O transparente, cronosférico e omníglota segredo de don Amaro Loureiro e a súa alma perdida e recobrada

 

[Fragmento]

 

v9franciscorozadosotransparentecronosfericoeomniglotasegredodedonamaroloureiroeasuaalmaperdidaerecobrada

  Segundo don Amaro Loureiro, o boticario de Trosdomonte, o mundo dividíase en dúas castes de persoas: as que volven da feira de Castro e o contan coma se viñesen da guerra de Cuba e as que volven da guerra de Cuba e o contan coma se viñesen da feira de Castro. El, polo visto, era home da segunda laia. Eu fun testemuña privilexiada do luminoso e triple segredo que se agochaba entre as catro paredes da rebotica de don Amaro Loureiro. Pasei incontables tardes acompañando e escoitando a aquel homiño xa ancián que fixo da miña adolescencia unha compilación de lonxanos andaduras referidas con voz sabia e vagarosa. E tan só unha vez me defraudou.

  Don Amaro, anos atrás e segundo el me contara, fora un mozo fantasioso e afouto. Nos anos vinte do pasado século, e na súa paixón xa emerxente polas antigüidades, mesturada co seu incondicional amor pola aventura, realizara varias viaxes na busca da lámpada marabillosa de Aladino, na firme convicción de que o célebre conto de "As mil e unha noites" tiña, non sei conforme a qué indicios, unha base real ou, cando menos, aproximada á realidade. Xuntouse, deste xeito, con non menos dun centenar de lámpadas que lle foron vendidas coma a auténtica lámpada de Aladino en diversos zocos do mundo árabe. Ós poucos, foinas probando todas e cada unha, sen deixar de lado o ritual que era obrigado ó tempo que se fregaba o lendario obxecto. Sobra dicir que non tivo o éxito que esperaba con ningunha delas. Con todo, non desistiu na súa busca nin perdeu un só gramo da súa teimuda ilusión. E, ó final, veu recompensada a súa procura, mais non a través das lámpadas, senón dos soños. Foi nun soño onde se lle manifestou unha caste de secretario do demo que, como acostuma a suceder nestes axustes, ofreceulle, a cambio da súa alma, aquel desexo que el teimase máis en facer realidade. Como Amaro non nacera había dous días e xa tiña mundo andado, puxo en marcha unha cualidade que herdara da súa avoa materna: unha magnífica habilidade á hora de relear. Dese xeito, conseguiu que, a cambio da alma, non lle concedesen un desexo, senón tres. Don Amaro, que xa tiña máis ca matinados os tres anceios, espetoullos sen mediar lapso temporal ó mefistofélico sicario, sen reparar demasiado en que, en troques, perdería per secula unha alma que, dito sexa de paso, poucas veces lle tiña servido para pouco máis ca cavilar nos biosbardos.


 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega