Os comedores de patacas (con grelos)

 

(Texto íntegro)

 

O valse da voda


    
     Un programa malo a rabiar de televisión dicíanos que "somos o que comemos". O espazo en cuestión non vale un peso, pero a frase, desde logo, é sabia. Teño que recoñecer que desde Sócrates, non lera nada máis profundo.
     Daquela, e dado que das frases sabias sempre se aprende algo, reflexionemos un chisco sobre o que comemos os galegos e sobre todo, sobre o que comiamos ?-en pasado- os galegos. É dicir, sobre o que eramos.
     O topicazo di: Galicia = lacón con grelos. Xa que logo, o alimento que máis e mellor nos definiría, desde un punto de vista histórico-gastronómico-antropolóxico sería precisamente ese, o lacón con grelos. Nomeadamente, máis que o lacón (isto haino noutros moitos sitios) os grelos, xa sabedes: esas cousas verdes que fan as avoas cando imos velas un día ao mes (tamén está, que conste, nos programas de cociña da tele). Sen embargo, a realidade móstranos (e non é preciso ser un experto nutricionista para decatarse) que estamos deixando de comer grelos, que estamos abandonando ese producto tan de Noso. De feito, a meirande parte da xente nova, se lle das a escoller entre un bo prato de grelos amargos con patacas e aceite de oliva (estou a redactar este artigo á hora de comer, non podedes nin imaxinar todo o que estou sufrindo co ataque de lareca que me están a provocar a redacción destas gástricas liñas), se lles das a escoller, dicía, un bo prato de grelos con patacas e aceite de oliva, ou unha hamburguesa maxiburguerchistomeito, daquela meu, non teñen dúbidas, tíranse de cabeza á hamburguesa chistomeito esa. É dicir: que os mozos e as mozas prefiren montes e moreas de calorías innecesarias, graxas das malas, colesterol por un tubo... mais iso si, todo instantáneo e barato; sen embargo, os grelos, que son fibra, ricos en vitamina C, ferro, calcio, potasio, ácido fólico... os grelos, que son todo virtudes, son marxinados diante do invento cárnico ianqui. Se eramos o que comiamos, daquela, xa non somos. Caemos rendidos diante da macdonalización  (e a cocacolonización, como dixo, xenial, Celso Emilio Ferreiro).
     Agora, onde dixen grelos, vós poñede galego.
     Somos o que comemos, si.
     Pero tamén somos o que falamos.
     Ou o que calamos e non falamos.
     O galego somos nós. E se o sacamos da nosa, digamos, dieta sentimental (e comunicativa, e social, e económica e todo o que queirades), dalgunha maneira, deixamos de ser.
     Volvamos un intre máis aos grelos.
     Hai unha empresa que anda a vender por aí grelos deshidratados. Cólleos, deshidrátaos a baixa temperatura e despois envásaos para vendelos. Son grelos, si. Pero non son grelos, ti xa me entendes. Son grelos daquela maneira. Son, en realidade, unha momia de grelos. Teñen aparencia de algo vivo. Pero están mortos mortiños. Coma o leite en po. Coma o iogur de fresa, que non sabe a fresa. Coma o queixo de Burgos, ese baleiro branco.
     A metáfora do grelo, xa que logo, como conserva, como algo conservado (ao baleiro) váleme para falar da miña lingua.
     O grelo convertido en conserva.
     O galego convertido en conserva.
     Suponse que si, que hai que conservalo, que non debe morrer (agora falo da lingua), que hai, xa que logo e redundando, que mantelo vivo. Mais, sen embargo, a nosa práctica como pobo é o da deshidratación e a conservación da lingua pero nun envase (e unha lingua deshidratada.... pois xa me diredes), é dicir e como moito, en Días das Letras de Dubidosa Efectividade e en Eventos Así de Grandes relacionados coa fala de Breogán. E o camiño non pode ser ese. Porque nada diso serve para nada. E daquela o que cómpre é poñerse a falar, é dicir, a comer da lingua de nós coma se nos gustase tanto coma as comidas de fóra. Porque a nosa fala non é máis bonita cá outras. Pero tampouco máis fea. E a nosa lingua non é mellor cá outras. Pero tampouco peor. Mais, se fica só convertida en conserva macrobiótica crioxenizada ou como sexa, non dubides, meu, miña, que espicha fixo. E tampouco dubides, miña, meu, amigo ou amiga comedor ou comedora de grelos ou de grelas, que fas moito máis ti polo galego falándoo a diario con normalidade, que o que mil Campañas Laudatorias da Fala de Nós que se poidan encetar desde as institucións. Fixo máis Shin Chan polo idioma que mil iniciativas cheas de boa intención e escasa imaxinación.
     Daquela, e por seguir abusando da figura greleira: que se decides comer os grelos hidratados, recén collidos do nabo (un apunte técnico: o grelo é a folla da planta do nabo), manténdoos xa que logo, vivos, verdes, frescos, non momificados, mellor que deshidratados, "conservados", presurizados, compactados, aluminizados... daquela, o galego seguirá vivo. Porque o galego non pode ser un fósil palentoloxizado que só sacamos a que lle dea o aire de cando en vez e de maneira ritual. As linguas, ademais, é que non serven para iso. As linguas están para comunicarse, para ser usadas. Non para que pseudovivan no cortello académico da formalidade máis insulsa. Os grelos ben cociñados e ben aliñados saben a gloria. Normal que os romanos quixeran pasar por aquí e quedar a vivir un par de séculos. As palabras, deshidratadas non poden saber igual. E así soan algúns galegos rituais de políticos, da xente dos medios... igualiños aos grelos artificiais e de plástico.
     Somos o que comemos.
     Somos o que falamos.
     Somos o que amamos.

     Xa que logo non podo rematar estas letras senón é cunha declaración, na miña lingua, de amor: Amo os grelos.

    



 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega