O mar e a saudade

 

[Texto íntegro]

 

m5smartinezriscoomareasaudade.html


[p. 3]

Por D. SEBASTIAN MARTINEZ-RISCO Y MACIAS
Membro efectivo de Ia Real Academia Galega



     1 — Elección e xustificación do tema

     Escoller asunto dentro do tema xeral, tan amplo e suxestivo, de «O mar e a civilização ibérica», non era doado; mais a un galego tiña de atrair dende logo, pela forza das súas propias vivencias, o das relacións ou vencellos do mar coas terras oucidentales da penínsua ibérica; o caso particular do infruxo do mar nun dos elementos psíquicos de caracterización vidal do home do oucidente hispánico: a saudade.
     A xustificación do asunto reside, pois, no seu propio enunciado, e no feito de que os pobos da Galiza e do Portugal —a faixa oucidental da Iberia— son pobos saudosos, terras nas que a saudade atingue siñificación de constante anímica, e constituie o cerne da súa vida histórica i o pulo da súa creación cultural.
     A saudade é pra portugueses e galegos, asegún se ten dito con certeira e xusta propriedade, «o noso xeito de vivir, de enfrentarnos co mundo» (1). Con moita razón ten afirmado CLÁUDIO BASTO; «Non topo, en verdade, estudo máis grato que o do vocábulo saüdade, o cal vivindo na língoa dos dous pobos, xunguíndoos a dozura dos co-dialectos e os temperamentos igoás, é sin dúbida un dos máis garimosos y expresivos vencellos de consanguinidade, ou, millor, de unidade» (2).
     Emporiso, todo o que se diga nista comunicación, enténdase dito con referencia a amos a dous pobos: a Galiza e o Portugal.
Máis, ¿que é a saudade?


[p. 4]

     2 — Contido definitorio da saudade

     Intrésanos a súa definición, craro está, somentes encanto poda servir de punto de partida do noso concreto inquérito.
     Sentimento inefabre, de árdua identificación conceptual, pode ser polarizado en dous termos: o de seu siñificado metafísico i o de seu siñificado ouxetivo.
     O primeiro dises aspectos asoma xa en TEIXEIRA DE PASCOAES, definidor e príncipe do saudosismo, pra quen a saudade é unha forza creadora das nosas acciós orixinás. Mais foi, nos tempos de hoxe, RAMON PIÑEIRO, na súa busca identificadora da ontoloxía da saudade, quen precisou o seu concepto puramente metafísico, afirmando: «A saudade carece de referencia a un ouxeto, —fáltalle esa dirección siñificativa que nos permite a inteleición dos outros sentimentos que veñen a ser o eco sentimental de situaciós alleas ó sentimento mesmo. A saudade —engade PIÑEIRO— non é un sinxelo estado psicolóxico, como é, por exemplo, a morriña, sinon unha vivencia orixinaria, de plena siñificación ontolóxica (3). De acordo en esencia con ista tésis, pra VIQUEIRA a saudade é «o lirismo puro», e pra PLACIDO CASTRO «a arela mesma e non o ouxeto que arelamos».
     O lado disa concepción nidiamente metafísica da saudade, que Ile otorga o valor de unha pura vivencia, coeisisten outras que, sin desbotar aquéla, e mesmo asumíndoa, consideran nela unha raigaña telúrica, e defínena, dun xeito máis ouxetivo, uno sentimento que ten seu orixe ou seu destiño na terra: «O sentimento da terra avencellado coa cobiza do lonxe, aseún VICENTE RISCO; «O desexo de transfundirse na terra, de se esvair no seo da morte», asegún NÓVOA SANTOS.
     De todas istas conceuciós, rexistradas por FERNANDEZ DEL RIEGO nun denso e ricaz estudo no que, temos espigado prá elaboración diste traballo (4), cecáis a formulada polo escritor lucense ANXEL FOLE sexá a máis compreta, por recoller o sentido essencial das dúas opostas interpretaciós: a saudade é pra il «o proceso de idealización da paisaxe, paralelo co de intimación na penumbra do subconscente». Dista formulación partiremos nós, que pra noso intento intrésanos defrontar, máis que o aspecto ontolóxico da saudade, máis que a súa constitución íntima, o estímulo que a terra —soporte físico do home—, comprendido, polo tanto, o mar, exerce no despertar ou, cando pouco, na acentuación dise sentimento racial; o xeito e a medida en que o noso mundo ambente infruie no seu nacimento e na súa pervivencia.


[p. 5]

     3 — A terra i o home

     O principio xeral que formula o infruxo decisivo do ambente físico na vida do home, a cada unha apricación particular ás terras de aquén e de alén Miño. VICENTE RISCO ten observado que «dende Taine, dende Ritter, dende Montesquieu, é unha verdade adimitida a influencia da terra no home. Pro cicáis —engade— ningún pobo tivo coma o pobo galego a concencia, e máis ainda, o sentimento, o pathos desta influencia» (5).
     De conseguinte, si a terra influie na vida do home e o conforma, ten de influir e informar tamén os seus sentimentos e antre iles o da saudade, que dise xeito conta na terra con un dos seus berces. «De ónde nos virá a nosa saudade? —pergúntase TOBIO—. Os sentimentos de iso xeito —respóstase—, latentes en degrau variabre e ntodo home e grupo humán, espértanse e aguillóanse por feitos concretos ou polo ambente físico ou histórico» (6). E ROBERTO NÓVOA SANTOS, o médico compostelán, «ven a soster —asegún resume DEL RIEGO— que a saudade é unha enerxia da terra; enerxía que se trasmite ó home galego por meio de elementos misteriosos e interrogantes da paisaxe» (7).
     Dedúcese de elo que a saudade, sin deixar de ter as súas fontes no tempo, como sentimento de vencello co pasado e arela do futuro, ténas tamén na terra, da que, no senso que imos espoñer, se alimenta e nutre.


     4 — A terra e a paisaxe

     O siñificado cósmico do concepto terra, asédase na paisaxe, que é a súa expresión sensorial, o vestido que a enfeita e a infunde no esprito do home, e no que o home, ó seu turno, se infunde na terra, humanizándoa. Iste mútuo infruxo sensorial —e, máis ainda, anímico— entre a terra i o home, i captado con agudeza por GARCIA SABELL: «Cabe decir —sostén él— que Ia Naturaleza queda también aprisionada en Ia crisis de significación que impulsa a Ia saudade. Pero en Galicia la tierra no cobra su pleno y cabal sentido más que cuando, mediante un proceso de trans-posición que yo he señalado en otro ensayo, es humanizada, o mejor, cuando el yo del indivíduo se trasieta sutilmente al ser del paisaje circundante». E o ensaista compostelán, deduce: «La naturaleza entonces se torna activa. La Naturaleza Ilora, o rio, o habla, o enmudece terriblemente. La naturaleza se plenifica en señales y guiños cuyo último sentido es la copia formal del sentido del hombre» (8).
     Algo somellante temos dito, pola nosa parte, na conferencia sobor de «A plástica da paisaxe na poesía galega», documentando nosa opinión con abondosos exempls literarios (9).


[p. 6]

     Ven a sere así a saudade coma árbore que tendo súas raigañas na terra, da que se nutre, incorpora súas ramas á paisaxe e recibe os coidados do home, que vive á sua sombra e se alimenta de seus froitos sentimentaes: amor e dor, misterio e anceio, medo e desexo, recordo i espranza...


     5 — A paisaxe i o mar

     Na escea cósmica da paisaxe, o mar é un ingredente esencial i entrañable, que non decora mais protagoniza o concerto da Natureza i o home. No papel que ó mar Ile acada nise concerto, correspóndelle, pois, espertar ou suscitar aquiles sentimentos propios da saudade, e, se cadra, a saudade mesma.
     Podencioso e dinámico, bruador ou calmo, souril ou entergo, apertado ó corpo baril das terras galego-portuguesas, o mar leva e trae na súa entrana a enerxía racial da saudde.


     6 — O mar coma posibre fonte orixinaria da saudade

     Son moitas as opiniós que concertan en atribuir ó mar o esgrevio oficio de berce da saudade. I o tributo ven de nosa condición de veciños fronteiros das augas atránticas, e da nosa posición histórica de fisterra.
     Doado é comprobálo, recordando —en canto o permita a obrigada síntese dista comunicación— os textos mais saintes e siñificativos polo contido e pola autoría.
     Ouserva LUIS TOBIO que «a nosa singularidade como pobo xas, máis que nada, na nosa condición de pobo atránteco, na beira do mar das brétemas, de pobo de fisterra. De eso medio físico  —acrecenta—, por infruxos e procesos que moitas vegadas se teñen xa descrito i espricado, pode ter nascido —e nascer a cotío— a nosa saudade—» (10).
     CUNHA LEÃO, citado por DEL RIEGO, na súa obra «Valor da afinidade luso-galaica», «sostivo que o élan do finisterre atlántico transfigurouno todo e conseguíu desvasar as difícies longuras mariñas, sin que o fixese físicamente: no Brasil, no Uruguai, na Arxentina, a ialma prevalez coa mesma tristura vaga, aparentemente sin sentido; pero viva de chamamentos lonxanos, propensa á aventura, morrendo na vida pra superar a morte, saudosa de un mundo ideal que non formula, mais que intuie». Dí textualmente o autor portugués: «É nossa originalidade conduzirmo-nos more poeticum, tão naturalmente como outros o fazem pelas normas de razão e de observação empírica dos fenómenos— só aprofundando a nossa natureza nos poderemos valorizar e adquirir aquele interesse universal que não existe fora da autenticidade» (11).


[p. 7]

     EUGENIO D'ORS, no seu «Novísimo Glosario», sostendo que «a saudade vennos de ter permañecido no tempo, por séculos e mais séculos, cara un mar do que son conocía outro estremeiro, e que debía forzosamente presentar á imaxinación o aspecto de remate do universo», comenta:
     «No se ocupa impunemente un palco proscenio en el gran teatro del misterio cósmico. Que Ias cosas que nos importan posean sus contornos: así conservaremos nuestra alegría. Sin Ia sensación de discontinuidad, Ia ventura no puede existir».
     El mismo filósofo catalán había ya escrito:

«¡Que gran cátedra de melancolía y
aún de angustia sorda!
No se es impunemente el fin del mundo!» (12).

     EUGENIO MONTES, nas suas «Elegías Europeas», mantendo que os celtas, misteriosos e calados, soio lle fan confidencias ó mar, símbolo pra iles da máis entranabre intimidade, escreve: «¿No se le mete dentro de Ia tierra y de Ia casa? Rias gallegas, rias armoricanas. Por eso hay que metérsele a éI, ao Océano, en su verde corazón, ir al San Balandrán a oir campanas submarinas, misas entre algas, en catedrales hundidas, para salvar el alma de un muerto que, azotada por rachas contrarias, con Ias velas rotas, anda indecisa y naufraga por Ias olas del éter, entre el Infierno y el Cielo. — De ese andar entre dos realidades simultáneas y opuestas, de esa indecisión entre los elementos, ha hecho el celta drama y delicia, dolorosa y gozosa voluptuosidad» (13).
     VICENTE RISCO, recorda que «unha das cousas que pensa UNAMUNO é qué se nos perden a nós pra sentirnos ista eterna e fonda saudade. E coida —dí RISCO—, que foi a Atlántida a que se nos perdéu. Pois non séi —aserta— si irá descamiñado. Porteiro tivera xa ista intuición. Cecáis se nos decretou na misteriosa xeografía do ceo unha Atlántida espritual. A morriña, a saudade, é unha aspiración infinda, é a sede das augas sen veira do oceáno de estrelas, é a sede de Deus. Dunha maneira así interpretárona en Portugal TEIXEIRA, LEONARDO COIMBRA, VEIGA SIMÕES».
     XESÚS BAL E GAY, oriéntase na mesma dirección: «Y a mi se me ocurre insinuar —escrebe no seu ensaio «Hacia el Ballet gallego»—: ese mirar melancólico que sobre el mar se resigna, ¿no tendrá por causa algún recuerdo nebuloso de otras tierras y otros tesoros perdidos, Ia Atlántida, tal vez, como inquietamente pregunta DON MIGUEL DE UNAMUNO? ¡Qué otra cosa puede ser esa ansia que en el mar tiene conjuntamente su hontanar y su remedio!».


[p. 8]

     GUILLERMO DIAZ-PLAJA, discriminando de xeito tan fino como discutibre os dous sentimentos, apunta que a brétema xenera a melanconía, e a condición de finis terrae a nostálxia. («Lo español conjunto sinfónico»).
     JAVIER ANDRADE CIMADEVILA, despois de fixar a eisistencia de dúas Atlántidas, a esilada e a sedentaria, dí, referíndo-se a ísta segunda: «AI hombre atlántico no le queda otra defensa, ante Ia angustia de Ia saudade o sed de luz, que desplazarse del paisaje ensombrecido —emigración— o sensibilizarse abstrayéndose del paisaje en torno». («Etnobiología Atlántica»).
     E, pra rematar ista enfiada de opiniós, traiamos a capídoo a de ANXEL FOLE, que, acorde coa súa conceución integradora da saudade —que de suso deixamos anotada—, escrebe no seu traballo «Rostro y entraña de nuestro ser»: «Ante el vasto misterio del océano reverdece el viejo mito, transformándose en Ia más sugestiva utopía lírica. Y aquí aparecen el impulso de idealización y el apetito de misterio tan nuestros, tan saudosos. Tanto, que no podemos separarlos de Ia saudade en sí, sino por abstracción, para mejor estudiarla; pero nunca como elementos estéticos fecundantes, generadores de poesía, porque son Ia misma cosa».
     Velehí cómo tras do percorrido feito pola obra dos devanditos escritores, ensaistas e filósofos, xuzgando polo cerne ou senso último das súas elaboraciós encol do fenómeno da saudade, podemos aspirar a ter xustificada a tesis enunciada na rúbrica diste apartado: que o mar, o noso mar atlántico, pode ser considerado como unha das fontes orixinarias da saudade.
     Quedaría, con elo, cumprido noso intento de aportar unha modesta contribución a istes intresantes Colóquios, si non fose como é obrigado e oportuno adicar ainda unhas poucas liñhas á proiección da irmandade antre o mar i a saudade, na poesía galego-portuguesa, dun xeito pura e cinguidamente antolóxico.


     7 — O mar como espresión lírica da saudade

     Si a saudade constituie a intimidade máis fonda i esencial da ialma galega; si é «o lirismo da raza», como ten afirmado VICENTE RISCO no seu Comentario a «Os poetas Lusíadas», de TEIXEIRA DE PASCOAIS, tiña de ecoar, por forza, na poesía galego-portuguesa a voz do mar, como elemento xenerador ou impulsivo da saudade, e atopase, de certo, transcendidos na obra dos nosos poetas os sentimentos integradores da saudade, ou avencellados a ela, que o mar desperta ou suscita. Co pensamento dos escritores concerta nelo o sentimento dos poetas.


[p. 9]

     A poesía é a que millor refrexa ista racial aititude animica; xa que, ainda que a saudade non asome somentas nela, refréxase dende logo máis nidiamente no esprito do poeta.
     No trance de ordear un esquema daquiles sentimentos, de facer unha investigación espectoroscópica da saudade pra fraguer eiquí algúns exempros poéticos referidos ás súas diversas franxas espectraes, nada millor que recordar a definición que dela da FRAI JERONIMO GRACIÁN:
     «Un fuego que se enciende en Ia leña del amor, ausencia, deseo, ímpetu, impaciencia, eficacía, tortura, esperanza y temor. De todas estas navajas se fabrica esta rueda que, con una sola vuelta, hace mil pedazos el corazón» (citado por DIAZ-PLAJA, no seu traballo «Hacia un concepto de Ia Literatura española»).
     Toda a gama dises sentimentos subxás na poesía luso-galega.
     O tema do mar foi tan a cotío cultivado polos trovadores medievás, asi nas cantigas de amigo como nas de amor, que asemade de dar ós Cancioeiros «relevo e corido atrántico», según se ten notado (14), e de corroborar a opinión do Profesor RODRIGUES LAPA de seren aquélas o primeiro producto romántico da literatura portuguesa, permitirían formar «o cancioeiro mariñán do medioevo galego», como tamém se ten ouservado (15). NUNO FERNÁNDES TORNEOL, ROI FERNÁNDES, MENDIÑO, MARTIN CODAX, XOAN ZORRO e XULIÁN BOLSEIRO, fan do mar persoaxe vivo, confidente da namorada:

Vi eu, mia madre, andar
as barcas e no mar,
     e móirome de amor;

En Lisboa, sobre lo mar,
barcas novas mandei labrar,
     !ai, mia señor belida!

xa faisca que alcende no amante a paixón pola amada:

Quando eu vexo Ias ondas
e Ias mui altas ribas,
logo me veen ondas
al cor pola belida:
     !maldito sexa el mare,
     ue mi faz tanto male!



[p. 10]

xa, en fin, témero nemigo ameazador da vida da namorada que, cercada polas ondas na ermida de San Simón, agarda a seu amigo:

Non hei barqueiro nen sei remar;
morrerei fremosa no alto mar.

     No poema «Os Lusíadas», de CAMOENS, o mar tingue de corido lírico os grandes cadros épicos. Tampouco nil o mar é fondo, mais figura de primeiro termo. Na fermosa estancia III do CANTO V, que descrebe a partida dos conqueridores, a soedade oceánica arrequenta a mágoa dos que se ven alonxados da terra-nai:

Ja a vista pouco a pouco se desterra
Daqueles pátrios montes que ficavão:
Ficava o claro Tejo, e a fresca serra
De Cintra; e nela os olhos se alongavão,
Ficava-nos também na amada terra
O coração, que as mágoas lá deixavão;
E já depois que toda se escondeu,
Não vimos mais em fim que mar e céo.

     Cando CAMOENS invoca «o largo oceano», «o duvidoso mar», «o longo mar», «o largo mar», «o mar remoto» (16), está poñéndonos levados da súa groriosa nau lírica, diante do misterio do mar.
     E cando presenta a Vasco de Gama envolveito na asañosa treboada,

Vendo ora o mar até o inferno aberto,
Ora com nova fúria ao ceo subia (VI, LXXX),

estános ofrecendo a visión do mar témero, inxente e indomeable, que deixa o ánimo do navegante

Confuso de temor, da vida incerto,

até que se libera do perigo co remedio «sancto e forte» da oración.
     ANTHERO DE QUENTAL, fremento dum lirismo panteista, escoita na voz do mar a voz da súa propia ialma:

Vozes do mar, das árvores, do vento!
quando às vezes, num sonho doloroso



[p. 11]

me embala o vosso canto poderoso,
eu julgo igual ao meu vosso tormento.
.  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .
Não serás tu, queixume vaporoso,
ou suspiro do mundo e o seu lamento?

     Os poetas galegos do século dezanove i entre iles ROSALÍA, PONDAL e CURROS afondaron seu espríto nas balbordantes augas, salgadas como a súas mágoas.
     ROSALÍA compara o mar coa pantasma da súa tristura, que ameaza perseguila «hasta a mesma eternidá»:

!Mar!, coas túas augas sin fondo,
!ceo!, coa túa inmensidá,
o fantasma que me aterra,
axúdádeme a enterrar.

É máis grande que vos todos
e que todos pode máis...

     CURROS retrata a Rosalía nos esceario da beiramar como pra dar á figura da Cantora do Sar un fondo grave que acentuase súa traza romántica e saudosa:

Do mar pola orela
miréina pasar:
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
.  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .

     E cando o mesmo poeta celanovés parte da Cruña pró mundo incerto da emigranza, recorda ó mar na súa despedida:

!Adiós, Orzán tempestoso,
mestre-cantor afamado,
que presides os concertos
dos trovadores cantábricos... !

     PONDAL, en troques, fai soar ó mar na súa lira breogánica, pra sunguilo ós seus anceios de liberdade, cobizando a vida


[p. 12]

das aves aquelas
do pico tamaño
que soen retirarse
dos rudos traballos,
de escollos e praias
do fero Oceano;
e van en ringleira,
gritando e voando,
en demanda das illas Sisargas,
seu noto reparo.

     Cantan, en fin, os poetas contemporáneos o «salxo arxénteo», asomándose «á fenestra azul do Mar», na imaxe de MANUEL ANTONIO; ademirando como GONZALO LOPEZ ABENTE os «Centileos nas ondas»; chamándolle, pola voz de CABANILLAS

Mar impasibre e pechado ó dor, á verba, á pasada
inqueda do home detido pola man do ten feitizo,
cego o vóo do albatro, mudo ó rodar dos mundos mortos!
Lubicán de poutas irtas lañando as propias entrañas,
mordendo as portas do Tempo!;

orquestando, como AMADO CARBALLO, a «Canzón do temporal»; arelando ter mil a campa piadosa, como FERMIN BOUZA BREY cando, apaixoado «Diante o mar de Cambados», prégalle á Ria de Arosa:

faime un recanto no argacento colo,
un sartego onde durma ao teu arrolo
no máis esquivo cón da túa orela;

ou descubríndonos, en fin, a prena intimidade do seu pensamento e do seu sentimento saudosos, como fai ERNESTO GUERRA da CAL, deonde a súa «Atrántida asilada», no seguinte poema do seu livro «Lúa de além Mar»; do que sacamos istos pasaxes:

SAUDADE MAREIRA

Con un cheiro azul de porto
     ven-me a Saudade do Mar.
          Saudade de vento en popa
          Saudade de me exilar / (?)



[p. 13]

da onda que ven
e da onda que vai
da noite negra
e do dia albar.
.  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .  .
Saudade
Saudade minha
Navegar do pensamento
Mergulhar do sentimento
salgados de vaga e vento
Tola Saudade do Mar!

     Pouco deixamos dito sobor de asunto tan fondo, ricaz e transcendente; mais é preciso i obrigado poñer remate a esta comunicación, non somentes por dictados regramentarios, senón tamén porque meu intento non foi outro que apuntar un tema ó que, estou seguro, poderán poñer glosas certeiras e facer adiciós luminosas os meus ilustres colegas distes intresantes COLÓQUIOS.


[p. 14]

NOTAS

1. LUIS TOBIO, «Arredor da saudade», in LA SAUDADE, ed. Galaxia; Vigo, 1953; páx. 69.
2. Cit. por FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO en «Teorías arredor da saudade», in ob. cit., páx. 161.
3. RAMON PIÑEIRO, «Siñificado metafísico da saudade», ed. Galaxia, in «Colección Grial», núm. 1.
4. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, ob. cit.; páxs. 157 a 198.
5. VICENTE RISCO, «O sentimento da Terra na raza galega», in LERIA; ed. Galaxia, Vigo, 1961; páx. 22.
6. LUIS TOBIO, ibid., páx. 67.
7. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, ob. cit.; páx. 187.
8. DOMINGO GARCIA SABELL, «La saudade por dentro», in LA SAUDADE, ob. cit.; páx. 55.
9. SEBASTIAN MARTINEZ-RISCO, «A plástica da paisaxe na poesía galega», conferencia dita no CENTRO GALLEGO de BUENOS AIRES, o dia 17 de Santiago do ano 1961.
10. LUIS TOBIO, ob. cit., páx. 68.
11. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, ob. cit.; páx. 187.
12. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, ob. cit.; páx. 181.
13. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, ob. cit.; páx. 171.
14. XOSÉ M.ª ALVAREZ BLAZQUEZ, in «ESCOLMA DE POESÍA GALLEGA, I. Escola Medieval galego portuguesa»; ed. Galaxia, Vigo, 1952; páx. 123.
15. FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO, ob. cit.; páx. 160.
16. LUIZ DE CAMÕES, «Os Lusiadas»; Lisboa, Escriptorio da Bibliotheca Portugueza, 1852; CANTO I, estç. XIX, XXVII, XLV, LI y LII.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega