Os séculos escuros aínda son estes

 

[Texto íntegro]

 

v2franciscocastroeufununbestseller.html

     Estes días coméntase na prensa a saída dun inédito de Darwin titulado "A fecundación das orquídeas". Isto é un bo pretexto para afirmar, como ando soltando ultimamente por aí en canto me poñen un micrófono diante (cabreado que ando) que seguimos a vivir nos Séculos Escuros, que non hai Luz, que só hai néboa escura escurecendo a escuridade total. Que de feito, nunca saímos dos Séculos Escuros. Que a escuridade, como na Guerra das Galaxias, invádenos por todas partes e vai anegándonos coa súa negritude sen que nos decatemos de que o fai, e é por iso que rematamos tomando como normal cousas claramente anormais. Normal a perda de dereitos laborais, ou o pésimo nivel político que nos circunda, ou a violencia global, a limitación das liberdades ou a espionaxe das comunicacións. O século XXI amósanos un individuo tele-aparvado que non ten espazos para pensar diferente, para ver outros mundos, para exercer a crítica. Para ler. Por iso falamos con medo ás consecuencias. Por iso nos expresamos pouco por se acaso. E mentres, vai medrando o consumo de ansiolíticos e de somníferos para podermos ir levando a vida. Lóxico. Sarkozy di que quere soterrar o espírito do 68. Aznar, que nunca se viviu mellor no Iraq que agora. Parvadas enormes diante das que ninguén di nada. Escuridade. Eclipse total.
     Volvo a Darwin. Bush afirma e queda tan ancho, que a teoría da evolución é cuestionable. Non importa que as teses de Darwin veñan avaladas por estudos científicos incuestionables. Nin que estea amparada por todo o que sabemos sobre o ADN. Todo isto tanto ten. George pensa que non. Ou coma outros moitos pensan que non diante de tantas cousas que son que si. É a opinión de George. Mais non nos despistemos do esencial: George só é un síntoma, un detalle, unha nimiedade sen importancia. E igual queda feo isto de dicirlle a Bush que só é un síntoma, un detalle, unha nimiedade sen importancia. Así que o direi dun xeito máis elegante. O presidente dos Estados Unidos é só un máis dos millóns de persoas que nese país cren, a pesar da ciencia, ou ben no relato bíblico ou ben na teoría do "deseño intelixente". ¿Que a ciencia di outra cousa? Pois vale, a nós tanto nos ten. Esta situación, terrible, leva a unha realidade paradoxal e perigosa, pois rematamos poñendo no mesmo plano de validez á crenza e á ciencia. E se tes neuronas, resulta profundamente inaturable e molesto. E quen di Bush di os pais e nais que, apelando ao seu dereito á "liberdade educativa" e ao "dereito á educación", conseguen que o evolucionismo estea fóra das escolas por lei. Pola primacía da relixión, que si que segue dentro das escolas. No estado español éche o mesmo conto: ¿ou alguén de verdade dos que obxectan a materia de Educación para a Cidadanía o fan por outros motivos que non sexan os puramente relixiosos opusinos ou conferentes e episcopais? Son esas mesmas persoas que, probablemente, non obxectan da existencia de Guantánamo (é vista como normal), ou van correndo a manifestarse o Día da Muller.
     Os ilustrados soñaron que a través da educación chegariamos á liberdade, á verdade, á democracia e ao pacifismo coa supresión dos exércitos. Mais hoxe segue a haber guerras, a verdade salta polos aires todos os días grazas aos controis, sutís e moi ben levados, do mercado sobre os medios de comunicación, a democracia é violada tamén a diario ao non permitirlle á cidadanía/telespectadora/moi pouco lectora, o acceso a outro tipo de opinións que non sexan as estritamente bipartidistas idénticas e politicamente correctas ou corrixidas... Así eles, os Señores Escuros, van conseguindo o trunfo da néboa abafante e de paso, a nosa obediencia apolítica e consumista, domesticada para sempre a nosa capacidade para ver a realidade criticamente e con ollos máis espelidos.
     E sobre isto, o Exemplo: imos celebrar as Olimpíadas na China, nun estado que estes días gozou, e moito, mallando nas xentes do Tíbet que reclamaban o seu dereito á liberdade. Aínda non escoitei aos intelectuais —os donos da luz fronte da negritude escura do Poder Totalitario— pedir abertamente un boicot a estes xogos nun país onde se persegue a quen pensa diferente, que executa miles de persoas ao ano, que impide que nos buscadores de Internet poidan reclamarse palabras como "democracia" ou "liberdade". Os intelectuais, calados, na néboa escura do silenzo cómplice. Mentres, e supoño que animados por esa ausencia de voces críticas, o goberno chinés expulsou a todos os xornalistas estranxeiros. Xa non hai taquígrafos. Nin luz.
     Os tempos aínda non son chegados. E será pola idade ou polo peso das responsabilidades, empezo a ter a sensación de que non van ser chegados nunca, e que artigos coma este, despois de todo, a ninguén lle importa un carallo.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega