Os irmanamentos en Galicia: a ruta local do internacional

 

[Fragmento]

 

Os irmanamentos en Galicia: a ruta local do internacional [Fragmento]



Irmanamento intermunicipal: definición, orixe, tipoloxía e evolución

     O irmanamento consiste na decisión adoptada por dous municipios de común acordo para manter unhas relacións estreitas, de natureza amigable e carácter permanente. Os vínculos están orientados a un mutuo coñecemento e á realización dun conxunto de actividades que interesan a ambas partes.
    
Os irmanamentos ademais de proxectar ao municipio no plano internacional, permiten que o cidadán perciba dunha maneira directa e achegada esa proxección e en consecuencia a posibilidade de influír, dende as institucións municipais representativas, na política internacional e a través dela na estatal.
    
Para que un irmanamento teña sentido debe evitarse que quede reducido a un carácter meramente simbólico ou protocolario. Unhas cantas fotos e algunha viaxe non xustifican que dúas localidades se denominen a se mesmas irmás. O irmanamento debe contar tamén cunha dimensión económica e, neste sentido, é unha forma de cooperación dende o Norte cara o Sur. A transferencia de recursos é pois, nesta dimensión, un dos elementos básicos dun irmanamento. Pero incluso entre municipios do Norte as posibilidades de intercambio económico poden desenvolverse amplamente a partir da xestión participativa de intereses comúns.
    
En calquera caso, un irmanamento debe ir moito máis alá. Ten que ser, ante todo, unha ocasión para o achegamento entre xentes dunha e doutra localidade. Debe supoñer un intercambio global e sectorial: por unha banda, establécese unha relación entre as institucións de cada unha das localidades e, por outra, entre diferentes sectores da sociedade civil. A colaboración entre os representantes das vilas e cidades permite que cada municipio aporte a súa experiencia para que poida ser aproveitada polo outro.
    
O achegamento entre sociedades de cada un dos pobos ou cidades debe producirse de maneira sectorial. Resulta especialmente valioso establecer lazos entre os centros educativos e, cando as haxa, entre as universidades. O intercambio de experiencias educativas e de coñecementos entre centros do Norte e do Sur é unha das mellores maneiras de iniciar un efectivo achegamento cultural. Nestes ?irmanamentos entre escolas? participan, ademais do alumnado, o profesorado e os pais e as nais, de maneira que funcionan como centros de difusión de todo o proceso de irmanamento. Estas actividades teñen ademais un alto valor formativo (de formación en valores, especialmente) para os alumnos e os estudiantes das nosas escolas. A colaboración entre centros escolares e universitarios pode dar lugar a proxectos específicos de cooperación no ámbito educativo, tales como apoio á formación, dotación de escolas, etc, ou mesmamente investigador.
    
Un irmanamento implica, xa que logo, un marco estable de cooperación cunha vocación de continuidade no tempo. Supón, en definitiva, o apoio mutuo e a colaboración entre comunidades locais para afondar nas relacións e nun mellor coñecemento. É un vínculo entre entidades públicas e polo tanto debe corresponder á institución local coordinar todo ese tecido de compromisos.
    
Analizando os diversos tipos de irmanamentos, tanto no que atinxe aos seus protagonistas como aos obxectivos dos mesmos, podemos clasificalos da seguinte maneira:



1. Irmanamentos ?reconciliación?

    
Xurdidos despois da II Guerra Mundial, estiveron dirixidos a establecer as relacións amigables entre municipios alemáns e franceses e, así, superar as dolorosas diferencias xurdidas durante o conflicto internacional. Se ben a situación actual está xa superada, en boa medida a súa adaptación aos tempos deu lugar en moitos casos á cooperación transfronteiriza.



2. Irmanamentos ?comprensión?

    
Acordados no contexto da política de bloques e da guerra fría. Se trataba de ir superando, ?por abaixo?, a situación de división europea. Ao igual que no caso anterior foron o xerme do apoio actual da Unión Europea os países de Europa central e oriental (PECO), polo que se vincularon a municipios de Europa occidental cos de países de Europa central e oriental.



3. Irmanamentos ?europeístas?

    
O seu obxectivo se centrou no impulso do proceso de integración europea dende as administracións máis próximas á cidadanía, baseándose nos tradicionais lazos históricos, económicos, sociais, culturais, etc. O ?Fondo Europeo de Irmanamentos? ven sendo un bo instrumento para potencialos.



4. Irmanamentos ?cooperación?

    
Dirixidos a reforzar, dende un enfoque solidario, a colaboración entre municipios de países desenvolvidos e os do Terceiro Mundo. A diferencia dos modelos anteriores, acostuma a levar aparellado a canalización de fondos económicos e/ou asesoramento técnico para proxectos de cooperación ao desenvolvemento do municipio do Sur, quen á súa vez debe facer algunha achega para que a relación sexa recíproca, en plano de igualdade e plenamente solidaria. Se seleccionan proxectos viables economicamente (formación, pequenas obras, subvencións a ONGs, etc).



5. Irmanamentos ?triangulares?

    
Supón acordos a tres bandas, en xeral, entre dous municipios do Norte e un terceiro do Sur. Aínda que máis complexo que os bilaterais, teñen a vantaxe de combinar maiores recursos, potenciar a colaboración intercultural, aproveitar experiencias e contar cunha perspectiva máis global. Unha variante aínda máis elaborada serían os irmanamentos multilaterais ou redes de cidades. Nos últimos tempos este modelo está acadando un enorme auxe tras a súa potenciación dende institucións diversas tales como o lanzamento dende a Unión Europea do programa URBS.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega