Os cadros

 

[Texto íntegro]

 

v9riveiroloureiroinedito
     Os cadros que vexo agora nos meus soños son os mesmos que viamos (que imaxinabamos) naquelas fantasmagóricas visitas colectivas ó Ermitage, uns cadros que eu coñecía ben por telos contemplado longamente nas incursións anteriores que adoitaba facer pola miña conta, amantiño que fun sempre das artes plásticas. Eran tardes enteiras, horas e horas, as que tiña eu pasado visitando con pracenteiro lecer as salas dun museo onde as celadoras, de seu tan rigorosas, amosábanse comigo moi doutra maneira. Resultábame agradable a discreta presencia das vixiantes de sala, unhas mulleres metidas en anos e en carnes, que, silandeiras, aprobaban con tácita simpatía as habituais visitas do cativo español, daquel singular málienki ispáñets tan afeccionado á pintura. Todas coñecían ben o meu nome rusificado, Kolia, e con unha delas que semellaba ter mando sobre as demais, Anastasia Ivánovna, cheguei a ter unha amizade máis ca regular polo feito de que, en certas ocasións, adoitaba acompañala no remate da xornada, pois que colliamos ambos o mesmo tranvía. A súa idade era para min moi considerable, anque sen saber cantos anos tiña. Ela era para min unha muller maior, moi maior, unha vella..., e estrañábame moito que unha muller da súa (moita) idade estivese decote disposta a aprender, á adquisición de novos coñecementos, dos que adoito me pedía axuda con inesgotable curiosidade. De min aprendía palabras e expresións propias do idioma español, das que ía ela apropiándose con xuvenil entusiasmo. Había algunhas palabras que se lle resistían especialmente no aquel da pronunciación, e unha delas era "corazón". Nunha ocasión indo os dous no tranvía practicando en voz baixa,  referiuse ela a esa palabra e dixenlle eu de contado en ruso:
     -As seis e media.
    Polo seu xesto de estrañeza tiven que lle explicar que o que ela dixera non era "corazón" senón "que horas son" . Os dous rompimos a rir, eu a gargalladas, ante os sorrisos de simpatía dos demais viaxeiros que vían compracidos como se divertía entre si aquela estraña parella de avoa e neto.
    Esta amable celadora de museo comezara a inreresarse por España a raíz da sublevación de Jaca co fusilamento dos dous capitáns. Celebrou apaixonadamente a proclamación da nosa república coa marcha do rei felón e o seu interese foi en aumento mentres seguía ó longo dos anos o azaroso devir do estado republicano. E cando a sublevación dos xenerais fascistas dexenerou nunha cruenta guerra, sufriu con paixón día a día a traxedia do noso pobo.
    Anastasia Ivánovna sabía moito de España. De pintura e de música sabía moito máis ca min, de historia e xeografia por aí andabámo-los dous e do tema de letras, naturalmente, sabía ela moitísimo menos. A guerra española xa tiña acabado tempo atrás, e polo que ela me comentaba dos aconteceres da mesma, mencionando con seguridade feitos e lugares, cheguei a a sospeitar con non pouco fundamento que na nosa guerra civil tiña participado algún familiar seu, tal vez un fillo. Mais ela nunca mo dixo nin eu llo preguntei por elemental prudencia. Anque pola miña pouca idade non entendía certas cousas, eu percibía claramente que non era de bo gusto toca-lo tema dos combatentes soviéticos na guerra de España, os que alí chamaban "españois". En principio os ispantsi foron tratados como heroes, pero axiña caeu sobre eles un manto de silencio e desapareceron da vida pública, como caídos en desgracia. Incluso se deu o caso de que nas semblanzas biográficas do gran Malinovski, Mariscal da URSS e dúas veces Heroe da Unión Soviética, se deixaba sen menciona-la súa notable participación na guerra de España. Téñense dado diversos rumores arredor do motivo daquel amplo e fondo silenciamento: que se houbo desviacións das liñas marcadas polo Partido; que se houbo unha confraternización coa xente do POUM; que se tiñan contaminado cos ácratas españois...pero de certo nada se soubo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega