Os nomes da morte

 

Antón Pousa.

 

v2vitorvaqueironomesdamorte001.html


     Antón Pousa, compañeiro habitual de caza de Herminio Rotea, comeza asegurando no seu testemuño que, no tempo xa lonxincuo dos xogos e da escola, a falsidade, a frieza e a covardía eran características esenciais do carácter do morto, quere dicirse Herminio, naquel tempo lonxincuo dos xogos e da escola, tempo no que o falecido, que ten de nome completo o de Herminio Rotea Maciñeira, costumaba vangloriarse da precisión que atinxira na arte do pateiro, costumaba, asimesmo, vangloriarse do pendor que posuía cara a Historia e a lectura de libros sinistros, sinistros na súa opinión, na opinión de Antón Pousa non a do falecido, costumaba, igualmente, vangloriarse do interese desacostumado que presentaba cara aos aspectos máis turbios e celobres que na vida acontecen e costumaba, finalmente, vangloriarse da ineptitude aritmética que atesouraba, actitude, por certo, a derradeira, que adoita presentarse reiteradas veces entre o xénero humano, que nunca se vangloria da súa incompetencia en materia nengunha, procurando agochar, aliás, a dita incompetencia, agás naquelas especialidades que comportan o cálculo numérico, como se o número fora en si proprio elemento rexeitábel, ou como se pertencese ás ordes do diabólico (seiscentossesentaeseis é o número da Besta). Certamente, baixo estas perspectivas, falsidade, frieza, covardía, interese cara os aspectos turbios e celobres dos que a vida é mestra, perspectivas abominábeis para calquera humano, agás para aqueles humanos que sexan eles mesmos abominábeis, sen que esta frase implique que Herminio pertencese a esta categoría, categoría na que, con certidume, Antón Pousa non inclúe a se proprio, a amizade infantil que unía a ambos os dous homes virou axiña en sentimentos menos afectuosos, sentimentos menos afectuosos que xa se achaban perfectamente callados no tempo fronteirizo no que a infancia é pasado e a puberdade hipótese, tempo fronteirizo no que Herminio Rotea, segundo o testemuño de Antón Pousa, posuía falsidia ilimitada e actitudes rastreiras até graos perigosos, actitudes que se reflectiron no nacemento, no interior do protagonista deste testemuño, o cal posúe como nome completo Antón Pousa Sampaio, dunha sensación de xorne primitivo de rexeito e desprezo cara Herminio Rotea, pola práctica asidua con que este exercitaba a delación precisa de calquera falcatruada corriqueira dos compañeiros, pola servidume escrava cara os mestres que Herminio exercitaba, e pola crueldade violenta, en magnitude anómala, que exercitaba Herminio sobre os pequenos animais do entorno, crueldade en magnitude anómala, que, de certo, empata en todos os cativos, basilarmente na súa relación coa Natureza, co sadismo, talvez herdanza e proxección telúrica, (son agora eu quen fala, introducindo pensamentos, traducíndoos a frases que non pertencen a Antón Pousa, senón só a min proprio, e das que, xa que logo, son eu só responsábel), herdanza e proxección telúrica, ía dicindo, do pasado de besta e de animal de caza que o ser humano foi dende as súas orixes, segundo os dados da paleontoloxía, crueldade talvez inevitábel no ambiente e condicións primordiais de loita pola supervivencia, embora de xustificación menos doada se tomarmos como ponto de mira o tempo do presente, no que a fereza humana segue a manifestarse sobre as nubes do ceu con grande poderío e maxestade (Marcos, 13, 26), crueldade e sadismo que Sam Peckimpah, con elementos tan rudimentarios como alacrán e nenos, filmou, montou, mostrou con suprema abelencia nas secuencias limiares de Grupo selvaxe, ou, violencia, mediante o emprego de música escocesa, cepos de caza, armas, nas postremeiras de Cans de palla, fita na que, por esta orde, a pusilanimidade, a violación, a vinganza e a morte son o cerne condutor da ficción narrativa, palabra esta, ficción, inaxeitada xa que decote o mundo, quer dicir as persoas que o habitan, ollan en volta delas a violación, a morte ou a vinganza non como unha ficción, mais realidade, e desta reflexión non debe deducirse o postulado clásico de ser a natureza imitadora da arte (tampouco o seu recíproco) senón a conclusión de seren ambos os dous conceptos, natureza e arte, manifestacións externas de procesos que, embora de natureza diferente no que atinxe aos resultados fornecidos, así como á súa intencionalidade, amosan, sen embargo, a semellanza de se veren termados por bases materiais equivalentes, átomos, moléculas, submetidos a leis parellas, gravitación, inercia, idea sobre a que Maiakovski escrebeu palabras memorábeis: o meu traballo é semellante a calquera outro, palabras memorábeis nas que subxace a idea de supresión final da fronteira estabelecida entre espírito e materia, pasando Maiakovski a postular o imperio da materia sobre todas as cousas, porque a materia enxendrou o Universo e as criaturas que dentro dos seus límites, os do Universo, suposto que o Universo teña límites, pervagan, abranxendo a noción de criatura a crianzas e adultos, mais tamén a palmípedes e seres insectívoros, aerólitos, cavorcos, raios gamma, enxurradas, gramíneas, furnas, volcáns, sonetos, praias, mitocondrias, Adrián Solovio, Aquiles, Oliveira e a Maga, melodías abxectas e crimes execrábeis, como os que Herminio Rotea executaba sobre os pequenos animais do entorno, seguía o testemuño de Antón Pousa, contido nunha libreta de capas verdeais e xaspeadas, que eu reinterpreto, copio, traduzo e traizoo, como é a miña obriga de traidor rigoroso. Sobre a fauna máis fráxil e indefensa, exercitaba o Herminio a súa violencia e crueldade, xa que plantas e árbores, se cadra por seren entidades de fasquía inanimada, exercían aos seus ollos inferior atractivo, e, quizais por esta circunstancia, perpetraba a tortura nomeadamente sobre insectos, paxaros, ou algúns dos pequenos mamíferos roedores que moraban na fraga, sobre os que Herminio, exercía, ao primeiro, violencia e crueldade, utilizando elementos primixenios e de alcanzo doado, como o lume ou a auga, e así os roedores, ignoro se é pertinente falar de rilladores como categoría zoolóxica, insectos ou paxaros vían, sen decatarse, por mor da acción de Herminio, como se consumaban as súas existencias, xa que acharse situadas nun perpetuo presente é característica innata das especies chamadas irracionais. Deteño a narración, suposto que constitúa narración o redixido das páxinas presentes, para considerar a circunstancia de que o xénero humano exerza diariamente a ousadía de se cualificar el proprio como ser racional, mentres agrupa o resto das especies baixo o epígrafe da irracionalidade, esquecendo que El é o único que mata e que asasina, que tortura, que esgana, decapita, que enforca, que agarrota, que afoga, que fusila, que degola, acoitela, electrocuta, apedrexa, que frecha, que deita os seus conxéneres dende helicópteros que se precipitan, os conxéneres, non os helicópteros, sobre o Río de la Plata por millares, na noite, que deita os seus conxéneres (vivos) nos xigantescos trebellos de tritura de carne de vacún da Escola Superior de Mecánica da Armada en Bos Aires, por millares sobre un país do que non me acorda o nome, mais no que Ernesto Cardenal me di agora que existe un arquipélago de nome Solentiname, que discorre métodos variados de marteiro, e que, posteriormente, en magnífica mostra, reúne os aparellos de dor e sufrimento en museus que cobren amplos roteiros (culturais) por cidades, nacións ou continentes, para que os seus conxéneres fiquen abraiados da perfección acadada no fornecemento da morte aos seus proprios conxéneres, morte que xamais planifican as especies chamadas irracionais que só illadamente dan morte aos seus conxéneres, cinxíndose a manobras de sobranzaría e ostentación do seu dominio, manobras dirixidas, nomeadamente, á procura de alimento ou apareamento. Por iso, como acima se dixo, lector: retomo neste instante a narración, resulta inxusto alcumar de irracionais eses animais que posúen a característica de se acharen situados nun perpetuo presente e que vían sen decatarse, por mor da acción de Herminio, como se consumaban as súas existencias por métodos sinxelos e antiquísimos como a incineración, ou o afogamento, métodos cos que o home, e non tanto a muller, pola súa función de ser subordinado atribuída polos dominadores, represaliou ao longo de milenios, e segue represaliando, en Gaza ou en Soweto, ía poñer Somalia, a aqueles que chamaban, e chaman, semellantes, ou, segundo notación de pendor bíblico, próximo (Lucas, 10, 29-37), actitude esta, asignación do apelativo semellante ou próximo a aquel a quen se esmaga, que se coñece como hipocrisía, finximento de boas cualidades, aparentando as contrarias das que se posúen, e unha propriedade dos irracionais é careceren dela, da hipocrisía, e, da mesma maneira que o home esmagaba ou esmaga en Gaza ou en Soweto, tamén Herminio represaliaba os pequenos animais, ao primeiro coa auga e máis co lume, para, máis adiante, sempre segundo o testemuño de Antón Pousa, irromper en territorios de máis complexidade, territorios nos que actuaban como protagonistas xeradores de morte os metais, os axentes químicos corrosivos e os produtos de propriedades detonantes, e así desta maneira os pequenos animais da fraga, ancorados na eternidade do presente, vían como mirraban paseniñamente os exemplares de cadansúa especie, porque Herminio Rotea decapitaba uns, asevera Antón Pousa, con coitelo de monte ou navalla barbeira de gumes certeiros, incineraba outros, despois do rego con alcois ou bencinas, achegándolles lumes sanguinarios, esnaquizaba aqueles, ligándoos, con arames ou fitas resistentes, a pequenas caixas ateigadas de pólvora que explodían con grande malbarato de sangues e de lumes, e disolvía, por derradeiro, os que incluían nas súas características lentitude no desprazamento, caracois, centopeas, tartarugas, deitándolles sobre os pequenos corpos ácidos corrosivos con sorriso sinistro e tamén corrosivo como ácido, en canto se multiplicaban caparazóns ou peles calcinadas. Ao lembrar estes feitos, ancorados definitivamente no tempo xa lonxincuo dos xogos e da escola, Antón Pousa berraba alporizado, pois sentía como na súa face ardentía e repulsa se multiplicaban, e sentía o engulo gabeándolle no esófago, en canto proclamaba que Herminio proclamaba con frialdade ousada o carácter estritamente selectivo que cumpría facer a cada execución, pola especificidade que, de seu, cada especie posuía, o que levaba implícito que lle correspondese unha morte non xeralizábel a outras variedades zoolóxicas. Segundo o testemuño de Antón Pousa, a práctica reiterada do asasinato sobre os pequenos animais da fraga foron mudando Herminio, no tempo adolescente, nun profesional do homicidio, precedido, o homicidio, en xeral da tortura, Antón di xudiadas, termo no que se albisca unha certa compoñente de antisemitismo, tortura, ou xudiadas, segundo se prefira, eu prefiro tortura, termo aterrador, cerimonias ás que Herminio convidaba reiteradamente a Antón, que rexeitaba partillar aquelas cerimonias de dor e sufrimento, basilarmente polo profundo noxo que os corpos rebentados ou tolleitos deixaban gravado no seu espírito, gravado (son agora eu quen fala) en sentido figurado, o mesmo que espírito, pois resulta difícil concibirmos a arte da gravura en materiais dos que non posuímos probas concludentes de existencia, como espírito ou alma, e, asemade, voltando ás sensacións que Antón experimentaba, polo profundo noxo, que se mesturaba co terror, da posibilidade de un día transformarse, o proprio Antón, en obxecto cobizado pola crueldade horríbel que atesouraba Herminio, crueldade que o tempo foi o encargado de ir madurecendo, até chegar o día de encontro e de confronto co sexo feminino, quere dicirse o día das festas e das mozas, día no que estalou en toda a súa grande magnificencia o rancor verdadeiro, segundo o testemuño de Antón Pousa, con estas ou semellantes palabras, o rancor verdadeiro que Herminio posuía cara a todo o vivente e que se comezou manifestando a través de ruíns e velaíñas alteracións da estratexia seguida até aquela data verbo dos pequenos animais da fraga, e dos seus compañeiros, compañeiros de Herminio dos xogos e da escola. Cando chegou o día de encontro e de confronto co sexo feminino, quere dicirse o día da chegada das festas e das mozas, en resumo da chegada iniciática do sexo, que non é outra cousa, alén de sufrimento, é visión persoal, a mocidade, Herminio abandonou a violencia estritamente física que practicara coas mostras zoolóxicas da fraga, para pasar a axir, a face das mulleres, cunha miudallenta e regulamentada actitude de afronta, que sería o celobre resultado dunha personalidade doentía, cimentada en fondos desaxustes do cerebro, se cadra orixinados por acontecementos de pescuda difícil nos tempos da nenez, actitude de afronta que día a día se ía concretando na práctica cotiá da aldraxe, e os praceres de ton amuruxado, que a Herminio fornecían as dores dos humanos, dores humanas que eran a consecuencia do escarño, da rexouba e da ruindade, baldas de Herminio sobre as que Antón Pousa reflectía arreo, xa que non daba enxergado o senso dunha dose infindábel de maldade acugulada nunha única persoa, dose tan ampla que, ao cabo e ao resto, foi, de vagar, trocando no seu interior, no interior de Antón Pousa, o refugamento que por el, por Herminio, sentía en animosidade tallante e nunha repugnancia duradoura que se espallou até o día da súa morte, da de Herminio, repugnancia que se ía enfortecendo ao ver como se ía enfortecendo a covardía presente en todos os seus actos, os de Herminio, repugnancia que se multiplicaba día a día no seu cerebro, no de Antón, ao mesmo tempo que se multiplicaba a calumnia en todas e cada unha das súas frases, das de Herminio, o perxurio dos seus comportamentos e o evoluir da súa dobre face. Inda que, nesta altura, non existen motivos para desconfiarmos da veracidade do relato de Antón, semella, sen embargo, que as doses de ruindade que sinala no interior de Herminio ultrapasan as cotas do imaxinábel, embora sexa certo que a crueldade humana non ten, en aparencia, o mesmo que a bondade, unha cota que limite o seu espallamento, e así, por mor desta maldade incomensurábel, xerouse, segundo Antón, un afastamento progresivo, e tamén recíproco, entre ambos os dous homes, afastamento que viña afortalándose en dous feitos que converxían paseniñamente. Por unha banda, Antón Pousa non disimulaba o desenvolvemento das sensacións que poboaban a súa intelixencia e o troco que se operaba nos seus sentimentos cara Herminio Rotea, e pola outra cumpría sospeitar que este se decatase da mudanza que se ía operando na mutua relación, e, simultaneamente, comezase a afastarse de Antón, de tal maneira que aquel afastamento era unha realidade consumada o día da súa marcha, da de Herminio, ao Brasil, que foi a data que sinalou que, de alí en adiante, os únicos momentos partillados por ambos os dous homes fosen os da cazaría, actividade que os dous amaban, aínda que con ánimos e plantexamentos ben desemellantes, segundo o testemuño de Antón Pousa, testemuño no que se acha presente, en aparencia, un intento de catalogación de diferentes graos de crueldade, así como o desexo de subliñar distintas actitudes no acto da cazaría, embora nesta altura cumpriría salientarmos a tese que cualifica a todo cazador como un ser violento, como, en potencia, un destrutor da actividade biolóxica, a todo cazador como a un revocador de vidas que nunha conxuntura de conflito, se cadra non inclúa dentro do seu abano xeral de análise a diferencia existente entre a vida da besta e a do humano, como demostra, en casos numerosos, a caza executada polo home sobre o home, e ao falarmos de home non se utiliza a xeralidade de todos os humanos, senón o ser humano masculino, pois atendendo aos resultados oferecidos polos grandes números, resultan en xeral descoñecidas actuacións parellas no sexo feminino, a non ser que collamos como exemplos parciais e prexuizosos os casos de Diana cazadora, ou o das amazonas, categorías encadrábeis nos terreos da mítica, inda que non deixemos de admitir que tamén a mítica nace e se desenvolve no seo da sociedade, constituíndo unha imaxe dos pensamentos, terrores, preocupacións e dúbidas da propria comunidade que criou a mítica, terrores e preocupacións entre os que, por pórmos só un par de exemplos, ocupan un lugar de relevo, que se prolonga até os días de hoxe, a pavoría, irracional e inmensa, á noite ou ao incesto, á noite ou ao incesto, sempre a noite e o incesto, porque, ao dicirmos noite dicimos, dende o fondo da Historia, pavura, tebras, lobo, encrucillada, demo, bruxaría, dicimos os ataques de seres sobrehumanos, ou de seres humanos, se é que son humanos e non bestas noxentas, alcatreantes, os que atacan na noite, porque, tamén é certo que, ao dicirmos noite, dicimos, mesmamente, Luis Barrena Alonso, Vítor Casas, correames e botas, Bóveda, Álvarez Limeses, e xanelas á espreita, Ramiro Paz, Luís Poza, e portas derrubadas, Adrio, Henrique Caruncho, os cans devoradores, Benigno Rei, Xoán Rico, e trallas e fusiles, Zbarski, falanxistas, paseos, Anxel Casal Gosenxe, Camilo Díaz Baliño, compre a lembranza de todos e cada un dos nomes, Gonzalo Acosta, Amancio Caamaño, leis de fugas, con Pimentel, digamos, outra vez o terror, un día e outro día, Galiza ametrallada nas cunetas, coitelos afiados, Paulo Novas, Telmo Bernárdez, Roxelio Bugallo e PIDE e BPS, e Atila na Galiza, na Galaxia, e homes sanguiñentos, eivados, paseados, morridos para sempre nas gavias dos camiños, Lavadores, no campo do Inferniño, na ponte de Sampaio, ao pe dos mananciais onde as mouras peitearon, nos tempos primordiais nos que as bestas falaban, os seus cabelos de ouro, con peites fermosísimos de prata, estas cousas dicimos cando dicimos noite, e ao dicirmos incesto non dicimos somentes doutores vieneses, psicanálise, donas adiñeiradas, dicimos arrepío, e dicimos Edipo e ollos arrincados, e Fedra, e Carlos da Maia e Maria Eduarda e os seus descubridores nunha profunda liña de Sófocles a Eça, dicimos Bakunin ao dicirmos incesto, dicimos Wittgenstein, e, ao dicir Wittgenstein, dicimos, certamente, Thomas Bernard, e dicimos Roithamer, Korrektur, a construción do cono, a irmá como obsesión do inatinxíbel, estas cousas dicimos ao dicirmos incesto, concepto pavoroso nos pobos primitivos e nos contemporáneos. Se outravolta tomarmos o fío da narración, suposto que constitúa narración o redixido das páxinas etcétera, os únicos momentos partillados por ambos os dous homes, ía expondo Antón Pousa, eran as cazatas que executaban nas periódicas, e a cada máis curtas vacacións anuais de Herminio, momentos partillados en silencio aos que Antón Pousa achaba fóra de calquer lóxica, inda que sexa a lóxica xénero restrinxido no devir humano. Antón non atopaba lóxica nengunha pola mutua aversión que xa, por volta daquel tempo, inzaba con xenerosidade o peito dos dous homes, inda que (son agora eu quen fala) a repetición de actos, mesmo de natureza magoante, que chegan a aparecer incomprensíbeis para quen os executa, mais dos que, insolitamente, o seu executor non é quen de safarse, son unha pauta de comportamento caracterizadora dos humanos, e elemento chave do carácter neurótico, carácter neurótico que se manifestaba no feito de que séndolle a Antón indesexábel a presenza de Herminio, e a Herminio indesexábel a presenza de Antón, seguiran profesando cada un sobre o outro a busca reiterada e dolorosa, que os levaba inexorabelmente ao desacougo e á desconfianza, desconfianza e desacougo que medraba e que madurecía e que ambos os homes ruminaban entre olladas de esguello, en canto analisaban e concluían, nos momentos de respectivas soidades que, de certo, serían abondosas, as soidades, para ambos os dous homes, que a compaña común non era desexábel. E polo simples feito de ser indesexábel a compaña común, e, sen embargo, sendo unha realidade constatábel a busca reiterada de cada un sobre o outro, era polo que rebulía Antón Pousa na súa propria mente na procura dalgunha explicación satisfactoria desta conduta anómala, partillada en perfecta sincronía por ambos os dous homes, que reflectían no tempo xa lonxincuo dos xogos e da escola, e así era como Antón barallaba a hipótese, entre outras, de que a procura teimuda que el proprio levaba sobre a persoa de Herminio tivese como obxectivo sobranceiro reformar a opinión que sobre aquel home construíra a súa mente, porque a mente posúe as singulares peculiaridades de, nun instante concreto, abxurar da evidencia, cualificándoa como unha alucinación insospeitada e, no instante seguinte, facer evidencia da complexidade, se callar porque, ás veces, as construcións mentais foxen do controlo do cerebro, adquirindo surprendente autonomía, e por este motivo rebulía na mente de Antón Pousa a idea de que era posíbel, naquel ser adxacente as alimarias, quere dicirse o Herminio, a localización dunha pequena pinga de bondade, e a descuberta final que a amizade embazada era somentes unha ilusión absurda dos sentidos, idea que se ramificaba en outras subideas, xa que, se Antón Pousa seguía aprofundando na súa reflexión, chegaba a concluír que Herminio Rotea só podía avalialo a el mesmo, a Antón Pousa, como un home comesto pola dúbida e o acañamento, o que, loxicamente, debería inducir a Herminio Rotea, a ollalo cunha dupla actitude de desprezo e refugo, desprezo e refugo baseados, baixo o ponto de vista de Herminio, analisado baixo o ponto de vista de Antón Pousa, nos actos acañados e nos comportamentos dubitativos que enfeitaban a actuación de Antón, perante do cal, indefectibelmente, xurdía en Antón Pousa a conclusión de que Herminio arelaba reconducir, no interior dos seus proprios pensamentos, as relacións vixentes entre ambos, crebar unhas liames baseadas na violencia contida e na desconfianza latexante, para abriren ás portas da concordia e da sinceridade. Emporiso, unha outra conxectura ía, asemade, abríndose camiño no xuízo de Antón, unha segunda hipótese que sinalaba a posibilidade de ser os encontros para iren de cazaría simple cilada que o conducise á morte, simple estratexia tecida por Herminio, esteada na xenreira e alicerzada na posibilidade de aparición dun lance insospeitado e desgraciado, desgraciado para Antón, no proceso de caza, proceso perigoso, certamente. Con efecto, así seguía reflectindo Antón Pousa Sampaio, calquera que tivese practicado esa actividade chamada fachendosamente cinexética saberá que, como en calquera outra que conleve o emprego de armamento, son reais as posibilidades de accidentes que, pola propria natureza dos aparellos empregados, adoitan presentárense, os accidentes, sinalados co carimbo da irreversibilidade, carimbo que se pon de manifesto no dito popular que estabelece que dúas accións humanas son irrecuperábeis, a primeira a palabra que abandona a boca e, a segunda, a bala que deixa tras dela a ánima da arma, afirmación que amosa a singularidade dos ditos populares, que enchen os idiomas de riqueza e, simetricamente, zúganlles as entrañas, ao esterilizalos e fosilizalos en ditos contundentes e definitivos que presupoñen, por unha banda, realidades demasiado simples e, alemparte, unha mesta esclerose ameazante ao producirse a proliferación de retrousos e frases construídas, que xornalistas mediocres e falantes desalmados, repiten sen cesar, frases feitas como a que, vímola hai pouco, estabelece que son irrecuperábeis a palabra que abandona a boca e a bala que deixa atrás a arma, inda que este enunciado, certamente, supón a evolución dunha primeira fórmula que postulaba que era irrecuperábel a pedra que abandonaba a mao, expresións ambas dúas que posúen a particularidade de asimilar palabra e proxectil, ou, dito doutra maneira, asociar a linguaxe a unha forma de ataque, o cal, se cadra, desenlea e descobre a realidade existente baixo expresións do tipo rearme ideolóxico, artillaría verbal, ou, no extremo, da declaración poética que especifica que a poesía é unha arma cargada de futuro, inda que igualmente pode ser posíbel que esta identificación da arma e a palabra sexa simplemente a xustificación da necesidade que ten o home, teimo e reafírmome, o home, de basear grande parte da súa actividade sobre conceptos bélicos, embora sexa a guerra, segundo a coñecemos, e temos oportunidades abondas de coñecela, fenómeno recente, non mais de dez mil anos, fracción ben cativeira se a compararmos cos seiscentos mil anos que transcorreron dende que viviron os Sinanthropus, ou os Pithcanthropus. Voltando á caza e á posibilidade de accidentes que sobre esta actividade acostuman pairar, é doado entender que reviste un alto grao de verosimilitude, diante dun acaneo sospeitoso de herbas, a hipótese de trabucamento, intencionado ou non, do animal perseguido co proprio compañeiro de cazata, e este pensamento, o de que a cazaría fose unha estratexia deseñada con minuciosidade por Herminio Rotea para levalo á morte, pairaba arreo sobre a mente de Antón, até chegar o día que, embreñado cada vez mais na espiral da sospeita e da dúbida, comezou a preguntarse a si proprio se non existiría a posibilidade de que Herminio pensase exactamente o mesmo, verbo das intencións que Antón acubillaba, xa que se era certa a existencia dunha realidade obxectiva, dentro naturalmente dos límites de obxectividade que se poden asignar a calquera noción de realidade, segundo a cal Herminio convidaba a Antón ao exercicio da caza, tampouco non deixaba de patentearse que este aceptaba de maneira constante tal convite, renunciando ao exercicio da propria liberdade, actitude de concreción doada mediante negativa clara e concludente, que faría posíbel o afastamento definitivo dos dous homes, cousa que só chegou a producirse coa morte dun deles, mais que fixo que a súa relación, no percurso dos anos, viñese sinalada por sentimentos duplos e amuruxados de atracción e xenreira, segundo o testemuño de Antón Pousa, o que, aliás, non resulta excepción no interior do complexo tecido de relacións que os humanos estabelecen entre eles, relacións complexas se callar xeradas pola dificultade de artellar vencellos de xorne estritamente igualitario nun entorno no que sobardan dominio, vexación e asimetría, o que conduce a írense chantando ensarillados mecanismos de dependencia e subordinación, mecanismos dos que o subordinado, ou a subordinada, enleado, ou enleada, mesmamente na propria natureza da subordinación, é incapaz de saír, en canto que a, ou o, axente subordinante tenta que se manteñan inalterábeis os mesmos mecanismos, xa que é beneficiaria, ou beneficiario, da situación que lle garante en doses semellantes supremacía e submisión implícita, e, compre non esquecelo, pracer, pracer que, con efecto, podemos cualificar de insán ou de doente, dado que se basea nos velaíños avasalamento e mágoa da persoa coa que supostamente partilla as amizades, as paixóns ou os afectos. Xustamente nos días nos que Antón se achaba mais embreñado no pensamento de que a cazaría puidese ser un roteiro previamente deseñado por Herminio Rotea para levalo á morte, foi, paradoxalmente, un día de cazaría, actividade parenteada coa reflexión na mesma proporción que coa impetuosidade, quen lle veu a mostrar como o percurso do tempo, dende os días dos xogos e da escola, non mudara en Herminio a dose de covardía, de traizón e mentira que seguían a aniñar no seu peito e o ambiente de representación teatral que para el posuía o desenvolvemento da existencia, representación teatral (son agora eu quen fala) á que non é alleo na práctica nengún ser humano, dado que a colectividade impón uns carreiros estreitos polos que evoluir, e amiúde o humano é unha máscara que, baixo a aparencia da bondade ou da afouteza, da crueldade ou do desinterese, agocha tras dela unha besta cruel, ou unha crianza indefensa, acontecendo así que somos unha máscara ou, como deixou dito Bergamín que se exiliou ao norte porque o ar lle pareceu máis limpo nas terras ía dicir hiperbóreas, opto ao cabo por setentrionais, termo que implica precisión análoga, posuíndo, en troca, a vantaxe de comportar unha menor compoñente fachendosa como lle gostaría ao proprio Bergamín que deixou dito que somos unha sombra, unha sombra que se adapta aos pregues do terreo, que muda a súa cor segundo a cor da parede na que se proxecte, que adquire, esa sombra, a granulosidade das areas, ou a fluidez das augas, que se axeita, esa sombra, en resumo, como os seres miméticos exemplarizados nos museus, bibliotecas e gabinetes de naturalistas, ás diferentes formas da realidade, porque, en caso contrario, faríaselle difícil a supervivencia nun entorno de mortal falsidade. Nesta altura, na que se producen os acontecementos dun día de caza, Antón achase en condicións de recoñecer que, inda que almacena unha notábel arte na práctica das armas de fogo, a súa capacidade no manuseo destes aparellos fica moi lonxe da que atesoura Herminio, á quen se ten por abelencioso tirador en Ferreira do Condado. Aquel día de caza, de néboas, de fentos entre néboas, de hesitación no abrente entre néboas e fentos, debullando con dificultade o fío condutor do seu relato, se cadra polas proprias dificultades de expresión, se cadra pola dor que, inevitabelmente, producen na súa lembranza os acontecementos tráxicos do pasado, veu na face de Herminio o debuxo inconfundíbel do arrepío, arrepío que, nas frases teimudamente repetidas por Herminio ao longo da súa vida, sempre lle fora alleo. Había tempo que a práctica da fala ficara restrinxida, entre os dous homes, a un diminuído conxunto duns poucos monosílabos e certas interxeccións que a compañía fai inevitábeis, interxeccións como as que se produciron, aquel día de caza, de fentos, e de néboa no abrente, ao ensaiaren albo, con sorte variada, sobre algúns paspallás e varios coellos, especies animais de entidade cativa, nomeadamente ao comparármolas co xabaril ardido, que apareceu de súpeto, chegando acompañado, como de costume, dun caudal rebordante de ira e de amedrontamento, perante do cal Herminio ficou paralizado, sempre segundo o testemuño de Antón Pousa, o mesmo que ficaron paralizadas as súas maos, de Herminio, que non utilizaron a arma que portaban, e os seus ollos, que mostraban a aparencia dunha parella de cousas arroutadas e irrecoñecíbeis, porque en verdade a besta, que saía da touza adoecida, era a lexítima representación dun ser de procedencias infernais, que camiñaba, ou mellor galopaba, inda que non sexa o galope o tipo concreto de desprazamento practicado polo xabaril, mais descoñezo o termo que designa este acto concreto e debo recoñecer, como Clarice Linspector afirmaba, que resulta a cada máis difícil o feito de escreber, inda que Linspector vai alén da propria dificultade técnica, dificultade que neste instante sinto multiplicada ao ver como a idea central de pescuda do substantivo que designa o avanzo do xabaril foxe deste entramado de palabras, apiedádevos do pobre cronista, di Céline, e eu só podo dicir que aquela besta, embrullada na cegueira da súa marcha frontal baixo a que o chan tremía, aquela besta galopaba, avanzaba, trupaba, progredía, adiantaba, marchaba cara un só obxectivo, pois aquela masa confusa e estarrecedora que saíra da touza e a quen cumpría que se lle calcularan mais dun cento de quilos, resumía todas as propriedades da súa especie temíbel, Sus scrofa, anafado, os cabeiros potentísimos, as cerdas enduradas, o fociño espantoso fozando ou embestindo, as orellas ergueitas, a oblicuidade dos ollos, ateigados de ruindade vingativa, a sensación perenne da impredecibilidade dos seus actos, a aparencia, en resumo, de ser que procedese de tempos recuados, perante do cal Herminio, e as súas maos, e os seus ollos, ficaron paralizados, cousa non censurábel, relataba Antón Pousa, porque el proprio sentía, trabándolle no peito, un pavor espantoso, espantoso como o proprio fociño do xabaril acima definido, que agatuñaba, o pavor espantoso, non o xabaril, dende os tornocelos, rillaba o entrepernas, e acoitelaba as costas, e Antón Pousa debeu tirar carraxe dalgún lugar recóndito do interior da súa mente e do seu corpo, en canto Herminio seguía mergullado nunha parálise con aparencia de mortalidade definitiva do seu corpo e a súa mente, e Antón Pousa descargaba de maneira premeditada, ou intuitivamente simultánea, os dous canóns da arma na testa do animal, no lugar no que empatan os ollos, feito que propiciou que ambos os dous homes puideran continuar as súas vidas, e veu o xabaril derrubado para sempre, case ao par dos seus pes, a menos de dous metros, precisa aínda Antón Pousa, entre un urro profundo e agoniante que lle ficou gravado a Antón nese lugar preciso da memoria onde fican gravadas para sempre as cousas inesquecíbeis. Antón inda refire, ou referiu en tempos recuados, que ignora o lapso transcorrido desque fora consciente da aparición da besta, procedente da touza, ou dun lugar situado na viciñanza dos mundos infernais, aínda que pareza lóxico conxecturarmos (eu agora quen fala) que o devandito tempo transcorrido tería en Antón Pousa as dimensións e a categoría dunha eternidade, xa que o achegamento non da morte, pois é obvia a imposibilidade de achegamento, no senso cinemático, da morte, senón da causa física que pode xerar a mortal consecuencia, induce a quen se acha nun trance de tal xorne, a delongar o tempo, talvez para aferrarse á vida, talvez para facer balanzo de algo que xa comeza a concretarse como algo imposíbel de ser ministrado do momento presente en adiante. Non convén, emporiso, progredir nesta liña argumental, pois en O milagre secreto Borges pescuda, e na práctica esgota, esta problemática, ao referir o proceso de conxelación de tempo polo que un minuto chega a durar un ano na mente, talvez na realidade, do xudeu de Praga Jaromir Hladík, mentres agarda os disparos do pelotón que a Gestapo compuxo para fusilalo, e outros seres insignes e benaventurados, como san Barandán, ou os galegos Amaro ou Ero de Armenteira, experimentaron este troco dun instante en séculos. Herminio, e as súas maos, e os seus ollos, ficaban paralizados, e esta actitude non constitúe cousa censurábel, pois o medo, o mesmo que a tortura ou o namoramento, é un terramoto que derruba as consciencias, mais o que si resulta reprobábel, toda esta narración elaborada segundo a propria narración de Antón Pousa, é o seu arruallo, o de Herminio, ao tornar ao fogar, perante do que Erundina parolaba na eira con algúns siareiros que foran de visita, e no que Herminio se gabou da ousadía que dera acumulada para se defrontar á besta, que saia da touza, adoecida, e que encarnaba a un animal do inferno, a quen el dera morte, en canto Antón, comesto polo medo e devorado pola anguria, ficara paralizado, o mesmo que ficaron paralizadas as súas maos, as de Antón, que non utilizaron a arma que portaban, e os seus ollos, que mostraban a aparencia dunha parella de cousas arroutadas e irrecoñecíbeis, cousas non censurábeis, porque el proprio sentía, a lle trabar no peito, un pavor espantoso, que agatuñaba dende os tornocelos, rillaba as entrepernas, e acoitelaba as costas, e Herminio Rotea debeu tirar carraxe dalgún lugar recóndito do interior da súa mente e do seu corpo, en canto Antón seguía mergullado nunha parálise con aparencia de mortalidade definitiva do seu corpo e a súa mente, toda esta narración elaborada segundo a própria narración de Antón Pousa, baseada na narración que Herminio fixo na eira en presenza de Erundina e dalgúns siareiros que foran de visita, e Antón Pousa, aldraxado pola renque de enganos que Herminio, con xeito caloteiro, ia desenvolvendo, polas olladas moles, magoadas e misericordes coas que o feriron algúns dos siareiros, polos afagos que todos os presentes adicaron a Herminio, aldraxado pola louvanza do sangue frio que Herminio recompilaba, se cadra atafegado por aquela renque de falsidades, non negou o relato, incomprensibelmente, non denunciou a actitude fraudulenta de Herminio, non o cualificou de impostor ou falseiro e só dixo, cunha voz que semellou saír dunha espenuca, que marchaba para casa, mentres ás súas costas resoaba a voz de Herminio dicindo aos demais siareiros, en canto Antón se ía afastando deles e eles camiñaban de vagar cara a adega da casa, que era comprensíbel a fasquía agoniada e o rostro aflito que Antón presentaba, xa que houbo de morrer, se non mediase a súa intervención, quer dicir a de Herminio, quer dicir a súa propria, que se enfrontou á besta e, nesta altura semella inevitábel o xuízo sobre as distintas reaccións dos humanos, ao reflectirmos no feito de que Herminio, moi pouco tempo antes, ficase mergullado nunha parálise con aparencia de mortalidade definitiva do seu corpo e a súa mente, e arestora falase cun atrevemento que estremaba realmente coa impudicia, en canto Antón, preenchido de ardideza na loita pola vida perante do xabaril, aparecera agora derrubado, inda que, con certeza, fica dentro do ámbito da verosimillanza a posibilidade de que a actitude de Herminio se debese a unha fonda ledice, converxente coa euforia, produto de quen sabe que vén de, por estreita marxe, salvar a súa vida e, por derradeiro, pódese inda considerar a hipótese de avaliarmos falso e caloteiro todo o testemuño de Antón, dando por bon o de Herminio Rotea, feito que, até certo ponto, virían a confirmar as súas respectivas actitudes na eira, na que Erundina parolaba con algúns siareiros que viñan de visita. Independentemente de cal das dúas versións sexa a verdadeira, xa que, na altura presente, resulta imposíbel coñecer con exactitude o percurso dos acontecementos, e, se callar, os feitos aconteceron, se é que aconteceron, de maneira distinta a como os coñecemos, se é que os coñecemos, aínda que, segundo o testemuño de Antón Pousa, mais nunca ambos os homes retomaron o costume da caza partillada, ao tempo que subliñaba que foi aquel día, no que ambos partillaron a caza e no que se defrontou Antón Pousa, segundo o seu relato, ao xabaril ardido que apareceu de súpeto, o postremeiro no que Antón puido ver vivo a Herminio. A lembranza daquela rea de acontecementos, xunto coa experiencia acomorada no devalar dos anos nun longo proceso na mente de Antón Pousa, chegaron a confirmalo nos xuízos forxados nos tempos anteriores sobre Herminio Rotea, xuízos que levaron a Antón Pousa a afirmar, xa sen sombra de dúbida, a dobre face de traizoeiro e covarde que amosaba o cotián e antigo compañeiro de caza, a dobre face falsadora e mesquiña que mostraba o compañeiro dende os tempos lonxincuos dos xogos e da escola, dobre e perenne face que se manifestaba na furia amuruxada que exercía sobre animais miúdos, quere dicirse sobre os pequenos animais da fraga, e o entanguecemento despregado perante do ataque do xabaril ardido, dobre e perenne face que se manifestaba nas súas actitudes de aldraxe verbo de mozas inmaturas ou mulleres coitadas e na febleza de espírito que manifestaba perante o furacán que aniñaba no interior de Erundina, todo o cal induce en Antón Pousa a conclusión de que o final máis lóxico da existencia de Herminio reside no suicidio, e así foi, en efecto, segundo a súa crenza, como se produciu a morte, morte que, reducida a unha sistemática, sempre segundo a crenza de Antón Pousa, debía vir xerada por, alomenos, tres razóns notábeis, inda que, con efecto, non semella razoábel arestora tentarmos esculcar a decisión suprema que empurra até o suicidio en termos axiomáticos, pois son dificilmente avaliábeis, por descoñecidos, os mecanismos psíquicos, o cal é equivalente a físico-químicos, que desencadean ese proceso de natureza irreversíbel que chamamos morte, de onde derivamos que, inda que analicemos en todo o seu profundo interese, interese encamiñado ao achegamento á verdade, o relato de Antón, e mesmo a que consideremos con total seriedade a hipótese do suicidio de Herminio, cumprirá non caírmos na armadilla que Antón Pousa desprega e que ven situando no plano da inferencia, e practicamente da necesidade, o acabamento da propria vida, esquecendo, Antón Pousa, que existen plantexamentos, vivencias, sufrimentos, actitudes, condutas e feitos semellantes, en homes e mulleres semellantes, que non teñen, como inmediata consecuencia, suicidios semellantes. Eses tres postulados, ou razóns notábeis, que arboraba Antón Pousa para xustificar o suicidio de Herminio, resumíanse, o primeiro, no feito de que unha vida cuñada na bigorna da violencia repugna dunha morte repousada, o segundo, na circunstancia de que o xénero humano merece verse ceibe dos individuos que danifican a colectividade, e o terceiro, no xuízo de que aqueles seres incansábeis fornecedores de dor aos seus conxéneres revélanse incapaces de se defrontaren ás proprias mágoas que axexan no camiño da vida, entre as que sobrancean enfermidade e morte, mais estes postulados apresentan a evidencia nítida de contradiciren a realidade cotiá, que nos informa das mortes en perfecto sosego de individuos que fixeron da brutalidade unha norma constante de conduta, das vidas delongadas de persoas que investiron toda a súa existencia nun ataque perpetuo á colectividade, e de seres malsáns que enfrontaron as doenzas proprias como herois, o que invalida as razóns arboradas por Antón Pousa verbo da necesidade da morte violenta de Herminio causada por el proprio, por Herminio Rotea. Antón continua a desenvolver a súa teoría, a súa teoría errónea dende calquera ponto de vista que se tente abalroar, o que, sen embargo, non implica necesariamente que Herminio non cometese suicidio, senón que foron razóns diferentes ás propostas por Antón as que o levaron á comisión do atentado contra a súa propria vida, en canto Antón continuaba expoñendo que unha doenza grave rillaba dende había anos a quen fora o amigo nos tempos xa lonxincuos dos xogos e da escola, e ao pronunciar a frase unha doenza grave Antón Pousa deixaba que se albiscase o nome da doenza tabú á que nenguén ousa definir polo seu proprio nome, nome breve alemparte, só seis letras, como se o feito de nomear ás cousas levase aparellada inexorabelmente a súa inmediata aparición, feito no que se atopan crenzas que afunden as súas raiceiras en tempos antiquísimos, gobernados polo mito e a lenda. De tal maneira que, na opinión de Antón Pousa, esa doenza grave de nome impronunciábel fora o pretexto ao que Herminio, covarde ao longo de toda a súa vida e en todos os seus actos, na opinión de Antón Pousa, se aferrara para asinar o ponto derradeiro á súa existencia, e así o lembra Antón Pousa cando lembra que uns dous anos dantes do suicidio de Herminio, este xa lle falara desa doenza grave de nome impronunciábel, da que Herminio, respectando a tradición e o rito, non pronunciara o nome, véndose obrigado Antón a deducilo, o cal (eu agora quen fala) leva implícita a hipótese de trabucamento por parte de Antón Pousa, que houbo de adiviñar a doenza á que se estaba a referir Herminio, coa conseguinte dose de incertidume que a asignación correcta do doenza grave de nome impronunciábel presupuña, xa que Antón, segundo as súas palabras, inferiu o nome da doenza só polo ton de voz que Herminio utilizara e pola súa ollada perdida, aspectos todos dous, timbre de voz e calidade da ollada, insuficientes para informar de maneira correcta sobre o nome da doenza, sinaladamente se, como Antón relatara, Herminio só definira con xeralidades a doenza de nome impronunciábel, tales como que esta posuía eficacia notoria na súa capacidade destrutiva do corpo e da conciencia, que os intervalos de aparición entre crises consecutivas ían acurtándose, ou que a cada nova crise a intensidade da dor ía en aumento, alén de vaguidades verbo da vida humana, vida humana que, para Herminio Rotea, sempre segundo o testemuño de Antón Pousa, respondía esencialmente aos mesmos mecanismos, se callar aduviada de maior complexidade, que os que gobernaban aos animais do mato, ou do océano. Informaba Antón Pousa que aquel día, alén de enxergar que a determinación de Herminio verbo do suicidio era irreversíbel, foi o único día no que percebeu nel un ton de humanidade, que interpreta no xeito habitual de que o achegamento da morte xera certas tendencias encamiñadas ao balanzo da rota percorrida, inda que recoñece igualmente que aquelas frases, frases que, segundo el, tiñan o adubo dunha despedida, deixáronlle un buraco que remaneceu para sempre nas súas entrañas, e que ese buraco foise magnificando cando tivo noticia do falecemento, nunha terra lonxana, de Uxío Piñeiro, noticia que multiplicou nel o desacougo cando soubo que a morte de Uxío precedera en moi escasas data á de Herminio, o cal fixo a Antón Pousa, compañeiro de caza de Herminio Rotea, tecer unha cadea de acontecementos, guiados polo fío da causalidade, e a previsión de toda unha maligna engrenaxe de azares malfadados.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega