O perfil do crepúsculo

 

Fragmento, Liturxia de Tebas

 

v9manuellourenzooperfildocrepusculo.html

Señores convidados. Estimados amigos. O pano do futuro foi rasgado por unha man poderosa. Alguén quixo -quen paira sobre as nosas certidumes- que a morada de Edipo na terra fose un cerco casual, unha trama de agonias coincidente na sua curvatua co edifício das vosas esperanzas. Vós, señores convidados, ignorávades que a vosa plenitude concitava a miña demolición.

Vós non sodes culpáveis.

Quen manda sobre as nosas esperanzas decretou que xá era tempo para min de render contas pola antiga, casual prosperidade. E veloz, sobre os campos outrora feraces sementou a peste, envilecendo, con este acto de xustiza, a exaltación que me fixera rei.

Agora Tebas é grito angustiado, moitedume caníval de nais vagabundas, ama-(?) de vermes estoupados sobre a cinza das fogueiras.

Ninguén de entre nós descoñece o drama.

O clamor que nos chega das ruas é inequívoco.

O povo, embravecido, armado de desesperanza, asalta as torres onde nos fortificamos, nós, a grandeza de Tebas.

Mais non temades polas vosas vidas, meus señores convidados.

O povo só exixe castigo para min, o seu herói, o virtual asasino de Laio.

Non se pode ser fillo dunha lenda e converter-se en lenda sen pagar a desmesura.

Eu acato a vontade popular.

Poño nas vosas mans o meu tributo: a coroa de Tebas.

Un cacho de ouro que podedes adorar ou amoedar, segundo as vosas prioridades.

Poño a coroa nas mans de Creonte, o primeiro na miña sucesión, antes de converter-me no viaxeiro do comezo: aquel home abismado que fixérades un dia rei de Tebas porque asi o tiña disposto o deus que paira sobre as nosas certidumes.

Deixo-vos a coroa, símbolo de poder, na confianza de que a peste amainará cando eu, a Esfinxe, teña desaparecido

Pois eu agora son a ESFINXE.

E a vosa peste nace da miña supuración.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega