O tempo en ningunha parte

 

[Fragmento]

 

v9martinezocaotempoenningunhaparte.html

Ás veces vou pola rúa e méteseme na cabeza unha teima daqueles tempos en que me roubaron a mocedade, cando pensaba que empezaba a saber o que era unha liberdade da que nunca disfrutara e ma cortaron ó rente. Naquel entón, morta a nefasta liberdade e restauradas as santas cadeas e a santa penitencia e os santos vivas á morte, encerrado cada sobrevivente no cárcere da súa propia casa, cando tiña que saír á rúa parecíame que no cabo dela batería contra un valo alto que me cortaría o camiño, un valo que se repetiría ó remate de cada unha das rúas polas que me endereitase, impedíndome a saída a outros horizontes nos que non me afogar,e agora tamén ás veces me parece que vou bater con ese valo franqueable e párome no medio da rúa e entón decátome de que estou a falar soa, a queixarme, a xesticular para ninguén, avergónzome, ollo para un lado e para o outro por se alguén me vixía, apuro o paso e regreso a casa tratando de non pensar en nada, os pés lixeiros, non sexa que volva falar con ninguén e calquera que me vexa e me escoite interprete de mal xeito as miñas conversas co aire. Dígome: teste que vixiar, controlarte, dominarte. Ou: tés que cambiar de conducta, Rosa, ser doutra maneira, que ninguén saiba o que por dentro de ti está a pasar e de tal modo te condiciona. Pero, pregúntome, ¿pódese unha curar do que é xa a súa esencia? Todo se pode cambiar, dicía aínda pouco antes de morrer meu irmán, tan optimista o pobre, el referíase á situación política, e á forma de ser deste país -¿Por que cando quero dicir Galicia sempre acabo por dicir este país?- e a el si que lle cambiaron, que lle roubaron a vida, e coa del roubáronnola a todos, ¡como nos estafaron!, estafáronnos e fixéronnos pasar por estafadores, roubáronnos e fixéronnos pasar por ladróns, asasináronnos e fixéronnos pasar por asasinos. Os homes, dicía daquela Leonardo, como as cousas, son capaces de adaptarse sempre, pero eu non son capaz de me adaptar á situación á que me obrigaron, négome a ser capaz en memoria del que non ficou adaptado, pero que o calaron para sempre, e eso son incapaz de esquecelo, aínda que teña conciencia de que as lembranzas evolucionan dentro de nós e acaban por non ser as mesmas.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega