Os camiños do máis acá

 

(Texto íntegro)

 

v1xvalleinclancamiños.html

Era o novo colexio, o mundo onde os veteranos exercían unha tiranía física e verbal sobre os recén chegados que, condeados á parte máis baixa dunha extravagante escala de valores, sufríamos o mesmo trato co mobiliario escolar.Nese tempo foi cando coñecín a Viqueira. El ía un ano por diante de min, pero eso non impideu que nos convertiramos en algo máis ca amigos.O noso encontro foi un recoñecimento de contado. Os dous pertencíamos a familias numerosas e na nosa vestimenta lucía a proba de sermos os pequenos : a estatura dun irmán maior na dobrez das perneiras, o pasamento dun parente no corte decimonónico da chaqueta. A nosa vestimenta tiña un aquel entre familiar e funerario. A roupa é quizais o mellor símbolo daquel tempo dominado pola escaseza e maila necesidade de aproveitalo todo. Un mundo miserento e aburrido onde o traxe da primeira comunión, estreado ós sete anos, aínda facía servicio ós dezasete.
A nosa roupa intemporal era motivo de burlas ruins e a extratexia defensiva que el me adeprendeu foi o illamento. Viqueira e máis eu ibamos a pé o colexio para non padecer o calvario do autobús escolar. Sempre agardabamos un polo outro e camiñabamos unha media hora por un sendeiro alonxado, entre a vía do tren e unha ringla de hortas tristeiras nas que ondeaban prendas a secar.O inicio das clases marcaba o comezo do noso inferno, o seu remate a nosa cativa liberación durante a media hora de volta á casa.
Moito admiraba a estoica rebeldía de Viqueira ante as aldraxes case permanentes, ante aquel costume que consistía en achegarse por detrás e, ó tempo de lle dar unha pancada, berrar : "¡Lume de viqueira!".El recompuña a figura coa maior prestancia que podía e fitaba despreciativo ó seu agresor, sen doerse de chanzas e afrontas.Sabíase condeado polo seu físico -pequecho, pitoño, grosas gafas cun parche de goma que lle cubría un ollo- e coñecía a inutilidade do enfrontamento.Non tiña outro recurso senón a xenreira por aquel mundo, por aqueles estudios estúpidos e sen senso, que consideraba talmente a súa gaiola. Sen embargo era unha persoa falangueira, cando tiña confianza, e moi dado a inventar e soñar aventuras. Devecía polos libros de viaxes e Humbolt, o cabaleiro Pigaffeta ou Díaz del Castillo éranlle máis familiares ca xente ó seu redor.
Ensinoume o gusto por fantasiar e as mañas da supervivencia, evitar lugares como o campo de fútbol, os grupos na percura dunha víctima, e -así foi como todo empezou- non levar nunca a merenda ó colexio pois de contado quedaría sen ela. Deste xeito deixabamos os nosos bocadillos -un bolo de pantrigo atravesado por un fino lápiz de chocolate- nunha tenda a metade de camiño onde a filla do dono tiña a bondade de gardanola. Era tafona e taberna, ultramarinos, xoguetería, e tras unha cortiña portuguesa de moito colorido, a vivenda de pai e filla.(Recordo o tempo xa ido, e inda que modifique ou esqueza o pasado, non penso que existise no mundo artigo que alí non se topase).O rematar as clases, famentos, disfrutabamos tranquilamente sentados ó carón dun saco de patacas, ás veces compartindo un refresco de gaseosa.
A filla do dono había ser maior ca nós, repoluda e con moños moi artísticos no alto da cabeza, que facía e refacía sen descanso.De cando en cando pedíanos axuda para mover un pipote ou transportar pesadas caixas de cervexa; en troques, ofreceunos un refuxio onde ningún veterano era quen de nos abaixar.
Chegaba o inverno; nunca falabamos delo pero o mesmo medo roía en nós.Unha mañán de brétema e frío, atopamonos no camiño como de costume.A pesares do tempo, tanto Viqueira coma min ibamos a corpo limpo, os abrigos pregados no brazo como quen non teme o frío.Sen falar soubemos o que estaba a ocorrir : xa non había medo, somentes unha terrible realidade.
Aterecidos resolvimos parar na tafona e pensar algunha solución. A rapaza compadecida invitounos a café con leite e entre sorbos e tremos analizamos a situación. Eu gastaba un abrigo marrón, de grandes petos cadrados, que evidenciaba a anterior propiedade de miña nai no cruzamento das lapelas. Viqueira aínda estaba peor, a súa prenda pertencera a un tío militar, na base naval de Marín, que a base de arranxos e cortes, axustaba na cintura e agrandaballe os hombreiros. Parecía un zar ruso nun paupérrimo exilio. Apoucados, medoñentos, sopesamos as alternativas : a pulmonía ou as burlas.
.-Se ides estar aí toda a mañán botademe unha man -dixo a moza con voz cantareira.
Eu erguínme para chegar a segunda hora coa resignación da fatalidade.Viqueira, puxo o abrigo, e erguendose abreu os brazos : todo estaba dito na aquela pinta, unha mestura de levita decimonónica e xogador de rugby.
O remate das clases non me trouxo acougo ningún pois ben sabía que o día seguinte ía ser idéntico ou peor. Voltaba a casa cos pes e a alma a rastras cando mirei a Viqueira agardandome no camiño : os ollos todo brillos, a cara unha sorrinte media lúa.Un chisco, só un chisco, pensei que tamén el ía burlarse; logo comprendín que algo ocorrira e botei a correr onda el.
"¡Aventura!""¡Aventura!" repetía teimudo, falando como se estivese nunha nube.Ós poucos foi contado o suceso, que ben merecía ese nome.A rapaza da tafona pideralle axuda para mover unha cousa na parte da vivenda, e cando estiveron tras a cortina portuguesa , levouno a cama e... Mentras falaba sentín un vento mareiro, cheo de recendos lonxanos, entrar no noso mundo, esmagando a rutina, vivificando as nosas vidas, pois inda que eu non era senón un ouvinte privilexiado parecíame ser parte de tal acontecemento; Viqueira fixo todo o posible para que así me sentise.



O camiño facíase máis curto cada día ante a enorme necesidade de falar e comunicar.Coas descricións de Viqueira entendín como se traballa deitado, que cousa lle tocan ó gaiteiro, o moer do muío, as pallas do palleiro, o que se fai sen candil, o que prende o electricista, o que desentupe o fontaneiro,... pero tras desas frases había moito máis do que podíamos imaxinar.Viqueira viveu a primeira paixón da súa vida, eu o primeiro tremor do descoñecido.Unha extraña seguridade medrou en nós -eramos diferentes, probaramos o que para outros só eran ditos e debuxos nas paredes dos lavabos- e sentímonos anovados Byrons e Casanovas ,arriscados Livingstones;o mundo que nos abafaba e perseguía era ¡por fin! derrotado.
Chegamos a pensar que tamén había algo para nós, algo máis aló dos escarnios e a soedade. A pesares do noso aspecto tiñamos algo que non todo o mundo tiña.Sen darnos conta desbotamos toda precaución : arregañabamos os dentes ante calquera intento de nos agredir, cruzabamos o patio desafiantes cos abrigos postos, mirando despreciadores os nosos compañeiros.Ata chegamos a asistir a saída das alumnas do colexio das Calasancias -raparigas con uniforme azul e amplas saias de moitas dobreces- que viña ser un evento social entre os maiores, particularmente os días de moito aire.Fumos por mín, pois Viqueira éralle fidel a aquela paixón da tafona ata co pensamento.
En troques de semellante experiencia vital, academicamente comezamos ser como os pozos, que medran para abaixo.Eu vivía alleo as leccións, Viqueira lataba cada vez máis, mergullado na tenda entre pipotes e caixas, agardando a oportunidade propicia para se achegar ós seus amores. Pero non había xeito. Falamos e falamos e, con gran anguria, recoñecimos que non eramos quen para entender a situación.A moza -a voz cantareira, as mans a facer e desfacer o moño- arrombaba todas as tentativas de Viqueira, e por veces ollando desvergoñada a alumnos maiores e menores.
Barallamos teorías e suposicións, ameazas paternas, raras conxuras, ata pensamos en asistir, devotos, a algún novenario.Pero, que lle queres, o mundo das relacións amorosas -e o das relacións sen máis- era para dous solitarios coma nós tan incomprensible como a táboa de valencias químicas.
Dimos na lectura percurando unha experiencia que non posuíamos; Bécquer non pagou a pena; Rosalía non daba pista ningunha; as cantigas de amigo foron desbotadas polo seu título; Espronceda encheunos a cabeza de tráxicas confusións e delirantes monólogos que, por moito que nos prestasen, albiscamos non habían ser de moita utilidade.
As vacacións de Nadal estaban a chegar; friaxe e brétemas ían a máis, pero Viqueira seguía a padecer o seu pasamento de amor e sexo.Un serán, no punto de marcharmos do colexio -o aire todo panxoliñas, as paredes traballos de clase- dous veteranos, chantados no corredor, deron en tomala connosco :
.-Estes papóns estanche cada día máis farrucos.
.-E o gafiñas vai moito pola tafona, o mellor sabe tamén que a filla ... -retrucou o outro, a boca toda risadas, os seus dedos un grotesco aceno de brutal obscenidade.
A Viqueira foiselle a carteira da man, e de seguido, como cando eu o admirei por vez primeira, refixo orgulloso a figura e botou a andar.De volta á casa non houbo unha verba, un comento.Entendín que Viqueira tiña empezadas dúas viaxes sen volta : a primeira ó mundo do descubrimento e da paixón, a segunda cara o desconsolo dos fiumes.E naquelas dúas viaxes, en certa maneira, tamén me levaba de pasaxeiro.Sentín unha gran dor, por el e por mín.Toda a nosa aventura desaparecía e diante de nós só restaba aquel camiño, entre os raís do tren e as hortas tristeiras, e nel só podíamos ser dous vultos solitarios e ridículos, envolveitos en roupas cun aquel funerario e familiar.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega