Poemas

 

 

v2xoanabeleirapoemas.html

TONANTSI


Renovado polo fume do copal
Entro no círculo
Concertado polas 7 direccións
Onde o mundo se asemella
Novamente a si mesmo

Iste é o meu movemento
O movemento da miña orixe
O gatillo que me dispara
Alén ata o alén de min

Iste é o meu nacemento o meu
Inacabado nacemento
O útero que me procrea
Sen deixar de concibirme

E eu danzo danzo danzo
Como antes da existencia
Sabendo que o grande espectro
Dos seres que me arrodean
Anima unha soa vida

Os meus pés baten o chan
Invocando o seu substrato
O humus vindicativo
Que zumega do interior

As miñas mans fían o ar
Conforman tódalas formas
Aprehendendo por un intre
A humildade do seu fluír

E eu danzo danzo danzo
Como antes de min mesmo
Sabendo que igual que todo
Canto alenta niste espazo
Son o centro do creado

Son o centro do creado
Mais de socato as sementes
Das maracas se maian
As peles dos tambores
Se destensan de espanto

E unha man máis poderosa
Cá embriaguez conxurada
Espalla a istes danzantes
Polo firmamento















HOME-PAXARO
(Cova de Lascaux)


O home que deveu paxaro
Danzou no pozo da espenuca

E coa lama das súas pegadas
Modelou a nosa visión

O home que deveu un uro
Ó trote ó bruazo das mandas

Debuxou coa verga estendida
A liña do noso horizonte















BISONTE BRADANDO
(Cova de Altamira)


Da fenda saíu
A grande femia
E da fenda mesma
O gran bisonte

Nas tebras que xorden das tebras
Atopáronse os dous
Animais alucinados

Ela deitouse no teito
E amosoulle a súa aberta

Il achegouse ata ela
Probouna uliscouna
Viuse a través dela

E sentiu un degoro tremendo
De volver á escuridade
Que alustraba máis aló

Trala greta da súa greta

E o degoro turrou dil
Encheu o espazo de sangue

E no instante de almallala
Unha vez por vez primeira

O seu brúo rachou
Toda esta bóveda















DOLMEN DA CORVEIRA


Para achegarme a il
Houben de atravesar
Dúas chousas

A herba estaba tan húmida
A terra tan lenturenta
Que me enchoupei
Toda a roupa

Ecoaban os chíos contra todo
O ceo aquí e aló
Como se fora il mesmo
Unha laverca multiplicada
En diferentes sons

Dentro da media lúa
Onde antano medraban os ósos
Cara á seguinte vida
Achou abeiro un palitroque
Dixital

A penas fica nada
Diste sagrario de pedras
Repartidas agora
Polas cerrumes dos prados

Mais ó tocalas unha a unha
Agarimando a cafurna
Diste ventre nupcial

Recoñecín
O pulo exacto das bestas















RÍO LOR


Desvelado pola luz
Que deitan no verao
As chorimas 

E os breixos

Río Lor

Rea de notas
Pingando
Do trobo doce


Do vento...

Se meto as mans
Canda ti
Se meto os pés
Canda ti


E me esquezo

En qué lugar da nenez
Que nunca tiven
Sairei


Con qué segredo
Na boca
Con qué misterio
Nos beizos?


Río Lor

Río raposo
Río cuco
Río troita



Lenzo
De tódalas facianas
Que se albiscaron en ti


Devaladas polo tempo...

Se me queres ben
Se algo enxergas
De min

Devólveme o intre
No que aquela voz
Ameazada


Debaixo do teu silencio

Ollou os meus ollos
Berrou o meu nome
Sen sabelo


Río Lor

Víbora nova
Toba e Eiroa


Pai e Nai
Do meu Amor

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega