O papel das traduccións no caso Galicia-Alemaña na actualidade

 

(Texto íntegro)

 

v2franckmeyerpapeldastraduccions.html

REFLEXIÓN INICIAL

     Un tipo moi concreto de intercambio cultural —entre outras tamén con repercursións económicas— represéntano as traduccións. En termos xerais pódese dicir que o mero feito da traducción constitúe un enriquecemento cultural, xa que amplía o propio horizonte engadindo á producción espontánea que se dá na literatura dun determinado ámbito lingüístico experiencias doutros ámbitos. Estas poden referirse tanto a novas formas de expresión como a contidos descoñecidos ou pouco habituais (Even-Zohar 96: 60). Unha lista de mutuas influencias na literatura universal pasada e presente, se se quixese facela, sería, indubidablemente, abondo extensa, e revelaría, en numerosos casos, a importancia das traduccións (1). Moitos nomes habería que aducir de escritores e pensadores que son considerados importantes para a evolución da cultura universal, malia haber poucos que os saiban ler no seu idioma orixinal; e ao revés, ás veces é o acceso lingüisticamente difícil o que impide a recepción merecida dunha obra.
     Traducir dunha lingua significa tamén recoñecela e adxudicarlle o dereito a existir. E traducir a unha lingua implica que se considera digna (status) e capaz (corpus) de transportar os contidos en cuestión, á parte do enriquecemento que a traducción supón para o propio idoma (2). Traducir, finalmente, leva sempre a reflexións metalingüísticas, é dicir, a meditar sobre o idioma como tal, que no proceso da traducción perde todo carácter espontáneo.



A TRADUCCIÓN NO CONTEXTO GALEGO

     É no caso das linguas non normalizadas —como o galego— en que o tema da traducción cobra unha importancia especial como instrumento de planificación e normalización lingüísticas e tamén como "factor decisivo para o reforzamento dos sistemas literarios marxinais" (Constenla Bergueiro 97: 212), feito recoñecido e fomentado polos responsables da política cultural, aínda que non de xeito satisfactorio como confirmarán as persoas concernidas. Xulgando necesario o contrarrestar certas desvantaxes das linguas "pequenas", como por exemplo o reducido número de falantes/lectores coas correspondentes dificultades para o mercado editorial, concédense axudas co fin de achegarse a un estado de "normalidade" que outras literaturas xa acadaron (3). Ao nivel do propio idioma, as traduccións desempeñan un papel importante para o que na terminoloxía de Haugen se chama elaboration ou na de Kloss, Ausbau; dito noutras palabras, a traducción contribúe a explorar, desenvolver e consolidar as plenas facultades dun idioma.
     As reaccións das autoridades, pois, demostran qué "carga explosiva" poden albergar as traduccións a linguas minorizadas cando, segundo a conxuntura ideolóxica, chegan a ser consideradas subversivas, coas correspondentes represalias pola parte do poder que isto supón. A miúdo vén sendo, neste caso, o medio e non o contido transmitido por el o que suscita o rexeitamento. Un exemplo moi significativo e abondo coñecido deste tipo de reacción é a historia da traducción galega do libro Da esencia da verdade, preparada por Celestino F. de la Vega e Ramón Piñeiro (Casares 91: 88-89; Lorenzo 96: 9). Un obxectivo dos primeiros galaxianos era prestixiar a lingua galega botando man tamén das traduccións, porque así se podía demostrar que o galego valía para falar de calquera temática: "Ó se expresar Heidegger no noso idioma, que viña ser como se se expresase Kant ou outro así, desaparecerían os motivos para seguir dicindo que se trataba dunha lingua de labregos" (Fernández del Riego 96: 83). En termos lingüísticos poderíase dicir que se trataba de cambiar o estatus do idioma e elevalo a lingua de cultura, cousa que os franquistas, evidentemente, reservaban para o castelán, polo que lle puxeron todas as trabas posibles a esta empresa.
     Na percepción dos intelectuais galegos, daquela, o fenómeno das traduccións pode adquirir un valor simbólico como expresión da súa liberdade intelectual e lingüística e do seu dereito á autodeterminación. No Catálogo de traducións ao galego 1993, que publicou a Mesa pola Normalización Lingüística, esta idea maniféstase da maneira seguinte: "Nun país onde a língua se encontra en clara situación de dependéncia verbo do español, ninguén dubidará do interese que a tradución posúe como elemento normalizador." (p. 1). Nesta cita, a atención parece dirixirse cara a argumentos (socio-)lingüísticos, pero máis adiante, ao expoñerse a motivación para a publicación dun catálogo de traduccións ao galego, dise rotundamente: "Cremos sinceramente que este esforzo ha supor unha alavanca máis no camiño do enfortecemento desa empresa común, apaixoante e solidária que chamamos, desde hai ben de séculos, Galiza." (p. 2). Este afán normalizador dentro do sistema literario, é dicir, conectar directamente con outras literaturas a través de traduccións, xa se deu na revista Nós e no ideario da Editorial Galaxia, e tamén se enxerga nun catálogo de Xerais onde se postula para a colección Grandes do noso tempo: "facilitar o acceso á grande literatura contemporánea dende a nosa propia lingua, sen intermediarios" (p. 32).
     Non obstante, a realidade editorial é máis difícil e defínese tamén pola "coexistencia co sistema literario de expresión castelá" (Cruces Colado 93: 64). En concreto, as reaccións do tipo "pero se isto xa o lin en castelán..." son ben frecuentes, e fóra das colección infantís e xuvenís non é doado achegar as traduccións ao público lector. Proba disto é o éxito modesto de empresas como a citada colección ou títulos como Vermello e negro de Stendhal ofrecidos pola Editorial Galaxia. Resulta revelador tamén o feito de que poucas veces os responsables galegos se atrevan a publicar libros estranxeiros aínda non traducidos ao castelán. Pero non é por falta de coraxe senón polo coñecemento da situación na que se moven e teñen que vender os seus productos. A presión do castelán ten, polo visto, repercusións concretas naqueles sectores da economía galega que moi directamente traballan coa lingua; e quen en primeiro lugar sofre esta situación son os escritores, editoriais e traductores, axentes destacados no proceso da elaboración (4).
     Falando de aspectos económicos tamén cómpre constatar que o mercado literario galego é un mercado de importación, vale dicir que se fan máis traduccións ao galego que desde o galego a outras linguas, cos respectivos fluxos monetarios que isto supón. É máis, coa excepción das traduccións aos idiomas peninsulares a literatura galega raras veces é traducida desde a versión orixinal; como idioma intermediario soe servir, como un tipo de variedade de referencia internacionalmente recoñecida, o castelán —no mellor dos casos—. Pois decote nin sequera se percibe que este non é a lingua orixinal senón a de chegada dunha segunda versión (5).
     O feito de que non fose ata o ano 1996 que se publicou unha bibliografía de textos galegos vertidos ao alemán (Meyer 96) é un indicador desta posición feble en canto á proxección cara a fóra do galego como lingua literaria, ou sexa a asimetría das súas relacións exteriores. Tampouco existe, ata o de agora, unha publicación que recolla todos os textos galegos traducidos a linguas estranxeiras, ao contrario do que sucede en Cataluña onde hai un Repertori bibliogràfic de traduccions d'obres literàries en català a altres llengües, de máis de 200 páxinas, ofrecido pola Institució de les Lletres Catalanes da Generalitat. En cambio, si é relativamente fácil elaborar unha lista das obras alemanas traducidas ao galego. Ademais do xa citado catálogo, pódense conseguir os datos actualizados no Informe da literatura galega, editado polo Centro Ramón Piñeiro, ou no apartado correspondente da bibliografía que se publica no Anuario de estudios literarios galegos da Editorial Galaxia.
     Así, no ano 1995 vertéronse seis títulos alemáns ao galego (sobre un total de 85 traduccións), mentres que en 1996 —no marco dun descenso xeneralizado das traduccións ao galego— foron catro. Moi importante é aquí a literatura infantil e xuvenil: en 1995 a metade dos títulos traducidos pertencían a este grupo, no 1996 tres dos catro. Os datos só de dous anos, evidentemente, non valen para indicarnos ningunha dinámica concreta; é probable que despois da baixa en 1996 as traduccións do alemán volvesen aumentar no 97. En xeral, si se pode constatar que o número das traduccións do alemán ao galego está moi por detrás dos títulos doutras linguas de partida, especialmente do castelán, inglés e francés.
     Visto que no ano 95 non se traduciu ningún libro galego completo ao alemán, e no 96 un só —As crónicas do sochantre de Álvaro Cunqueiro (6)—, e recorrendo a unha idea de Florian Coulmas —para quen un idioma ten tamén un valor económico do que a traducción constitúe unha parte importante (Coulmas 93)—, podemos supoñer que o valor do idioma galego neste contexto de mercado literario é relativamente pequeno. Isto, desde logo, non permite en absoluto conclusións verbo da calidade da literatura que se fai nesa lingua, máis ben revela a relatividade pragmática de certos teoremas de igualdade, e fainos comprender frases como estas: "Á literatura galega sóbralle proteccionismo e fáltalle mercado. Pedir mercado para os nosos libros é o verdadeiramente progresista aquí [...]" (de Toro 96: 183).



LITERATURA GALEGA TRADUCIDA AO ALEMÁN

     Aínda que xa polo enfoque destas consideracións resulte evidente, antes de seguir con elas é recomendable aclarar un problema terminolóxico para evitarmos malentendidos. No contexto deste artigo literatura galega significa aquela literatura escrita orixinariamente en galego, "única lingua que segundo o Estatuto é a lingua propia de Galicia" (de Toro 91: 106).
     Se non se considerase o medio e alicerce dunha literatura —a lingua— como o criterio decisivo, senón o lugar de nacemento dos seus representantes —vale dicir, un dato meramente administrativo—, entón unha posible bibliografía de traduccións incluiría a nomes como Pardo Bazán, Valle-Inclán, Cela, Torrente, José Ángel Valente etc. E facéndolles caso aos que sosteñen que os apelidos de Cervantes Saavedra indican a súa procedencia, mesmo se podería chegar a pensar que o que en todo o mundo pasa por literatura española máis ben se debería chamar galega. O absurdo de tal procedemento resulta obvio: as denominacións de orixe valen máis para o viño.
     Ademais, non ter en conta o idioma significaría menosprezar aos que dende o Rexurdimento loitaron pola consolidación dunha literatura galega propia como expresión da idiosincrasia dun pobo; pénsese no prólogo de Cantares gallegos, ou nestas palabras de Ramón Piñeiro: "Houbo unha longa batalla encol da língua galega —ou sexa, encol da dignidade social dos seus falantes—, na que se enfrentaban, dunha banda, a poderosa forza social despreciadora e, da outra, o prestixio cultural dos intelectuáis fieles ao pobo" (Piñeiro 74: 259). E cómpre non esquecer que algúns morreron por esta pequena diferencia inseparablemente vencellada á lingua, por exemplo un editor como Ánxel Casal. O criterio do lugar de nacemento, que non se presta moito cando se quere falar da situación particular e da proxección cara ao exterior da literatura que se fai aquí, finalmente excluiría de repente a autores como Xavier Alcalá, Marilar Aleixandre e Úrsula Heinze, entre outros.
     Dos testemuños que se atopan dedúcese que sobre esta cuestión se ten discutido moito. Franco Grande refire un caso dos anos 50, cando Mourullo lle contesta a González Garcés —que se queixaba de non estar incluído na Escolma de poesía galega preparada por Fernández del Riego (7)— que non o tiveron en conta porque non escribía (daquela) en galego (Franco Grande 85: 63). Como vemos, o criterio aquí é a lingua, ao igual que cando Suso de Toro dicía hai pouco: "A literatura galega caracterízase unicamente por estar escrita en lingua galega." (de Toro 96: 188), rexeitando eventuais criterios de contido, de estilo etc.
     É curioso que esta confusión que poida haber no concepto da literatura galega entre os propios galegos se repita de certa maneira no estranxeiro. Para o caso do ámbito de fala alemana, por exemplo, hai que constatar que a meirande parte dos textos galegos foron traducidos a partir do castelán, é dicir, non desde a versión orixinal. Este fenómeno semella ter que ver cunha percepción deficiente da literatura galega como tal, dentro da cal certas obras non presentan maior interese se non aparecen dentro dun contexto español máis xeral. Senllos números monográficos de tres revistas, dedicados á literatura española despois de Franco, son, neste aspecto, abondo significativos (8). Tampouco nestas publicacións se coidan os conceptos, xa que o que á fin de contas presentan non é literatura española, senón literatura feita en España, e unha das súas características vén sendo a existencia de catro linguas diferentes.
     Outra das razóns para a recepción pouco pronunciada da literatura escrita no idioma propio de Galicia fóra da península represéntaa, seguramente, a barreira que supón o galego para moitos editores (¿e quen entre eles sabe que algo así existe?). Ademais, no caso de seren os propios autores quen fan as traduccións das súas obras ao castelán, para alguén de fóra pérdese calquera perfil, e xa non é capaz de decidir cál é a versión orixinal ou qué diferencia pode haber entre os dous idiomas. Logo xa non parece como recurso a unha traducción cando se toma como base unha versión española preparada e ofrecida polo propio autor. Isto mesmo confirmoumo, en outubro do ano 1996, un representante de Suhrkamp en Frankfurt, ao falar dos dous libros de Cunqueiro publicado en dita editorial (9). E, claro está, deste xeito os editores estranxeiros non ven a mínima necesidade de cambiar de actitude. Ademais, en vez de encargarlle traduccións desde o galego á nova xente capacitada que esta xurdindo, prefiren confiar nos valores seguros —unha actitude comprensible— que veñen representando os traductores establecidos de castelán. Así, estes editores seguen alleos a todo o que se vén facendo aquí desde hai moitos anos e ao que é propio de aquí.
     Non é isto o caso da literatura catalana. Mirando en calquera título traducido ao alemán pódese comprobar que como base serve a versión orixinal. A ningún editor alemán se lle ocorrería botar man dunha versión en castelán. E mentres que nunha revista comercial dunha tiraxe moi grande, que se reparte gratis nas librerías, un editor catalán lles fala dunha "literatura de milagres" (10) aos lectores alemáns e a continuación se presenta un autor catalán e unha lista con libros cataláns accesibles en Alemaña, os textos galegos traducidos ao alemán caberían nunha soa páxina. Tamén nas indicacións bibliográficas dun libro de ámbito máis ou menos universitario, co título Spanische Literatur, atópanse nos apartados dedicados ás literaturas periféricas con diferencia máis referencias catalanas que galegas (Strausfeld 91); ademais, falta o único libro directamente traducido desde o galego: Memorias dun neno labrego de Neira Vilas (11).
     No eido da traducción ao alemán de textos galegos destaca ultimamente o Galicien-Magazin, órgano da Sociedade Galego-Alemana, publicado polo Galicien-Zentrum da universidade de Tréveris. Nesta revista víronse traducidos, sempre desde a versión orixinal, autores como Castelao, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Rosalía de Castro, Ánxel Fole ou Lois Pereiro. Pero non hai que enganarse, son textos pequenos que aparecen nunha publicación de reducida tiraxe e repercusión (12). E por moito que sexa alentador para o ensino do galego fóra de Galicia o incluírense tamén traduccións feitas en clase, é lícito preguntar se esta é a vía idónea para abrirlle unha canle á literatura galega entre o público lector alemán, afeito a traduccións profesionais.
     Se somos sinceros temos que admitir que, de momento, todas estas traduccións quedan, coa excepción dos tres libros mencionados, limitadas a textos breves, relatos ou poemas, case todos eles publicados en revistas das que algunhas, ademais, son máis ben difíciles de conseguir. Se en Galicia se celebra euforicamente calquera destas versións estranxeiras, con moito interese da prensa etc., ás veces no país onde se produce tal sensación —o suposto mercado de chegada— pasan desapercibidas. Tamén traduccións ao alemán que se recollen nalgunha publicación galega feita por algunha entidade pública só poden ter un valor relativo —sentimental ou testemuñal se se quere—, porque, evidentemente, non poden incidir moito na percepción da literatura galega nos países de fala alemana (13). Semella polo menos atrevido pensar que deste xeito se acade un recoñecemento internacional da literatura galega, xa que a decisión de traducir xurdiu aquí, repercute aquí e non atinxe aos estranxeiros. Sería interesante indagar se neste contexto non se produce ás veces certo espellismo. Desde logo, o que se pode oír aquí non sempre é o eco da resonancia que a literatura galega atopa (ou produce) fóra do seu ámbito xeográfico.
     Pero tampouco estas consideracións, no seu intento de non apartárense da realidade, queren dar pé ao pesimismo, todo o contrario. É visible que, inda que partindo dunha base moi feble —o cal non é de estrañar tratándose dun sistema literario en fase de construcción, pero tamén de medre—, o número de traduccións do galego ao alemán foi crecendo significativamente nos anos noventa. E sábese ademais que unha editorial reservou para si a opción á edición de dous libros galegos. A evolución —e só ela pode ser de interese, máis que calquera dato estacionario— é claramente positiva. A literatura galega vive un bo momento; aproveitei noutra ocasión a publicación do libro 1000 de Xerais para falarlle ao público alemán do auxe literario galego dos últimos anos e ofrecerlle unha panorámica da edición en galego (Meyer 97). Sobe o número de publicacións e profesionalízase cada vez máis o sector editorial. En canto á creación literaria propiamente dita, a través dos moitos premios a nivel nacional, que ultimamente obtiveron autores galegos de varios xéneros, é moi posible que se fixen tamén os responsables das editoriais doutros países. O que chega a ser noticia nos medios de comunicación nacionais ten máis fácil a entrada en novos mercados, coa posibilidade, ademais, de suscitar unha curiosidade polo seu entorno literario-cultural. Agora do que se trata é aproveitar este bo momento da literatura galega para conquistar tamén fóra do seu ámbito xeográfico un recoñecemento que merece.

     F.M.





REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Xesús Alonso Montero (ed.) 1994: Manuel Curros Enríquez e Federico García Lorca cantan en vinte linguas a Rosalía de Castro, Santiago de Compostela, Patronato Rosalía de Castro

Carlos Casares 1991: Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, Sada, O Castro

Gonzalo Constenla Bergueiro 1997: "Traducción literaria ó galego durante o ano 1996: un panorama esmorecente", Anuario de estudios literarios galegos 1996, Vigo, Galaxia, pp. 211-219

Florian Coulmas 1993: Die Wirtschaft mit der Sprache. Eine sprachsoziologische Studie, Frankfurt a. M., Suhrkamp (en particular: pp. 79-123)

Susana Cruces Colado 1993: "A posición da literatura traducida no sistema literario galego", Boletín Galego de Literatura 10 (Santiago de Compostela), 59-65

die horen 179 (Bremerhaven), 1995

Edicións Xerais de Galicia [1993]: Catálogo — Un mundo de libros, [Vigo]

Itamar Even-Zohar 1996: "A posición da traducción literaria dentro do polisistema literario", Viceversa. Revista Galega de Traducción 2 (Vigo), pp. 57-65

Francisco Fernández del Riego 1955: Escolma de poesía galega. IV: Os contemporáneos, Vigo, Galaxia.

————— 1996: A xeración Galaxia, Vigo, Galaxia

Xosé Luís Franco Grande 1985: Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-1960), Vigo, Xerais

Jean-Claude Gémar 1997: "Traduction et civilisation: Fonctions de la traduction et degrés de civilisation", en Morillas/Arias 97, pp. 109-123

Elena Golubeva, Elena Zernova 1997: "Poesía galega en traduccións rusas", Boletín Galego de Literatura 18:2 (Santiago de Compostela), pp. 103-109

Einar Haugen 1983: "The Implementation of Corpus Planning: Theory and Practice", en Juan Cobarrubias, Joshua A. Fishman (eds.) 1983: Progress in Language Planning. International Perspectives, Berlin et al., Mouton, pp. 269-289

John Earl Joseph 1987: Eloquence and Power: The Rise of Language Standards and Standard Languages, London, Frances Pinter

Heinz Kloss 1976: "Abstandsprachen und Ausbausprachen", Zeitschrift für Dialektologie und Linguistik, Beihefte, Neue Folge Nr. 16: Zur Theorie des Dialekts, Wiesbaden, Franz Steiner, pp. 301-322

Lichtungen 63 (Graz), 1996

Ramón Lorenzo 1996: "Der Tag der galicischen Sprache und Literatur", Galicien-Magazin 1 (Tréveris), pp. 6-14

Mesa pola Normalización Lingüística [s.d.]: Catálogo de traducións ao galego, [s.l.]

Franck Meyer 1996: "(Über) Galicische Literatur in deutscher Übersetzung. Eine kommentierte Bibliographie", Galicien-Magazin 2 (Tréveris), pp. 15-18.

————— 1997: "Unha liña no ceo — 17 Jahre galicischer Verlagsgeschichte", Galicien-Magazin 3 (Tréveris), pp. 15-18

Esther Morillas, Juan Pablo Arias (eds.) 1997: El papel del traductor, Salamanca, Ediciones Colegio de España

Ramón Piñeiro 1974: Olladas no futuro, Vigo, Galaxia ("O menosprecio social da língua", 258-260)

Miguel Sáenz 1997: "La traducción literaria", en Morillas/Arias 97, pp. 405-413

Sprache im technischen Zeitalter 129 (Berlín), 1994

Michi Strausfeld (ed.) 1991: Spanische Literatur, Frankfurt a. M., Suhrkamp

Suso de Toro 1991: F.M., Santiago de Compostela, Edicións Positivas ("Problemas de escritores")

————— 1996: Parado na tormenta, Vigo, Galaxia ("A literatura no aire libre", pp. 179-183; "Literatura galega", pp. 188-189)

wespennest 101 (Viena), 1996






——————
NOTAS

(1) Para o caso da literatura española, por exemplo, o traductor Miguel Sáenz pregunta: "¿Qué papel han representado en la poesía española [...] las traducciones de sonetos italianos hechas por Garcilaso o por Boscán?" (Sáenz 97: 412).
(2) Sobre este último punto, Jean-Claude Gémar, que cualifica a traducción como civilisatrice, di o seguinte: "Outre le développement de la pensée et des techniques, l'enrichissement des cultures para la voie d'une littérature didactique en langues vulgaires, la traduction a considérablement influencé le cours de l'évolution linguistique. Le traducteur enrichit sa langue de mots nouveaux, d'images et de tournures que ne lui seraient pas venues naturellement, ou auxquels il n'aurait pas pensé s'il n'avait été mis en contact avec le texte étranger." (Gémar 97: 111-112).
(3) Neste contexto resulta curioso o dato de que con motivo da última Feira do libro de Frankfurt, dedicada a Portugal, tamén o goberno portugués subvencionase a publicación de varios títulos en alemán, o cal revela o aspecto relativo de cualificativos como "lingua pequena".
(4) Hai quen sostén que son sobre todo os editores os que marcan este proceso, por levaren á práctica escrita as decisións das institucións normativizadoras (Joseph 87: 114-115).
(5) Esta mesma problemática —no contexto Galicia-Rusia— enxérgase no artigo Golubeva/Zernova 97.
(6) É sintomático que este libro fose traducido a partir dunha versión castelá.
(7) Rexéndose polo criterio da lingua, nesta antoloxía quedaron fóra autores nados en Galicia que escribían en español, mentres que se incluían poemas de non galegos como Federico García Lorca e Juan Pérez Creus con senllos versos en galego (Fernández del Riego 55).
(8) Trátase das revistas die horen, lichtungen e wespennest, a primeira de Alemaña e as outras de Austria, nas que se publicaron traduccións de textos soltos por exemplo de Xela Arias, Suso de Toro e Manuel Rivas. Existe un caso no que explicitamente se pretendía presentar a literatura galega; ora ben, os textos de Casares e Freixanes que alí aparecen, foron traducidos a base de versións en castelán proporcionadas polos propios autores (Sprache im technischen Zeitalter).
(8) Á parte do xa mencionado Sochantre trátase de Merlín, ambos os dous libros vertidos ao alemán a partir de edicións en español, que o representante de Suhrkamp consideraba como as orixinais.
(10) Así é o título do artigo, publicado na revista Buch-Journal 3/1996, pp. 114-115.
(11) ¿Se cadra porque se publicou na Alemaña oriental? Non se sabe. Tratándose do libro galego que máis éxito tivo dentro e fóra de Galicia, emporiso, non deixa de ser sorprendente.
(12) Ademais, a posición de Galicien-Magazin, tanto como a da Sociedade, non está, desgraciadamente, consolidada de todo. O ano pasado houbo unha polémica no curso da cal un lusitanista, nunha recensión que aparecía na revista que el mesmo edita (Lusorama, Frankfurt a. M.), chegou incluso a cuestionar a xustificación da súa existencia, por dicilo dunha maneira suave. Existen, polo tanto, tamén no ámbito universitario certas reticencias verbo da lingua galega, que se deben engadir ao xa dito sobre a actitude das editoriais.
(13) Esta anotación refírese, p.e., a un libro como Alonso Montero 94, no que tamén aparecen traduccións miñas que —non o vou negar— me fixeron certa ilusión, á parte do respecto que sinto polo labor do profesor Alonso Montero. Pero non por iso deixa de ser unha cousa anecdótica, polo menos para o caso do alemán dentro do que nos ocupa no marco destas consideracións.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega