O solpor do intelectual crítico

 

[Texto íntegro]

 

v2xcgarridosolpordointelectual.html

"O intelectual ten unha situación na sua época, cada palabra sua repercute. E cada siléncio tamén"

J.P. Sartre




De Prometeo a Narciso

     Con este título, a arxentina Raquel Angel, encabeza a introdución a un libro de entrevistas que pretende desentrañar o proceso de involución no mundo do pensamento progresista até desembocar na parálise, a bancarrota, a resignación dun colectivo que noutrora era vanguarda desmitificadora, consciéncia crítica, augures que alternaban profecia con militáncia; referimo-nos aos intelectuais.
     Achan-se en falta nas barricadas, a xente pregunta por eles e poucos se aventuran a responder cunha explicación seria ao porqué da sua extinción.
     Rossana Rosanda aponta unha das argumentacións máis escoitadas: "a crise da esquerda e das suas organizacións, xunto coa das sociedades do Leste, quitou do médio o intelectual comprometido".
     É certo, o ocorrido deixou inabilitados os "pensamentos de segunda man" e obriga en calquer parte do mundo e en calquer sector a ter que estrear novas reflexións adecuadas e apegadas a unha experiéncia concreta, e con isto prescinde-se da necesidade dunha análise global e da inserción nun movimento ideolóxico universal. Parece como se o fracaso do socialismo "real" se estendese ao fracaso do socialismo "ideal".
     Pero isto non explica o paso do espírito contestatário dos 60 e a praxe revolucionária dos 70 ao abandono de toda noción de compromiso histórico, verificábel a partir dos 80. Certo que se estendeu a ideia de que a revolución fracasou, que non hai suxeito social de mudanza, que a história rematou e que, portanto, mellor voltar para casa, acomodar-se, esquecer. Isto tanto se dá entre os que xa daquela non souberon separar a palla do trigo e anotaban na conta de Marx o Gulag, a ditadura dos burocratas, a falta de liberdades públicas, a persecución política, etc. como os que sempre topaban á man algunha escusa para meter todo ese lixo baixo a alfombra do mal menor, da etapa transitória.
     Cando o barco se fundiu caíron todos na negación máis absoluta, pero alén da desilusión só existia o vacio e entón remataron ambos os dous bandos por embarcaren-se nunha nova servidume sob a forma de desencanto, pesimismo e impoténcia.
     Non abonda o determinismo ambiental para mostrar as causas desta gran evasión. O drama intelectual deste tempo xa circulaba como moeda comun nos grafítis do 68 en frases como "cando xa tiña respostas á vida, cambiaron-me as perguntas". Si, cambiaron-lle o mundo que querian cambiar. E que? A falta de certezas xustifica a auséncia de desafio, de non tomar a palabra, a xenuflexión, as ideias mediocres, a auto-indulxéncia? O que ocorreu? Xa non propoñen subordinar a história ao seu destino, agora subordinan o seu destino á história. Romperon filas e só fica algun francotirador isolado facilmente reductíbel. Foron borrados da face das tribunas dos xornais e os que ficaron xa saben a que ater-se se queren durar como colunistas (5ª colunistas): abandonar o ofício da crítica.
     Os 90 representaron a transición definitiva cara a este novo modelo de "intelectual" integrado, sen abandonar o "politicamente correcto" acompaña o seu amo, ergueito de pé no estribo do carro dos vencedores, embocando este novo século sen remordimentos logo de desprender-se das excrecéncias da sua orixe á beira dos derrotados.
     Pero para chegar aqui tivo que recorrer un longo camiño de astutas e refinadas complicidades. Non foi fácil a reconversión de dinamiteiros en bica-máns. Ainda que efectivamente as "circunstáncias" axudaron, foi necesário tamén un proceso interno de construción teórica dun contexto favorábel, dunha mentalidade propicia que acometera con outros ollos a obscenidade dos priviléxios e a pornografia da fame e a exclusión no mundo. Pode-se desandar co devandito libro de Raquel Angel (1) os pasos destes rebeldes agora amansados, comezando polo primeiro chanzo que é o travestismo ideolóxico.



Confundir o posíbel co dado

     Desde Gramsci, o papel dos intelectuais pode clasificar-se quer como criadores de consciéncia para a transformación social, quer como xustificadores da orde estabelecida. A reinterpretación dos textos do filosofo da praxe —escritos nos cárceres do fascismo e portanto non suficientemente explícitos por razóns óbvias— permitiu aos mesmos transformadores transmutar-se en xustificadores através de conceitos como "utopias posíbeis" e "realismo político". En pleno naufráxio, agarraron-se ao apelido "democrático" como salva-vidas que os librara de calquer asociación cos cascallos vellos que se derrubaban e os podian arrastar ao fondo da sua carreira. Descubriron América de novo, ou simplesmente cambiaron onde puña "renegados" e puxeron "realistas"; pero no fondo acolleron-se ao abeiro de ráncias posturas que viñan combatendo toda a sua vida. Falamos dese "lúcido freio da história" que representa a social-democracia que só ten sentido como ideário en certos contextos de ben-estar solidário do que gozan moi poucos países. E non é cuestión de descualificar aqui un programa de governo social-democrata, o cal, por outra parte, neste contexto de trevoada neoliberal, subscribiria até o máis subversivo como pára-águas no que resgardar-se ou como simples mellora do que hai. Referimo-nos á social-democracia como coartada, como desarme ideolóxico, como renúncia a dar a batalla. Ese nadar entre duas águas que permite ao intelectual cata-vento deixar-se levar pola corrente que mellor lle convén facendo como aquel que tiña a sua casa na estrema entre duas parroquias e cando lle viñan pedir para a festa dunha sempre dicia que era da outra para ao fin librar sempre e quedar ben con todos. Aludimos ao social-democrata que aspira a alcanzar o governo á medida que a sua praxe vai renunciando tanto ao que ten de "social" como ao que ten de "democrata".
     Quedemo-nos, pois, con esa imaxe do ex-revolucionário que algunhas veces, cando se topa só sobre a moqueta do seu luxoso gabinete, recebe a visita de lembranzas borrosas do seu pasado turbulento, e pergunta-se con desacougo: O que queríamos? E por moito que o tenta non o consegue lembrar.
     O paso da confrontación ao conformismo requer unha operación de demolición teórica necesária para suster a viraxe dos progres de antano, que hoxe recitan o dogma da libre empresa e as virtudes da economia de mercado.
     A ética do camaleón —en terminoloxia de Alberto Castro— exixe tamén expurgar os erros do pasado, pero sobretodo arremeter con saña contra os "anacrónicos" por non somar-se ao disciplinado coro dos abdicantes, por que os deixan en evidéncia, porque poñen en dúbida as suas verdades reveladas, pero sobretodo para gañar pontos diante dos poderosos e despexar calquer dúbida que pudera haber polo seu pasado escuro.
     A eles debemos o éxito da estratéxia do eufemismo ao ir acuñando neoloxismos para referir-se ás vellas inxustizas. Xa ninguén fala de imperialismo, a emigración é mobilidade xeográfica, pero a sua especialidade é alcumar novos termos para a "resignación"; amiúdo defenden indirectamente o estabelecido, non se atreven a falar das suas bondades senón só insisten naquilo do "mellor dos mundos posíbeis" para esmagar calquer alternativa. Non son entusiastas da nova orde, ainda que son rentistas da desilusión que provocan. Que convincentes son as suas bágoas polos "inevitábeis custos sociais" ao referir-se á exclusión de millóns de cidadáns através das privatizacións e destrución dos direitos laborais. A explotación é apresentada como o prezo que hai que pagar para alcanzar o un ceu de progreso e modernidade nunha vida ulterior. A que soa isto? Que pouco orixinais e que fantasiosos eles que se apresentan a si mesmos como a apegados á terra frente aos revolucionários que "están nas nubes".
     O sono rematou —sentencian— hai que ver as cousas como son. Hai que ser sérios e "adultos" pero sobretodo, e reiteran, "realistas".      Pero non lles chega con dicer que as clases xa se disolveron nunha "pluralidade de suxeitos" e quedar tan panchos. O pior é que logo se senten na obriga de intervir no negócio do poder porque os intelectuais adoitan ter unha boa imaxe de si mesmos, son dados a crer-se merecedores de honores, prebendas e priviléxios. O Conde Abranhos de Eça de Queiros sentia que a sua patria non podia prescindir dun home da sua valia e por iso oferecia os seus servizos ao partido que ostenta-se o poder, fose cal fose. Agora ben, como fan estes conselleiros do Príncipe para asumir cargos oficiais sen ter cargos de consciéncia?
     Tenden a producir sofisticadas xustificacións teóricas que sirvan para suster a retirada. Eduardo Grüner lembra o clásico argumento da cultura entendida como compartimento estanco: "é un vello —e moi hábil— truco da direita que, consecuente co seu idealismo cultural, consegue colocar os altísimos produtos da arte nun platónico topos uranus liberado de calquer consideración sobre as suas condicións de produción".
     Os artistas ao seu, os investigadores científicos enfrascados en estudos peregrinos sobre temas que non entran en conflito cos intereses do capital financeiro. E todos eles, alternando o escepticismo co protocolo. Un escepticismo rentábel que os fai sospeitosamente respeitosos entre eles: "ninguén ten a verdade absoluta". Substituíndo asi a polémica por unha cortesia inter pares que cheira a autopreservación. E, enfin, en palabras de Noé Jitrik, lograr ser coñecido, ser pagado, ser condecorado a cámbio de amputar os próprios órgaos da transgresión.
     Pero non só se acovillan nas saias do poder os arrepentidos empoleirados no discurso social-democrata, ali atopamos tamén outras técnicas de camuflaxe mais súbteis pero que ao fin cumpren a mesma función de disfarzar a claudicación. Referimo-nos ás "almas belas" que baixo a moralina esquerdista arroupan a desmobilización, o colaboracionismo, ou calquer outro servizo que as políticas neoliberais requiran. Deles di François Bernard Huyghe: "basta con reprobar verbalmente, claro, o racismo, a violéncia, o totalitarismo; basta con asistir a un concerto de rock contra a Sida. Un comportamento de damas da caridade que tivese un discurso libertário".



Cando a memória serve para esquecer

     No Estado Español, os intelectuais, que tiñan apuro por recolocar-se a calquer prezo no pós-fascismo, sustiñan aquilo de que "aos mortos que lle den polo cu" tal como contaba Xerardo Álvarez Gallego por carta a Castelao xa nos anos corenta.
     O cuñado de Bóveda queixaba-se-lle de teren-se botado fora do "culturalismo" ("Oxalá non saísemos xamais da revista 'Nós', do Seminário, da teima poética e de salouco lírico!"). Mais o caso é que asomaron o peteiro fora da sua torre de marfin animados polo balbordo da rua e isto custou-lles caro; e logo, por moito que quixera o autor de "Vida paixón e morte de Alexandre Bóveda", xa non podian voltar refuxiar-se nese "culturalismo" senón era a costa de borrar o rasto do ocorrido, de facer como se non pasase nada. Algo que, mesmo polos seus vencellos familiares, el —como Castelao— non o tiña nada doado. Non foi o caso doutros que tiveron menos escrúpulos. E nesto estribou a polémica das "efemérides" que se librou entre os exiliados e o piñeirismo. Pois Ramón Piñeiro, temos que dicer, era un hábil profesional da desmemória mentes os "americanos" porfiaban en lembrar.
     Mais este é un proceso comun a todos os países que saíron dunha ditadura por obra e graza da própria ditadura que lles concedeu a democracia aos cidadáns a cámbio do siléncio, de mirar para outro lado, do borrón e conta nova.
     Pero que clase de moral intelectual se pode fundar sobre esta chantaxe? O poder é o que indica aquilo sobre o que poden pensar e sobre o que non, isto é, deixa-os ser libres a cámbio de que obedezan as suas directrices.
     Con isto "desaparecen, enfin, os desaparecidos" —como di Leon Rozitcher— quen se queixa de que este é un prezo moi alto pola falsa liberdade que se lle oferece: "fala-se permanentemente de liberdade, de democracia, de libre mercado, de liberdade de emprensa. Pero na realidade pasa todo o contrário: non hai liberdade individual para viver decentemente dun traballo, reduciuse a sociabilidade ás restricións que impón o mercado económico, desvirtuou-se a democracia pola distáncia entre a política e as demandas populares, a liberdade da emprensa e da información está dominada polos meios que oferecen un só e único discurso. Basta ver a estupidez e a miserabilidade que circula pola T.V. para dar-nos conta da imbecibilidade a que queren levar-nos".
     David Viñas, a quen a ditadura asasinou dous fillos, tiña que explicar por que rexeitou os 25.000 dólares da bolsa da Fundación Guggenheim. "Viñas volveuse tolo!" —insistian— "Tirar pola xanela tantos cartos por uns reparos absurdos de independéncia intelectual!". Finalmente tivo que retrucar: "Sabedes o que é que vos maten os fillos?", esta renúncia foi a sua particular homenaxe a sua memória. Ao cabo, o Viñas pasou a engrosar ese grupo de apestados que ninguén quer sentar a sua mesa porque quita o sono aos outros comensais contando-lles histórias de terror.
     Eduardo Galeano, outro que segue crendo en "certas cousas que a morte non conseguiu matar", fala-nos desta "época de ventaxeiros e de camaleóns, onde a cobardia e o conformismo se disfarzaron de prudéncia". Unha época que é filla da outra, pois "as ditaduras non pasan impunemente sobre a xente". Considera un erro esta exaltación da auto-ignoráncia como garante dun novo rexime que xa non matará, non torturará, sempre que se manteñan intactas as outras estruturas de dominación. Os intelectuais de todos os países que padeceron reximes totalitários aprenderon a lizón: "pensar é perigoso".
     Na Galiza, despois de que un Roberto Blanco Torres levara catro tiros na caluga, os aspirantes a intelectuais tiveron que pensá-lo duas veces antes de imitar ao insubornábel xornalista. Xohán Carballeira, Víctor Casas, Anxel Casal, Lustre Rivas, coa sua pluma insubmisa conquistaron o favor popular, o que non lles librou de rematar nunha cuneta.
     Isto seguro que algun efeito teria no descenso das vocacións dos escritores comprometidos co país. Pero posibelmente non fora tanto polo que ocorreu co corpo dos devanditos como polo que sucedeu cos seus libros e co seu nome. Hai que ter en conta que os artistas adoitan a estar dispostos a pagar ese prezo para que a sua obra alcance a imortalidade. Pero visto o pagamento que recibeu a longa lista dos "inomeábeis"; as seguintes camadas, aleitadas por Ramón Piñeiro, foron máis cautas, e salvo algun prematuro destete, acabaron, finalmente, inventando o pó incapaces de conxugar o pretérito.
     En cámbio, Xerardo e Castelao lembraban Bóveda e ocorria-lle como a Jean Paul Sartre cando tentado a abandonar a batalla, recordaba ao Paul Nizan, o novelista rebelde asasinado polos nazis, e exclamaba "eis un furioso que nos salta ao pescozo". Como vender as conviccións por unhas frangullas cando outros deron a sua vida por elas? Houbo mortos por non calar e ainda berran desde a sua tumba. Como poden ter a consciéncia tranquila os vivos que gardan siléncio?



O cinismo da neutralidade

     Quen foxe da ciéncia militante ao servizo das causas populares, nunca recoñecen que se pasaron ao outro bando. Sempre afirman que quedaron en terra de ninguén baixo a bandeira da obxectividade. Canto se ten escrito sobre esa "obxectividade", Sartre, Gramsci, Beauvoir, Luskacs, esa ideia que tanto repugnaba a esquerda de que tanto ten comer fabada como comer merda en auséncia de xuízos de valor. Seguramente que quen sustén a neutralidade a respeito de si mesmo é capaz de teorizar da sua imposibilidade en abstracto, sen dar-se por aludido. O problema sempre é cando se baixa ao concreto, nun país e nun momento dados. Neste sentido seria útil lembrar á resposta do arxentino Eduardo Pavlovsky cando lle perguntan se esta é posíbel:
     "Ser intelectual na América latina é un priviléxio. Significa ter comido ben, ter todas as posibilidades de educación, de saúde, de formación, de crescimento, en países onde a maioria dos nenos morre sen alcanzar nen sequer o seu desenvolvimento orgánico, onde o nível de inxustiza é tremendo e a desigualdade roza o intolerábel. Non hai posibilidade, neste continente da morte, de permanecer á marxe. Eu creo que un intelectual, acá, ten que viver no risco permanente... A neutralidade, é unha espécie de negociación de identidade para ocupar posicións. Un espectáculo penoso, alén da retórica coa que se tente adornar".
     O problema é a "localización". Sartre fala de que o intelectual ten unha situación en cada época. Non poden deixar de situar-se nalgunha parte. Isto non lle impede transcender as suas limitacións, senón pola contra o seu papel é tomar certa distáncia, non deixar-se levar a actuar mecanicamente. En definitiva, por unha banda, ten que mergullar-se na realidade, e por outra, facer todo o contrário, elevar-se o suficiente fora dela para vé-la en perspectiva. E como soluciona isto sendo en si paradoxal. Pois aí está a cuestión: o que define ao intelectual é ese enfrontamento coa contradición. O neutral deixa de exercer de intelectual crítico - que é tanto como dicer de intelectual en xeral - cando habita na disociación: disolve as contradicións através da fragmentación ou arquivando cada un dos polos nun compartimento estanco que non entra en contacto co outro para que non o desacouguen, sente que a sua alma abandona o seu corpo, un corpo desmaterializado, son "como o das prostitutas que se distáncia do seu corpo" —tal como comenta David Viñas— e a sua pel esquece a sua relación co mundo.
     Castelao cando afronta o proxecto de escreber un libro teórico como o "Sempre na Galiza", asume as contradicións con todas as consecuéncias tal como fica reflectido xa no mesmo título. Trata-se de harmonizar, "sempre" e "Galiza" (tempo/espazo, infinito/finito, informal/formal) e isto só é posíbel na preposición ("en"), apesar de que a maior contradición é que este libro non foi escrito "nunca" na "Galiza". Pero un non pode cancelar a sua presenza nen tan sequer a sua auséncia.
     Outros escapan do compromiso através da descomposición do tempo e do espazo para agarrar-se ao que máis lle favoreza en cada momento. Se elixen o espazo galego é a destempo (adiantados ou retrógrados) para que non lles afecte as liortas do presente. Se escollen o tempo actual, universalizan o seu campo de acción para que perda sentido a sua praxe e se disolva en múltiplas conveniéncias ("loitemos pola independéncia do Tibete"). O caso é zafar.



De ser cabeza do povo a ir ao seu rabo

     Cando o pintor Felipe Noé —que se pronunciou contra o indulto na Arxentina— foi chamado para colgar os seus cadros na casa Rosada, aceitou e fixo frente aos que o criticaban que concedese na arte o que non concedia na política: "non se pode obrar frente a este governo como se fose un governo de facto, porque este o elixeu o povo".
     Ramón Piñeiro, elexido Deputado nas listas do PSOE, foi o único deste grupo que votou a favor da investidura de Presidente da Xunta na persoa do candidato do partido franquista que presidia Manuel Fraga. Consideraba o filósofo da saudade que era unha forma de reforzo das novas instituizóns democráticas e un recoñecimento da vontade popular. Finalmente ocupou responsabilidades na Xunta do mesmo Fraga. Tanto el, como os seus, sempre que estiveron neses postos gardaron as formas e coidaron-se de entrar en conflito co titular do governo, pero insistiron en que eles nada tiñan a ver co PP e que estaban ali para servir a Galiza. Se gobernaba o PP non era culpa deles. Despois de todo, ese era o governo que a Galiza queria.
     A cuestión é que a función principal do intelectual é apontar o foco para os recantos que están escuros a ollos dos seus concidadáns. Se non fose asi, para que se precisarian? Parapetados detrás da xente, abstendo-se de ir máis alá do que xa vai o povo sen a sua axuda.
     O exercício da racionalidade choca de imediato coa desigualdade e a dominación. Enfin, cada vez que se reflecte sobre a realidade social, na medida en que esta é inxusta, un acaba enfrentando-se co poder.
     Mesmo cun governo revolucionário o intelectual vai ter problemas. Este non é o lugar de profundar nas causas do suicidio de Maiakóvski. En Cuba ou en Nicarágua os intelectuais tiveron unha relación crispada cunha revolución que nalgunhas etapas descansaba en slogans e clichés frente aos cais calquer crítica era descualificada, sen valorar, coa escusa de que quen cuestionara algo era porque estaba ao servizo da CIA. E é evidente que non todos o estaban.
     Na Galiza, a intelectualidade galeguista foi moi útil para dar o seu aval para facer o lavado de fachada dos vellos aparatos do franquismo. Manifestaban que a sua intención era boa e que coa sua presenza ian conseguir encamiñar as cousas cara a unha maior democracia e autogoverno. Ben, pero agora que o actual governo sacou a máscara e deixou en evidéncia que a sua intención é reducir a democracia e autogoverno, non parece que ninguén se apee. Non se suceden as dimisións. A verdade é que tampouco fica xa nengun "galeguista histórico", ninguén por estes pagos que se reclama intelectual a tempo completo e só asoman a cabeza como tais en casos de extrema necesidade ("Prestige"). Pero un intelectual ou é sempre, ou non o é. Asi o consideraba o último destes exemplares autóctonos cando comprobaba como na pós-guerra moitos dos seus correlixionários lle comunicaban que se daban de baixa, ou que ian coller vacacións (Blanco Amor, Tafall, Emilio González López, etc.).
     Referimo-nos a Castelao, quen utilizou os "Vellos" para combater a Zarzuela da Falange Exterior nos teatros da diáspora; o "ollo de vidro" ou o álbum "Nós" ninguén sustén xa que son divertimentos macabros e que nada teñen a ver co conxunto da sua consciéncia militante.
     Pero "Os dous de sempre" adoita-se ver vinculado co seu ideário através de débeis lazos éticos ou consideracións alleias ao seu conteúdo (contribuizón á modernización da literatura galega, á lingua, etc.) mais a tese fundamental da obra, a simultaneidade dos tempos dos indivíduos aparentemente isolados, senta as bases psicolóxicas que permiten pensar a nación.
     Cando José Rizal, o pai do nacionalismo filipino, escrebeu Noli Me Tangere (1887), ou o mexicano Joaquín Fernández de Lizardi, El periquillo Sarniento (1816), non só están a producir ficción senón que na suas obras queda reflectido o que Benedit Anderson chama "forma esencial da novela nacionalista", alimentando a imaxinación dunha pluralidade anónima que comparte un tempo transversal. Pedriño e Rañola, unidos na orixe e re-encontrados no doado final, envellecen separados, pero os seus tempos superpostos, mesmo por espazos tan diversos (de Arxentina a Paris), suceden-se no texto de xeito linear pero todos os imaxinamos como simultáneos. "A ideia dun organismo sociolóxico que se move periodicamente através do tempo homoxéneo, vacio, é un exemplo preciso da ideia da nación, que se concebe tamén como unha comunidade sólida que avanza sustentábel dun lado a outro na história", con isto Benedit Anderson achega-nos a unha concepción da novela como exercício mental que axuda a representar a nación apoiada nos tres pés que Castelao emprega: continuidade, anonimato e simultaneidade. Outra vez o título recolle estes conceitos desenvoltos no relato: Os dous de sempre (anonimato: os nomes son intranscendentes, non son próprios senón comuns; simultaneidade: dous nun mesmo tempo, sempre: sustentabilidade). O tempo, que existe coa introdución do indivíduo no mundo, fai-se un tempo en comun coa aparición da concepción de povo, de nación. Teña-se en conta que calquer nación é, antes que máis, un produto da imaxinación máis que da vontade.
     Na Galiza xa non quedan intelectuais asi. E no Estado? Onde se meteron? Hai algun lugar onde ainda sobreviven? Parece que só fica un espazo protexido: Euskadi. Ali rescatou-se a figura do intelectual comprometido, á cabeza de foros e manifestos, en tribunas e mobilizacións, escoita-se forte a sua voz. O seu protótipo é Fernando Savater. O que teríamos que perguntar-nos é polo papel do Estado na existéncia desta reserva natural onde se conserva con mimo esta espécie en vias de extinción. Tamén haberia que saber se eses últimos exemplares están en estado selvaxe ou xa foron debidamente domesticados. Para isto cumpre recapitular e lembrar o que é realmente un intelectual.
     O conceito é recente e podemos datá-lo a partir do caso Dreyfus na Franza. Desde que Émilie Zola publica o seu J´ accuse...!, os termos de humanista (Erasmo) ou filósofo (Rousseau) eran insuficientes para cualificar este novelista que saia ás páxinas dos xornais para denunciar o racismo e a corrupción política que reinaban no seu país. Pero a tarefa era á mesma que a dos seus antecesores: pensar.
     Agora ben, "pensar", fan-o todos os seres humanos e incluso parece que alguns primates. A cuestión é que condicións debe requerir ese pensamento para que podamos chamar con propriedade ao seu portador "un intelectual". Por todo o que se leva dito, polas próprias características da racionalidade dialéctica, pode-se dicer que estas condicións son catro:
     1º) Unidade e coeréncia (relacións do todo e as partes).
     2º) Identidade entre ser e proceso (descrición e comunicación, teoria e praxe)
     3º) Condición histórica da realidade.
     4º) Identificación das contradicións que son forza motriz da evolución dunha situación.
     Se nos paramos a analisar as reflexións de Sabater e cia. atopamos con que non reúnen nengunha destas características. Non son auténticos "intelectuais", só pose, envoltório para traficar con outras cousas. O seu pensamento só serve para estancar a situación, de parálise moral, pero como din que están en contra da violéncia cren elevar-se por isto ao rango de "intelectuais comprometidos" a prol dunha causa xusta. Vaia aportación! Hai alguén que diga que está a favor da violéncia?, nen ETA ("os violentos sempre son os outros" di Manuel Delgado). A sua carreira de éxito como "intelectuais" obedece máis ben á sua funcionalidade na estratéxia do poder para perpetuar un determinado estátus quo, cando non para empiorá-lo, máis que aos seus próprios méritos.
     A nível planetário, a maioria dos exemplos de "intelectuais" que perduran son case todos americanos. O caso máis sobranceiro é Noam Chomsky. É comprensíbel que existan no centro do sistema onde a sua voz pode resoar con máis forza no resto do mundo, pero tamén é certo que é onde menos incidéncia teñen no seu próprio país por canto nas suas próprias sociedades non existen forzas populares de releváncia. É o divórcio entre ideários e organizacións que os leven a cabo, despenamo-nos outra vez cara á disociación (corpo/alma, ideia/matéria, ...). Son tan nefastos para o cámbio social os partidos sen ideias como as ideias sen partidos.
     En definitiva, os intelectuais liscaron e ninguén sabe cando voltarán. Hai quen di que o movimento antiglobalización pode dar pé a que resusciten. Outros ainda defenden que poden subsistir como pensadores das "frangullas" no marco dalgun conflito local.
     O caso é que os intelectuais para voltar precisan dun "auditório" que os reclame, que os aplauda. Eles acomodan-se dicendo "O povo non nos quer!". Pero como os van querer se cando se fundiu o barco do socialismo, todos confiaban en que actuarian como os Grandes Capitáns que semellaban ser, e só alguns ficaron últimos en abandonar, os máis, fixeron como as ratas: fuxiron os primeiros. Agora a reconciliación non é doada. Hai que recoñecer que alguns deles fan verdadeiros esforzos por consegui-la. A desgraza é que a sua palabra só ten repercusión cando coincide cos intereses do poder (a citación de Sartre coa que comezábamos volve-se contra si mesma). Vemos Saramago pola Galiza da mao dun mercenário do PP como Heladio Torres, da Plataforma de Praceres, no seu combate incesante contra o governo nitidamente de esquerdas de Pontevedra; podemos ler James Petras en "El Mundo" arremetendo contra o nacionalismo catalán, ao servizo do Aznarismo máis reaccionário; o marxista Gustavo Bueno ten á sua disposición o "Faro de Vigo" para vomitar páxinas enriba do nacionalismo e asi facer un precioso favor á direita máis recalcitrante e á esquerda máis claudicante desta Terra. Ao afastaren-se dos aparatos partidários, refugando da etiqueta de orgánicos, os intelectuais acaban no ostracismo ou no baul dos monicreques dalgun poderoso ventrílocuo que os saca a cena en función da sua pertinéncia para o espectáculo.
     Por outra banda, os imersos na vida partidária rematan por desleixar das suas obrigas teóricas, de renunciar a entender a totalidade, para non correr o risco de volver-se tolos, de rematar como Althusser. Este militante do Partido Comunista Francés que ilustra moi claramente a relaxación pracenteira que supón abandonar-se, enfin, nos brazos da disociación cando narra con detalle como asasina a sua muller en O porvir é longo. Unha disociación que lle libra de ir á cadeia por aplicación do artigo 64 do Código Penal, na sua versión de 1838, cando fala do "estado de non responsabilidade" dun criminal que perpetrou o seu acto "baixo prema" ou "deméncia". A disociación exculpa, dá acougo; superá-la é un esforzo cada dia máis insuportábel.
     A esquerda, o nacionalismo, os movimentos populares de todo o mundo terán que ir apañando-se sen intelectuais. Xa non poderán contar con eles, o que non quita que se pique de aqui e de ali entre o grande bufete de cabezas pensantes que se oferece. Xa non se atopará disponíbel ninguén a quen se poda aproveitar todo. Que se lle vai facer?. Eric Hobsbawm, o grande historiador marxista, ten alguns parágrafos intragábeis no seu Nacións e nacionalismo desde 1780. A Jürgen Habermas deu-se por opinar na "Vanguardia" sobre a política no Estado Español e aquilo remexia o estómago a calquer. Que facer logo? Despois de visto o panorama neste apurado relatório de feitos, tal como están as cousas, non parece que se poda desbotar totalmente ninguén, haberá que utilizar aquelas partes aptas para o consumo, cando menos para non morrer de fame mentes dure este período de vacas fracas, por non dicer, máis propriamente, de vacas tolas. O importante é reducir a confusión o máis que se poda.


     (1) Angel, Raquel, Rebeldes y domesticados, Ed. El cielo por asalto. Buenos Aires. 1992.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega