Os dous Cunqueiros de Sempre

 

[Texto íntegro]

 

v2monchodefidalgocontosdefada008.html

 


a Óscar Iglesias Araúxo e a Armando Requeixo, moi cordialmente
 


     Ao Rañolas Cunqueiro víao a cada tanto se paraba eu polo Barbanza nas boticas de herbas, que era el pequecho de corpo e un tanto contrafeito, mais moi vivo e temperado no conflito, tirando a destemido. Sempre que nos topabamos preguntábame se non levaría eu algunha codia ou pel seca de animal insólito, de dragón ou velocirraptor ao Spielberg, que habería de precisalo el para algún encantamento falso, de pura suxestión, como aquel que antes da Revolución lle fixo a Liev Tolstoi na súa casa de Moscová, que era como un pazo, para lle tirar a xordeira, que ben que lla tirou e quedou así o nobre medio torto, que con esas botaron o Rañolas de Todas as Rusias non sendo do mosteiro de Novodiévichi, onde lle deran licenza do tsar Ñicolai para vender escapularios ortodojos, sempre que non fosen gregos nin búlgaros, e licenza escrita para beber a vodca onde quixer, mais como á primeira rolda perdera o papeluxo imperial e tería a ousadía de pedirlle outro ao barbado, Ñicolai o Segundo mandou que en evitación de máis extravíos alcohólicos lle puxesen o carimbo na gorxa, para que por todas as baiucas da bisbarra fose exhibindo que tiña o permiso do tsar e que non había lei seca que con el puidese, nin en Novodiévichi nin á volta dunhas varias décadas nos Chicaghos do Michighán, aínda que soen estes como unha blasfemia.
     Sendo igualmente de Rianxo, que se lle notaba moito cando botaba aquilo do bebéndodes e cantándomos, topaba eu moito nas feiras barbantías con outro moi diferente, que lle dicían o Pedriño Cunqueiro, e descansaban as diferenzas en que aqueloutro era esvelto e contrafeito, mais moi espelido, mentres este Pedriño, sen ter deformidade ningunha no corpo, case non conseguía camiñar de tan groso obesísimo como estaba, que ben sabía eu que en canto me vise había de preguntarme como puñan alí o polbo, que ben sabía el das súas moitas diversidades porque, en tirando ás puntas do Barbanza, mesmo que unha feira fose, o octópodo non o amañaban á feira senón con allada maiormente en Aguiño, e eran esas as inquedanzas principais do gordísimo e preguiceiro Pedro, e outras distintas non había ter desde que retornara da emigración, que a fixera ás Américas, maiormente ás do Norte, por máis precisar ao Chicagho de Michighán que xa ementei, pensando que o Michighán lle viñera por sobraren aló os gatiños, que me confiaba o lambón do Pedriño que aló onde o gato sobrancea é que hai boa cea, e foi iso cando a dita lei seca, mais esta a el pouco o desasosegara, que de emigrante xa tivera desacougo abondo coa alimentación, que non o aproveitaba nin lle era suficiente, que logo a regra aquela dos gatos non lle funcionaba non sendo nas Europas, e iso que cartos non lle faltaban, que conseguira bo chupe de chófer condutor de Chevrolé para un señor siciliano que era da mesma aldea que o rei de Inglaterra e da costa francesa, o moi famoso don Ricardo que tivo por graza a do Corazón do León, por vir el do paese de Corleone Sículo, e tiña industrias moi ben mantidas e prósperas, que o Pedriño Cunqueiro sempre me contaba que nunca entendera por que lle daría ao seu bo patrón por non pagar imposto ningún, sendo como son os americanos do norte moi mirados para ese choio, de xeito tal que por tan florecentes como os seus negocios foran, tanto os de líquidos como os sólidos en po, acabou anos despois no trullo, e iso sen outra que a de non pagar impostos aos federais, que alá non eran mesma cousa que os federais nosos de cando a Guerra Civil, como aquel vello que Castelao pintara, que disque alí se chaman Federados Ben Informados ou cousa tal.
     Pois un día abrileiro en que me deixei caer pola feira de Boiro, onde andaban á poxa cun monstro mariño que pillara un conxelador de Ribeira por Namibia e que non lles cabía en lonxa ningunha, que medía máis de seiscentos metros e para subhastalo tiveron primeiro que trucidalo en doce anacos, e andaría cada un polas sesenta iardas e deran en chamarlle o Moving Dick, topei con Rañolas e co Pedriño Cunqueiros, que malia a coincidencia en apelidos non se mantiñan parentela mutua ningunha, e aloulado quedei con saber que se coñecían e moito, que foran coleguiñas da infancia e mocidade, a pesar de gardaren tanta disparidade física do un ao outro, que de contado caín na conta de que falaban case igual, que se o Rañolas dicía cantándodes, o Pedriño profería coméndomos, que seguía a ser o único que en definitiva o motivaba á volta de tantos anos, e mais cada un deles andaría xa polos dous séculos e con todo puña envexa verlles o fresca que conservaban cadansúa memoria, que me enlearon nunha breve disputa sobre se o patrón industrial de Chicagho de Bergantiños se chamara Borís Pasternak e o mellor barman de caipiroskas da rúa Ogarieva, de Moscová, sería Alessandro Capone di Corleone. Ou ao contrario.
 


Louvre (La Vergonde), 18 de abril de 2009 d.C.
 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega