Poemas

 

 

v2elvirariveiropoemas.html

21 de marzo

atroz o cometido do espello
a ollada escrutadora
teimoso o zoom impertinente

espelliño asasino máxico
quen non mente?
espelliño olláparo asegura
que se me abren sucos de versos en ruínas pola cara
sinais do seu silencio no fondo da garganta

é o día mundial da poesía
e eu cos poemas
rebentándome as tripas



nutrición

do corpo exposto agardando o cataclismo
do catecismo tóxico das horas
das amoras da necrose
amor
da podremia das amoras
ou da inclemencia calendaria
só deglutir a casca co compango
dun viño morno de chuvia polos peitos
do prebe nutricio da carne transparente
do vexetal bocado do desexo

mesmo pairando sobre o gozo
un futuro preñado de osamentas



nocturno

foise a hora dos recolledores de lixo
un estrondo frío
un ronsel de pestilencia
bolboretas mortas
a deshora
como a comitiva fúnebre do amor

unha cadela vagabunda ouvéalle ao baleiro
que deixa o lixo nas canellas
devora os corazóns arrincados
que escorregan do camión
dorme e soña cos amantes mortos
que lle serven de alimento cada noite
co camión dos recolledores de lixo
coa comitiva fúnebre do amor
traba-lingua

lingua limacha largacía
lingua lique guerla
con gula
lingua limo lento lingam engole
lingua lagarta buliga
gabea
gurgulla
lingua lombriga
o seu gume auga gorece
legado de gozo o seu ámago longo
bífida ou lambeteira
anguía ou londra
lingua gulosa
lingua lábil
cunnilingua






crustáceo

Tan horríbel o abrigo da cuncha. Tan extenso. Esta casa enriba que gorece pero non deixa saír fóra. Non deixa saír fóra, amor, non deixa. Ás veces téntoo, acredita, boto os ollos fóra das órbitas, saco peito, inflo o ventre, estiro mans e pés, o meu número variábel de apéndices, mais segue a ser imposíbel saír do tobo. Lobo fico cosida ao acubillo, babexando o meu apetito nocivo. Sei que o tentaches nalgunhas ocasións, descascarme, espirme da miña morada, sacarme de dentro de min. Sei. En balde. Era tanto o sangue a agromar que escorregabas sobre a miña cuncha dorida. O teu arfar era entón sólido. Batíame nos dentes péndulo feroz. Craquelaba a costra pero o corpo insistía na perennidade da codia. Todos os esforzos levábante a unha fochanca de restrollos e pétalos mancados, aos meus gritos contraditorios de desexo e frustración. Sentía como inchaba cada órgano, o esnaquizar das branquias. Brancaflor blindada que non pode sentir a chuvia furar o seu sexo. A miña carcasa calcificada é agora un mosaico supurante. Polas gretas cóanse os líquidos quentes do meu amor sucio e enclaustrado. É todo o que podo darche: os zumes emporcados que destila a carne embutida en armadura, esta boca acoirazada, estes membros enfundados en grillóns. A líquida ferruxe do meu corpo suplicando poder ser excarcerado.

 

 

 

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega