O trauma da reforma

 

 

O trauma da reforma

A nova ortografía da lingua alemana suscita protestas

     Nas últimas semanas as discusións sobre a reforma da ortografía do alemán acadaron unha intensidade traxicómica. Mentres medio país estaba de vacacións, unha bóla de neve foi crecendo ata converterse en avalancha e tema predilecto da televisión entre Euro Copa e Xogos Olímpicos. O alude rebentou os diques da opinión pública cando dous grupos mediáticos poderosísimos, Der Spiegel e Bild, anunciaron a súa volta á ortografía tradicional e esixiron a cancelación da reforma. Recibiron o apoio de políticos, escritores e doutro xornal de ámbito nacional, o Süddeutsche Zeitung.
    
Talvez a mera mención da palabra reforma provoque descargas dolorosas nas cabezas alemanas. Como non entender a histeria deste verán ao redor da reforma da ortografía senón como loita simbólica contra a progresiva volatilidade do acadado e establecido? Contra a perda das certezas e a continxencia incomprensible da realidade? Contra as transformacións económicas e sociais ás que o país se ve sometido? Trátase dunha reacción de conservadurismo nun país que envellece? Ou mostra a intensidade da discusión quizais a vitalidade dun pobo profundamente comprometido cos asuntos da cultura? Sexa como for, os galegos poderán lembrarse da polémica sobre o seu propio idioma. Como se ve, estas cousas non se limitan ás linguas chamadas minoritarias.
    
O caso é que a alianza dos opoñentes á reforma resulta ben curiosa: un magazine político de esquerdas (Der Spiegel), un xornal liberal (Süddeutsche Zeitung), outro conservador (Frankfurter Allgemeine, volveu á ortografía antiga xa no ano 99) e unha folla sensacionalista (Bild), políticos conservadores de provincias con falta de perfil claro (Wulff, Primeiro Ministro de Baixa Saxonia, CDU) ou toques populistas (Rüttgers, líder do CDU en Renania do Norte Westfalia), escritores de sona internacional (Grass, Enzensberger) e críticos literarios (Reich-Ranicki). Os seus intereses non serían idénticos, mais neste verán déronse cita entre os Alpes e o Báltico, ocupando páxinas, pantallas e ondas de radio.
    
Máis ou menos, o que din pode resumirse no seguinte: A reforma é unha imposición burocrática e fracasou, as novas regras non teñen sentido e levan á confusión, a unidade da lingua alemana está en perigo. Non será para tanto. Os rapaces levan aprendendo a nova ortografía xa desde o curso 1998/1999 (só en Alemaña: 12,5 milllóns de alumnos) e non teñen máis problemas que antes (moitos profesores din que menos). Fóra dos ámbito do ensino e da administración, onde para agosto do 2005 está previsto que a nova ortografía sexa a única válida, as dúas convencións existen paralelamente. As editoriais de literatura infantil e xuvenil e de libros de texto aplican a reforma, as editoriais de literatura para adultos máis ben non, pois a maioría dos autores insisten na ortografía antiga. Como existen editoriais que dispoñen dos dous segmentos pode darse o caso da coexistencia dentro da mesma empresa. En canto á unidade da lingua, pois xustamente a reforma -un compromiso multilateral de varios países- ten como obxectivo impedir evolucións diverxentes, mentres que as críticas son, na súa intensidade, un feito da República Federal de Alemaña. Polo demais, a reforma é obra dun grupo internacional de lingüistas e non de burócratas.
    
Para entender o desacougo ortográfico alemán cómpre ver todo o proceso desde o principio. Xa en 1955 os ministros de cultura dos Estados federados alemáns decidiron encargarlle a unha comisión de especialistas a preparación dunha reforma das regras ortográficas establecidas provisionalmente (!) a comezos do século; regras que desde aquel momento, por certo, foron ampliadas ou complementadas, sen intervención do Estado, por unha redacción de lingüistas da editorial Duden (www.duden.de), como se viña facendo xa desde o ano 1901, por mor da non-existencia dunha Academia da Lingua Alemana. Tardouse 41 anos ata que finalmente os representantes de Alemaña, Austria, Liechtenstein e Suíza (e outros países con comunidades de fala alemana, como Bélxica ou Italia) asinaron o 1 de xullo de 1996 unha "declaración de intencións verbo da reforma da ortografía alemana". Nela prevese para os ámbitos da competencia do Estado —administración e ensino— a introdución obrigatoria das novas regras a partir do 1 de agosto de 1998 nos países en cuestión. Durante todo este proceso de preparación, que incluíu un espacio dun total de nove anos para posíbeis suxestións e modificacións, o interese da poboación, por un asunto tan abstracto e máis ben molesto que representa a "escrita correcta", era nulo.
     As protestas empezaron despois da sinatura do convenio: pais, escritores, profesores fundaron asociacións "non á reforma ortográfica", redactaron escritos, manifestos etc., e recorreron ás institucións xudiciais. E este verán rebenta a ola exprés. Para encher a falta de noticias característica do verán? Porque o ano que vén se daría a implantación definitiva da reforma e hai que parala xa? Porque algúns políticos ven a posibilidade de se transformaren gratis en portavoces do pobo? Quén sabe. O caso é que aínda no mes de xuño a Convención permanente dos Ministros de Cultura dos Estados alemáns aprobou unha vez máis a reforma, co cal os cambios de opinión de representantes dalgúns Estados poden sorprender e suscitar a sospeita de populismo estival.
     Estraña que poucas veces se teña reparado, no curso desta polémica, no feito de non ser o asunto exclusivamente unha cuestión alemana. É esta actitude unha mestura de provincianismo e arrogancia prusiana?, xa que non entran en consideración os outros países tamén afectados pola reforma e co-responsábeis da súa posta en práctica, onde todo se ve con máis sosego. A súa paciencia é admirábel, pero xa hai mostras de malestar. De todas formas, tamén a anulación da reforma requiriría a unanimidade de todos os implicados. Como en Alemaña a cultura e o ensino son competencias dos estados federados (Länder) e a Federación (Bund) está implicada tamén a través das institucións e a administración federais, serían 17 os gobernos/parlamentos que terían que poñerse de acordo, xunto a aqueles nos demais países. Unha cousa pouco menos que imposible. Quizais se chegue entón ao compromiso da coexistencia das dúas variantes ata que a xente e o uso se inclinen claramente por unha (unha proposta do Sr. Schreier, Ministro de Cultura do Sarre). Ou talvez o problema se esvaeza coas primeiras brumas do outono?
     Os investimentos das editoriais —en diccionarios, libros de texto e outras publicacións— que xa ascenden a moitos millóns de euros converteríanse, no caso do rexeitamento definitivo, en perdas. Non se debe esquecer, ademais, o desgusto que todo significaría para os outros países afectados, desgusto que facilmente se podería trocar en crispacións de índole política entre os Estados de fala alemana. Sen embargo, non é moi probábel que eles, pola súa parte, adoptasen a nova ortografía en contra de Alemaña, tanto por motivos culturais como, naturalmente, económicos.
     Independentemente do resultado o mundo alemán-parlante non estará en perigo por escribirse unha palabra dunha forma ou doutra. Confeso que eu mesmo adoito empregar a ortografía antiga, pero máis por vagancia que por convicción, pois é a que aprendín, e coma min haberá moitos. Porén grazas a este proxecto de reforma, e sobre todo grazas aos seus adversarios, asistimos de novo a un magnífico esperpento no ámbito cultural que nos fai perder de vista tanto os desagradables problemas reais -as millóns de persoas no paro e rozando a ruína económica e social- como os políticos que deles non se ocupan. O teatro pode resultar catártico.



Exemplos

    
Unha imaxe da que moito se bota man na prensa e na tele no contexto das protestas contra a nova ortografía é a dun alumno diante dun encerado escribindo a palabra "Schifffahrt" ("navegación") na nova ortografía que aquí se reproduce. Os críticos sosteñen que a reforma crea palabras "feas" como a avandita. Porén, antes había que aprender a regra para a combinación de consoantes en palabras compostas mentres que agora tal regra desapareceu. Pois antes, cando unha palabra composta remataba en dobre consoante e a seguinte empezaba pola mesma, sendo a letra seguinte vogal, omitíase a consoante inicial da segunda palabra. A palabra reproducida arriba escribíase, daquela, "Schiffahrt" ("Schiff"-"barco" e "Fahrt"-"viaxe"). Mais cando a segunda letra da segunda palabra era consoante, a primeira letra non se omitía (exemplo: "Sauerstoffflasche"-"botella de osíxeno"). Como se ve perfectamente, o resultado non é menos "feo" que o exemplo aducido polos críticos.
     Outro cambio que se critica é a eliminación de formas compostas de certas palabras que anula tamén unha distinción semántica. Así por exemplo a diferenza entre "wohlverdient" ("ben merecido") e "wohl verdient" ("seica merecido"), que se marcaba na ortografía antiga, desaparece na nova onde só existe a segunda forma. Efectivamente, este parece un dos puntos máis febles da reforma.
     Porén, onde esta máis chama a atención, pola enorme incidencia dos casos, é na menor presenza da letra "ß" que, dentro dunha lóxica de harmonizar a relación son/grafía, se reserva agora para aquelas palabras nas que s xordo segue a vogal longa ("Muße"-"lecer"). Palabras coa combinación vogal-curta/s-xordo escríbense, en consecuencia, sempre con dous "eses", como é o caso da palabra "Fluss" ("río", antes: "Fluß") ou da conxunción "dass" ("que", antes: "daß"). Esta nova regra é máis lóxica que a anterior e permite, ademais, deixarse guiar pola intuición. Curiosamente, en Suíza non se usou nunca a letra "ß" sen que iso causase malestar ningún.

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega