Para chegar a Palmira

 

[Texto íntegro]

 

modelo
os ollos de palmira, de tan pequenos,
aníñanse para sorrir en xesto precioso que detén o outono.
tras ela
a casa que o domina todo,
a terra,
o labor.
pero a casa non se asoma aos ollos de palmira.
pola súa mirada nunca se sabería
que proxectou sobre ela a súa sombra cobizosa.

porque así son as casas albas das mulleres.
sinalan co seu índice de pedra á que ha de ser a escollida,
a súa. a desexada polos muros impenetrables.
a que queda.
e despois o edificio engólea.

pero antes que ela, houbo outras mulleres que levou a terra.
e así comezou a casa.
amarrándose aos seus peitos.
ata chegar a palmira.

pero para iso

....

a terra é tamén a que sostén a casa.
as mans de palmira conservan da terra o seu tacto doce. o calor.
por iso son fértiles.
para chegar a palmira, as mans,
tiveron que aprender a apalpar as raíces e velar as colleitas.
e a nunca sentir medo da soidade ou dos exércitos que cruzan a noite.
a ter unha da outra.
aprenderon tamén a gardar. e cando estiveron baleiras,
a non ter.
houbo un tempo en que desexaron o peso das maletas
e os abrazos da despedida no peirao.
pero a sombra da casa dou con ela.
o barco cruzou o océano
e ela volveu ás entrañas do edificio.

entón as mans de palmira aprenderon a non estrañar aos que marchaban.

....

para chegar a palmira, a casa,
gardou con teimosía ás mulleres tras as súas paredes.
ocultoulles as balas, os paseos, as noticias do frente.

para chegar a palmira a casa fíxose resistencia no seu apego ás mulleres e á terra.

e converteu a guerra en fariña escasa, en pan pouco, en fame.

despois chegou a radio
e a casa non puido ocultar por máis tempo os nomes dos desaparecidos.

porque para chegar a palmira, a casa
ten que crer firmemente que é a morte
a que busca aos homes,
sen máis rancor.








 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega