadeiras da Porta Faxeira ...") ou, polo contrario, da xustaposición, tamén manteñen o interese de Zernadas polo conceptismo (67).
     Pero tamén nos tropos usou a ironía. Tanto a prosopopea como a animalización son elementos fundamentais para o desenvolvemento da sátira zernadiana. No caso da semellanza entre o raposo e o nome propio Pedro, a distancia existente entre o termo real e o imaxinario é tan grande que o poeta viuse na necesidade de explicar a súa relación por medio du dito galego: "chámanlle Pedro ao raposo". Outro dos tropos utilizados con idéntico criterio literario é a comparación, ás veces hiperbólica. Os casos de cabeza-cabaza en "A Cabaza",  Fole-estómago en "Dios à Adan cò o seu poder..." ou Fole-pedropérez en "Ô Pandeiro ..." son exemplos deste exercicio satírico forzado.
     O contraste tamén se utilizou para o establecemento das acentuacións críticas, por veces acompañado con outros recursos, como a antítese ("non sopres, non me degoles", v. 21 de "Ô Pandeiro ...", peza onde, no v. 30 serviu para facer unha simple exposición de dúas opcións) e o paradoxo ("non selle pon por diante / canto lle din por detras", vs. 13-14 de "Ô Baruto ..."). Aínda así, outros elementos que testemuñan o interese satírico de Zernadas y Castro aparecen relacionados tanto coa ironía directa ("ensendo os Foles singelos, / si adubados bèn no estan / non valen branca de pan", nos vs. 31-33 de "As panadeiras da Porta Faxeira ..."), como co uso da frase feita: "para donde ronca â Gaita", v. 10 de "Ô Baruto ..."), "visto ten, / o que non ten visto o sol" (vs. 23-24 de "Ô Baruto ..."), "Merda nos Foles" (v. 24 de "Ô Pandeiro de fol..."), "as moles / co as duras se han de levar" (vs. 25-26 de "Ô Pandeiro ..."), "si alguns limpios seven / hè porque ten, que limpiar" (vs. 39-40 de "Ô Pandeiro de fol ..."), "ò Raposo, aun que se esconde / na semana fai, por donde / o Domingo vai à Misa" (vs. 58-60 de "Ô Pandeiro ... "), "non levantes preitos novos" (v. 65 de "Ô Pandeiro ..."), "quen pareu, que arrole" (v. 72 de "Ô Pandeiro...") "ponte amigo mais mol" (v. 106 de "Ô Pandeiro de fol...") "aqui no ai gato en Fol" (v. 110 de "Ô Pandeiro ..."), "a verdad non val un Nauo" (v. 118 de "Ô Pandeiro..."), "non valen branca de pan" (v. 33 de "As panadeiras da Porta Faxeira ..." ou "perdense hasta os farelos" (v. 34 desa peza "As ganadeiras ..."). Nesta escolla de ditos, Zernadas tamén quixo transmitir refráns propios do castelán, o caso do uso da expresión "morder el ajo" como 'mortificar' ou 'facer rabiar' en "Morder ou andarse en chanzas ...", que xa fora obxecto de recompilación por Covarrubias en Tesoro de la lengua castellana o española (1611).
     Os procesos metonímicos e metafóricos, ademais, sustentan a creación de voces e acepcións especiais que un termo adquire nun determinado contexto. O caso dos verbos relacionados foneticamente con "fole" confirman que Zernadas recorreu a esquemas de formación de palabras do galego: "esfolear" (que é esfolar), "folegar" (que é folgar), "emfolizadas" ou "Folipadas". Estes dous últimos termos aparecen como neoloxismos por adaptación temática, o que advirte da acomodación dun vocábulo á materia ou situación, así como procuraban alarde de agudeza e orixinalidade, aspectos que rexen estas singulares creacións lingüísticas.
     A técnica do retrato, por outra banda, denota unha axilidade para sintetizar os rasgos caracteriolóxicos do personaxe satirizado. Así pois, a través dun proceso de estrañamento prodúcese a distancia, recurso que descobre un preludio do
expresionismo por deformación grotesca unida, polo común, á hipotipase (tendencia a describir o abstracto como físico: o caso de "cabaza" referido a 'cabeza baldeira'). E á par, as metáforas plásticas e as asociacións insólitas, da mesma maneira, serven para a elaboración dun retrato cubista onde se produce unha descomposición da figura satirizada en planos inconexos (no caso da presentación do cóengo Fole de Navia). Pero esas figuras non apareceron retratadas de forma completa, senón por medio de imaxes independentes que pertencían a campos heteroxéneos (o exemplo de Riobóo y Seyxas, presentado pola súa cabeza e pola súa procedencia das torres do Allo, o que orixinou a súa comparación co allo). E para a degradación do personaxe elaborou un cúmulo de características que podían ir unidas a través de enumeracións caóticas e que, por outro lado, identificaban o retrato como aproximado a un facer esperpéntico (o que se deu en "Ô Pandeiro de fol na man da Ama do Crego de Aldea, quenon pode Calar sempre qe. oie pandeiradas").



     6.2.3. Sociais


     Como xa referín para os aspectos históricos, os elementos sociais aparecen como reflexo da época na que foron escritos os textos, ás veces baixo o aspecto do tipismo (as festas nas que se sitúan as "Coplas gallegas" e "Meu Carballo ..." ou a copla popular "Vos decis que cante, cante ...").
     A homoloxía estructural que por exemplo preside as décimas dirixidas a Dª Baltasara Teresa Sarmiento de Mendoza, asegura unha fiel reproducción dos clixés e formulismos sociais do período, mesmo da etapa do Antigo Réxime. Xa que logo, a aristócrata madrileña de orixes galegas é salientada pola súa pertenza a unha família de avoengo e pola percepción de impostos e canons de orixes feudais e rendeiros, base da economía fidalga dese tempo. O reflexo do inmobilismo social aceptado no momento constátase cando, ademais de destacar a marquesa pola posesión de diñeiro, patrimonio e mercés nobiliarias, aceptou como lóxica unha situación de privilexio. Neste sentido, pois, non podemos esquecer a tendenciosidade que, como fidalgo e cura, Zernadas procurou tanto coa simboloxía relixiosa do catolicismo da época como coa desigualdade dunha sociedade de estados.
     O programa de sublimación social do mundo masculino fronte á submisión do feminino, algo lóxico no momento, escolleu a figura dunha muller loada pola súa beleza física (a súa garrideza), pola súa calidade moral (a bondade) e pola súa propia actitude de submisión, mentres o home que aparece polos textos de Zernadas era exaltado pola súa validez intelectual.
     Aínda que, por escandalosos, rexeitase dar ao prelo parte dos textos que xurdiron do seu enfrontamento con Fole e Riobóo, o consumo das súas pezas galegas reduciuse ao círculo literario da Compostela do século XVIII, malia que algunhas delas parezan suxerir outro tipo de consumo, máis ben localizado no mundo popular ao que tantas veces sinalara acudir en busca de inspiración.



     6.2.4. Antropolóxicos e etnográficos

     Elementos que poden lembrar o mundo da antropoloxía e etnografía aparecen nas alusións aos trebellos ferreiros (en "Ô Pandeiro de fol..."), aos aspectos gastronómicos (en "A D. Manuel de Arcos ...", por exemplo), ambos os dous da cultura material, os que aludían ao sistema de agrupación social e convivencia ou herdanza (pois nas décimas dedicadas á marquesa de Camarasa vese con claridade tanto o sistema de clases imperante no mesmo seo do estamento fidalgo ao que pertencía Zernadas como o sistema de transmisión, reunión e xuntanza de patrimonios; mentres as coplas "Miña Virxe dòs Dolores ..." testemuñan un sistema clásico de convivencia no estrato rural, onde a figura do párroco se situaba no cume do sistema, ou mesmo no vilancico dedicado aos Feyxóo-Gayoso, onde o mundo rural saudaba o mundo cortesán), o que mantén o interese polo reflexo da organización social (tamén presente a través dese vilancico dedicado a D. Pedro Feyxóo e a Dº Jacinta Gayoso, posto que os pastores son os que loan aos fidalgos e mesmo celebran a súa chegada); e, finalmente, os elementos pertencentes á cultura material, onde aparecen esas festas rurais e urbanas que Zernadas y Castro reflectiu a través
das "Coplas gallegas", dos textos contra Fole e mesmo dos textos que el sinalou como producto dos seus fregueses.



     6.2.5. Ideolóxicos

     Tanto a ideoloxía como a filosofía, esta como parte do conglomerado ideolóxico humano, son obxecto de tratamento nos poemas galegos de Zernadas. O reflexo da relixiosidade, aínda que denotase unha consciencia característica e presente na asunción do programa de desigualdades da sociedade do período, tamén serviu para o exercicio e o desenvolvemento da actuación que despregou na defensa de Galiza. Por iso, tanto na aceptación da situación social e relixiosa do momento como na reacción ante o desdouro que sufría Galiza, o cura articulou e puxo en práctica os canons das teorías filosóficas do seu tempo, ben no rexeitamento da ampulosidade do Barroco, ben no reflexo polas novidades do seu tempo, época que anunciaba o neoclasicismo. Desta forma, o mesmo uso do galego e a procura da sinxeleza formal, así como a reiterada presencia do aparato literario popular, aparecen como resultado do afastamento que Diego Antonio de Zernadas efectuou respecto do programa literario do Barroco. Mais, á vez, a sátira e o desenvolvemento desa afección literaria pola ironía pode ser conectada coa que nese tempo articulou Quevedo y Villegas, coa exaltación do mundo ao revés que elaborou Vega y Carpio e coa concordia de opostos que tiña asento no conceptismo de Gracián.
     Como froito da conexión cultural coa etapa anterior, e dende o punto de vista estético, apareceu a busca da novidade e da sorpresa, un certo gusto pola dificultade, unido á idea de que nada era estábel e todo debía ser descifrado, a tendencia á agudeza e mesmo a noción de que no inacabado residía o supremo ideal dunha obra artística. Desta maneira, pois, a sátira galega de Zernadas baseouse na sorpresa e no vehemente desexo cara ao desciframento, así como nun gusto polo inacabado que se constata mesmo no feito de que o escritor non rematase un tema, un xénero ou non desenvolvese unha obra galega cohesionada.
     Por iso, como froito dese facer ilustrado galego, a práctica poética do cura de Fruíme reflectiu unha preocupación lingüís
tica polo galego, pola súa actividade folclórica (o que supoñía a sublimación do labor literario popular) e, por tanto, pola súa defensa, xa que en tales momentos a nación estaba a ser ridiculizada fóra das súas fronteiras. Fóra de concomitancias cos debates españois do momento, nese programa intelectual é onde podemos situar o exercicio de crítica que Diego Antonio de Zernadas y Castro realizou diante de determinadas actuacións de exceso de poder (o caso da composición realizada tras o encarceramento de D. Ventura Mosquera por orde do cabido de Compostela, co que aproveitou para rexeitar o abuso de poder do aparato eclesiástico, ao que sen embargo el pertencía), así como a loanza da modernidade, neste caso literaria, que suponía as críticas dos canons tradicionais e a aceptación de novos aparellos, referidos á incorporación formal de termos antes non empregados dentro do labor literario (como declarou a través das súas respostas en prosa e en verso a un Riobóo máximo paradigma do tradicionalismo literario da Compostela do século XVIII).



     6.2.6 Biográficos

     Se moitos dos seus textos serven para elaborarmos unha biografía do autor, estes serven fundamentalmente para situar características da súa propia personalidade e para o establecemento das súas relacións de amizade, do seu carácter e da súa psicoloxía. A través das súas composicións, pois, sabemos que estivo en Lugo, ou polo menos coñeceu de preto a actuación do bispo Izquierdo, e que cando foi destinado á freguesía de S. Martiño de Fruíme non se desvinculou da súa cidade de nacemento. Aínda así, a narración dos actos sobre a inauguración das obras de auga lucenses máis ben parece confirmar a súa presencia na cidade, pois os topónimos, os feitos e mesmo o sentir popular foron trasladados con enteira fidelidade.
     A carón do resto da súa obra castelá, as composicións galegas de Zernadas y Castro serven para coñecermos a amizade estreita que o uniu a Antonio de Riobóo antes de 1727 e que se rompeu despois da institucionalización do rezo de Clavijo en 1750, o que serviu para o inicio dunha forte discusión literaria pola que tanto o devandito Riobóo como o mesmo cura recorreron á sátira máis cruel para a ridiculización do contrario (cf. Pardo de Neyra 2000 b: 199-203). Por ese debate, un cóengo da sé de Compostela, D. Pedro Fole de Navia, viuse involucrado na temática da instauración eclesiástica, chegando a estar presente, por outro lado, como Riobóo y Seyxas, na decisión da denuncia de Zernadas, por calumnias, ante o tribunal da Inquisición.
     Pero se, de certo, Zernadas marchou para Fruíme despois de ser confirmado como rector desta freguesía, sen embargo nunca se desvinculou da cidade de Compostela. Así, a este espacio urbano, no que ademais conservaba ou iniciaba amizades (por exemplo con persoas do seu mesmo ámbito, D. José Vicente de Boán e os seus familiares, Gondar, Riomol y Quiroga, Varela Fondevila ou Rajoy), procurou acercarse cando se producía calquera celebración, ben eclesiástica (o momento da consagración canónica de cóengos como Riomol) ou ben civil (as festas xurdidas tras a concesión do rezo de Clavijo en 1750 ou as da aclamación de Carlos III en 1759). Tamén destacou fóra de Galiza e mantivo amizade con diferentes persoas. Deste núcleo, reunido xeralmente no domicilio dos Móñez-Garinverti, dá conta a súa relación con D. Vicente Mónez e Da Catalina Garinverti, con D. Pedro Feyxóo e a súa esposa, con D. Manuel de Arcos, coa marquesa Dª Baltasara Teresa Camarasa ou coa familia Taboada.
     A conexión cos acontecementos festivos levouno a estar en festas relixiosas de Lugo e Noia, onde se organizaron as corridas de touros que deron orixe á composición satírica do capitán portugués Carballo.
     Por outro lado, os seus textos inciden na mostra dun espírito contestatario, rebelde e denunciador, que tanto saía en defensa de pobos como o de Lugo como en defensa propia (malia ter confesado que a réplica era tolerábel non sendo persoal, senón, e ese era o caso que propoñía, cando estaba motivada por un amor de restitución dirixido á nai, que era Galiza). Esa defensa, articulada con agudeza a través de escritos literarios, experimentou unha útil canalización por medio da sátira. Tal realidade aporta datos desa súa belicosa personalidade, así como reflicte a inquietude crítica dun individuo que, o que puxo en boca da súa ama de servicio, "non pode Calar sempre qe. oie pandeiradas".
     A súa actitude defensiva de resposta observou dúas canles de motivación. A primeira tratou de restituír a dignidade patriótica, que moitas veces argumentou como lexítima nun `'illo de Galiza'. A segunda, sen embargo, foi a que desenvolveu particularmente con individuos que o aludían, aínda que fosen amigos. Son os casos da peza dirixida ao rexedor compostelán Rivera y Collazo, ou o caso dun romance articulado en virtude da polémica que viviu, durante os comezos da súa actividade literaria, con Juan Contreras, á sazón administrador da renda tabaqueira de Ourense, quen anteriormente lle dedicara varias composicións poéticas (cf. Rivas Troitiño 1977: 79) e ao que, por exemplo, dirixiu unha carta (cf. Cernadas y Castro 1779, IV: 343). No caso de Contreras, malia ser o seu amigo, isto non foi quen de coartar a súa vea crítica e de impedir que nun romance castelán dirixido a un terceiro lle recriminase o feito de se pór do lado de Contreras.
     Durante os seus tempos de estudiante en Compostela, isto é, cando se relacionaba con Riobóo y Seyxas Villardefrancos, Zernadas enviou un romance castelán ao fidalgo betanceiro D. Nicolás Francisco Masseda de Aguiar y Puzo, rexedor perpetuo de Betanzos dende 1721 por concesión de Filipe IV (68), que foi un dos individuos presentes na vida literaria da Compostela anterior a 1728, na que o cura se formara. Esta composición, que dato arredor de 1725, posúe oitenta e catro versos. Foi rotulada polo propio Zernadas simplemente como "Romance", asinada como "vuestro fiel capellan, Diego" e representa unha das primeiras mostras que coñecemos do facer literario do cura de Fruíme, feito polo que a transcribo:

vos Señor Don Nicolas,
amigo mio, y mi dueño,
aquien tan de veras amo,
e aquien tantas honras debo;
vos, que bien me conoceis,
que soi un pobre pendexo,
que me meterè en un puño,
solo por no oir un reto;
vos me poneis en campaña,
vos me haceis salir al duelo
con un poeta gigante
siendo mi numen pigmèo?
Que gusto, Señor, teneis
de verme como me veo
acuchillado de aplausos,
y acometido de versos?
Como podrè defenderme
de aquel valenton ingenio,
que en una copla q esgrima
darà que hacer a trescientos?
No veis que si asu eloquencia
darme por vencido debo,
los que se dàn como elogios
seme han de volver desprecios?
Yo con Contreras Amigo
no quiero meterme encuentos,
porque mal si es q me rindo,
y peor si me defiendo.
el hombre, segun la cuenta,
parte en el aire un cabello,
yà vos conservose tambien
os parte de medio à medio.
en dos mitades se pone,
y a vos, y ami frente haciendo,
dice, para cada uno
con mi mitad harto tengo.
Amigo este es mucho brio,
mirad para defendernos
si podeis hacer Ias partes,
que ami me faltan los medios.
Bien visteis como me trata
dePoeta pordiosero,
y si prosigue, por Dios
que me dexarà pidiendo.
Diceme, que con mis coplas
ganè quartos; y q es esto?
en buen romance es tratarlas
como unas coplas de ciego.
Que nada mis coplas valen
lo podeis decir vos mesmo,
que el mundo está tal, q un hombre
no puede vivir de ingenio.
Por buenos versos que sean
no dan por ellos dinero,
que a los poetas les pagan
solo con pagarse de ellos.
Ala verguenza mi Musa
saliò por las calles, pero
bien sabeis vos, que sacò
no mas q llevar docientos.
Quando estaban en olvido
hace Contreras recuerdo
demis decimas lloronas
para quedarse riendo;
Porque el zalà quise hacerle
con mis aplausos sinceros,
trata mi elogio de turco,
como si fuesse algun perro.
Diceme enfin q en Cernadas
sepierde con el tiempo,
yno puede un hombre blanco
decirle otro tanto aun negro.
Seria mui temerario
si con esto no escarmiento,
deJugar peras deburlas
nide veras con mi Dueño.
Las cinco decimas q hice
no vaian allà, que temo
me caigan decima y costas
por no pagar como debo.
enfin volved por mi causa,
mientras las manos os beso
quedando avuestro servicio
vuestro fiel capellan, Diego
(asinado).

     Neste romance constátanse varias das características que ao longo da súa traxectoria literaria ía manter e ampliar o cura de Fruíme: o exercicio como polemista, malia que por el confesase certa culpa e solicitase ao intermediario que intercedera diante do agraviado, o desenvolvemento dunha falsa modestia (que non deixa de subliñar a consideración literaria que posuía), onde sitúo o sintagma crego de aldea que o cura utilizaba para contrapoñerse aos literatos da súa época e, desta forma, indicar humildade, as súas articulacións elitistas que, ademais de buscar a aquiescencia dunha persoa de maior relevancia que el, mesmo incidían en criterios racistas (vs. 71-72), e a consideración de que "el mundo está tal, q un hombre / no puede vivir de ingenio" (vs. 51-52) como resposta aos que sinalaban que gañaba diñeiro a través da impresión dos seus textos.
     Pero, á par, se este texto xuvenil serve para a observación duns inicios literarios marcados pola polémica (que non lle impedían responder a "un gigante" Contreras considerándose "un pobre pendexo", e a través dun poeta do momento, de asentada proxección cultural, social e económica), neste caso decantábanse polo uso lingüístico do idioma de prestixio, o que tanto asegura a súa fama temperá como procura o consenso cun individuo cualificado como "amigo mio, y mi dueño", o que implicaba unha maior esfera socio-cultural que a súa. Por iso, se lóxico podería parecer que constatase e salientase os agasaIlos dos que era obxecto por un veciño seu, menos lóxico é que dedicara unha peza poética de loanza e admiración a unha muller que, aínda que con parte das súas orixes familiares en Galiza, pertencese á alta órbita da nobreza cortesá.
     A personalidade de Zernadas, pois, foi cando menos contestataria, senón o foi máis ben exaltada e rebelde, porque se ben necesitaba responder axiña con pezas literarias aos ataques que recibía, semellante programa de crítica mantivo vintecinco anos despois de ocorridos os feitos, porque en 1775, cando redactou "A Cabaza", aínda lembraba o enfrontamento que viviu con Antonio de Riobóo. O seu ánimo de contestación cobrou tinturas maiores co paso dos anos. Posteriormente non aceptaría nin unha pequena crítica, aínda que fose feita por un amigo, como o caso do texto que dedicou ao rexedor compostelán Rivera.





     7. BALANCE

     Diego Antonio de Zernadas y Castro naceu en 1702 en Santiago de Compostela e faleceu en 1777 na freguesía de S. Martiño de Fruíme, da que foi rector dende 1732, momento no que abandonou a súa cidade de nacemento como espacio residencial fixo. Tanto a súa pertenza ao estado dos fidalgos do Antigo Réxime de Galiza, aínda que sen posesión de fortuna familiar e que levara ao seu pai ao exercicio administrativo, como a súa posterior identificación co tamén privilexiado estamento clerical, ademais de procurar a súa formación intelectual, posibilitaron que puidese dedicarse ao cultivo da literatura.
     A época na que viviu era propicia para o seu desenvolvemento cultural. É este o momento do Barroco español e o da ilustración, nunha Compostela dominada pola Igrexa e núcleo da importante articulación artística do barroco de placas santiagués. Así pois, o período cultural e histórico no que viviu o cura correspóndese cos movementos artísticos do Barroco e do primeiro anuncio do neoclasicismo, á vez que, cos reinados de Filipe V, Luís I, Fernando VI e Carlos III, se consolidaba o programa absolutista da monarquía española da casa de Borbón España.
     Zernadas foi o producto dun tempo e dunhas especiais circunstancias históricas e culturais. Se o seu comportamento intelectual permite que o incluamos na nómina de ilustrados galegos que presiden Sarmiento, Feijóo Montenegro e Cornide de Saavedra, a súa preocupación máis destacábel foi a literaria. Desta forma, e só con observarmos o corpo textual publicado tras a súa morte na imprenta madrileña de Joaquín Ibarra, a dimensión literaria do cura aparece como a da figura máis importante dentro panorama do seu século, mesmo dentro do período dos séculos escuros galegos. Mais ao tempo, e se consideramos a súa producción poética en idioma galego, descubrimos a dimensión dun poeta axustado á traxectoria literaria antecedente e, así mesmo, conectado tematicamente co facer reivindicativo dos ilustrados da súa época. O empeño dignificador de Galiza que exhibiu puido ter orixe na admiración das obras dos padres Sarmiento e Feijóo Montenegro, aínda que a súa arte literaria se conectase directamente coa española do momento.
     O ambiente no que se formou Zernadas foi o orbe literario compostelán, sintagma co que se coñecía o mundo cultural da cidade de máis proxección na Galiza do XVIII. Partindo deste ambiente, o recoñecido valor literario de figuras como Quevedo foi quen de reconducir o seu propio labor para adaptalo a un idioma desprestixiado como o galego. Se Sarmiento e Feijóo iniciaron parte das reivindicacións presentes no discurso de Zernadas, Quevedo y Villegas foi a máxima referencia literaria á que acudiu o crego de Compostela.
     Desgraciadamente, nesa altura non existía unha traxectoria literaria galega que servise de punto de referencia ou arranque para un individuo que se propuxese dignificar a lingua e as terras de Galiza, daquela constantemente aldraxadas. Por iso, e quizais pola sublimación lingüística que Feijóo e Sarmiento realizaran moito antes da redacción do primeiro texto galego de Zernadas, este decidiu recorrer en parte á lírica popular galega. Esta toma de conciencia avaliábase pola corrente española coetánea de Vega, Quevedo e Góngora, os autores máis relevantes do Século de Ouro español.
     Mais o valor artístico de Zernadas y Castro non pode ser levado unicamente á utilización do corpo tradicional popular galego, porque o cura, sen embargo, adaptou, recolleu e recodificou en clave galega os canons conceptistas da literatura española do Barroco.
     Por todo isto, e buscando o establecemento dunhas conclusións xerais que axuden a unha mellor comprensión da figura de Diego Antonio de Zernadas, deixando á parte o seu carácter como dignificador de Galiza, a súa dimensión como polemista e mesmo o incipiente galeguismo que comportaba esa actitude de resposta, o cura de Fruíme:
     1) partindo da temática e das formas do Barroco español, realizou un discurso literario galego definitivo para o século XVIII compostelán e galego.
     2) Soubo conectar co ideal ilustrado da Galiza do seu momento, ao que o uniu tamén parte da temática do seu discurso. Desta forma, se Zernadas foi aludido como un ilustrado de segunda categoría, tendo en conta o seu compromiso lingüístico, trátase do primeiro ilustrado da nación.
     3) Aplicou na lírica galega unha clara vontade de crítica e de sátira, proveniente do seu espírito irreductíbel e de denuncia, canalizada a través de varias vías de acción.
     4) Combinou o seu elitismo coa sublimacilón polo idioma e coa observación do sistema literario popular de Galiza. Tales características fan del un producto típico da súa época, un español en canto que vasalo do rei de España e un galego en canto que membro consciente dunha específica comunidade.
     5) E, finalmente, debido ao descoñecemento e aos poucos textos conservados daquel período, aparece como o cultivador máis importante do galego no século XVIII, ademais de presentarse como a figura literaria responsábel do maior corpo poético da literatura galega dos séculos escuros. Da súa autoría son vintecatro textos galegos e outros que, introducidos en pezas fundamentalmente castelás, mantiñan o seu interese pola lingua propia de Galiza.





     NOTAS
     ——————————

 

(67) Tamén na súa práctica literaria castelá, Zernadas aproximouse ao Barroco. En verbas de Fernández:
Diego Antonio Cernadas y Castro (1702-1770) é un fiel espello da súa época no mellor e no peor. Pertence ó grupo de poetas de pouca calidade literaria, tan abundoso na primeira metade do século XVIII e en parte dos reinados de Fernando VI e Carlos III (Fernández 1994: 30).

Desta maneira, a súa poesía relixiosa posúe un destacado valor dentro da propia lírica española, xa que introduciu "unha sensibilidade" que logo será característica do Romanticismo español: "o léxico do horror, a centralidade do "eu" e a sentimentalidade na expresión", situada, por outro lado, na liña de Alfonso Verdugo y Castilla, conde de Torrepalma (cf. Fernández 1994: 30-31). Desta forma, o cura de Fruíme, a través dunha tradición cristiá nova, nun contexto post-barroco, rococó ou, en todo caso, de lírica dirixida á utilidade, constitúe un adianto cara ao neoclasicismo sentimental de Meléndez Valdés.

(68) Masseda de Aguiar, que foi cualificado por Pardiñas Villalovos e Couceiro Freijornil como un dos "varones ilustres" de Galiza (cf. Pardiñas Villalovos 1887: 121; Couceiro Freijomil 1952: 354), pertencía a unha das familias máis proxectadas e influentes no Betanzos dos séculos XVII-XVIII, descendente dun fidalgo basco asentado no século XIV en Galiza. Masseda de Aguiar, que mantivo unha estreita relación co cura debido a unha idéntica procedencia xeográfica, formouse en artes no mosteiro de Meira (cf. Pardo de Neyra 1994: 97-100) e participou nas mesmas tertulias literarias compostelás ás que asistían Zernadas e Riobóo y Seyxas, circunstancia pola que este último solicitou a Masseda de Aguiar unha carta que despois utilizou como prólogo en La barca mas prodigiosa (cf. Pardo de Neyra 1994: 101-107).
Penso que tales xuntanzas literarias poden ter relación coas que mencionou Otero Pedrayo, quen sinalaba: "tamén no remate de século era doado advirtire a difrencia dos fidalgos coas suas tertulias no Sobrado da praza da Pratería e os novos mercadores de fora" (Otero Pedrayo 1969 a: 31).
D. Nicolás Francisco Masseda de Aguiar faleceu en Betanzos a comezos de 1728 (cf. Pardiñas Villalovos 1887: 121), polo que o romance castelán de Zernadas pertence á súa primeira época literaria, cando aínda non exercía como cura de Fruíme. A peza, que actualmente forma parte dos fondos documentais que conserva o arquivo do Museo de Pontevedra, debeu ser enviada aos recompiladores da obra de Zernadas pola filla e herdeira do rexedor Masseda de Aguiar, Dª Mª Josefa Masseda de Aguiar y Reymóndez de Figueroa, aínda que ningún deles decidise empregala na edición madrileña.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega